DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 129 Luns, 13 de xullo de 2026 Páx. 39063

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

RESOLUCIÓN do 3 de xullo de 2026, da Dirección Xeral de Formación Profesional, pola que se ditan instrucións para o desenvolvemento das ensinanzas de formación profesional do sistema educativo no curso 2026/27.

Mediante a Lei orgánica 3/2022, do 31 de marzo, de ordenación e integración da formación profesional, establécese a ordenación dun sistema único e integrado de formación profesional que, servindo ao fortalecemento, á competitividade e á sostibilidade da economía, sexa capaz de responder con flexibilidade aos intereses, ás expectativas e ás aspiracións de cualificación profesional das persoas, e ás competencias polas novas necesidades produtivas e sectoriais, tanto para o aumento da produtividade como para a xeración de emprego.

O Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, desenvolve a ordenación do Sistema de formación profesional, establecido na Lei orgánica 3/2022.

No ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, no curso 2025/26 publicouse o Decreto 20/2026, do 9 de marzo, polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo de Galicia, que regula, entre outros aspectos, a organización das ensinanzas, as modalidades de impartición, o réxime xeral e intensivo para a realización da fase de formación na empresa, o desenvolvemento dos currículos, as ofertas, a avaliación, as validacións e exencións dos módulos profesionais, a obtención dos títulos de formación profesional e os demais elementos que integran o Sistema de formación profesional no ámbito educativo galego.

A implantación progresiva da nova ordenación da formación profesional derivada da Lei orgánica 3/2022, do 31 de marzo, levouse a cabo nos cursos académicos 2024/25 e 2025/26, coa incorporación do alumnado aos novos graos D e E.

Coa finalidade de regular os graos D e E, en canto non se aprobe a normativa que desenvolva a regulación das ensinanzas de formación profesional na Comunidade Autónoma de Galicia, no ano 2025 publicouse a Resolución do 1 de xullo de 2025, da Dirección Xeral de Formación Profesional, pola que se ditan instrucións sobre a ordenación e a organización dos graos D e E de formación profesional para o curso 2025/26.

A experiencia acumulada na implantación dos graos D e E en cursos previos permite confirmar que os aspectos principais da Resolución do 1 de xullo de 2025 son plenamente válidos para o curso 2026/27. Na disposición adicional primeira desta resolución amplíase a vixencia desta norma ao curso 2026/27.

Durante o curso académico 2025/26 habilitouse a posibilidade de que o alumnado que continuaba os seus estudos conforme os plans establecidos ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (LOE), puidese completar a súa formación de acordo coa organización académica prevista para estas ensinanzas en proceso de extinción.

Co fin de garantir a finalización dos itinerarios formativos iniciados baixo a ordenación anterior, durante o curso académico 2026/27 manteranse, con carácter excepcional e transitorio, determinadas medidas dirixidas ao alumnado que continúa os seus estudos conforme os devanditos plans, posibilitando a realización da formación en centros de traballo e a obtención do correspondente título nas condicións establecidas para estas ensinanzas.

A Orde do 12 de xullo de 2011 pola que se regulan o desenvolvemento, a avaliación e a acreditación académica do alumnado das ensinanzas de formación profesional inicial; a Orde do 13 de xullo de 2015 pola que se regulan as ensinanzas de formación profesional básica na Comunidade Autónoma de Galicia; a Orde do 9 de xuño de 2026 pola que se actualiza a oferta de formación profesional do sistema educativo en centros públicos da Comunidade Autónoma de Galicia para o curso académico 2026/27, cuxo anuncio foi publicado no Diario Oficial de Galicia mediante a Resolución do 27 de maio de 2026, así como a Orde do 4 de xuño de 2026 pola que se aproba o calendario escolar para o curso 2026/27 nos centros docentes sostidos con fondos públicos na Comunidade Autónoma de Galicia, constitúen o marco normativo de referencia para o desenvolvemento destas ensinanzas e autorizan a Dirección Xeral de Formación Profesional para ditar as disposicións precisas para a execución e o desenvolvemento desas ordes.

Coa finalidade de garantir unha aplicación homoxénea da normativa reguladora da formación profesional nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia e de facilitar a organización e o desenvolvemento do curso académico 2026/27, resulta necesario ditar instrucións sobre determinados aspectos organizativos, académicos e de avaliación.

En atribución das competencias establecidas no artigo 14.1 do Decreto 138/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, a Dirección Xeral de Formación Profesional

DISPÓN:

Sección 1ª. Aspectos xerais

Primeiro. Obxecto e ámbito de aplicación

Esta resolución ten por obxecto ditar instrucións para o desenvolvemento das ensinanzas de formación profesional do sistema educativo no curso académico 2026/27.

Será de aplicación nos centros docentes públicos e privados do ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia autorizados para impartir ensinanzas de formación profesional do sistema educativo.

Segundo. Renuncia, anulación e baixa de oficio de matrícula

1. A anulación e a baixa de matrícula rexeranse polo disposto nos artigos 7, 8, 9 e 10 da Orde do 12 de xullo de 2011 pola que se regulan o desenvolvemento, a avaliación e a acreditación académica do alumnado das ensinanzas de formación profesional inicial.

2. Para o disposto no artigo 9.1 da Orde do 12 de xullo de 2011, entenderase que o requirimento realizado polo centro ao alumnado se realiza a través do sistema de información Abalar ou da aplicación AbalarMobil. No caso de non estaren dispoñibles para o alumnado Abalar ou AbalarMobil, o requirimento realizarase a través do correo electrónico facilitado polo alumnado na solicitude de admisión ou matrícula. O centro deberá solicitar e dispor da confirmación de lectura do correo electrónico por parte do alumnado.

3. No caso do alumnado en idade de escolarización obrigatoria matriculado nun ciclo formativo de grao básico aplicarase soamente, e por petición do pai, da nai ou do/da titor/a legal:

a) A renuncia á matricula en caso de doenza prolongada de carácter físico ou psíquico do alumno ou da alumna, que lle impida a realización do ciclo formativo.

b) A anulación da matrícula na primeira semana de actividades lectivas do primeiro curso do ciclo formativo. A praza vacante será cuberta polo alumnado en listaxe de espera, ata completar a cota asignada ao grupo.

De lle ser concedida a renuncia ou a anulación de matrícula, o departamento territorial autorizará a súa incorporación ao curso que corresponda da educación secundaria obrigatoria para continuar os seus estudos.

4. Procederase á baixa de oficio cando un alumno ou unha alumna acumulen o número de faltas inxustificadas a que se fai referencia no artigo 10 da Orde do 12 de xullo de 2011.

a) Para tales efectos e con carácter previo, o centro enviará un apercibimento ao alumnado que acumule un número de faltas de asistencia inxustificadas superior a 10 días lectivos. Nel indicarase a obriga de asistencia e que se procederá á súa baixa de matrícula en caso de que as súas faltas inxustificadas de asistencia representen 15 días lectivos consecutivos ou 25 días lectivos descontinuos. En caso de que se produza a baixa, na secretaría do centro deberá quedar constancia do apercibimento e da comunicación da baixa.

A comunicación ao alumnado, ou ao pai, á nai ou á persoa que teña a titoría legal, de ser o caso, poderase realizar empregando medios electrónicos. No caso de optar por unha comunicación por medios electrónicos, empregarase obrigatoriamente o sistema de información Abalar ou a aplicación AbalarMobil.

b) Para o alumnado matriculado logo de iniciadas as actividades lectivas non se terán en consideración os días previos á formalización da matrícula.

c) No caso dos centros privados e públicos non dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, a persoa titular da dirección enviará ao director ou á directora do centro público a que estea adscrito os documentos coa constancia do apercibimento e da comunicación da baixa ao alumnado, para a súa resolución e para que sexa incluído no seu expediente.

d) Contra a resolución de baixa de oficio de matrícula, a persoa solicitante poderá presentar recurso de alzada perante o director ou a directora territorial no prazo máximo dun mes a partir da súa notificación. A devandita resolución esgotará a vía administrativa.

e) A solicitude de renuncia, de anulación ou de baixa de matrícula de alumnado menor de idade será asinada por calquera das persoas titulares da patria potestade ou representantes legais. No caso de separación ou divorcio, será necesaria a sinatura de ambos os proxenitores, agás nos supostos de alumnado afectado por situacións de violencia de xénero ou de que a patria potestade estea atribuída con carácter exclusivo a un deles. Nestes casos será necesario presentar, xunto co documento, a resolución xudicial correspondente, para o seu cotexo polo centro educativo.

Terceiro. Renuncia á avaliación nalgunha convocatoria nos ciclos formativos de grao básico

O alumnado dos ciclos formativos de grao básico ou, de ser o caso, os/as seus/súas pais/nais ou titores/as legais poderán renunciar á avaliación e á cualificación, nalgunha das convocatorias establecidas en cada curso académico, da totalidade dos módulos profesionais do ciclo en que se formalizase a matrícula, sempre que non se estea en idade de escolarización obrigatoria no momento de presentar a solicitude de renuncia e se dea algunha das circunstancias establecidas no artigo 7 da Orde do 12 de xullo de 2011 para a renuncia á matrícula. O procedemento de solicitude de renuncia á convocatoria será o mesmo que para a renuncia á matrícula, establecido no artigo 8 da Orde do 12 de xullo de 2011, tendo en conta que o prazo establecido para a presentación da solicitude se entenderá cunha antelación mínima de dous meses á avaliación final en que teña efecto a convocatoria. A renuncia á convocatoria reflectirase nas actas das avaliacións finais coas iniciais RC (renuncia á convocatoria).

Cuarto. Perda do dereito á avaliación continua

1. Conforme se determina no artigo 25 da Orde do 12 de xullo de 2011, o número de faltas que implica a perda do dereito á avaliación continua nun determinado módulo será do 10 % respecto da súa duración total. Para os efectos do cálculo desta porcentaxe nos módulos profesionais de segundo curso, teranse en conta exclusivamente as horas de formación desenvolvidas no centro educativo.

Para determinar a perda do dereito á avaliación continua, o profesorado valorará as circunstancias persoais e laborais do alumno ou da alumna na xustificación desas faltas, cuxa aceptación será acorde co establecido nas correspondentes normas de organización, funcionamento e convivencia.

Para tales efectos e con carácter previo, o centro enviará un apercibimento ao alumno ou á alumna, ou ao pai, á nai ou á persoa que teña a titoría legal, de ser o caso, cando as faltas de asistencia inxustificadas nun determinado módulo superen o 6 % respecto da súa duración total. Nel indicarase que perderá o dereito á avaliación continua no módulo de acumular un 10 % de faltas de asistencia inxustificadas, con respecto á súa duración total. Cando as faltas de asistencia alcancen a citada porcentaxe comunicarase a perda do dereito á avaliación continua. En caso de que se produza a perda deste dereito, na secretaría do centro deberá quedar constancia do apercibimento e da comunicación da perda do dereito á avaliación continua.

A comunicación ao alumnado, ou ao pai, á nai ou á persoa que teña a titoría legal, de ser o caso, poderase realizar empregando medios electrónicos. No caso de optar por unha comunicación por medios electrónicos, empregarase obrigatoriamente o sistema de información Abalar ou a aplicación AbalarMobil.

2. Para o alumnado matriculado logo de iniciadas as actividades lectivas, non se terán en consideración as sesións previas á formalización da matrícula.

3. O alumnado que perda o dereito á avaliación continua nun determinado módulo profesional terá dereito á realización dunha proba extraordinaria, de acordo co establecido no artigo 25.5 da Orde do 12 de xullo de 2011.

Para o alumnado que perdese o dereito á avaliación continua nun determinado módulo de segundo curso da oferta ordinaria realizado ao abeiro da Lei orgánica 3/2022, do 31 de marzo, de ordenación e integración da formación profesional (LOOIFP), realizarase unha proba extraordinaria antes da segunda avaliación parcial e a cualificación obtida reflectirase na correspondente sesión de avaliación.

4. Segundo o artigo 20.5 da Orde do 13 de xullo de 2015 pola que se regulan as ensinanzas de formación profesional básica na Comunidade Autónoma de Galicia, así como o acceso e a admisión a estas ensinanzas, a perda do dereito á avaliación continua nun determinado módulo non lle será de aplicación ao alumnado de ciclos formativos de grao básico en idade de escolarización obrigatoria.

5. A perda do dereito a avaliación continua non lle será de aplicación ao alumnado de cursos de especialización.

Quinto. Validacións

1. A validación de módulos profesionais entre formacións do Sistema de formación profesional e formacións propias de regulacións previas a este rexerase polo sinalado no artigo 127 do Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, que desenvolve a ordenación do Sistema de formación profesional.

a) Para os títulos establecidos con anterioridade ao 5 de marzo de 2017, será de aplicación o disposto no Real decreto 1085/2020, do 9 de decembro, polo que se establecen validacións de módulos profesionais dos títulos de formación profesional do sistema educativo español e as medidas para a súa aplicación, e se modifica o Real decreto 1147/2011, do 29 de xullo, polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo.

b) Para os títulos establecidos con posterioridade ao 5 de marzo de 2017, será de aplicación o disposto no anexo IV de cada un dos respectivos reais decretos e, complementariamente, o Real decreto 1085/2020, do 9 de decembro.

2. Serán susceptibles de validación mediante unidades de competencia ou estándares de competencia profesionais os módulos profesionais dos graos D e E.

– A validación mediante a acreditación de unidades de competencia ou estándares de competencias profesionais adquiridos a través da experiencia laboral ou outras vías non formais e informais aterase, se procede, ao establecido no artigo 128 do Real decreto 659/2023, do 18 de xullo. Para iso, serán de aplicación as táboas de «correspondencia entre unidades de competencia acreditadas cos módulos profesionais para a súa validación», recollidas nos anexos correspondentes dos títulos que regulan as devanditas ensinanzas. Para estes efectos, se na mesma cela aparecesen dúas ou máis unidades de competencia acreditadas, deberase entender que para a validación cumprirá posuír todas elas de maneira simultánea. A data da acreditación das unidades de competencia debe ser anterior á formalización da matrícula. Non é posible a validación de módulos achegando unidades de competencia obtidas pola superación de módulos profesionais do sistema educativo. Neste caso, aplicarase a validación de módulos que corresponda.

– A acreditación de unidades de competencia demostradas a través de ofertas formativas autorizadas pola Administración laboral debe ser xustificada por medio dos documentos recollidos no anexo II do Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, polo que se regulan os certificados de profesionalidade, modificado polo Real decreto 1675/2010, do 10 de decembro, e polo Real decreto 189/2013, do 15 de marzo, e non resultan suficientes para tal fin outras certificacións públicas nin privadas.

3. Tendo en conta as actualizacións nas denominacións das unidades de competencia e/ou dos módulos profesionais, en caso de discrepancia prevalecerá a codificación fronte á denominación.

4. Segundo o artigo 3 do Real decreto 1085/2020, recollerase nos documentos académicos cada módulo profesional validado, para os efectos de cálculo da nota media do ciclo formativo de formación profesional, coa cualificación obtida pola persoa solicitante no módulo profesional cursado que conste na documentación académica correspondente.

Nos casos en que a validación exixa considerar máis dun módulo profesional, a cualificación final será o resultado do cálculo da media aritmética das cualificacións obtidas nos devanditos módulos, e será unicamente de aplicación cando se acheguen módulos profesionais de formación profesional do sistema educativo.

Se a persoa achega como formación previa algún módulo con cualificación numérica e algún outro módulo sen cualificación, por ser previamente validado, en aplicación do artigo 3.8 do Real decreto 1085/2020, non é posible conceder a validación.

Nos casos en que cumpra presentar a superación dun ciclo completo para a validación dalgún módulo, de non existir ningún módulo validado nese ciclo, a cualificación será a nota media do ciclo formativo, e de existir algún módulo validado, por non ser de aplicación o establecido no artigo 3.8 do Real decreto 1085/2020, a cualificación será a nota media do resto dos módulos con cualificación.

Cando sexa preciso realizar o cálculo da media aritmética das cualificacións, arredondarase ao número enteiro inmediatamente inferior, se o primeiro díxito decimal está abranguido entre 1 e 4, e ao número enteiro inmediatamente superior, se o primeiro díxito decimal está abranguido entre 5 e 9.

5. Validacións dos ámbitos dos ciclos de grao básico cos ámbitos da educación secundaria obrigatoria para persoas adultas.

5.1. As persoas que superasen o ámbito de Comunicación e o ámbito Social ou o ámbito Científico-tecnolóxico dos módulos 3 ou 4 da educación secundaria obrigatoria para persoas adultas poderán solicitar as seguintes validacións:

a) Se superaron o ámbito de Comunicación e o ámbito Social do módulo 3 de educación secundaria obrigatoria para persoas adultas, poderase validar o ámbito de Comunicación e ciencias sociais I dos ciclos de grao básico.

b) Se se superou o ámbito Científico-tecnolóxico do módulo 3 de educación secundaria obrigatoria para persoas adultas, poderase validar o ámbito de Ciencias aplicadas I dos ciclos de grao básico.

c) Se se superaron o ámbito de Comunicación e o ámbito Social do módulo 4 de educación secundaria obrigatoria para persoas adultas, poderase validar o ámbito de Comunicación e ciencias sociais II dos ciclos de grao básico.

d) Se se superou o ámbito Científico-tecnolóxico do módulo 4 de educación secundaria obrigatoria para persoas adultas poderase validar o ámbito de Ciencias aplicadas II dos ciclos de grao básico.

5.2. As solicitudes de validación serán resoltas pola persoa titular da Dirección Xeral de Formación Profesional.

6. Segundo o artigo 9 do Real decreto 1085/2020, do 9 de decembro, as solicitudes de validacións serán resoltas polo Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes nos seguintes supostos:

a) Achega de estudos universitarios oficiais para solicitar a validación de módulos profesionais incluídos nos títulos de formación profesional regulados ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, ou da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, agás o módulo profesional de Lingua estranxeira, que o centro educativo resolverá segundo o establecido no artigo 3.7 do Real decreto 1085/2020, do 9 de decembro.

b) Achega de títulos de formación profesional e módulos experimentais de nivel II ou nivel III, regulados ao abeiro da Lei 14/1970, do 4 de agosto, agás o módulo profesional de Lingua estranxeira, que o centro educativo resolverá segundo o establecido no artigo 3.7 do Real decreto 1085/2020, do 9 de decembro.

c) Achega de títulos regulados ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, para solicitar a validación de módulos profesionais incluídos nos títulos regulados ao abeiro da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, agás o módulo profesional de Formación e orientación laboral de títulos de grao medio da Lei orgánica 1/1990, cando se achegue calquera módulo de Formación e orientación laboral da Lei orgánica 2/2006, que resolverá o centro educativo, segundo se establece na disposición transitoria segunda do Real decreto 1085/2020, do 9 de decembro.

Para solicitar a validación destes módulos profesionais, o alumnado deberá presentar unha única solicitude no modelo establecido no anexo V do Real decreto 1085/2020, do 9 de decembro, e indicar de xeito expreso o código e a denominación exacta do módulo ou dos módulos profesionais para os cales solicita as validacións. Xunto co anexo V presentará a certificación académica oficial en que conste a cualificación obtida nas materias ou nos módulos profesionais cursados.

No caso de que a persoa solicitante pida unha validación de módulos profesionais con estudos universitarios cursados, deberá achegar, ademais:

a) Copias dos programas oficiais das materias cursadas, debidamente seladas polo centro universitario correspondente.

b) Certificación da universidade na cal conste que os programas que se xuntan son os realmente cursados e superados polo alumno ou a alumna.

Segundo o artigo 5 do Real decreto 1085/2020, do 9 de decembro, o prazo de presentación iniciarase o día que dea comezo o curso escolar e rematará o derradeiro día do devandito curso, aínda que terán preferencia para a súa resolución os expedientes presentados ata a finalización do mes de outubro. Soamente se poderá presentar unha única solicitude por curso académico.

O centro educativo tramitará as solicitudes de validación e a documentación achegada pola persoa solicitante a través da sede electrónica do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes (https://sede.educacion.gob.es/portada.html), logo da súa revisión e verificación.

Así mesmo, a persoa solicitante, logo do rexistro dos seus datos persoais na sede electrónica, poderá descargar a resolución. Mentres a persoa solicitante non teña a resolución non estará exenta da asistencia ás clases e da súa presentación ás avaliacións correspondentes.

7. A resolución da validación de módulos profesionais distintos aos recollidos nos dous puntos anteriores será competencia da dirección do centro educativo público onde conste o expediente académico da persoa solicitante.

O procedemento para realizar a validación destes módulos profesionais será o establecido no artigo 41 da Orde do 12 de xullo de 2011. O alumnado poderá solicitar as validacións nos primeiros vinte (20) días desde o inicio das clases, utilizando o modelo de solicitude do anexo XIV desta orde.

8. En aplicación dos artigos 21 e 24 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e da disposición adicional vixésimo novena da Lei 14/2000, do 29 de decembro, de medidas fiscais, administrativas e da orde social, o vencemento do prazo máximo de seis meses sen que se notificase resolución expresa entenderase como desestimación por silencio administrativo.

9. Contra a resolución de validación, a persoa solicitante poderá presentar recurso de alzada, no prazo máximo dun mes a partir da súa notificación, perante a persoa titular:

a) Do departamento territorial de cada provincia, para as validacións que sexan competencia da persoa titular da dirección do centro.

b) Da Secretaría Xeral de Formación Profesional do Ministerio de Educación e Formación Profesional e Deportes, para as validacións que sexan resoltas por este ministerio.

c) Da Consellería de Educación, Ciencia, Formación Profesional e Universidades, para as validacións que sexan resoltas pola persoa titular da Dirección Xeral de Formación Profesional da mesma consellería.

A resolución do recurso de alzada esgotará a vía administrativa.

10. Para os efectos de formalización de matrícula na oferta ordinaria no curso que corresponda, os módulos que sexan validables pola dirección do centro teranse en conta como superados para determinar o cumprimento dos criterios de promoción.

No caso da oferta modular, estes módulos non se considerarán para os efectos de compatibilidade e carga horaria a que se fai referencia no artigo 5.1 da Orde do 12 de xullo de 2011.

Así mesmo, no caso da matrícula simultánea de ensinanzas, estes módulos non se considerarán para os efectos de compatibilidade a que se fai referencia no artigo 6.1 da Orde do 12 de xullo de 2011.

Os centros educativos resolverán as solicitudes de validacións de módulos do alumnado que estea afectado por algún dos casos anteriores, con carácter previo á toma de decisións do cumprimento do criterio de promoción, de compatibilidade e carga horaria, e de matrícula simultánea de ensinanzas.

11. Os módulos profesionais que teñan os mesmos códigos e iguais denominacións, capacidades terminais ou resultados de aprendizaxe, contidos e duración serán considerados idénticos, independentemente do ciclo formativo a que pertenzan. Trasladaranse as cualificacións obtidas nos módulos profesionais superados a calquera dos ciclos en que os devanditos módulos estean incluídos.

12. O alumnado que, logo de resoltas as solicitudes de validación, ou que, logo do traslado da cualificación obtida nun módulo profesional superado noutro ciclo formativo en que este estea incluído, cumpra os requisitos para a realización da fase de formación na empresa ou organismo equiparado poderá incorporarse á fase de formación na empresa ou organismo equiparado nos períodos establecidos na disposición décimo novena desta resolución.

Sexto. Exención do período de formación na empresa ou organismo equiparado

1. Poderán quedar exentas, total ou parcialmente, da fase de formación na empresa ou organismo equiparado as persoas matriculadas en graos D e E que acrediten unha experiencia laboral relacionada coa formación cursada, correspondente a un ano completo, ou o seu equivalente, no caso dos ciclos formativos, ou a un período de seis meses, ou o seu equivalente, no caso dos cursos de especialización. No caso de contratos a tempo parcial, os períodos de actividade laboral acreditados deberán equivaler aos indicados para unha xornada a tempo completo.

2. A exención da fase de formación na empresa poderá ser total ou parcial, atendendo ás tarefas profesionais desempeñadas pola persoa en formación e ao seu grao de coincidencia cos resultados de aprendizaxe asignados ao período en empresa ou organismo equiparado.

3. A exención do período de formación na empresa ou organismo equiparado realizarase unicamente co alumnado que realice a súa formación polo réxime xeral.

4. A xustificación da experiencia laboral realizarase de conformidade co establecido no número 3 do artigo 177 do Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, polo que se desenvolve a ordenación do Sistema de formación profesional.

5. A solicitude de exención presentarase no centro educativo onde a persoa estea matriculada.

6. Segundo o punto dous do artigo sexto do Real decreto 500/2024, do 21 de maio, polo que se modifican determinados reais decretos polos que se establecen títulos de formación profesional de grao superior e se fixan as súas ensinanzas mínimas, quedan exceptuados da posible exención do período de formación ou organismo equiparado os ciclos formativos de grao superior (graos D) da familia profesional de Sanidade: Audioloxía Protésica, Próteses Dentais, Ortopróteses e Produtos de Apoio, Anatomía Patolóxica e Citodiagnóstico, Documentación e Administración Sanitarias, Hixiene Bucodental, Imaxe para o Diagnóstico e Medicina Nuclear, Laboratorio Clínico e Biomédico, e Radioterapia e Dosimetría.

7. Con independencia do establecido na disposición oitava desta resolución, o alumnado que, logo de resolta a exención do período de formación na empresa ou organismo equiparado, superase a totalidade da formación desenvolvida no centro educativo poderá anticipar a proposta de título.

Sétimo. Titoría de ciclos

1. Cada grupo de alumnos e alumnas dun ciclo formativo terá un profesor ou unha profesora que desempeñe a titoría, que pertencerá ao equipo que imparta docencia en cada curso académico. No caso da oferta modular, entenderase que o alumnado matriculado en módulos do mesmo ciclo formativo constitúe un único grupo.

2. Segundo o número 5 do punto terceiro da Resolución do 16 de xuño de 2026, conxunta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, da Dirección Xeral de Innovación e Ordenación Educativa e da Dirección Xeral de Formación Profesional, pola que se ditan instrucións sobre a xornada semanal do persoal docente no curso 2026/27, a persoa que exerza a titoría disporá dunha sesión para o desempeño destas funcións que contará na parte lectiva do seu horario. Atendendo ás necesidades específicas destas ensinanzas, os centros, no marco da súa autonomía, poderán realizar asignacións de horas complementarias fixas para esta tarefa.

Oitavo. Períodos para a realización de propostas de títulos

Con carácter xeral, as propostas de títulos para o alumnado que rematase as ensinanzas de formación profesional realizaranse tres veces por ano: en decembro-xaneiro, en febreiro-marzo e en xuño.

Noveno. Matrícula de honra en ciclos formativos

Consonte o establecido no artigo 26.4 da Orde do 12 de xullo de 2011, os alumnos e as alumnas que obteñan unha nota final do ciclo formativo igual ou superior a nove puntos poderán recibir a mención de matrícula de honra. A obtención da mención de matrícula de honra será consignada nos documentos de avaliación do alumno ou da alumna.

O número de matrículas de honra que se poderán conceder en cada centro por grupo de alumnos/as matriculados/as con opción a titular nun determinado título profesional de formación profesional no curso académico será como máximo de dúas. Non obstante, no caso de que o número de alumnos e alumnas matriculados/as con opción a titular no grupo sexa inferior a vinte, só se poderá conceder unha matrícula de honra. No caso de que o número de alumnos/as que cumpran o requisito para acceder á matrícula de honra nun título profesional sexa superior ao número máximo de matrículas de honra que se pode conceder segundo o criterio establecido neste parágrafo, a concesión realizarase coa nota media do título, ordenado de maior a menor nota.

Para estes efectos, e dado que o alumnado pode titular en diferentes períodos do curso académico, a mención de matrícula de honra só poderá realizarse no mes de xuño, logo de realizada a avaliación final de módulos correspondente. No caso de que o alumnado beneficiario rematase o ciclo formativo noutro mes do curso, a mención de matrícula de honra será consignada cunha dilixencia nos documentos de avaliación do alumno ou da alumna.

Décimo. Solicitude de convocatoria extraordinaria

1. O alumnado que esgotase as convocatorias a que tiña dereito poderá solicitar a autorización dunha única convocatoria extraordinaria para poder rematar os seus estudos, de acordo co procedemento e nas condicións que se establecen nos artigos 11 e 12 da Orde do 12 de xullo de 2011.

No caso dos centros privados e públicos non dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, a dirección dará traslado das solicitudes ao centro público a que estea adscrito no prazo máximo de cinco días hábiles.

O alumnado que solicite convocatoria extraordinaria proveniente dun centro de fóra da Comunidade Autónoma de Galicia deberá presentar un informe do centro educativo onde estivese matriculado sobre a conveniencia desa convocatoria extraordinaria.

2. O prazo de presentación de solicitudes de convocatoria extraordinaria abranguerá desde o 15 de xuño ata o 15 de setembro de 2026, de acordo co establecido no artigo 12.5 da citada Orde do 12 de xullo de 2011. No caso do alumnado que teña pendente exclusivamente a fase de formación na empresa ou organismo equiparado, a solicitude poderá presentarse en calquera momento do curso académico co fin de formalizar a matrícula para a súa realización nos períodos ordinarios ou extraordinarios previstos na disposición décimo novena nesta resolución.

3. De acordo co artigo 12.4 da citada Orde do 12 de xullo de 2011, logo de concedida a convocatoria extraordinaria, o alumno ou a alumna deberán formalizar a matrícula no ciclo formativo dun centro educativo que teña a condición de liberado para rematar os seus estudos.

Décimo primeiro. Docencia e materiais didácticos utilizados na modalidade de formación profesional a distancia e semipresencial

Tal como se recolle no artigo 12 da Orde do 5 de novembro de 2010 pola que se establece, con carácter experimental, a ordenación da formación profesional inicial polo réxime para as persoas adultas na modalidade a distancia e semipresencial, a docencia inclúe unha parte presencial no centro educativo cunha duración de entre o 25 % e o 100 % das horas semanais establecidas para cada módulo profesional. Os centros educativos adecuarán a duración desta formación para atender as necesidades do alumnado matriculado.

O profesorado encargado da docencia dos módulos profesionais na modalidade de formación profesional a distancia e semipresencial deberá empregar o material didáctico que garanta a adquisición das competencias, os resultados de aprendizaxe e os contidos establecidos no currículo de cada título. Nese material deben estar recollidos os cambios normativos ou tecnolóxicos que se produzan.

Por tanto, o profesorado dos centros públicos poderá empregar os materiais que estean dispoñibles na plataforma de formación profesional a distancia da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, xunto con outros de apoio ou complementarios.

Sección 2ª. Horario

Décimo segundo. Horario das ensinanzas de formación profesional

1. Os centros que, polas súas características específicas ou polas características da oferta de formación profesional que impartan, precisen unha modalidade horaria especial poderán ser autorizados polo departamento territorial correspondente, logo de informe do Servizo Territorial de Inspección Educativa, respectando, en todo caso, a distribución por curso e o número de horas totais dos módulos e dos ámbitos ou bloques formativos da oferta correspondente.

2. A Dirección Xeral de Formación Profesional poderá autorizar outras modalidades horarias diferentes adecuadas ás singulares características de colectivos concretos.

3. Os centros integrados de formación profesional, dentro do marco da autonomía organizativa, pedagóxica e de xestión recollida no artigo 41 do Decreto 77/2011, do 7 de abril, presentarán para cada curso académico unha proposta de desenvolvemento das actividades do centro, de conformidade co artigo 2 da Orde do 29 de xullo de 2011, en que se recollerán as actividades formativas e todas as accións que proxecte desenvolver. O centro destinará horas complementarias fixas do profesorado a funcións ou accións inherentes á tipoloxía propia dos centros integrados de formación profesional.

4. Para os efectos dunha mellor organización dos centros educativos, optimización dos recursos humanos e configuración dos horarios do persoal docente, na elaboración dos horarios, as direccións dos centros poderán agrupar varios módulos ou accións formativas para seren impartidos polo mesmo profesor ou a mesma profesora.

5. Os centros que conten cunha elevada oferta educativa de formación profesional disporán de autonomía para realizar asignacións horarias aos/ás docentes que permitan atender ás necesidades específicas vinculadas ao desenvolvemento da fase de formación na empresa. A asignación realizarase de xeito proporcional á cantidade de alumnado de que dispoña cada familia profesional, favorecendo a relación entre centro educativo e centro de traballo, e asegurando que se poida atender adecuadamente e con garantías o conxunto do alumnado.

6. Coa finalidade de que se poida verificar o cumprimento do horario mínimo establecido para cada módulo ou ámbito de cada ciclo ou curso de especialización, así como a súa programación, a dirección do centro remitiralle ao Servizo Territorial de Inspección Educativa, antes do inicio das actividades lectivas, un calendario en que vaian especificados os días lectivos de formación no centro educativo, xunto co horario semanal do grupo, de conformidade co artigo 4 da Orde do 4 de xuño de 2026 pola que se aproba o calendario escolar para o curso 2026/27 nos centros docentes sostidos con fondos públicos na Comunidade Autónoma de Galicia.

Décimo terceiro. Horario do profesorado de centros públicos

1. Cando as características horarias dos módulos ou dos ámbitos para os que o profesorado de cada departamento teña atribución docente non permitan completar, na asignación inicial de módulos ou ámbitos, o horario lectivo legalmente establecido, as horas que falten deberanse dedicar a outras actividades lectivas, segundo as indicacións do director ou a directora do centro, tales como realización da titoría da formación na empresa ou organismo equiparado ou da titoría do módulo de Formación en centros de traballo (LOXSE), e tamén dos módulos Proxecto intermodular, Proxecto intermodular de aprendizaxe colaborativa ou Proxecto (LOXSE), e/ou colaboración na súa coordinación e no seu desenvolvemento, impartición de módulos, ámbitos ou materias afíns doutros departamentos, actividades de reforzo ou recuperación do alumnado do propio departamento, apoio á docencia noutros niveis, participación nalgún proxecto docente ou complementario incluído na programación xeral do centro, e ademais, no caso do profesorado dos centros integrados de formación profesional, as actividades formativas e as accións que se encadren dentro do seu ámbito de competencias.

2. Co fin de garantir unha adecuada atención educativa ao alumnado dos ciclos formativos de grao básico, de acordo co número 2 da disposición adicional terceira do Decreto 20/2026, do 9 de marzo, na impartición dos ciclos formativos de grao básico terá prioridade o profesorado que conte con maior preparación específica ou experiencia previa neste grao.

Na elaboración dos horarios e na asignación das ensinanzas, as direccións dos centros terán en conta as necesidades específicas de apoio, reforzo, recuperación e acompañamento educativo do alumnado de ciclos de grao básico, asignando profesorado con horario lectivo dispoñible tanto ao longo de todo o curso como especialmente durante a fase de formación na empresa ou organismo equiparado.

3. De igual xeito, as direccións dos centros educativos velarán para que, de ser preciso, este profesorado realice tarefas de apoio e reforzo educativo nos ciclos de grao medio e de grao superior.

4. Coa finalidade de lles dar continuidade aos proxectos de investigación ou de innovación aplicada ou de innovación didáctica ou metodolóxica que teñan un período de execución de máis dun curso académico e que estean vinculados a impartir en determinados módulos profesionais, ámbitos ou proxecto, o profesorado que continúe destinado no centro e que os viña impartindo terá prioridade para seguir impartindo o módulo, ámbito ou proxecto ata a súa finalización, de conformidade co establecido no número 1 da disposición adicional terceira do Decreto 20/2026, do 9 de marzo.

5. Mentres alumnado estea a realizar a formación na empresa ou organismo equiparado, ou o módulo profesional de Formación en centros de traballo (LOXSE), o xefe ou a xefa de estudos, co apoio da persoa responsable da titoría do ciclo formativo e da xefatura do departamento, elaborarán o novo horario do profesorado que quede coas horas vacantes, e darallo a coñecer ao profesorado e, de ser o caso, aos pais ou ás nais, ou a quen exerza a titoría legal. Durante este período, o profesorado con atribución docente no ciclo ou no módulo realizará, entre outras, algunha das seguintes actividades:

a) Impartición e avaliación de actividades de recuperación ao alumnado que teña pendente de superar algún módulo profesional ou ámbito. Para tal fin, a persoa responsable da xefatura de estudos, co apoio do titor ou a titora do ciclo formativo, elaborarán o novo horario do profesorado que resulte con horas vacantes.

b) Apoio á titoría de ciclos formativos, á procura activa de postos formativos nas empresas ou organismos equiparados, á coordinación e ao seguimento da fase de formación na empresa e do módulo de Formación en centros de traballo (LOXSE), e tamén dos módulos Proxecto intermodular, Proxecto intermodular de aprendizaxe colaborativa ou Proxecto (LOXSE).

c) Apoio nos módulos ou ámbitos con alumnado repetidor, pertencente a ciclos formativos da mesma familia profesional para os cales se teña atribución docente, segundo figura nos decretos que regulan os correspondentes currículos.

d) Apoio á titoría e á impartición de ciclos formativos ou cursos de especialización desenvolvidos polo réxime intensivo nos proxectos específicos de formación profesional dual da oferta modular.

e) Apoio á coordinación e á impartición de ciclos formativos plurilingües.

f) Realización de accións de desenvolvemento do emprendemento ou, de ser o caso, apoio aos viveiros de empresas dos centros educativos.

g) Realización de accións de desenvolvemento de proxectos de innovación tecnolóxica, científica ou didáctica no ámbito da formación profesional.

h) Impartición de actividades de formación profesional para o emprego, en caso de estaren autorizadas no centro educativo.

i) Realización de operacións programadas polo departamento para a mellora dos equipamentos e das instalacións onde se imparta o ciclo formativo.

j) Participación nas actividades de actualización e formación que convoque a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.

k) Impartición de actividades formativas e accións que se desenvolvan nos centros educativos.

l) Realización de accións de orientación, asesoramento, avaliación e certificación no procedemento de acreditación das competencias profesionais adquiridas por experiencia laboral ou vías non formais ou informais.

m) Outras que a dirección do centro lle encomende, dentro do seu ámbito de competencias.

A proposta do novo horario enviarase, para a súa aprobación definitiva, ao correspondente Servizo Territorial de Inspección Educativa no prazo de cinco días, logo de finalizada a sesión de avaliación previa á realización do módulo de Formación en centros de traballo ou da fase de formación na empresa.

6. Así mesmo, o xefe ou a xefa de estudos, co apoio da persoa responsable da titoría do ciclo formativo e da xefatura do departamento, poderán adaptar o horario do profesorado que quede coas horas vacantes logo de realizada a terceira avaliación parcial de módulos para o período a que se refire o artigo 29.2 da Orde do 12 de xullo de 2011, para realizar, entre outras, as actividades que se describen nas epígrafes anteriores. Tal adaptación non poderá supor variación do número global de horas semanais de permanencia no centro previsto no horario lectivo do profesorado.

7. Logo de cumprido o horario mínimo establecido para cada ensinanza, e antes da data de finalización do curso escolar establecida na Orde do 4 de xuño de 2026 pola que se aproba o calendario escolar para o curso 2026/27 nos centros docentes sostidos con fondos públicos na Comunidade Autónoma de Galicia, o profesorado poderá participar en horario lectivo nas actividades de formación e actualización do profesorado que programe a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.

Sección 3ª. Desenvolvemento de módulos específicos

Décimo cuarto. Módulo de Proxecto intermodular de aprendizaxe colaborativa

1. O módulo de Proxecto intermodular de aprendizaxe colaborativa, nos ciclos de grao básico, desenvolverase mediante metodoloxías baseadas en retos e aprendizaxe colaborativa. Cada equipo docente do ciclo deseñará un ou varios retos relacionados co perfil profesional do ciclo, que simulen situacións reais do sector produtivo, para que sexan abordados de forma colectiva polo conxunto de alumnado do ciclo.

2. O equipo docente determinará o momento en que deba iniciarse o proxecto, que se realizará principalmente de xeito simultáneo coa formación no centro educativo, aínda que polas particularidades do proxecto poderá estenderse á fase de formación na empresa.

3. Os proxectos que desenvolvan os alumnos e as alumnas serán coordinados polo profesorado con atribución docente neste módulo, preferentemente o que estea a impartir docencia no segundo curso do ciclo formativo.

4. A avaliación realizarase de xeito individual para cada alumno ou alumna tendo en conta a súa participación e a súa implicación no desenvolvemento do proxecto, e tamén os resultados de aprendizaxe e os criterios de avaliación que se indican nos currículos correspondentes.

5. O profesor ou a profesora responsables do módulo encargaranse de asinar as actas da sesión de finais de módulos coas cualificacións obtidas por cada alumno ou alumna, de acordo coa valoración efectuada polo equipo docente.

Décimo quinto. Módulo profesional de Proxecto intermodular

1. O módulo profesional de Proxecto intermodular, nos ciclos de grao medio e de grao superior, terá por finalidade a integración efectiva dos aspectos máis salientables das competencias profesionais, persoais e sociais características do título que se abordasen no resto dos módulos profesionais, xunto con aspectos relativos ao exercicio profesional e á xestión empresarial.

Esta integración concretarase nun proxecto de carácter globalizador que considere as variables tecnolóxicas e organizativas relacionadas co título. Definirase consonte as características da actividade laboral do ámbito do ciclo formativo e con aspectos relativos ao exercicio profesional e á xestión empresarial.

2. Desenvolverase, coincidindo coa realización da fase de formación na empresa ou organismo equiparado, e avaliarase logo de finalizada esta formación, co obxecto de posibilitar a incorporación das competencias adquiridas nela. O aprazamento da fase de formación na empresa ou organismo equiparado implicará tamén o aprazamento do módulo profesional de Proxecto intermodular.

3. O desenvolvemento do módulo organizarase sobre a base da titoría individual e colectiva:

a) A titoría colectiva implicará a participación da totalidade do equipo docente do ciclo formativo nas actividades de programación, seguimento e avaliación previstas para este módulo.

b) A titoría individual correrá a cargo dun/dunha único/a profesor ou profesora, integrante do equipo docente do ciclo, con carácter xeral o titor ou a titora do ciclo formativo, que actuará como titor ou titora para todo o alumnado que estea en disposición de cursar este módulo, así como de coordinador ou coordinadora das funcións do equipo docente en relación con el.

4. A programación para o módulo profesional Proxecto intermodular consistirá nun documento de especificacións sobre as características e o alcance do traballo que se vaia realizar, que, en todo caso, deberá tomar como referencia un proceso produtivo real ou simulado específico do campo profesional de que se trate.

5. Os proxectos que desenvolvan os alumnos e as alumnas serán coordinados polo profesorado con atribución docente neste módulo, preferentemente o que estea a impartir docencia no segundo curso do ciclo formativo. Para tal efecto, realizará as propostas de traballo ao principio do primeiro trimestre de cada curso académico, e deberán incluír o seguinte:

a) Especificación detallada do conxunto do proxecto que se vai realizar, con indicación expresa das actividades que se deban traballar de xeito individual ou en grupo, así como de xeito presencial ou a distancia.

b) Datas e horarios previstos para as actividades de titoría e seguimento, para o que se establecerán canles de comunicación presencial, telefónica ou telemática.

c) Prazos de entrega do proxecto para a súa supervisión.

d) Criterios de avaliación, con especial atención ao formato de presentación da documentación e á exposición do informe final do proxecto.

6. Antes da incorporación á formación na empresa ou organismo equiparado, o profesor ou a profesora responsables do módulo asignarán os proxectos propostos ao alumnado que estea en disposición de cursar os devanditos módulos.

7. Para o seguimento presencial do desenvolvemento do módulo, logo de iniciada a realización da fase de formación na empresa, aproveitarase a xornada quincenal de recepción do alumnado no centro educativo para o seguimento deste.

8. A avaliación realizarase de xeito individual para cada alumno ou alumna tomando como referencia os resultados de aprendizaxe e os criterios de avaliación que se indican nos currículos correspondentes dos módulos e o proxecto presentado.

9. O profesor ou a profesora responsables do módulo encargaranse de asinar as actas de avaliación finais coas cualificacións obtidas por cada alumno ou alumna, de acordo coa valoración efectuada polo equipo docente.

10. O alumnado que, logo da avaliación final de módulos do segundo curso, teña pendente exclusivamente o módulo de Proxecto intermodular poderá realizalo en calquera dos períodos establecidos na disposición desta resolución.

Décimo sexto. Módulo profesional de Segunda lingua estranxeira

1. Os centros realizarán a oferta do módulo profesional de Segunda lingua estranxeira para os ciclos formativos en que así se estableza no correspondente currículo, consonte os recursos dispoñibles, de entre as seguintes: alemán, francés, italiano e portugués.

2. O módulo de Segunda lingua estranxeira poderá ser obxecto de validación independentemente da lingua en que se imparta.

3. En todo caso, a lingua que se imparta será a mesma para todo o alumnado do grupo.

Sección 4ª. Desenvolvemento da formación na empresa

Décimo sétimo. Desenvolvemento da formación na empresa nos proxectos de formación profesional dual polo réxime intensivo

1. As características, a organización, a selección do alumnado e a ordenación académica desta modalidade son as establecidas na Orde do 14 de xuño de 2018 pola que se autorizan proxectos experimentais de formación profesional dual de ciclos formativos de formación profesional en centros educativos, en colaboración con diversas entidades.

2. Para esta organización de formación profesional, estableceranse convenios entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e as entidades colaboradoras. Os convenios poderán ser consultados no enderezo http://www.edu.xunta.gal/fp/convenios-dual

3. Segundo o artigo 14 da Orde do 14 de xuño de 2018, para poder continuar no proxecto de formación profesional dual polo réxime intensivo, o alumnado seleccionado deberá superar a totalidade dos módulos profesionais do ciclo formativo correspondente previstos para cada curso académico segundo o plan de formación establecido. Non obstante, poderase continuar sen cumprir o anterior requisito por razóns debidamente motivadas e con autorización da Dirección Xeral de Formación Profesional. Para tal fin, o alumnado poderá presentar a solicitude de continuidade no proxecto no centro educativo ata o día 11 de setembro de 2026. O centro educativo e a empresa ou organismo equiparado deberán emitir cadanseu informe de continuidade no proxecto por parte do alumno ou da alumna, en termos de favorable ou non favorable, tendo en conta as circunstancias persoais do alumno ou da alumna, a súa evolución e a viabilidade de que recupere os módulos pendentes no que quede de proxecto. O centro educativo remitirá antes do día 22 de setembro de 2026 os tres documentos á Dirección Xeral de Formación Profesional para a súa resolución.

4. O alumnado será excluído do proxecto de formación dual nos seguintes casos:

a) Durante o período de formación no centro educativo, de acordo coas normas de organización, funcionamento e convivencia aprobadas polo centro docente, por faltas repetidas de asistencia e/ou puntualidade non xustificadas que poidan derivar nunha falta de aproveitamento das ensinanzas tanto no centro educativo como posteriormente na empresa.

b) Durante o período de formación na empresa:

– Por faltas repetidas de asistencia e/ou puntualidade non xustificadas.

– Por actitude incorrecta, atendendo ao código disciplinario da empresa, ou por falta de aproveitamento.

– Para o alumnado con contrato para a formación en alternancia, pola extinción do contrato por calquera das causas que se establecen no artigo 49 do Estatuto dos traballadores aprobado polo Real decreto 2/2015, do 23 de outubro.

– Outras circunstancias que figuren no convenio subscrito entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, e a entidade colaboradora correspondente.

5. O alumnado que participe en proxectos de formación profesional dual que impliquen a matrícula en máis dunha ensinanza non precisará contar coa autorización de matrícula simultánea en dous ciclos formativos a que se fai referencia no artigo 6 da Orde do 12 de xullo de 2011.

Décimo oitavo. Desenvolvemento da formación na empresa polo réxime intensivo na oferta ordinaria de segundo curso

1. No primeiro trimestre do curso, o centro educativo informará o alumnado acerca das empresas ou entidades colaboradoras que estean dispostas a participar nesta modalidade de formación, e neste mesmo período o alumnado presentará a solicitude de participación, que irá dirixida á dirección do centro educativo. Coa solicitude, o alumnado achegará o currículo co formato Europass, que se poderá elaborar no enderezo:

https://europass.cedefop.europa.eu/es/documents/curriculum-vitae

2. A empresa ou entidade colaboradora, xunto cunha persoa representante do centro educativo, seleccionarán as persoas que teñan o perfil que mellor se adapte ás características da actividade propia da empresa, tendo en conta o seu expediente académico.

3. O alumnado participante poderá realizar actividades de formación na empresa ou no organismo equiparado desde o mes de xaneiro ata as datas establecidas na Orde do 4 de xuño de 2026 pola que se aproba o calendario escolar para o curso 2026/27 nos centros docentes sostidos con fondos públicos na Comunidade Autónoma de Galicia, para a realización das avaliacións finais. De ser necesario, o centro educativo, en consenso coa empresa, establecerá no período de abril a xuño un calendario de actividades de reforzo e complemento da actividade formativa que o alumnado desenvolvese ou estea a desenvolver nas instalacións da empresa. Estas actividades de reforzo serán realizadas no centro educativo.

4. A avaliación final de módulos para o alumnado participante na modalidade de formación dual realizarase nas datas establecidas con carácter xeral para o alumnado matriculado na oferta ordinaria.

5. O alumnado poderá ser excluído da estadía de formación na empresa ou organismo equiparado cando se dea algunha das circunstancias do número 4.b) da disposición décimo sétima.

Décimo noveno. Períodos extraordinarios para a realización da fase de formación na empresa e o Proxecto intermodular nos graos D

1. Para o alumnado matriculado durante o curso académico 2025/26 no segundo curso dun grao D na oferta ordinaria que non realizou a fase de formación na empresa por non cumprir o criterio de acadar na segunda avaliación parcial cualificación positiva en módulos que supuxesen como mínimo o 50 % do horario semanal, pero cumpriu este criterio na avaliación final de módulos, establécense dous períodos extraordinarios para realizar a fase de formación en empresa. O primeiro dos períodos terá inicio no mes de outubro de 2026 e o segundo coincidindo co período ordinario, logo de realizada a avaliación parcial de módulos en 2027.

2. Nestes mesmos períodos poderá realizar a fase de formación na empresa:

a) O alumnado que tivese concedido un aprazamento da fase de formación na empresa polas circunstancias excepcionais recollidas na disposición décimo quinta da Resolución do 1 de xullo de 2025, da Dirección Xeral de Formación Profesional, pola que se ditan instrucións sobre a ordenación e a organización dos graos D e E de formación profesional para o curso 2025/26.

b) O alumnado matriculado na oferta modular dun grao D no curso 2025/26 que superase todos os módulos profesionais do ciclo no centro educativo.

3. A matrícula para realizar a fase de formación na empresa nun período extraordinario realizarase no mes inmediatamente anterior do comezo do devandito período.

4. Nestes mesmos períodos poderá realizar o módulo profesional de Proxecto intermodular o alumnado que o teña pendente de superar.

Vixésimo. Alta na Seguridade Social

1. Os centros educativos, ao principio do curso escolar ou en todo caso coa antelación suficiente, informarán o alumnado de que para realizar a fase de formación na empresa ou organismo equiparado deberá contar coa documentación necesaria para a súa alta na Seguridade Social.

2. En ningún caso o alumnado poderá incorporarse á fase de formación na empresa sen a correspondente alta na Seguridade Social.

Sección 5ª. Avaliación nos graos D

Vixésimo primeiro. Avaliación final de módulos nos graos D

1. Na sesión de avaliación final de módulos de segundo curso dos ciclos da oferta ordinaria, o equipo docente realizará unha avaliación global dos módulos profesionais, integrando, de ser o caso, a información procedente da fase de formación na empresa ou organismo equiparado relativa aos resultados de aprendizaxe compartidos. A non superación da fase de formación na empresa ou organismo equiparado non implicará por si mesma a non superación dos módulos profesionais desenvolvidos no centro educativo.

2. A cualificación obtida polo alumnado na segunda sesión de avaliación parcial non terá carácter definitivo e poderá ser modificada na avaliación final de módulos como consecuencia da avaliación global realizada polo equipo docente.

3. Na sesión de avaliación final de módulos, ademais das cualificacións finais de cada módulo, o equipo docente determinará o resultado final da fase de formación na empresa en termos de «superada» ou «non superada». Para a toma de decisión terá en conta a valoración global da fase de formación na empresa realizada polo titor ou a titora da empresa, o resultado das actividades desenvolvidas na empresa e a información acadada durante o seguimento.

4. Se o alumnado supera a fase de formación na empresa, para os módulos superados, logo de integrada na súa cualificación a fase de formación na empresa, a súa cualificación conservarase no expediente do alumnado para cursos posteriores, mentres que para os módulos non superados se deberá repetir a formación no centro educativo nun curso posterior.

5. Se o alumnado non supera a fase de formación na empresa, para os módulos superados, logo de integrada na súa cualificación a fase de formación na empresa, a cualificación de cada módulo expresarase como «Pendente de superar a formación na empresa (PF)», seguida da cualificación obtida durante a fase de formación no centro educativo; as cualificacións dos módulos conservaranse no expediente do alumnado, e non será preciso realizar de novo a formación no centro educativo. Para os módulos non superados, deberase repetir a formación no centro educativo.

6. A superación da fase de formación na empresa ou organismo equiparado conservarase no expediente do alumnado para cursos académicos posteriores e non será preciso realizala de novo.

7. A non superación da fase de formación na empresa ou organismo equiparado computará para os efectos de convocatoria consumida e será preciso realizala de novo nun período posterior.

8. Nesta mesma sesión de avaliación final de módulos, o equipo docente realizará a proposta de título para o alumnado que obtivese cualificación positiva en todos os módulos logo de que se integrase a fase de formación na empresa e simultaneamente teña superase a fase de formación na empresa.

Sección 6ª. Alumnado repetidor

Vixésimo segundo. Alumnado repetidor dun grao D

1. O alumnado que cursase o segundo curso dun ciclo formativo no curso escolar 2025/26 ao abeiro da Lei orgánica 3/2022, do 31 de marzo, de ordenación e integración da formación profesional (LOOIFP), e que logo da avaliación final de módulos tivese:

a) Módulos pendentes de superar no centro educativo e superada a fase de formación na empresa ou organismo equiparado, terá que repetir a formación no centro educativo para os módulos pendentes de superar.

b) Todos os módulos superados no centro educativo e pendente de realizar a fase de formación na empresa ou organismo equiparado, realizará a fase de formación na empresa nos períodos establecidos na disposición décimo novena desta resolución.

c) Módulos pendentes de superar no centro educativo e tamén pendente de realizar a fase de formación na empresa ou organismo equiparado. Pódense dar as seguintes circunstancias:

– Que na avaliación final de módulos o alumno ou a alumna non fose proposto ou proposta para realizar a fase de formación na empresa. Neste contexto, o alumnado repetirá a formación no centro educativo nos módulos non superados e poderá realizar a fase de formación na empresa, de ser proposto, logo de realizada a segunda avaliación parcial do curso 2026/27.

– Que na avaliación final de módulos do curso académico 2025/26 o alumno ou a alumna fose proposto ou proposta para realizar a fase de formación na empresa. Neste caso, o alumnado pode iniciar a fase de formación na empresa no mes de outubro ou optar por realizala tras a segunda avaliación parcial de módulos. O equipo docente na sesión de avaliación inicial a que fai referencia o artigo 28 da Orde do 12 de xullo de 2011 pola que se regulan o desenvolvemento, a avaliación e a acreditación académica do alumnado das ensinanzas de formación profesional inicial, fará unha proposta xustificada por alumno ou alumna, indicando cal é o momento máis adecuado para abordar con garantías a fase de formación na empresa. A proposta non será vinculante e terá carácter de orientación para a toma de decisión por parte do alumnado.

Se o alumnado opta por realizar a fase de formación na empresa a partir do mes de outubro, o centro educativo establecerá un calendario de actividades de reforzo para os módulos pendentes de superar.

3. Poderá ser proposto para o título o alumnado repetidor que, logo de realizada a segunda avaliación parcial de módulos e integrada na súa cualificación a fase de formación na empresa, teña todos os módulos superados e tamén superada a fase de formación na empresa. Para tal fin, realizarase unha avaliación final de módulos coincidindo coa segunda avaliación parcial de módulos.

4. O alumnado que non sexa proposto para título poderá continuar a súa formación tanto no centro educativo como, de ser o caso, na empresa, acolléndose á organización xeral establecida para o alumnado non repetidor.

5. Segundo o artigo 164 do Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, os alumnos e as alumnas poderán realizar a fase de formación na empresa nun máximo de dúas ocasións.

Vixésimo terceiro. Alumnado repetidor dun ciclo formativo de grao básico

1. O artigo 22.3 da Orde do 13 de xullo de 2015 pola que se regulan as ensinanzas de formación profesional básica na Comunidade Autónoma de Galicia, así como o acceso e a admisión a estas ensinanzas, establece que o alumnado que non cumpra os requisitos de promoción ao segundo curso deberá repetir o primeiro curso na súa totalidade.

2. Co fin de favorecer a inserción laboral do alumnado, mellorar a súa competencia profesional e certificar en calquera momento as unidades de competencia acreditadas mediante a superación dos módulos profesionais, nos módulos asociados a estándares de competencia que fosen previamente superados manterase a cualificación obtida con anterioridade, e o alumnado cursará estes módulos coa finalidade de subir a cualificación.

3. Segundo o artigo 3.2 do Real decreto 1085/2020, do 9 de decembro, polo que se establecen validacións de módulos profesionais dos títulos de formación profesional do sistema educativo español e as medidas para a súa aplicación, e se modifica o Real decreto 1147/2011, do 29 de xullo, polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo, os módulos profesionais que teñan os mesmos códigos, as mesmas denominacións, capacidades terminais ou resultados de aprendizaxe serán considerados módulos idénticos, con independencia do ciclo a que pertenzan, e trasladaranse as cualificacións obtidas nos módulos profesionais superados previamente a calquera dos ciclos en que os devanditos módulos estean incluídos.

4. No caso de alumnado que teña algún módulo ou ámbito avaliado positivamente por telo cursado previamente noutro ciclo de formación profesional básica, de ter idéntico código, cursarase este módulo coa finalidade de subir a cualificación.

5. Non é posible subir a cualificación no módulo que teña aplicada unha validación.

Sección 7ª. Programas formativos

Vixésimo cuarto. Programas formativos de formación profesional básica

1. No desenvolvemento dos programas formativos durante o curso 2026/27, o seu currículo será o constituído por:

a) Os ámbitos de Comunicación e ciencias sociais I, e de Ciencias aplicadas I dos ciclos de grao básico. A súa duración e a súa distribución horaria estarán dispoñibles no portal www.edu.xunta.gal/fp, na epígrafe Currículos.

b) Os módulos profesionais recollidos para cada programa formativo no anexo V da Orde do 13 de xullo de 2015; no anexo III da Orde do 10 de xuño de 2016 pola que se actualiza a oferta de formación profesional do sistema educativo, polo réxime ordinario, en centros públicos da Comunidade Autónoma de Galicia para o curso académico 2016/17, e no anexo III da Orde do 22 de xuño de 2023 pola que se actualiza a oferta de formación profesional do sistema educativo en centros públicos da Comunidade Autónoma de Galicia para o curso académico 2023/24, cuxo anuncio foi publicado no Diario Oficial de Galicia mediante a Resolución do 14 de xuño de 2023.

c) Un período de formación na empresa cunha duración de 160 horas.

2. Adicionalmente, os centros educativos poderán ofrecer outros módulos de formación adaptados ás necesidades do alumnado, coas seguintes características:

a) Terán a estrutura dos módulos profesionais: obxectivos expresados en termos de resultados de aprendizaxe; criterios de avaliación; contidos, descritos de modo integrado, en termos de procedementos, conceptos e actitudes; orientacións pedagóxicas para o seu desenvolvemento, e duración en horas.

b) Centraranse no traballo nas competencias necesarias para o desenvolvemento integral do alumnado e a súa inclusión profesional e social, tales como a autonomía persoal e a xestión de proxectos vitais inclusivos. Poderán incluír o desenvolvemento de habilidades psicomotrices, perceptivo-espaciais, de razoamento, creatividade, intelixencia emocional e calquera outra que se considere oportuna en atención ás circunstancias individuais do alumnado.

3. Previamente ao inicio do curso, os centros docentes que inclúan módulos de formación adaptados ás necesidades do alumnado nos programas formativos remitirán ao Servizo Territorial de Inspección Educativa a programación destes módulos, a duración anual de cada un deles, expresada en horas, e os períodos lectivos semanais de cada un, tendo en conta que a duración total dos períodos lectivos semanais non poderá ser superior ao establecido con carácter xeral para os ciclos formativos básicos. O Servizo Territorial de Inspección Educativa supervisará a proposta dos centros educativos.

4. Nos ámbitos de Comunicación e ciencias sociais I, e de Ciencias aplicadas I poderanse establecer as adaptacións curriculares necesarias para atender as necesidades educativas dun alumno ou dunha alumna.

5. O programa formativo do período de formación na empresa establecerase a partir dos resultados de aprendizaxe dos módulos profesionais, seleccionando os máis adecuados ao perfil do alumnado e que permitan completar a competencia profesional do alumnado.

6. Os resultados de aprendizaxe e os contidos relativos aos riscos laborais e ás medidas de prevención nas actividades profesionais correspondentes ao perfil profesional de cada programa formativo, que os alumnos e as alumnas deberán adquirir con anterioridade ao comezo da actividade no centro de traballo, serán os da unidade formativa de Prevención de riscos laborais do anexo A) da Resolución do 1 de xullo de 2025, da Dirección Xeral de Formación Profesional, pola que se ditan instrucións sobre a ordenación e a organización dos graos D e E de formación profesional para o curso 2025/26. Para estes efectos, a dirección do centro educativo, en función da dispoñibilidade de recursos, determinará en que módulo profesional se imparte esta unidade formativa, que será certificable pero non avaliable.

7. Na avaliación nos programas formativos de formación profesional básica observarase o establecido no artigo 20, números 1 a 6, da Orde do 13 de xullo de 2015 que regula as ensinanzas de formación profesional básica na Comunidade Autónoma de Galicia, así como o acceso e a admisión a estas ensinanzas. Realizaranse tres avaliacións parciais de módulos e unha avaliación final de módulos.

Sección 8ª. Cursos de especialización

Vixésimo quinto. Desenvolvemento dos cursos de especialización

1. Con carácter xeral, aos cursos de especialización seralles de aplicación a normativa que regula os ciclos formativos de grao medio e de grao superior na Comunidade Autónoma de Galicia, salvo nos aspectos que se recollen nesta resolución.

2. O currículo de cada un dos cursos de especialización con oferta no curso 2026/27 na Comunidade Autónoma de Galicia será o recollido no real decreto en que se establece cada curso de especialización e se fixan os aspectos básicos do seu currículo.

3. Coa finalidade de facilitar a formación de persoas traballadoras ou con necesidades de conciliación da vida familiar, con carácter xeral, os cursos de especialización impartiranse en horario de tarde e de noite.

4. O alumnado formalizará a matrícula do curso de especialización, o que lle dá dereito a unha única convocatoria, para cada un dos módulos profesionais dos cales se matricule, que se esgota cando se realice a avaliación final de módulos do curso.

5. Cando un alumno ou unha alumna non logre a superación de todos os módulos profesionais do curso de especialización, terá dereito a repetir por unha única vez no mesmo centro educativo, con praza reservada, na seguinte edición autorizada do curso de especialización. Para tal fin, cumprirá presentar unha solicitude no proceso de admisión en que conste a condición de repetición. Con carácter xeral, o número de prazas dispoñibles non se verá alterado pola existencia de alumnado repetidor. No entanto, a Dirección Xeral de Formación Profesional, por solicitude do centro e con informe da Inspección Educativa, poderá determinar que as prazas ocupadas polo alumnado repetidor diminúan as prazas dispoñibles cando estea xustificado por razóns de espazo, de equipamento ou de seguridade. En todo caso, a resolución desta solicitude será anterior á publicación da listaxe da primeira adxudicación do período ordinario.

6. Na elaboración de programacións observarase o disposto para os ciclos de formación profesional, incluíndo a disposición transitoria cuarta da Orde do 12 de xullo de 2011, que establece que durante o primeiro curso académico en que se imparta un módulo profesional se substituirá a epígrafe de elaboración das actividades de ensino e aprendizaxe por unha de recursos e método.

7. Atendendo ás posibilidades dos centros educativos, poderanse utilizar metodoloxías activas de aprendizaxe nos diferentes módulos profesionais, organizando o curso de especialización por competencias profesionais que dean resposta aos resultados de aprendizaxe e aos seus criterios de avaliación.

8. A docencia dos módulos dos cursos de especialización na modalidade presencial poderase alternar con sesións realizadas por medios telemáticos.

9. Tendo en conta a alta especialización destas ensinanzas e que a formación recibida e as competencias adquiridas polo alumnado deberán estar intimamente ligadas aos sectores produtivos de Galicia, na docencia presencial ou telemática poderase contar coa participación puntual, activa e directa de persoas expertas de empresas, institucións, institutos de investigación etc., sinaladamente da contorna galega.

10. Os centros poderán organizar a docencia de cada un dos módulos profesionais condensada nunha parte do curso académico ou ao longo de todo o curso.

11. Cada grupo de alumnos e alumnas dun curso de especialización terá un profesor ou unha profesora que desempeñe a titoría, que pertencerá ao equipo que imparta docencia.

12. Ademais das funcións que establezan os regulamentos orgánicos dos centros en que se impartan estas ensinanzas e as recollidas no artigo 21 da Orde do 12 de xullo de 2011, no caso de optar por metodoloxías activas de aprendizaxe, organizando o curso de especialización por competencias profesionais, a persoa encargada da titoría coordinará a docencia das competencias profesionais e o seu seguimento.

13. No caso de organizar o curso de especialización utilizando metodoloxías activas de aprendizaxe, organizando o curso de especialización por competencias profesionais, a avaliación deseñaraa de xeito conxunto todo o profesorado tendo en conta as competencias adquiridas e os indicadores ou criterios concretados na programación.

14. Na oferta a distancia e semipresencial, a avaliación final en cada un dos módulos profesionais exixirá a superación de probas presenciais que aseguren o logro dos resultados de aprendizaxe.

15. O alumnado que non superase na súa totalidade os módulos profesionais do curso de especialización terá dereito a que se lle expida un certificado académico dos módulos superados.

16. Ao alumnado dos cursos de especialización poderá concedérselle a mención de matrícula de honra nas mesmas condicións previstas para os ciclos formativos de formación profesional.

17. Atendendo á alta especialización destas ensinanzas, á incorporación no seu currículo de competencias de sectores produtivos emerxentes e á súa organización específica, o equipo docente dos cursos de especialización contará:

a) Cun plan de formación continuo e específico, en colaboración con empresas, institucións, institutos de investigación etc., fundamentalmente da contorna galega. De ser preciso, as actividades deste plan de formación poderanse desenvolver en período e en horario lectivos.

b) Con prioridade para o acceso ás actividades de formación relacionadas cos cursos de especialización.

c) Cunha bolsa de horas, entre as que teñen carácter lectivo, suficientemente ampla, que lle permita ao profesorado organizar e desenvolver a formación, co fin de acadar a excelencia na cualificación e na competencia do alumnado.

18. A asignación de profesorado en cada centro a cada un dos módulos do curso de especialización realizarase con carácter prioritario ao profesorado con experiencia previa na impartición do módulo, ao profesorado formado especificamente pola Administración educativa para tal fin ou que acredite dispor de titulación, experiencia profesional ou formación adecuadas.

19. Dadas as particularidades e a duración variable dos cursos de especialización:

a) O seu desenvolvemento terá lugar segundo o establecido no número 1 do artigo 5 da Orde do 4 de xuño de 2026 pola que se aproba o calendario escolar para o curso 2026/27 nos centros docentes sostidos con fondos públicos na Comunidade Autónoma de Galicia, aínda que o inicio das actividades lectivas poderá producirse en outubro. Os centros educativos informarán o alumnado desta circunstancia.

b) Os centros poderán adecuar o período da fase de formación na empresa ou organismo equiparado de cada curso de especialización atendendo ao momento de finalización da fase de formación no centro educativo.

Vixésimo sexto. Titulación e certificación académica nos cursos de especialización

1. Cursos de especialización de grao medio.

a) As persoas que accedan ao curso de especialización de formación profesional de grao medio segundo o requirido no artigo 120.1, 120.3.a) e 120.3.b) do Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, e que superen a totalidade dos módulos profesionais que o compoñen, obterán o título de especialista de formación profesional.

b) As persoas que accedan ao curso de especialización de formación profesional de grao medio segundo o requirido no artigo 120.3.c) do Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, e que superen a totalidade dos módulos profesionais que o compoñen, obterán unha certificación académica de asistencia con aproveitamento en substitución do título de especialista de formación profesional, que só se lle poderá outorgar a quen conte cun título de técnico/a de formación profesional.

2. Cursos de especialización de grao superior.

a) As persoas que accedan ao curso de especialización de formación profesional de grao superior segundo o requirido no artigo 121.1, 121.2.a) e 121.2.b) do Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, e que superen a totalidade dos módulos profesionais que o compoñen, obterán o título de máster de formación profesional.

b) As persoas que accedan ao curso de especialización de formación profesional de grao superior segundo o requirido no artigo 121.2.c) do Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, e que superen a totalidade dos módulos profesionais que o compoñen, obterán unha certificación académica de asistencia con aproveitamento en substitución do título de máster de formación profesional, que só se lle poderá outorgar a quen conte cun título de técnico/a superior de formación profesional.

Sección 9ª. Desenvolvemento das ensinanzas ao abeiro da LOXSE

Vixésimo sétimo. Normativa de aplicación ás ensinanzas ao abeiro da LOXSE

1. As ensinanzas establecidas ao abeiro da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, correspondentes aos títulos de técnico en Coidados Auxiliares de Enfermaría e de técnico superior en Dietética rexeranse pola normativa reguladora dos respectivos títulos e dos seus currículos, e pola normativa de desenvolvemento aplicable ás ensinanzas de formación profesional do sistema educativo.

2. A organización, a realización, a avaliación, a exención, a renuncia e demais aspectos do módulo profesional de Formación en centros de traballo rexeranse pola Orde do 28 de febreiro de 2007 pola que se regula o módulo profesional de Formación en centros de traballo da formación profesional inicial para o alumnado matriculado en centros educativos da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. A avaliación, a acreditación académica, as validacións, as convocatorias, as reclamacións e demais aspectos de desenvolvemento académico non regulados especificamente nos currículos correspondentes ou nesta resolución rexeranse pola Orde do 12 de xullo de 2011, naquilo que resulte de aplicación.

Vixésimo oitavo. Módulo profesional de Proxecto integrado

1. O módulo profesional de Proxecto integrado é propio da Comunidade Autónoma de Galicia e forma parte do currículo de determinados ciclos formativos de grao superior establecidos ao abeiro da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo.

Será impartido con carácter globalizador tendo en conta o resto dos módulos profesionais que constitúen o ciclo formativo.

2. O módulo de Proxecto integrado será impartido preferentemente por profesorado que imparta docencia nos módulos do ciclo formativo correspondente.

3. A programación deste módulo será elaborada polo profesor ou a profesora que se encarguen del e deberá ser aprobada polo equipo docente do ciclo, que supervisará a súa impartición.

