DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Mércores, 8 de xullo de 2026 Páx. 38283

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

ORDE do 22 de xuño de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para o sector editorial galego, relativas aos gastos á produción editorial literaria para os exercicios 2026 e 2027 (código de procedemento CT238D).

De acordo coas atribucións que lle asigna o marco competencial, correspóndelle á Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, ao abeiro do Decreto 146/2024, do 20 de maio, polo que se establece a súa estrutura orgánica, favorecer a colaboración coas editoriais galegas mediante accións específicas encamiñadas a favorecer a produción editorial literaria e a promoción do libro galego tanto en Galicia como fóra da Comunidade Autónoma.

O sector editorial galego resulta clave para o desenvolvemento do país, o libro e a produción escrita constitúen na actualidade unha das bases do prestixio cultural de Galicia, por iso a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude apoia as iniciativas profesionais da edición galega e a difusión dos seus produtos editoriais, promovendo o acceso universal, igualitario e inclusivo á cultura.

Con este fin, dentro das responsabilidades que lle competen, no uso das facultades que se lle conferiron, e de acordo co previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude establece subvencións de apoio ao sector editorial galego, con liñas de axudas dirixidas a fomentar a edición literaria para o que se cubrirán parte dos custos editoriais dos plans de edición de obras literarias en galego e noutros idiomas, así como libros de lectura fácil e audiolibros, coa finalidade última de posibilitar a súa difusión, e que estas obras cheguen ao destinatario final, que é o público lector.

No exercicio das competencias que ten atribuídas, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude quere, con esta orde, establecer un instrumento que, conforme a normativa legal vixente, marque as pautas para a difusión, segundo os criterios de publicidade, obxectividade e concorrencia, dos recursos destinados ao libro, axustado ao previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Na súa virtude, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada parcialmente pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases que regularán o procedemento de concesión de subvencións dirixidas a apoiar o sector editorial galego e a fomentar a edición e a difusión da literatura, para o que se establecen varios programas de axudas á produción editorial que se desenvolverán con carácter bianual durante os anos 2026-2027 (código de procedemento CT238D).

2. Así mesmo, ten por obxecto convocar a dita subvención para o ano 2026.

Artigo 2. Programas subvencionables e número máximo de solicitudes por programa

1. Os programas obxecto de subvención son os seguintes:

Programa 1. Produción editorial en calquera idioma en Galicia.

Programa 2. Produción editorial de libros de lectura fácil en formato físico ou dixital en galego.

Programa 3. Produción editorial de audiolibros en galego.

2. Para os efectos desta orde, enténdese o concepto de libro segundo a definición dada pola Lei 10/2007, do 22 de xuño, da lectura, do libro e das bibliotecas, para o caso dos libros creados ou adaptados en formato de lectura fácil, que poden publicarse de maneira impresa ou en calquera outro soporte susceptible de lectura.

3. O número máximo de solicitudes de producións editoriais que se subvencionará por editorial é de 20 en total, coa seguinte distribución:

– Programa 1. Produción editorial en calquera idioma en Galicia: máximo 10 solicitudes.

– Programa 2. Produción editorial de libros de lectura fácil en formato físico ou dixital en galego: máximo 5 solicitudes.

– Programa 3. Produción editorial de audiolibros en galego: máximo 5 solicitudes.

4. Para o cómputo do número de peticións por programa, os títulos de obras que se publican simultaneamente en distintos programas computan como peticións diferentes posto que optan ás subvencións por distintos programas.

5. Todos os títulos respecto aos cales se realice petición de axuda para a produción editorial –xa sexa en formato papel, dixital e/ou audiolibro- presentaranse nunha soa solicitude conxunta, onde se especifique o programa e demais requisitos, aínda que se tramiten como programas diferentes e en anexos distintos, tendo en conta as súas particularidades (requisitos, gastos subvencionables...).

Artigo 3. Orzamento

1. Para o financiamento das subvencións á produción editorial que se recollen nesta orde, de carácter bianual, destínase con cargo á aplicación orzamentaria 13.03.432A.770.1 un crédito total de 350.000 €, coa seguinte distribución, por programas e anualidades:

– Por programas:

Programa 1. Produción editorial en calquera idioma en Galicia: 250.000 €.

Programa 2. Produción editorial de libros de lectura fácil en formato físico ou dixital en galego e programa 3. Produción editorial de audiolibros en galego: 100.000 €, conxuntamente.

– Por anualidades:

Ano 2026: 140.000 € (40 %).

Ano 2027: 210.000 € (60 %).

2. O importe inicial da convocatoria pode ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións, de acordo co disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Este expediente tramítase ao abeiro do artigo 26 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente de subvención plurianual.

4. De conformidade co establecido no artigo 58.2 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, a concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2027.

Artigo 4. Entidades beneficiarias e excluídas

Nesta orde establécese as seguintes entidades que poderán ser beneficiarias das subvencións e as entidades que quedarían excluídas:

a) Beneficiaras:

As persoas físicas ou xurídicas que acrediten a condición de editoras de acordo co establecido nesta orde, para o que deberán estar dadas de alta antes do 1 de xaneiro de 2026 na epígrafe 476.1, edición de libros, do imposto de actividades económicas.

b) Excluídas:

– As entidades que presenten solicitudes que se atopen nos supostos previstos nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– As persoas físicas ou xurídicas que estean sancionadas administrativa ou penalmente coa perda da posibilidade de obtención de subvencións públicas, ou incorran nalgunha prohibición legal que as inhabilite para iso, con inclusión das que se produciron por discriminación de sexo de conformidade co disposto na Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia.

– As comunidades de bens, agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, de carácter público ou privado, así como outras entidades sen personalidade xurídica.

Artigo 5. Requisitos

1. Requisitos xerais.

Ademais dos requisitos específicos establecidos para cada programa, é necesario cumprir cos seguintes requisitos xerais:

a) Presentar un plan de edición, comercialización e, de ser o caso, distribución, individualizado para cada obra, tendo en conta as características específicas da edición en soporte físico e dixital, e as peculiaridades dos libros de lectura fácil e dos audiolibros.

b) As editoriais solicitantes deberán ter todos os dereitos de propiedade intelectual sobre os proxectos obxecto de subvención. Ademais, as obras deberán publicarse cumprindo co disposto na normativa vixente en materia de propiedade intelectual, e cumprindo os trámites legais para a asignación do ISBN e do depósito legal. Para as obras que se vaian editar unicamente en formato dixital ou audiolibros, será necesario presentar o resgardo de inscrición no ISBN.

c) As obras deben pertencer a algún dos seguintes xéneros literarios: narrativa, poesía, teatro, banda deseñada, ensaio, divulgación científica e LIX (literatura infantil e xuvenil).

d) As obras subvencionables deben editarse para seren comercializadas. No caso de obras editadas en papel, a comercialización e distribución debe realizarse a través de librarías ou de plataformas físicas ou dixitais dos libros. No caso de publicacións exclusivamente en soporte dixital ou audiolibros, deberán estar presentes nalgunha plataforma de distribución dixital para a súa comercialización. Para os efectos desta orde, enténdese por edición comercial a que estea suxeita a un prezo de venda ao público.

e) A edición, publicación, comercialización e, no caso da edición en soporte físico, a distribución das obras deberá realizarse entre o 1 de xaneiro de 2026 e o 30 de setembro de 2027, ambos inclusive.

f) A edición en papel das obras obxecto de subvención debe cumprir o seguinte:

– Ter unha tiraxe mínima de 400 exemplares, incluídas as reimpresións, agás as obras de poesía, teatro, ensaio e lectura fácil, que poderán ter un mínimo de 300 exemplares. Este requisito non será aplicable aos libros exclusivamente dixitais ou audiolibros, xa que se deberá acreditar o emprego das canles de venda axeitadas que aseguren a difusión da obra.

– Ter un mínimo de 60 páxinas por exemplar, agás os libros infantís e xuvenís, de teatro, poesía e banda deseñada.

g) Calquera outro tipo de publicación en que concorran as características establecidas na convocatoria de subvencións regulada por estas bases.

h) Idioma. Os libros obxecto de subvención que se publiquen en galego deberán estar correctamente realizados na dita lingua, segundo o disposto na lexislación vixente (disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, e nas Normas ortográficas e morfolóxicas aprobadas pola Real Academia Galega).

i) Nos libros subvencionados ao abeiro desta orde, tanto en soporte físico como dixital, deberá constar, na páxina de créditos ou na faixa publicitaria, ou nun adhesivo, ou en calquera acción publicitaria, física ou dixital, que se realice desa obra «Esta obra recibiu unha subvención da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia». Tamén se fará constar o logo oficial da Xunta de Galicia, que se obterá a través da seguinte ligazón: https://www.xunta.gal/identidade-corporativa/marca-principal. No caso de audiolibros, ao final da locución deberase escoitar o seguinte: «É unha obra subvencionada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia». Nos libros de lectura fácil, tamén deberá constar o logo de lectura fácil de acordo co disposto no número 2.2.d) deste artigo.

j) Unha obra que estea editada en varias encadernacións (rústica, cartoné, etc.) só poderá presentarse nunha delas.

k) Só se subvencionará a produción editorial dun mesmo título por programa. No suposto de que haxa varias solicitudes para a mesma obra no mesmo programa, subvencionarase a solicitude que obteña máis puntos de acordo co artigo 16 e, en caso de empate, a presentada en primeiro lugar.

2. Requisitos específicos por programas.

2.1. Programa 1. Produción editorial en calquera idioma en Galicia.

– Seren unha primeira edición dunha obra inédita en calquera idioma, ou ben dunha obra cuxa última edición, na lingua que se propón publicar, teña unha antigüidade de máis de 15 anos.

2.2. Programa 2. Produción editorial de libros de lectura fácil en formato físico ou dixital en galego.

a) Serán unha primeira edición dunha obra inédita en galego, ou ben a adaptación dunha obra xa publicada orixinariamente en galego e da que non haxa adaptación en lectura fácil en galego.

b) Serán adaptacións á lectura fácil en galego de obras publicadas noutro idioma, estean ou non adaptadas para a lectura fácil, e das que non haxa adaptación en lectura fácil en galego.

c) A produción de libros de lectura fácil será comercializada a través de librarías ou doutras canles de distribución física ou dixital.

d) Os libros creados ou adaptados en formato de lectura fácil, tanto que se editen en formato físico como en formato dixital, deberán exhibir o logo de lectura fácil como selo de calidade, que se obterá a través das entidades de certificación oficiais que garantan o seguimento da normativa específica para a lectura fácil, entre outras, a norma UNE 153101 EX, e deberán contar coa correspondente certificación que acredite, por parte dunha entidade validadora oficial, que se realizou a adaptación e validación da obra.

e) Serán difundidos a través do mercado do libro e, se é o caso, a través dos catálogos das entidades especializadas en accesibilidade e inclusión.

f) O plan de edición, comercialización e distribución referido como requisito xeral no número 1.a) deste artigo debe conter, para as obras solicitadas no marco deste programa 2 de lectura fácil, a seguinte información:

• Características do libro adaptado á lectura fácil: contido, enfoque, traxectoria do/da autor/a, prazo estimado de edición, entidade/s de validación, proceso de produción, canles de venda, características técnicas e custo de produción.

• Referencia bibliográfica da obra orixinal a partir da cal se vai realizar a adaptación: o título, a autoría, o número de depósito legal, o ISBN e o número de edición.

• Indicación do número de palabras de que se compón a obra orixinal, dato que deberá cubrirse na epígrafe correspondente do anexo II.

