DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Mércores, 8 de xullo de 2026 Páx. 38338

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 30 de xuño de 2026 pola que se establecen as bases que regulan a concesión dos premios á Excelencia das persoas criadoras de razas bovinas autóctonas ameazadas de Galicia e se convocan para o ano 2026.

A gandaría de razas bovinas autóctonas reviste en Galicia unha enorme relevancia social, medioambiental e cultural, pois as granxas destas razas representan o auténtico motor de moitas bisbarras rurais pola xeración de emprego no rural e a xestión do noso territorio. Estas razas ameazadas –cachena, caldelá, frieiresa, limiá e vianesa– constitúen un patrimonio xenético de valor incalculable, que garante a biodiversidade e a sustentabilidade da produción cárnica de Galicia.

Os premios á Excelencia das persoas criadoras de razas bovinas autóctonas ameazadas de Galicia constitúense como a máxima distinción á profesionalidade das persoas criadoras das nosas razas bovinas ameazadas. Este galardón non premia as persoas criadoras só por manter a pureza racial, senón pola eficiencia técnica, o benestar animal e a saúde do rabaño, e utiliza indicadores obxectivos certificados polos libros xenealóxicos de cada raza. Grazas ao bo facer dos gandeiros e gandeiras, estas razas non só sobreviven, senón que prosperan de xeito eficiente e rendible.

Por esta razón, establécense os premios Excerazas, estruturados en tres eixes fundamentais:

– Excelencia Gandeira: prémiase a eficiencia de nacementos e a regularidade reprodutiva (intervalo entre partos), indicadores ambos os dous dun manexo impecable e dun benestar animal real.

– Legado e Vigor: recoñécense as Vacas de Vida pola súa resistencia e a súa memoria xenética, así como as Xoves Promesas, pola súa precocidade e o seu motor económico.

– Identidade e Semente da Raza: galardóase a transparencia xenética (ADN verificado) e a xestión da diversidade para garantir o futuro da raza sen riscos de consanguinidade.

Estes premios organízanse en colaboración coa Federación de Razas Autóctonas de Galicia (Boaga), que colaborará na selección das explotacións con base na información existente nas súas bases de datos e aplicando os criterios de rigor técnico establecidos nesta orde.

En consecuencia, de acordo co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e a Lei 1/1983, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto da orde

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases polas que se rexerá a concesión dos premios á Excelencia das persoas criadoras de razas bovinas autóctonas ameazadas de Galicia, en diante, Premios Excerazas, e convocalos para o ano 2026. Estes premios terán carácter anual.

2. As bases reguladoras publicaranse no Diario Oficial de Galicia e na páxina web oficial da Consellería do Medio Rural.

Artigo 2. Obxecto dos premios

Os presentes premios teñen como finalidade recoñecer a excelencia das persoas gandeiras no proceso de cría das razas bovinas autóctonas en prol do mantemento destes recursos zooxenéticos, xestionando a consanguinidade das razas e logrando produtos cárnicos da maior calidade, de xeito que se xere riqueza no territorio de forma sustentable mantendo os rabaños dentro dos mais altos estándares do benestar animal.

Os premios distinguirán as persoas criadoras en cinco grupos, en función da raza que críen –cachena, caldelá, frieiresa, limiá e vianesa–, e dentro de cada raza en tres bloques: premios á Excelencia Gandeira, premios ao Legado e Vigor e premios á Identidade e Semente da Raza.

Os premios terán carácter exclusivamente honorífico e non comportan un premio en metálico nin ningunha compensación económica.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

Poderán optar a estes premios todas as persoas criadoras in situ de granxas galegas de gando vacún das razas autóctonas ameazadas de Galicia que manteñen os seus animais inscritos no correspondente Libro xenealóxico da raza e realizan os programas de cría conforme estes libros establecen, de tal xeito que consten na base de datos destes libros todos os datos de xenealoxías, reprodución e cría correspondentes ao período de referencia.

Non poderán participar os rabaños titularidade pública ou institucionais.

Artigo 4. Selección e ordenación das granxas

1. As granxas seleccionadas cumprirán os seguintes criterios:

a) Atoparse de alta nalgún dos libros xenealóxicos das razas bovinas galega ameazadas: cachena, caldelá, frieiresa, limiá e vianesa.

b) A granxa deberá estar en posesión da Carta verde e, por tanto, no poderá ser obxecto de retirada de cualificación por tuberculose (TR) ou brucelose (BR).

c) Non ter sido obxecto de sanción por incumprimentos en materia de condicionalidade, sanidade e benestar animal e seguridade alimentaria durante os últimos seis meses, contados desde o día seguinte ao que adquira firmeza.

