A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), desenvolve actuacións dirixidas á mellora da competitividade do tecido empresarial galego mediante o impulso da súa internacionalización.
O Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (en diante, Igape), na súa reunión do 22 de xuño de 2026 acordou aprobar as bases reguladoras para a homologación de axentes de apoio á internacionalización das empresas galegas e facultar a persoa titular da Dirección Xeral do Igape para a súa publicación e desenvolvemento.
Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,
RESOLVO:
Primeiro. Publicar no Diario Oficial de Galicia as bases reguladoras para a homologación de axentes de apoio á internacionalización das empresas galegas.
Segundo. O prazo de presentación de solicitudes estará permanentemente aberto desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.
Terceiro. A relación de axentes homologados publicarase e manterase actualizada no Catálogo de axentes homologados do Igape, que será público e estará dispoñible na súa páxina web.
Cuarto. A homologación será requisito necesario para que os servizos de consultoría e apoio á internacionalización prestados por axentes privados poidan ser considerados subvencionables nos programas e liñas de axuda do Igape que así o establezan.
Bases reguladoras para a homologación de axentes
de apoio á internacionalización
CAPÍTULO I
Disposicións xerais
Artigo 1. Obxecto
Estas bases teñen por obxecto regular o procedemento de homologación de axentes de apoio á internacionalización co fin de dispor dunha base de datos pública de empresas e profesionais con experiencia contrastada e medios suficientes nos mercados internacionais, que sirva como instrumento de referencia e garantía para as empresas galegas nos seus procesos de internacionalización.
Artigo 2. Finalidade
A homologación persegue:
a) Facilitarlle ás empresas galegas información fiable sobre provedores especializados en internacionalización.
b) Garantir a existencia de medios humanos e materiais adecuados nos mercados de referencia.
c) Incrementar a seguridade e confianza na contratación de servizos de consultoría internacional.
d) Establecer un sistema obxectivo, transparente e áxil de validación de axentes.
Artigo 3. Solicitantes
Poderán solicitar a homologación as persoas físicas ou xurídicas, incluíndo as persoas traballadoras autónomas con persoal ao seu cargo, españolas ou estranxeiras, que desenvolvan actividades de apoio á internacionalización empresarial e cumpran os requisitos establecidos nestas bases.
Artigo 4. Definicións
Para os efectos destas bases, entenderase por:
• Axente de apoio á internacionalización: entidade ou profesional que presta servizos de consultoría, prospección, implantación ou acompañamento comercial en mercados internacionais.
• Presenza no mercado: dispoñibilidade de medios propios ou mediante acordos estables con terceiros no país ou área xeográfica para a cal se solicita a homologación.
CAPÍTULO II
Requisitos de homologación
Artigo 5. Requisitos xerais
As persoas solicitantes deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Ter personalidade xurídica propia ou a característica de persoa traballadora autónoma con persoal ao seu cargo, e ter capacidade de obrar.
b) Estar legalmente constituídas conforme a normativa do seu país de orixe.
Artigo 6. Requisitos técnicos
1. Dispor de experiencia acreditable en servizos de apoio á internacionalización.
2. Contar con medios humanos e materiais adecuados no mercado ou mercados para os cales se solicita a homologación, ben de forma directa ou mediante acordos estables con entidades terceiras.
3. Prestar servizos de forma profesional e habitual.
CAPÍTULO III
Procedemento de homologación
Artigo 7. Forma e lugar de presentación das solicitudes
1. Para presentar a solicitude de axuda, deberase cubrir previamente un formulario descritivo das características da persoa solicitante para solicitar a homologación.
A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática https://spiga-sede.igape.es, tamén accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
2. Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, as persoas solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:
a) As solicitudes subscribiranas directamente as persoas interesadas ou persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito, incluíndo, entre outros, poder notarial, documento privado de autorización ou acreditación mediante rexistro público.
b) Ter en vigor un certificado dixital dos validados pola plataforma @firma da Administración xeral do Estado (http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC).
Unha vez asinado o formulario de solicitude mediante certificado dixital, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia. No momento da presentación, o Rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo en que quedará constancia do feito da presentación.
3. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Artigo 8. Documentación complementaria
A solicitude basearase fundamentalmente en declaracións responsables que se cubrirán no formulario web de solicitude. Só se requirirá documentación adicional nos supostos de comprobación ou verificación posterior.
No suposto de ter que se realizar achega de documentación adicional, realizarase de acordo co disposto no artigo 10 de trámites posteriores.
Artigo 9. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI/NIE da persoa solicitante.
b) DNI/NIE da persoa representante.
c) NIF da entidade solicitante.
d) NIF da entidade representante.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente (anexo I) e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.
Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo ao enderezo da internet https://spiga-sede.igape.es
Artigo 11. Instrución e resolución
1. Unha vez recibidas as solicitudes, de conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, se a solicitude ou o formulario non reúne algún dos requisitos exixidos nesta convocatoria, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se considerará desistida da súa petición, logo da correspondente resolución.
Sen prexuízo do anterior, o Igape poderá requirir en calquera momento a documentación adicional necesaria para comprobar o cumprimento dos requisitos establecidos nestas bases, así como realizar actuacións de verificación e control sobre a veracidade da información achegada.
A instrución do procedemento corresponderalle á área competente en materia de internacionalización do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), que realizará de oficio cantas actuacións resulten necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se deba formular a proposta de resolución.
Unha vez instruído o procedemento, formularase proposta de resolución, que será elevada ao órgano competente para resolver.
2. A resolución do procedemento corresponderalle á persoa titular da Dirección Xeral do Igape ou órgano en quen delegue.
O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de tres (3) meses, contados desde a data de presentación da solicitude. Transcorrido o dito prazo sen resolución expresa, a solicitude entenderase desestimada por silencio administrativo.
Artigo 12. Notificacións
As notificacións das resolucións e actos administrativos do procedemento efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que conste na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e polas entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 13. Catálogo de entidades homologadas e vixencia da homologación
As entidades que resulten homologadas serán incluídas no Catálogo de axentes homologados do Igape, que será público e estará dispoñible na súa páxina web.
A homologación terá validez indefinida, sen prexuízo da obriga de actualización da información e das facultades de comprobación e revogación.
Artigo 14. Réxime de recursos
As resolucións ditadas ao abeiro desta convocatoria porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:
a) Potestativamente, recurso previo de reposición, que resolverá a persoa titular da Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa notificación, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co establecido nesta convocatoria, se produza o acto presunto.
b) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.
CAPÍTULO IV
Obrigas e actualización
Artigo 15. Obrigas dos axentes homologados
Os axentes homologados deberán:
a) Manter vixentes os requisitos que motivaron a homologación.
b) Comunicar calquera modificación relevante.
c) Colaborar co Igape nas actuacións de comprobación.
Artigo 16. Actualización e baixa
O Igape poderá revisar periodicamente a información e acordar a baixa da homologación en caso de incumprimento.
A entidade poderá renunciar voluntariamente á súa condición de homologada mediante comunicación expresa ao Igape.
CAPÍTULO V
Publicidade e protección de datos
Artigo 17. Publicidade
Aqueles axentes que resulten homologados formarán parte da base de datos de axentes homologados publicada na web do Igape.
Artigo 18. Protección de datos
O tratamento de datos persoais realizarase conforme a normativa vixente en materia de protección de datos.
CAPÍTULO VI
Réxime xurídico
Artigo 19. Normativa aplicable
Para todo o non previsto nesta convocatoria, aplicarase o previsto:
a) Na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
b) Na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normativa de aplicación.
c) Na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.
d) No Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos).
e) No resto da normativa que resulte de aplicación.
Artigo 20. Habilitación para o desenvolvemento
Facúltase a persoa titular da Dirección da Área de Internacionalización para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións, instrucións, aclaracións ou interpretacións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento destas bases reguladoras.
Disposición adicional única. Actualización dos modelos normalizados
De conformidade coa disposición adicional sexta da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, o modelo normalizado aplicable na tramitación do procedemento regulado nesta disposición poderá ser actualizado co fin de mantelo adaptado á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación do modelo actualizado na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estará permanentemente accesible para todas as persoas interesadas, sen que sexa necesaria unha nova publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2026
Covadonga Toca Carús
Directora xeral do Instituto Galego de Promoción Económica
