Unha vez examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación O Taller de César Lombera, con domicilio na estrada á igrexa de Abalo, número 1, en Catoira (Pontevedra), resultan os seguintes feitos e consideracións legais.
Feitos:
1. O 4 de febreiro de 2026, Carolina Lombera Rivero, fundadora e representante da entidade, presentou a solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.
2. A Fundación O Taller de César Lombera constituírona Carolina Lombera Rivero e César Lombera Rivero, mediante unha escritura pública outorgada o 30 de decembro de 2025, ante a notaria de Cambados María Elena Loira Pastoriza, co número de protocolo 1561.
3. A Fundación, consonte o artigo 6 dos seus estatutos, ten por obxecto:
• Catalogación e organización da obra de César Lombera. Realizar a catalogación, documentación e conservación da obra do artista, asegurando que todo o material estea ordenado e accesible para estudos futuros e exposicións.
• Conservación do patrimonio artístico: preservar e difundir o legado artístico no Taller de César Lombera.
• Divulgación da obra do artista (César Lombera): promover e difundir a obra do artista a través de exposicións, publicacións e medios dixitais, asegurando que o seu legado artístico sexa coñecido e apreciado polas xeracións futuras.
4. O padroado inicial da Fundación está formado por Carolina Lombera Rivero, como presidenta, César Lombera Rivero, como vicepresidente, e Uxía Pereiro Vaello, como secretaria.
5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes a proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación O Taller de César Lombera, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.
6. Na escritura de constitución constan a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.
7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo a proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
Consideracións legais:
1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece a competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.
2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.
3. Consonte o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, correspóndelle á Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.
De conformidade có exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 23 de xuño de 2026,
DISPOÑO:
Clasificar de interese cultural a Fundación O Taller de César Lombera, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse, no prazo de dous meses, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, consonte o artigo 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa; no prazo dun mes, previamente e con carácter potestativo, poderase interpor recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, de conformidade co artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2026
Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes
