O Pleno do Concello de Ferrol, na sesión do 30.4.2026, aprobou inicialmente a modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal no ámbito da ponte das Cabras, redactado pola Oficina de Planeamento, S.A. o 22.4.2026 e o 23.4.2026.
Ao abeiro do disposto nos artigos 60.6 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), e 144.6 do seu regulamento (RLSG), a modificación inicialmente aprobada sométese a información pública durante o prazo de dous meses, mediante anuncios no Diario Oficial de Galicia e nun xornal dos de maior difusión na provincia. Durante este prazo as persoas interesadas poderán consultar o expediente e formular as alegacións a través da sede electrónica do Concello de Ferrol ou por calquera dos outros medios relacionados no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPAC).
O prazo de dous meses de información pública comezará a computarse desde a data da última destas publicacións.
A documentación sometida á información pública son os documentos do expediente tramitado e o resumo executivo previsto no artigo 144.6 do RLSG, e está á disposición do público na sede electrónica do Concello (https://www.ferrol.gal/Sede/PlaneamentoUrbanistico). O expediente completo pode consultarse no Servizo de Planeamento e Xestión do Concello (rúa María 52-54, 5º), das 10.00 ás 14.00 horas.
Segundo os artigos 47.2 da LSG e 86.2 do RLSG, o acordo de aprobación inicial determina, por si só, a suspensión do procedemento de outorgamento de licenzas de parcelamento, edificación e demolición no ámbito da modificación proposta, salvo as actuacións previstas no punto 3 do artigo 86 do RLSG e as obras e os usos provisionais nos termos do artigo 89 da LSG e do artigo 204 do RLSG. A suspensión terá unha duración máxima de dous anos, contados desde o acordo de aprobación inicial, e extinguirase, en todo caso, coa aprobación definitiva do plan.
Este anuncio serve tamén para os efectos do artigo 44 da LPAC, para o caso de que os afectados pola suspensión de licenzas no ámbito obxecto da modificación puntual sexan descoñecidos, se ignore o lugar da notificación ou ben, intentada esta, non se puido efectuar.
Ferrol, 23 de xuño de 2026
José Manuel Rey Varela
Alcalde