2.3. Programa 3. Produción editorial de audiolibros en galego.

a) Os audiolibros en galego deberán ter como orixe unha obra cuxa primeira edición fose publicada previamente en galego ou en calquera outro idioma.

b) A produción en galego de audiolibros editados neste formato inicialmente noutro idioma.

c) Deberán ser unha reprodución fidedigna da obra en que teñan a súa orixe, en galego ou noutro idioma.

d) Non se subvencionará a produción de audiolibros xa existentes en galego.

e) Deberán editarse para a súa comercialización a través de plataformas de distribución dixital.

f) O plan de edición, comercialización e distribución referido como requisito xeral no número 1.a) deste artigo debe conter, para as obras solicitadas no marco deste programa 3 de produción editorial de audiolibros en galego, a seguinte información:

• Características do audiolibro: contido, enfoque, traxectoria do/da autor/a, traxectoria do/da director/a de dobraxe, traxectoria dos/das intérpretes da voz, prazo estimado de produción, proceso de produción.

• Referencia bibliográfica da obra orixinal a partir da cal se vai realizar o audiolibro, en que conste o título, a autoría, o número de depósito legal, o ISBN e o número de edición.

• Indicación do número de palabras de que se compón a obra orixinal, dato que deberá cubrirse na epígrafe correspondente do anexo II.

Artigo 6. Obras excluídas

As seguintes obras quedan expresamente excluídas das subvencións reguladas nestas bases:

a) Todos os libros de texto sen excepción, enciclopedias, dicionarios e os dirixidos ao mundo do ensino.

b) Os libros editados con calquera Administración pública ou institucional.

c) As obras publicadas por entidades susceptibles de seren beneficiarias por encarga das entidades que non poidan optar ás subvencións (institucións públicas, empresas non editoriais...) obxecto desta orde.

d) Os libros conceptuados como de bibliófilos e obras con edición limitada e numerada.

e) Todas as edicións facsímiles sen excepción, calquera que sexa a súa temática ou tipoloxía.

f) A autoedición que non teña distribución comercial, é dicir, que estea fóra das liñas de comercialización e distribución de plataformas físicas ou dixitais dos libros, así como aquelas obras comercializadas unicamente polo sistema de edición a demanda.

g) As obras que, editadas por clubs do libro e empresas similares, só son alcanzables aos respectivos socios ou adheridos, e as editadas expresamente para a venda a prazos.

h) Os álbums, recortables, libros de pintar e colorear, cadernos de caligrafía e de exercicios e, en xeral, todos aqueles en que se teña que traballar.

i) Os catálogos de exposicións.

j) Os anuarios, publicacións periódicas e separatas ou números monográficos destas, dietarios e similares.

k) As fotocopias encadernadas en forma de libro.

l) Os volumes soltos que formen parte dunha obra completa no caso de que non se comercialicen por separado.

m) As reimpresións de obras, incluídas as de lectura fácil.

n) As obras xa subvencionadas con cargo a ordes de subvencións convocada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ou outros organismos en anos anteriores.

ñ) As obras coeditadas entre varias empresas ou autónomos.

o) As obras producidas ou traducidas mediante técnicas de intelixencia artificial xenerativa. O órgano instrutor poderá verificar se a mostra foi elaborada por medio de intelixencia artificial xenerativa recorrendo ás ferramentas que sexan necesarias.

p) Os audiolibros aos cales non se lles fixese a debida comprobación da calidade lingüística e da calidade da gravación por parte de persoas expertas lingüistas.

Artigo 7. Gastos subvencionables

1. Son subvencionables os gastos derivados da edición (produción), distribución e comercialización das obras literarias obxecto da subvención, sempre que se realicen e se paguen no período indicado no número 3 deste artigo (entre o 1 de xaneiro de 2026 e o 30 de setembro de 2027, incluídos).

a) Gastos de edición: autoría, adaptación, validación, corrección, revisión, maquetación, preimpresión, impresión, dixitalización ou calquera outro gasto de similar natureza.

– Ademais, para audiolibros considéranse como gastos de produción editorial os referidos á preparación da obra para a súa conversión: gravación, edición, masterización, exportación, dirección, locución, alugueiro ou de disposición do equipo técnico necesario para a produción final da obra, ou calquera outro gasto de similar natureza.

b) Gastos de distribución: calquera actuación que permita a chegada da obra ás canles de difusión físicas ou dixitais para acadar a posta efectiva á disposición do público.

c) Gastos de comercialización: estratexias de márketing e publicidade en diferentes canles referidos a favorecer o consumo da obra subvencionada en concreto, sen considerarse incluídos os relativos á publicidade xeral da entidade beneficiaria.

2. Só se financiarán os gastos realizados que respondan de xeito directo e indubidable á natureza da actividade subvencionada e resulten estritamente necesarios para a súa realización e o seu custo non sexa superior ao valor do mercado.

3. Período subvencionable

Os gastos referidos no número 1 deste artigo para seren subvencionables deberán realizarse e pagarse no período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2026 e o 30 de setembro de 2027, ambos incluídos.

4. De acordo co artigo 31.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, a entidade beneficiaria da subvención deberá xustificar que os gastos subvencionables deberán ter sido aboados nos prazos de pagamento previstos na normativa sectorial de aplicación ou, na súa falta, nos establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.

Artigo 8. Natureza e concorrencia das axudas

1. O procedemento para a concesión das subvencións recollidas nesta orde tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Os mecanismos e as medidas que se aplicarán no procedemento para reducir o risco de fraude e de corrupción e os conflitos de intereses ateranse ao previsto no Plan xeral de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

3. As axudas establecidas nesta orde para apoiar o libro galego quedan suxeitas ao Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15 de decembro de 2023, serie L).

4. As axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites sinalados no Regulamento (UE) nº 2023/2831. A contía total das axudas de minimis concedidas a unha empresa non poderá exceder os 300.000,00 € durante o período dos tres anos previos á data da concesión. Este limiar aplicarase independentemente da forma da axuda ou do obxectivo perseguido. As axudas de minimis non se acumularán con ningunha axuda estatal correspondente aos mesmos gastos subvencionables se a dita acumulación dá lugar a unha intensidade de axuda superior á establecida para as circunstancias concretas de cada caso pola normativa comunitaria.

5. As subvencións concedidas ao abeiro desta convocatoria son compatibles con calquera outra que puidese ser concedida para a mesma finalidade. Non obstante, o importe da axuda en ningún caso poderá superar, illadamente ou en concorrencia con subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da acción que levou a cabo a entidade beneficiaria.

Artigo 9. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, segundo o modelo que se incorpora como anexo I.

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

3. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365 ) e o sistema cl@ve da Administración xeral do Estado.

Artigo 10. Prazo de presentación de solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que comezará a computarse ás 9.00 horas do quinto día hábil seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, e rematará ás 20.00 horas do último día de presentación de solicitudes.

Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

2. Non serán admitidas en ningún caso solicitudes presentadas fóra do prazo e da forma establecida nesta orde.

Artigo 11. Documentación complementaria

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

1. Documentación de carácter xeral referida ás editoriais:

– En caso de actuar a través de representante, documentación acreditativa da representación da persoa que actúe no nome da persoa solicitante, de ser o caso. Neste caso a representación deberá acreditarse a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro medio válido en dereito. O modelo normalizado pódese descargar na seguinte ligazón: https://sede.xunta.gal/modelos-normalizados.

– Escritura pública de constitución da entidade ou equivalente, de ser o caso.

– Poder do representante legal, de ser o caso.

– Copia do último recibo do pagamento do imposto de actividades económicas, de ser o caso.

2. Documentación especifica referida á obra literaria.

2.1. Con carácter xeral, para todos os programas:

– Memoria xustificativa sobre o interese do proxecto presentado (obra e autor/a) indicando todos os aspectos que se van valorar segundo o artigo 16.2 desta orde, para o que deberán cubrir o anexo II, que se xunta coa solicitude. No caso de discrepancia entre os datos achegados pola entidade solicitante e os consignados no dito anexo II, prevalecerá o declarado neste último, salvo que se achegue outra aclaración ao respecto.

– Plan de edición, comercialización e distribución (de ser o caso) por cada obra: inclúe as características da edición, da comercialización e da distribución do libro, en soporte físico ou dixital para o cal se solicita subvención, coa desagregación do orzamento por conceptos de gasto (edición, distribución, comercialización), con impostos engadidos. O dito plan deberá conter a información específica referida ao programa para o cal se solicita a axuda, tal e como se recolle nos números 3.f) e 2.f) artigo 5.2 desta convocatoria.

2.2. Documentación específica por programas:

– Resgardo de inscrición no ISBN, de ser o caso (obras que se vaian editar unicamente en formato dixital ou audiolibros).

– Exemplar completo da obra orixinal en formato dixital editable, de ser o caso (só para os programas 2 e 3 da orde de convocatoria).

3. A documentación que se achegue coa solicitude debe vir obrigatoriamente nunha das dúas linguas oficiais de Galicia ou, noutro caso, acompañada da súa correspondente tradución, certificada pola persoa solicitante, que será responsable da súa veracidade.

4. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

5. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

6. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

7. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

8. No caso de que algún dos documentos que se pretenda presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) NIF da entidade representante.

e) Alta no imposto de actividades económicas (IAE).

f) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

g) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

h) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

i) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.

j) Comprobación de subvencións e axudas públicas concedidas.

k) Consulta de subvencións e axudas públicas afectadas pola regra de minimis.

l) Certificado de domicilio fiscal.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 13. Emenda das solicitudes

Se a documentación presentada é incompleta ou presenta erros emendables, requirirase a persoa ou entidade solicitante para que, no prazo de 10 días hábiles, rectifique a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non o facer, se terá por desistida da súa solicitude, segundo o disposto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, logo de que se dite a oportuna resolución ao abeiro do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 14. Trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 15. Procedemento de instrución

1. O procedemento para a concesión das subvencións recollidas nesta orde tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, o abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Correspóndelle á Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro a instrución do procedemento de concesión de subvencións e desenvolverá de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales deba formularse a proposta de resolución.

3. Co fin de cumprir co principio de concorrencia competitiva, as solicitudes serán examinadas, segundo os criterios establecidos nesta orde, por un órgano colexiado, Comisión de Avaliación, que se axustará aos preceptos contidos na sección 3ª da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

4. A dita Comisión de Avaliación estará constituída polos seguintes membros:

– Presidente/a: a persoa titular da Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro.

– Secretario/a: un/unha funcionario/a de carreira da Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro, nomeado/a pola persoa titular da Dirección Xeral de Cultura.

– Vogais:

• A persoa titular da xefatura do Servizo do Libro e Publicacións.

• Unha persoa experta por proposta das asociacións de tradutores.

• Unha persoa experta por proposta da asociación de editores/as.

• Unha persoa experta no ámbito do libro galego designada pola persoa titular da Dirección Xeral de Cultura.

En caso de ausencia dalgún dos membros integrantes da comisión, poderá ser substituído por outra persoa que para o efecto designe a persoa titular da Dirección Xeral de Cultura.

5. As solicitudes que se axusten aos requisitos establecidos nesta convocatoria valoraranse de acordo cos criterios establecidos no artigo 16 da convocatoria e a repartición económica realizarase de acordo co establecido no artigo 17. En todo caso, respectaranse os límites determinados no artigo 3 desta orde.

Artigo 16. Criterios de adxudicación

As solicitudes que se presenten serán valoradas pola Comisión de Avaliación a que fai referencia o artigo 15, número 3, de acordo cos seguintes criterios por orde decrecente de prioridade e coas puntuacións máximas que figuran na relación:

1. Investimento do proxecto: máximo 40 puntos.

Inicialmente daránselles 20 puntos a aqueles proxectos que teñan un custo de investimento de ata 1.500,00 € e, a partir desta cantidade, repartirase de maneira proporcional o resto dos puntos entre aqueles proxectos cun custo de investimento de ata ou máis de 15.000,00 €, que recibirían ata un máximo de 40 puntos.

2. Interese do proxecto presentado: máximo 35 puntos.

2.a) Valoración da obra: máximo 25 puntos.

– Obra orixinal publicada en galego: 10 puntos.

– Valoración xeral da obra: máximo 15 puntos.

Terase en conta a calidade literaria da obra, a consideración da crítica literaria, os premios acadados, o éxito comercial (edicións, linguas traducidas...), a súa contribución ao enriquecemento da cultura galega e o mercado literario galego, a innovación na produción editorial que contribúa á dixitalización e/ou ao acceso igualitario e inclusivo á cultura, a formación en valores (igualdade de xénero... ), influencia sociocultural, e calquera outro aspecto que, a xuízo da Comisión de Avaliación, contribúa á valoración da obra de acordo coa finalidade da subvención.

2.b) Valoración da traxectoria do/da autor/a: máximo 10 puntos.

Valorarase a traxectoria do/da autor/a: calidade literaria, consideración da crítica literaria, premios acadados, éxito comercial (edicións, linguas traducidas...), proxección no mercado literario nacional e internacional, e calquera outro aspecto que, a xuízo da Comisión de Avaliación, contribúa á valoración do/da autor/a, de acordo coa finalidade da subvención.

3. Incentivos por programa: máximo 15 puntos.

3. a) Audiolibros: máximo 15 puntos.

– Extensión da obra orixinal: máximo 15 puntos.

• Menos de 5.000 palabras: 3 puntos.

• Entre 5.000 e 10.000 palabras: 5 puntos.

• Entre 10.001 e 20.000 palabras: 7 puntos.

• Entre 20.001 e 30.000 palabras: 9 puntos.

• Entre 30.001 e 40.000 palabras: 11 puntos.

• Máis de 40.000 palabras: 15 puntos.

3.b) Libros de lectura fácil: máximo 15 puntos.

– Extensión da obra orixinal: máximo 15 puntos.

• Menos de 5.000 palabras: 5 puntos.

• Entre 5.000 e 10.000 palabras: 7 puntos.

• Entre 10.001 e 20.000 palabras: 9 puntos.

• Entre 20.001 e 30.000 palabras: 11 puntos.

• Máis de 30.000 palabras: 15 puntos.

4. Incentivos por xénero literario: 10 puntos.

Valóranse as obras que pertencen aos seguintes xéneros literarios: banda deseñada, literatura infantil e xuvenil (LIX), poesía, teatro e ensaio: 10 puntos.

No caso de que distintos proxectos acaden a mesma valoración, terá prioridade o que obtivese unha maior puntuación nos números 1, 2, 3 e 4, respectivamente.

Artigo 17. Contía da axuda

A repartición do orzamento total farase por programas, do seguinte xeito:

1. Programa 2. Produción editorial de libros de lectura fácil en formato físico ou dixital en galego e programa 3. Produción editorial de audiolibros en galego.

a) Para estes dous programas destínanse, do total do orzamento existente, cen mil euros (100.000,00 €), coa seguinte repartición:

A contía de cada axuda determinarase proporcionalmente en función da puntuación obtida polo proxecto presentado e o programa solicitado, segundo se reflicte na seguinte táboa, garantindo a porcentaxe do investimento que se indica, co límite da contía máxima, ata esgotar o crédito destinado aos ditos programas.

Puntuación do proxecto

Contía máxima

Porcentaxe do investimento subvencionable

91-100

5.500 €

85 %

81-90

5.000 €

80 %

71-80

4.500 €

75 %

61-70

4.000 €

70 %

51-60

3.500 €

65 %

40-50

3.000 €

60 %

0-39

0

0

b) De non esgotar o crédito destinado a estes programas, o remanente pasará a incrementar o orzamento do programa 1. Produción editorial en calquera idioma en Galicia.

c) O importe máximo adxudicado a cada editorial polos programas 2 e 3 é de 15.000 €.

2. Programa 1. Produción editorial en calquera idioma en Galicia.

a) Para este programa destínanse, do total do orzamento existente, dous centos cincuenta mil euros (250.000,00 €), coa seguinte repartición:

A contía de cada axuda determinarase proporcionalmente en función da puntuación obtida polo proxecto presentado e o programa solicitado, segundo se reflicte na seguinte táboa, tendo en conta a porcentaxe máxima do investimento que se indica, ata esgotar o crédito destinado ao dito programa, ou o incrementado coa suma do remanente do crédito dos programas 2 e 3, de ser o caso. No caso de exceder o crédito existente, minorarase proporcionalmente a contía adxudicada a cada proxecto.

Puntuación do proxecto

Porcentaxe do investimento máximo subvencionable

81-85

85 %

71-80

80 %

61-70

75 %

51-60

70 %

40-50

65 %

0-39

0

b) O importe máximo adxudicado a cada editorial polo programa 1 é de 20.000 €.

3. Non se adxudicará máis do custo do proxecto nin tampouco unha cantidade superior á solicitada pola persoa ou entidade interesada.

4. A puntuación mínima para obter a axuda é de 40 puntos.

5. A contía correspondente á primeira anualidade é do 40 % do total adxudicado como axuda e o 60 % restante corresponde á segunda anualidade.

6. Se, como consecuencia da repartición, a cantidade resultante é un número cuxo primeiro decimal é 5 ou superior, redondearase ao enteiro superior máis próximo. Se o primeiro decimal é inferior a 5, manterase o mesmo número enteiro.

7. O expediente de concesión de subvencións conterá o informe do órgano instrutor en que conste que da información que figura no seu poder se desprende que os beneficiarios cumpren todos os requisitos necesarios para acceder a elas.

8. Realizada a repartición, o órgano instrutor elevará a proposta de resolución á persoa titular da Dirección Xeral de Cultura, quen resolverá por delegación da persoa titular da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

Artigo 18. Proposta de resolución

1. Unha vez avaliados os proxectos segundo os criterios establecidos no artigo 16 desta orde, a Comisión de Avaliación elaborará un informe en que se incluirá unha listaxe que indique a puntuación outorgada a cada proxecto. O órgano instrutor formulará unha proposta de resolución provisional debidamente motivada á vista do expediente e do informe da Comisión da Avaliación.

2. Esta proposta provisional farase pública na páxina web da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, https://www.cultura.gal. Nela expresarase a puntuación proposta para cada proxecto admitido, así como as causas que determinaron a exclusión das restantes solicitudes. As editoriais disporán de dez (10) días hábiles, que contarán a partir do seguinte ao da data de publicación da proposta provisional, para formular as alegacións que consideren oportunas sobre esta proposta ante a Dirección Xeral de Cultura, Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro, nos lugares e na forma indicados no artigo 9 desta orde.

En todo caso, as editoriais que presenten alegacións enviaranlle un correo electrónico á Dirección Xeral de Cultura, Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro, no seguinte enderezo: servizo-axudas-libro@xunta.gal, no cal indicarán o día en que presentaron a alegación e o motivo desta.

Poderase prescindir do trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin sexan tidos en conta outros feitos nin outras alegacións e probas que as aducidas polos interesados. Neste caso, a proposta de resolución formulada terá o carácter de definitiva.

3. Examinadas as alegacións aducidas polos interesados, formularase a proposta de resolución definitiva, que deberá expresar a relación de solicitantes para os cales se propón a concesión da subvención, e a súa contía, especificando a súa avaliación e os criterios de valoración seguidos para efectuala, de acordo cos criterios e puntuacións establecidos no artigo 16 e os criterios empregados para a repartición do orzamento previstos no artigo 17 desta orde.

4. Finalmente, o órgano instrutor elevará a proposta de resolución á persoa titular da Dirección Xeral de Cultura, quen resolverá por delegación da persoa titular da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

Artigo 19. Resolución

1. A persoa titular da Dirección Xeral de Cultura, por delegación da persoa titular da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, no prazo de quince (15) días desde a elevación da proposta de resolución da Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro, ditará a resolución de concesión de acordo co disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Nesta resolución incluirase a relación de beneficiarios, as cantidades concedidas, así como as causas que determinaron a exclusión das restantes solicitudes, e publicarase no Diario Oficial de Galicia. Esta publicación substituirá a notificación persoal e producirá os mesmos efectos.

Así mesmo, farase pública no portal https://www.cultura.gal

2. Tamén deberá comunicarse ás persoas beneficiarias o importe da axuda (en equivalente bruto de subvención) e o seu carácter de axuda de minimis exenta en aplicación do Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15 de decembro de 2023, serie L).

3. O prazo para ditar e notificar ás persoas interesadas a resolución expresa non poderá superar os catro meses, segundo establece o artigo 23.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O prazo computarase a partir do día da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

4. O vencemento do dito prazo sen que se notifique a resolución expresa faculta a persoa interesada para entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

Artigo 20. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 21. Publicación dos actos

Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a correspondente resolución deste procedemento. Esta publicación producirá os efectos de notificación.

Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web https://www.cultura.gal

Artigo 22. Aceptación das axudas

1. Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, as persoas interesadas propostas como beneficiarias dispoñerán dun prazo de 10 días para a súa aceptación, contado desde o día seguinte á data de publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido este sen que se producise manifestación expresa, entenderase como tacitamente aceptada, agás que no mesmo prazo se comunique de xeito formal e expreso a renuncia á subvención concedida, debidamente asinada pola representación da persoa beneficiaria.

2. Quedará sen efecto a concesión ás persoas beneficiarias que non acepten a subvención.

Artigo 23. Xustificación

1. Xustificación da primeira anualidade:

A contía correspondente á primeira anualidade xustificarase antes do 3 de novembro de 2026, e realizarase un único pagamento do importe total concedido para esa anualidade, tras a aceptación da axuda por parte da persoa beneficiaria e da entrega da seguinte documentación:

– Un anexo III (xustificación da primeira anualidade) por obra para xustificar, coa correspondente declaración das axudas solicitadas que este inclúe cuberta, tanto das aprobadas ou concedidas coma das pendentes de resolución, para as mesmas actividades, das distintas administracións públicas competentes, ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, así como declaración das axudas concedidas en réxime de minimis durante o período dos tres anos previos.

– Compromiso de inicio da produción da obra por parte da entidade beneficiaria, que debe ser posterior ao 1 de xaneiro de 2026.

– Documentación acreditativa, debidamente formalizada, de contar cos dereitos de propiedade intelectual precisos para a publicación da obra (contrato ou calquera outra documentación acreditativa).

2. Xustificación final da subvención (2ª anualidade)

A xustificación da totalidade da subvención concedida, incluída a primeira anualidade xa recibida, xustificarase ata o 30 de setembro de 2027 (inclusive).

Deberá presentarse a seguinte documentación de carácter xeral común para todos os programas e a seguinte documentación específica por programa, de ser o caso.

2.1. Documentación xeral que hai que achegar por cada unha das obras que se xustifica:

– Un anexo IV (xustificación final dos gastos, segunda anualidade) por obra para xustificar. Co anexo IV débese cubrir a seguinte información e declaracións, que constan dentro do anexo IV na seguinte orde:

• A declaración das axudas solicitadas ou recibidas para o mesmo obxecto ou concepto para os cales se solicita esta subvención, así como declaración das axudas concedidas en réxime de minimis durante o período dos tres anos previos.

• Información respecto á plataforma ou plataformas de venda e distribución onde o libro en formato dixital ou audiolibro estea aloxado. Esta comunicación deberá incluír un acceso á publicación que facilite a verificación da súa calidade e onde se poida comprobar que se cumpre coa obriga de publicidade establecida na normativa estatal e autonómica en materia de subvencións, polo que deberá constar na obra que foi subvencionada pola Xunta de Galicia. No caso de audiolibros, ao final da locución deberá escoitarse o seguinte: é unha obra subvencionada pola Xunta de Galicia.

• No caso de que o libro sexa en formato físico, información respecto a un mínimo de cinco (5) librarías onde estea á venda e a provincia en que se atopan.

• Información mediante unha relación detallada de xustificantes de gastos e pagamentos subvencionables. Esta constará dunha lista de facturas e de certificacións de medios propios, acompañada da certificación do anexo, conforme a cal os gastos e as facturas presentadas e que se reflicten no cadro corresponden á obra subvencionada, actividade realizada obxecto da subvención. No caso de facturas que inclúen pagamentos conxuntos, correspondentes a varias obras, debe recollerse na relación só a parte que corresponda á obra subvencionada máis a parte proporcional dos impostos.

– Certificación expedida pola persoa ou entidade beneficiaria onde consten os gastos subvencionables efectuados con medios humanos e materiais propios da entidade, de ser o caso. Tamén debe constar o tempo dedicado a estas tarefas, a súa cuantificación e o importe por hora. Así mesmo, deberán acreditar que as persoas que desenvolven estas tarefas están incluídas no seu cadro de persoal (contratos ou outra documentación acreditativa).

– Documentos xustificativos do pagamento (facturas e transferencias bancarias correspondentes listadas no cadro do anexo).

2.2. Documentación xustificativa específica por programas.

Ademais da documentación de carácter xeral deberá presentar a seguinte documentación específica por programa, de ser o caso.

b) Programa 2. Produción editorial de libros de lectura fácil en formato físico ou dixital en galego.

– Documentación acreditativa da obtención do selo de lectura fácil a través dalgunha entidade oficial de certificación.

– Un exemplar da obra editada en formato físico ou copia da xustificación da súa presentación nun rexistro oficial.

c) Programa 3. Produción editorial de audiolibros en galego.

– Contrato coa persoa física ou xurídica intérprete da voz, a partir do 1 de xaneiro de 2026, conforme o establecido na Lei de propiedade intelectual, en que deben constar o importe e os datos identificativos da persoa, de ser o caso.

– Contrato coa persoa física ou xurídica que se ocupe da dirección da voz intérprete a partir do 1 de xaneiro de 2026, conforme o establecido na Lei de propiedade intelectual, en que deben constar o importe e os datos identificativos da persoa, de ser o caso.

– Currículo da persoa física ou xurídica intérprete da voz, de ser o caso.

– Currículo da persoa física ou xurídica que se ocupe da dirección da voz intérprete, de ser o caso.

– Deseño da portada do audiolibro, que conterá os seguintes datos: título, autoría e/ou selo editorial.

– Páxina de créditos do audiolibro en que consten os seguintes datos: editorial, ano de publicación, versión, duración (expresada en horas e minutos) e número de ISBN.

3. Considéranse documentos acreditativos do pagamento os seguintes:

– Xustificante bancario do pagamento pola persoa ou entidade beneficiaria (transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso en efectivo polo portelo, certificación bancaria), en que conste o número da factura obxecto do pagamento.

– Identificación da persoa ou entidade que realiza o pagamento, que deberá coincidir coa persoa ou entidade beneficiaria da axuda.

– Identificación da persoa ou entidade destinataria do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura.

– Con carácter excepcional, admitiranse pagamentos en metálico cando o seu importe, individual ou en conxunto por provedor, non supere os 1.000 €. Neste caso, o pagamento xustificarase mediante a factura asinada e selada polo provedor en que figure a expresión «recibín en metálico».

4. As persoas beneficiarias das axudas, para percibir a subvención, quedan obrigadas a acreditaren a realización dos proxectos subvencionados e a xustificaren a totalidade do orzamento presentado na solicitude, no prazo establecido nesta orde. No caso de non xustificarse a totalidade do orzamento previsto do proxecto, a subvención será minorada na mesma proporción.

5. Esta documentación dirixirase á Dirección Xeral de Cultura, Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro, con data límite a de finalización do período de xustificación, sempre que non se opoña ao que se estableza na orde da Consellería de Facenda e Administración Pública que regule as operacións de peche de exercicio.

6. A documentación requirida na fase xustificativa deberá presentarse electronicamente, accedendo ao expediente deste procedemento na Carpeta cidadá da persoa física ou xurídica que presentou a solicitude de inicio, https://sede.xunta.gal/carpeta-do-cidadan, mediante o formulario normalizado habilitado para o efecto a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.

7. Cando as actividades fosen financiadas, ademais de coa subvención, con fondos propios ou outras subvencións ou recursos, deberá acreditarse na xustificación o importe, procedencia e aplicación de tales fondos ás actividades subvencionadas, segundo recolle o artigo 28.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

8. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen que se efectúe ante o órgano administrativo competente, este requirirá a entidade beneficiaria para que a presente no prazo improrrogable de dez días. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto nos artigos 9 e 45 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da citada lei.

9. O órgano instrutor poderá comprobar, a través das canles habituais de distribución, que as obras se encontren realmente inseridas no mercado editorial galego ou dos ámbitos para os cales estiver destinado o proxecto subvencionado, e requirir, de ser o caso, a xustificación acreditativa deste aspecto.

10. A Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro poderá requirir en todo momento calquera documentación que considere oportuna para a xustificación da axuda.

Artigo 24. Pagamento

1. Para os efectos do disposto no artigo 29.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considérase gasto realizado e pagado o que se acredite no período subvencionable establecido no artigo 7.3 desta orde, é dicir, entre o 1 de xaneiro de 2026 e o 30 de setembro de 2027, incluídos.

2. De acordo co artigo 42.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, para os efectos da súa consideración como subvencionable, considerarase como efectivamente pagado o gasto cando quede xustificado o pagamento.

3. O pagamento da primeira anualidade previsto no artigo 23.1 desta orde será considerado como anticipo de acordo co artigo 31.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no artigo 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, e nesta convocatoria.

A concesión do anticipo quedará condicionada ao cumprimento, por parte da entidade beneficiaria, dos requisitos establecidos no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En aplicación do artigo 65.4 do mencionado Decreto 11/2009, as entidades beneficiarias quedan eximidas da obrigación de constituíren garantías para a realización e cobranza dos anticipos, «Os beneficiarios das subvencións concedidas cuxos pagamentos non superen os 18.000 euros. No caso de pagamentos anticipados e/ou pagamentos á conta, o importe anterior enténdese referido á cantidade acumulada dos pagamentos realizados».

4. Unha vez xustificada a subvención, o órgano competente, antes de proceder ao seu pagamento, poderá realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da finalidade da subvención.

Artigo 25. Obrigas das entidades beneficiarias

As persoas, físicas ou xurídicas, beneficiarias desta axuda quedan suxeitas a:

1. Destinar a subvención ao estipulado no proxecto de edición, comercialización e distribución presentado coa solicitude.

2. Ás obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Ás obrigas de publicidade que se establecen no artigo 18 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, modificado polo artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.

Neste senso, as persoas e entidades beneficiarias da subvención farán constar en toda comunicación e publicidade xerada, tanto en soporte físico como dixital, na páxina de créditos, ou na faixa publicitaria, ou nun adhesivo, ou en calquera acción publicitaria, física ou dixital, que se realice desa obra o seguinte texto: «Esta obra recibiu unha subvención da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia». Tamén se fará constar o logo oficial da Xunta de Galicia, que se obterá a través da seguinte ligazón https://www.xunta.gal/identidade-corporativa/marca-principal. No caso de audiolibros, ao final da locución deberase escoitar o seguinte: «É unha obra subvencionada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia».

4. Cumprir co disposto na normativa sobre propiedade intelectual, no caso de que na realización da actividade obxecto da subvención se utilice calquera elemento susceptible de xerar dereitos de autor. Tamén debe cumprir coa normativa vixente en materia de depósito legal e ISBN.

5. Facilitar toda a información que lles requira a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 26. Perda do dereito á subvención e procedemento sancionador

1. Procederá o reintegro, total ou parcial, das subvencións e axudas públicas percibidas cando concorra calquera das circunstancias previstas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. No caso de que a persoa beneficiaria da axuda incumpra algunha das condicións ou obrigacións estipuladas, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude instruirá o correspondente expediente sancionador, de conformidade co previsto no título IV da Lei 9/2007, citada no punto anterior.

3. Toda alteración das condicións observadas para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Artigo 27. Comprobación das subvencións

1. O órgano concedente comprobará a adecuada xustificación da subvención, así como a realización da actuación e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención. O beneficiario estará obrigado a colaborar no labor de control, proporcionando os datos requiridos.

2. Será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 28. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas, físicas e xurídicas, beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 29. Principios de xestión

A xestión deste procedemento realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

c) Eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos.

Artigo 30. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto nas seguintes disposicións:

– Real decreto lexislativo 1/1996, do 12 de abril, polo que se aproba o texto refundido da Lei de propiedade intelectual, que regulariza, aclara e harmoniza as disposicións legais vixentes sobre a materia.

– Lei 17/2006, do 27 de decembro, do libro e da lectura de Galicia.

– Lei 10/2007, do 22 de xuño, da lectura, do libro e das bibliotecas.

– Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social.

– Lei 20/2013, do 9 de decembro, de garantía da unidade de mercado.

– Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno da Comunidade Autónoma.

E, suplementariamente:

– Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, reguladora dos requisitos de concesión e xustificación de subvencións concedidas na Administración do Estado. Nesta Lei recóllense artigos de carácter básico que resultan de aplicación á normativa desta comunidade autónoma e, consecuentemente, a esta orde de convocatoria.

– Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

– Lei 15/2007, do 3 de xullo, de defensa da competencia.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico das administracións públicas.

– Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

Artigo 31. Recursos

Contra os actos resolutivos, que esgotan a vía administrativa, o interesado poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde a recepción da notificación da resolución, ou potestativamente interpoñer, no prazo dun mes desde a recepción da resolución, recurso de reposición ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

Disposición adicional primeira. Base de datos nacional de subvencións e Rexistro Público de Axudas, Subvencións e Convenios

1. En cumprimento do disposto nos artigos 18 e 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do artigo 20 será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS), que operará como sistema nacional de publicidade de subvencións e axudas públicas. A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

A entidade outorgante das axudas consignará na BDNS, no prazo de 20 días hábiles a partir da concesión da axuda, a información sinalada no artigo 6.1 do Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15 de decembro de 2023, serie L).

2. As subvencións outorgadas ao abeiro desta orde figurarán no Rexistro Público de Axudas, Subvencións e Convenios. En todo caso, a presentación da solicitude implica que a persoa solicitante consente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no dito rexistro, feito que terá lugar, agás nos casos legalmente establecidos, de acordo co regulado no artigo 16.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional segunda. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude na persoa titular da Dirección Xeral de Cultura para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das axudas previstas nesta orde.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Cultura, para que dite, no ámbito das súas competencias, os actos e instrucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2026

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude
P.D. (Orde do 28.6.2024; DOG núm. 130, do 5 de xullo)
Elvira Mª Casal García
Secretaria xeral técnica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file