DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 122 Xoves, 2 de xullo de 2026 Páx. 37486

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

DECRETO 68/2026, do 15 de xuño, polo que se determinan as festas da Comunidade Autónoma de Galicia do calendario laboral para o ano 2027.

O artigo 37.2 do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e o artigo 45 do Real decreto 2001/1983, do 28 de xullo, sobre regulación da xornada de traballo, xornadas especiais e descansos, na súa redacción dada polo Real decreto 1346/1989, do 3 de novembro, determinan o calendario de festas laborais de ámbito estatal, de carácter retribuído e non recuperable. Respecto dalgunhas destas festas de ámbito estatal, as comunidades autónomas teñen facultades de opción e tamén as poderán substituír, cando haxa festas estatais que coincidan con domingo, incorporando outras da comunidade autónoma que sexan tradicionais.

Conforme o referido anteriormente, e facendo uso das facultades de opción e substitución, óptase polo 19 de marzo, festa de San Xosé, por coincidir en domingo o día 25 de xullo, Día Nacional de Galicia. Por coincidir en domingo o día 15 de agosto, día de Asunción da Virxe, substitúese polo día 17 de maio, Día das Letras Galegas.

Segundo o establecido na Constitución española e no artigo 29.1 do Estatuto de autonomía de Galicia, en relación co Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos á Comunidade Autónoma de Galicia, na súa virtude e facendo uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, por proposta do conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do quince de xuño de dous mil vinte e seis,

DISPOÑO:

Artigo 1. Festas laborais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2027

De non se producir modificacións no calendario laboral de carácter estatal, as festas laborais no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2027 serán as seguintes:

1 de xaneiro Aninovo

6 de xaneiro Epifanía do Señor (Día de Reis)

19 de marzo San Xosé

25 de marzo Xoves Santo

26 de marzo Venres Santo

1 de maio Festa do Traballo

17 de maio Día das Letras Galegas

12 de outubro Festa Nacional de España

1 de novembro Todos os Santos

6 de decembro Día da Constitución Española

8 de decembro Inmaculada Concepción

25 de decembro Natividade do Señor

As festas mencionadas terán carácter obrigatorio e non recuperable.

Artigo 2. Festas locais

Conforme o disposto no artigo 37.2 do Estatuto dos traballadores, no artigo 46 do Real decreto 2001/1983, do 28 de xullo, e no artigo 1.11 do Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, tamén serán inhábiles para o traballo, retribuídas e non recuperables, dúas festas locais, propostas polo órgano municipal competente dos respectivos concellos, cuxa publicación no boletín oficial de cada unha das provincias da comunidade autónoma será determinada pola persoa titular da dirección territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración. As ditas festas locais publicaranse, así mesmo, no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 3. Cómputo de prazos

De acordo co que dispón o artigo 30.7 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as festas laborais sinaladas no artigo 1 terán o carácter de días inhábiles para os efectos de cómputo de prazos.

Disposición derradeira primeira. Comunicación ao Ministerio de Traballo e Economía Social

Do disposto neste decreto darase traslado ao Ministerio de Traballo e Economía Social antes do 30 de setembro de 2026.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto producirá efectos desde o día un de xaneiro do ano dous mil vinte e sete.

Santiago de Compostela, quince de xuño de dous mil vinte e seis

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración