Tanto o artigo 70 do Estatuto básico do empregado público (Lei 7/2007, do 12 de abril, texto refundido aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, BOE núm. 261, do 31 de outubro) como o artigo 48 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia (DOG núm. 82, do 4 de maio), establecen a oferta de emprego público como o instrumento de planificación das necesidades de recursos humanos no sector público.
A Lei 31/2022, do 23 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2023, recolle o seguinte no punto dous do artigo 20: «A oferta de emprego público articularase a través das seguintes taxas de reposición de efectivos: a) Nos sectores prioritarios a taxa será do 120 por cento e nos demais sectores, do 110 por cento». No punto 3 do mesmo artigo a lei sinala os sectores prioritarios para os efectos do cálculo da taxa de reposición: «I) Prazas dos corpos de catedráticos de universidade e de profesores titulares de universidade, de profesores contratados doutores de universidade regulados no artigo 52 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, e as prazas de persoal de administración e servizos das universidades, sempre que as administracións públicas de que dependan autoricen as correspondentes convocatorias».
O artigo 35 da Lei 4/2024, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, establece a oferta de emprego público ou outro instrumento similar de xestión da provisión de necesidades de persoal do Sistema universitario de Galicia:
Un. As universidades públicas integrantes do Sistema universitario de Galicia, respectando as dispoñibilidades orzamentarias do capítulo I dos correspondentes orzamentos de gastos, aplicarán a taxa de reposición máxima establecida na normativa básica ditada ao respecto e con suxeición aos límites e aos requisitos establecidos para os corpos de catedráticas e catedráticos de universidade e de profesores e profesoras titulares de universidade e mais ás prazas de persoal de administración e servizos.
As correspondentes ofertas de emprego público deberaas autorizar a Consellería de Facenda e Administración Pública, logo de acreditar que a oferta de emprego público das mencionadas prazas non afecta o cumprimento dos obxectivos de estabilidade orzamentaria establecidos para a correspondente universidade nin dos demais límites fixados na Lei orgánica 2/2012, do 27 de abril, de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira.
Dous. Dentro das contías máximas autorizadas no artigo 35 desta lei e de acordo co que dispón a normativa básica en materia de taxa de reposición de efectivos, as universidades do Sistema universitario de Galicia poderán proceder de xeito excepcional á contratación de persoal laboral temporal para cubrir necesidades docentes urxentes e inaprazables.
Neste marco, tendo en conta os postos de traballo vacantes da relación de postos de traballo (RPT) vixente, cómpre aprobar a oferta de emprego público para o ano 2025 e establecer os criterios en que debe enmarcarse, de conformidade co previsto no artigo 35 da Lei 4/2024, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, e no artigo 20 da Lei 31/2022, do 23 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2023.
O cálculo da taxa de reposición fíxose ao abeiro do disposto no artigo 20.3 da Lei 31/2022, do 23 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2023, aplicando a porcentaxe máxima. Resultou, polo tanto, unha taxa de reposición do 120 %.
Así as cousas, na oferta de emprego público xeral do ano 2025 pódense convocar 18 prazas pola quenda libre, das cales 4 prazas de posto base administrativo poden cubrirse por promoción interna (no caso de non facelo, tales prazas pasan á quenda libre). Outras dez prazas ofértanse pola quenda única de promoción interna.
O artigo 48 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, apunta os criterios xerais en que se enmarca a oferta de emprego público, sen prexuízo das especificidades que se poidan establecer nas convocatorias respectivas. Deste xeito, o obxectivo da planificación dos recursos humanos no ámbito do emprego público é contribuír á consecución da eficacia na prestación dos servizos públicos e da eficiencia na utilización dos recursos económicos dispoñibles, mediante a determinación dos efectivos precisos e a mellora da súa distribución, formación, promoción profesional e mobilidade.
A oferta de emprego público para 2025 da Universidade da Coruña (UDC) inclúe as necesidades de recursos humanos, con asignación orzamentaria, que se deben prover mediante a incorporación de persoal de novo ingreso, tendo en conta o número de xubilacións, excedencias, baixas definitivas e reingresos producidos durante o ano 2024. As prazas especifícanse no anexo I desta resolución. Tamén se recollen prazas de promoción interna para o persoal funcionario de carreira.