2. Ordenación das granxas.

2.1. Para cada unha das razas as granxas ordenaranse:

a) Por Excelencia Gandeira. En función da eficiencia de nacemento (fertilidade), da saúde e regularidade (intervalo entre partos) e en función do mérito do gran rabaño (factor de complexidade).

b) Por Legado e Vigor. En función da fecundidade total dos exemplares máis lonxevos da raza.

2.2. Para as cinco razas en conxunto:

a) Por Identidade e Semente da Raza. As granxas ordenaranse en función do coeficiente de parentesco dos animais inscritos no Libro xenealóxico.

3. Para os efectos de selección e ordenación das granxas tomarase como referencia o período de 12 meses do ano completo anterior ao ano de concesión dos premios.

Artigo 5. Selección de finalistas

1. Para o premio á Excelencia Gandeira a Federación de Razas Autóctonas de Galicia (Boaga), cos datos do Libro xenealóxico de cada unha das razas, puntuará linealmente todas as granxas de acordo co método de cálculo recollido no punto I do anexo, seleccionaranse as granxas situadas nos catro primeiros lugares pola súa puntuación lineal.

2. Para o premio Legado e Vigor o Libro xenealóxico de cada unha das razas puntuarán linealmente todas as granxas de acordo co método de cálculo recollido no punto II do anexo, seleccionaranse as granxas situadas nos catro primeiros lugares pola súa puntuación lineal.

3. Para o premio Identidade e Semente da Raza o Libro xenealóxico de cada unha das razas puntuarán linealmente todas as granxas de acordo co método de cálculo recollido no punto III do anexo e posteriormente integraranse estes valores nunha única puntuación lineal das cinco razas en conxunto, seleccionaranse as granxas situadas nos catro primeiros lugares pola súa puntuación lineal.

4. A estas granxas comunicaráselles o feito de ter resultado finalistas nestes premios, e a Consellería do Medio Rural solicitaralles ás persoas seleccionadas a súa aceptación expresa de participación na correspondente edición. No caso de que algunha das persoas gandeiras seleccionadas como finalistas rexeitase a participación nos premios, invitaranse as seguintes ganderías da categoría para garantir a presenza de catro finalistas en cada unha das categorías.

5. O xurado responsable da concesión dos premios estará constituído polas seguintes persoas: en representación da Consellería do Medio Rural, pola directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias e pola subdirectora xeral de Gandaría; e en representación de Boaga, pola directora xerente e pola presidenta da Xunta Directiva.

6. O Xurado designará persoas técnicas das dúas entidades para actuaren como Comité de Avaliación nas visitas que vai realizar ás gandarías. En cada actuación do Comité de Avaliación contarase cando menos con dúas persoas, unha por parte de cada organización, e en ningún caso o número de técnicos será superior a catro. Para garantir a homoxeneidade das actuacións, a persoa xefa do servizo de Seguridade Alimentaria nas Producións Gandeiras, pertencente á Consellería do Medio Rural, actuará como coordinadora do Comité de Avaliación.

7. O Comité de Avaliación visitará as granxas finalistas que aceptasen a participación na correspondente edición. Na visita revisarase o estado da granxa e tomaranse como referencia as Guías de prácticas correctas de hixiene, Vaca nutriz, do Ministerio de Agricultura Pesca y Alimentación, e os ítems do control oficial da hixiene da produción primaria en explotacións de gando vacún de carne que aplican os servizos veterinarios oficias de Galicia.

8. O Comité de Avaliación redactará un acta cos resultados da avaliación de cada explotación visitada; a persoa coordinadora do Comité trasladará as actas ao Xurado.

Esta visita ás gandarías do Comité non suporá modificación da puntuación lineal da explotación. A constatación da non observancia dalgunhas desas prácticas de hixiene significaría unha mingua no benestar e na saúde do rabaño, así como un risco para a seguridade alimentaria, polo que, se é o caso, a gandaría deixaría de ser considerada como elixible para os premios.

Artigo 6. Adxudicación de premios

1. Premiaranse aquelas granxas para cada un dos premios e das razas definidos anteriormente sen incidencias na visita do Comité de Avaliación, aplicando rigorosamente a súa posición na puntuación lineal obtida.

2. No momento da selección e entrega dos premios, as explotacións premiadas continuarán de alta no Libro xenealóxico da raza correspondente.

3. A entrega de premios realizarase nun acto convocado e organizado para tal fin, ao que se dotará da difusión, transcendencia e solemnidade axeitada. O premio consistirá na entrega dun trofeo e dun diploma acreditativo, para as persoas criadoras gañadores de cada premio.

4. A Consellería do Medio Rural publicitarao na súa web e, se é o caso, en medios sectoriais.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias para ditar cantas instrucións sexan necesarias para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2026

María José Gómez Rodríguez
Conselleira do Medio Rural

ANEXO

I. Premio Excelencia Gandeira. Metodoloxía e criterios de cualificación.

1. Requisitos de elixibilidade: poderán optar ao premio as explotacións que figuren en estado de alta no Rexistro de Explotacións Gandeiras (Rega), cun censo mínimo de 10 vacas nutrices, que participen no programa de cría da raza ao peche do exercicio e que conten cunha antigüidade mínima de 5 anos na dita condición.

2. Cómputo de produtividade: contabilizaranse exclusivamente os partos de nais presentes na explotación con anterioridade ao inicio do período de estudo.

3. Algoritmo de puntuación (sobre 100 puntos):

a) Fertilidade (50 puntos): valorarase o rango de máxima eficiencia situado entre o 65 % e o 100 %. A puntuación asignarase de xeito incremental e proporcional á porcentaxe de fertilidade obtida, ata acadar o máximo de 50 puntos.

b) Intervalo entre partos (30 puntos): avaliarase a regularidade reprodutiva. A puntuación máxima corresponderá aos intervalos situados entre os 365 e os 395 días. O sistema de puntuación será incremental e outorgarase maior valor aos intervalos de menor duración, ata un máximo de 30 puntos.

c) Factor de complexidade (20 puntos): aplicarase unha bonificación proporcional ao número total de animais activos. Enténdese que un maior volume de vacas nutrices implica unha maior dificultade de xestión e incrementarase a puntuación ata o límite de 20 puntos.

II. Premio Legado e Vigor. Metodoloxía e identificación de animais de elite.

1. Requisitos de elixibilidade: explotacións activas cun mínimo de 10 vacas nutrices, participantes no programa de cría ao peche do exercicio e cunha antigüidade mínima de 5 anos no Rega.

2. Categorías de elite:

a) Vacas de Vida (resistencia e legado) (10 puntos por animal): identificaranse exemplares de máis de 15 anos de idade que conten, como mínimo, con 12 partos rexistrados no seu historial produtivo.

b) Vacas 2 + 3 (eficiencia técnica)/Xoves Promesas (5 puntos por animal): identificaranse vacas activas cun mínimo de 2 partos, cuxo primeiro parto tivese lugar entre os 20 e os 24 meses de idade e que manteñan un intervalo medio entre partos de entre 12 e 12,8 meses.

III. Premio á Identidade e Semente da Raza.

1. Índice de Transparencia Xenética:

a) Porcentaxe de ADN verificado: valorarase a proporción do rabaño activo que conte con reprodutores con ADN comprobado. A puntuación será incremental en función da dita porcentaxe. O índice verase incrementado polos animais reprodutores con ADN verificado nos últimos 5 anos.

b) Integridade da xenealoxía: contabilizaranse os animais que teñan pai e nai rexistrados nos últimos 5 anos.

2. Coeficiente de Parentesco Medio (axustado):

a) Parentesco vs. Media da raza: avaliación da diversidade xenética da explotación respecto á media racial.

b) Factor de tamaño: ponderación da relación entre a diversidade xenética e o volume da explotación.

c) Presenza de machos reprodutores: presenza de exemplares de máis de 14 meses de idade.

Desagregamento da puntuación (100 puntos):

Transparencia de reprodutores (50 puntos): avaliarase a porcentaxe de ADN verificada no grupo específico de reprodutores (pais e nais) dos últimos 5 anos, así como a plena identificación e rexistro de ambos os proxenitores en cada nacemento.

Parentesco e diversidade (50 puntos): premiaranse as explotacións cun parentesco medio inferior á media da raza. Aplicarase unha bonificación polo volume de animais xestionados con éxito reprodutivo (factor semente).

Criterio de exclusión de seguridade: quedarán automaticamente excluídas do certame aquelas explotacións que conten con exemplares machos enteiros de máis de 14 meses de idade que carezan do ADN verificado, por supoñer un risco para a integridade da xenealoxía da raza.