Pola súa banda, a oferta de promoción interna independente constitúe un plan de promoción para persoal funcionario que ten en conta a reserva de prazas que derivarían da aplicación da reserva legal e convencional correspondente.
O artigo 59 do texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, e o artigo 48 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, prevén a reserva dunha cota non inferior ao 7 % das prazas convocadas para seren cubertas por persoas con discapacidade, de maneira que cando menos o 2 % das prazas ofertadas o sexa para as ocuparen persoas que acrediten discapacidade intelectual e o resto das prazas ofertadas o sexa para as cubriren persoas que acrediten calquera outro tipo de discapacidade.
Considéranse persoas con discapacidade as definidas no número 2 do artigo 4 do Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social. Deben superar as probas selectivas e acreditar non só a súa discapacidade, senón tamén a compatibilidade desta co desempeño das tarefas e funcións da praza, de xeito que se alcance progresivamente o 2 % dos efectivos totais de cada Administración pública.
De conformidade con todo o exposto, e logo da negociación cos órganos de representación do persoal técnico, de xestión e de administración e servizos, emitida a preceptiva autorización pola Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, e conforme o Acordo do Consello de Goberno do 16 de decembro de 2025 e do Consello Social do 18 de decembro de 2025, polos que se aproba a oferta de emprego público de prazas de persoal funcionario técnico, de xestión e de administración e servizos para o ano 2025, a xerente da UDC, no uso das atribucións lle son conferidas no artigo 136 dos estatutos desta universidade, aprobados polo Decreto 94/2025, do 6 de outubro, polo que se aproban os estatutos da Universidade da Coruña (DOG núm. 207, do 27 de outubro), e na Resolución reitoral do 10 de xullo de 2024 pola que se establece a estrutura orgánica dos servizos centrais da UDC e as competencias dos seus órganos directivos,
RESOLVE:
Primeiro. Publicar a oferta de emprego público do persoal técnico, de xestión e de administración e servizos para o ano 2025, que se recolle nos anexos desta resolución.
Segundo. Determinar a oferta de emprego público.
O anexo I recolle as prazas vacantes con asignación orzamentaria que se ofertan para cubrir as necesidades de recursos humanos mediante a incorporación de persoal de novo ingreso con cargo ao 120 % da taxa de reposición de efectivos prevista para o ano 2025, xunto coa oferta de promoción interna, cuxas prazas que pasarán á quenda libre no caso de non cubrirse.
Esta oferta establece a promoción interna para o persoal funcionario prevista na Lei do emprego público de Galicia.
Terceiro. Acumulación de prazas correspondentes a ofertas de anos anteriores.
As prazas ofertadas de persoal funcionario relacionadas nos anexos desta oferta, xunto coas derivadas da oferta de emprego público correspondente ao ano 2024 que estean pendentes de convocar, poderán convocarse nun único proceso selectivo.
Cuarto. As convocatorias dos procesos selectivos e as súas bases publicaranse no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado para garantir a publicidade exixida no artigo 91.2 da Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario.
A Coruña, 1 de xullo de 2026
O reitor da Universidade da Coruña
P.D. (Resolución do 10.7.2024)
Mª Jesús Grela Barreiro
Xerente da Universidade da Coruña
ANEXO I
Prazas de acceso libre/promoción interna
|
Denominación |
Escala |
Subescala |
Subgrupo |
Nº de prazas de acceso libre |
Nº de prazas de promoción interna |
|
Auxiliar de servizos |
Técnica |
Auxiliar de servizos |
C2 |
6 |
|
|
Posto base-administrativo |
Xeral |
C1 |
10* |
4 |
|
|
Condutor/a |
Técnica |
Condutor |
C2 |
1 |
|
|
Técnico/a de laboratorio |
Técnica |
Física |
C1 |
1 |
|
|
Total de prazas de acceso libre/promoción interna |
18 |
||||
* Resérvanse 4 prazas para promoción interna. No caso de non cubrirse, pasan á quenda libre.
ANEXO II
Prazas de promoción interna
|
Denominación |
Subgrupo |
Promoción ao subgrupo |
Nº de prazas |
|
Escala xeral |
A2 |
A1 |
5 |
|
Escala xeral |
C1 |
A2 |
5 |
|
Total de prazas de promoción interna |
10 |
||