4. O módulo de Proxecto integrado debe contribuír de xeito específico ao logro das seguintes finalidades:

a) Comprender globalmente aspectos salientables da competencia profesional característica do título que se abordasen noutros módulos profesionais do ciclo formativo.

b) Integrar ordenadamente coñecementos sobre organización, características, condicións, tipoloxías, técnicas e procesos que se desenvolvan nas actividades produtivas do sector a que corresponda o título.

c) Adquirir, de ser o caso, coñecementos, habilidades, destrezas e actitudes que favorezan o desenvolvemento das capacidades relacionadas coa profesión para a que se forma que, malia seren demandadas polo ámbito produtivo en que radica o centro, non se poidan recoller no resto dos módulos profesionais.

5. O proxecto integrado desenvolverase tomando como referencia un proceso produtivo, real ou simulado, e deberá cumprir o seguinte:

a) Analizar a relación e a contribución das etapas da organización, a programación e o control dun proceso.

b) Determinar as especificacións do proceso produtivo dun artigo (materia prima, medio produtivo, método operativo etc.) e os métodos que aseguren a calidade, a partir das especificacións dun deseño, dun pedido, de obxectivos de calidade, dos recursos dispoñibles e de catálogos comerciais de materiais.

c) Determinar a viabilidade das especificacións do proceso de produción e, de cumpriren, as medidas correctoras a partir da elaboración e a avaliación do prototipo.

d) Determinar a cantidade de recursos, o nivel óptimo de existencias, os sistemas de traballo e de control da produción máis adecuados, e a organización das liñas de produción, aprovisionamento e mantemento preventivo dos recursos, así como as fases produtivas necesarias para a produción, en función dos recursos dispoñibles, do volume do pedido, da súa variedade e dos prazos establecidos.

e) Determinar as medidas correctoras que se deban tomar e a súa viabilidade no hipotético proceso de produción, para garantir as condicións de produción establecidas, considerando as posibles anomalías, incidencias ou desviacións simuladas.

6. A avaliación realizarase de xeito individual por cada alumno ou alumna tomando como referencia as capacidades terminais elementais que se indican no módulo.

7. O módulo profesional de Proxecto integrado é específico do ciclo formativo correspondente, polo que non será validable en ningún caso.

Vixésimo noveno. Actas de avaliación en centros privados e públicos non dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Os centros privados e públicos non dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional remitirán un exemplar das actas de avaliación ao centro público a que estean adscritos. Enviarase copia validada das actas de avaliación final ao servizo territorial de Inspección Educativa no prazo de 15 días a partir da data de realización da correspondente sesión.

Trixésimo. Xestión administrativa e académica

Segundo o artigo 45 do Decreto 20/2026, do 9 de marzo, todos os centros públicos e privados que impartan ensinanzas de formación profesional deberán empregar na súa xestión administrativa e académica os programas e as aplicacións informáticas e telemáticas que a consellería competente en materia de educación empregue para o exercicio das súas competencias.

Disposición adicional primeira. Vixencia da Resolución do 1 de xullo de 2025, da Dirección Xeral de Formación Profesional, pola que se ditan instrucións sobre a ordenación e a organización dos graos D e E de formación profesional para o curso 2025/26

1. Durante o curso académico 2026/27 manterá a súa vixencia a Resolución do 1 de xullo de 2025, da Dirección Xeral de Formación Profesional, pola que se ditan instrucións sobre a ordenación e a organización dos graos D e E de formación profesional para o curso 2025/26, en todo aquilo que non se opoña ao disposto nesta resolución nin na normativa vixente.

2. As referencias ao curso académico 2025/26 contidas na citada resolución entenderanse realizadas ao curso académico 2026/27, agás na disposición cuarta, implantación no curso 2025/26.

3. As referencias á Orde do 8 de maio de 2025 pola que se aproba o calendario escolar para o curso 2025/26 nos centros docentes sostidos con fondos públicos na Comunidade Autónoma de Galicia entenderanse realizadas á Orde do 4 de xuño de 2026 pola que se aproba o calendario escolar para o curso 2026/27 nos centros docentes sostidos con fondos públicos na Comunidade Autónoma de Galicia.

4. Quedan sen efectos as disposicións décimo oitava e vixésimo primeira.

5. A letra j) da disposición vixésimo segunda queda redactada do seguinte xeito: «Cando o módulo de Afondamento nas competencias profesionais estea orientado á aprendizaxe dunha lingua estranxeira, poderá ser obxecto de validación nos mesmos supostos previstos para o módulo optativo de Habilidades comunicativas en lingua estranxeira do mesmo grao ou dun grao superior, segundo corresponda».

6. No número 1 da disposición vixésimo cuarta engádense os seguintes cursos de especialización: Aprendizaxe automática: xestión de datos e adestramento; Aprendizaxe automática: instalación, despregamento e explotación de sistemas; Despregamento de produtos software en contedores, e Recursos e servizos na nube.

7. No número 1 da disposición vixésimo terceira, a referencia á Resolución do 1 de xullo de 2025, da Dirección Xeral de Formación Profesional, pola que se ditan instrucións para o desenvolvemento das ensinanzas de formación profesional do sistema educativo no curso 2025/26, entenderanse realizadas a esta resolución.

8. O número 6 da disposición vixésimo quinta queda redactado do seguinte xeito: «Para os efectos dunha mellor organización dos centros educativos, optimización dos recursos humanos e configuración dos horarios do persoal docente, no caso do módulo de Inglés profesional, a competencia docente ou a afinidade entenderase demostrada polo profesorado con atribución docente no ciclo formativo que posúa a habilitación lingüística en inglés que corresponda ao nivel C1 ou superior do Marco común europeo de referencia para as linguas ou, excepcionalmente, ao B2 cando non exista profesorado con C1».

Disposición adicional segunda. Prazas vacantes na oferta ordinaria ocupadas polo alumnado da oferta modular

O alumnado matriculado por módulos nas prazas que resulten vacantes da oferta ordinaria, segundo o establecido na disposición adicional sexta da Orde do 9 de xuño de 2026 pola que se actualiza a oferta de formación profesional do sistema educativo en centros públicos da Comunidade Autónoma de Galicia para o curso académico 2026/27, cuxo anuncio foi publicado no Diario Oficial de Galicia mediante a Resolución do 27 de maio de 2026, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se publica o anuncio da actualización da oferta de formación profesional do sistema educativo en centros públicos da Comunidade Autónoma de Galicia para o curso académico 2026/27 (DOG do 10 de xuño), asistirá ás actividades lectivas coa organización establecida para a oferta ordinaria. En todo caso, a matrícula parcial de módulos realizarase para o mesmo ciclo formativo e non poderá superar a carga lectiva anual de 1.000 horas. Para a realización da avaliación, o profesorado da oferta ordinaria incorporarase á xunta de avaliación correspondente da oferta modular.

Disposición adicional terceira. Actualización do expediente académico do alumnado

Para os efectos da actualización do expediente académico do alumnado que curse no curso 2026/27 un ciclo formativo, poderase establecer a correspondencia entre o módulo de Formación e orientación profesional e o módulo de Itinerario persoal para a empregabilidade I; o módulo de Itinerario persoal para a empregabilidade II e o módulo de Empresa e iniciativa emprendedora; o módulo de Lingua estranxeira profesional de grao medio co módulo MP0156 Inglés profesional do ciclo de grao medio; e o módulo de Lingua estranxeira profesional de grao superior co módulo MP0179 Inglés profesional do ciclo de grao superior.

Disposición adicional cuarta. Autorizacións das saídas nas actividades complementarias

As autorizacións do alumnado menor de idade para as saídas do centro programadas dentro das actividades complementarias á formación realizaranse a través do sistema de información Abalar ou da aplicación AbalarMobil.

Disposición adicional quinta. Elección de horarios nos centros públicos con ensinanzas de formación profesional

1. Coa finalidade de determinar durante o mes de xullo as necesidades de profesorado que se precisará no centro para o vindeiro curso, así como de que os centros dispoñan de máis tempo para a organización e a planificación do curso e de que o profesorado coñeza con maior antelación as materias, os ámbitos e/ou os módulos que terá que impartir no vindeiro curso, os centros docentes realizarán, antes do día 14 de xullo de 2026, unha distribución provisional de materias, ámbitos, cursos, módulos e, de ser o caso, quendas para o curso 2026/27, de acordo cos criterios establecidos na lexislación vixente.

2. A dirección do centro enviará, antes do día 15 de xullo de 2026, ao Servizo Territorial de Inspección Educativa unha síntese das necesidades de profesorado a partir da distribución provisional realizada. O devandito servizo comprobará a súa adecuación á normativa vixente.

3. A partir do 1 de setembro, os centros docentes realizarán as actuacións referidas á elección de horarios que se establecen na lexislación vixente e, se non houber ningunha xustificación motivada que o impida conforme a normativa de aplicación, confirmarán a distribución provisional de materias, ámbitos, cursos, módulos e, de ser o caso, quendas entre o persoal que forma parte dos departamentos.

Disposición adicional sexta. Sesións de avaliación na formación acelerada

Coa finalidade de axustar os procedementos e os tempos de avaliación na formación acelerada a que se fai referencia na Orde do 9 de xuño de 2026 pola que se actualiza a oferta de formación profesional do sistema educativo en centros públicos da Comunidade Autónoma de Galicia para o curso académico 2026/27, o equipo docente poderá optar pola realización dunha ou dúas sesións de avaliacións parciais, e unha sesión de avaliación final de módulos.

Disposición transitoria primeira. Réxime aplicable ao alumnado de plans de estudos en extinción derivados da LOE matriculado na oferta ordinaria

1. O alumnado repetidor dun ciclo formativo que no curso 2025/26 estivese matriculado na oferta ordinaria nun centro de Galicia ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (LOE), e que superase todos os módulos, salvo o módulo de FCT ou módulo de Proxecto, poderá realizar a FCT e, de ser o caso, o módulo de Proxecto, nos períodos establecidos na Orde do 28 de febreiro de 2007 pola que se regula o módulo profesional de Formación en centros de traballo da formación profesional inicial, para o alumnado matriculado en centros educativos da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Excepcionalmente durante o curso 2026/27, o alumnado que no curso 2025/26 estivese matriculado nun ciclo formativo nun centro de Galicia na oferta ordinaria ao abeiro da LOE e que teña pendentes de superar módulos distintos ao módulo de FCT ou de Proxecto, coa finalidade de titular, poderá optar por:

a) Seguir no plan de estudos da LOE, matriculándose no plan de estudos ao abeiro da Lei orgánica 3/2022, do 31 de marzo, de ordenación e integración da formación profesional (LOOIFP), nos módulos que sexan comúns en ambos os plans de estudos. De superar estes módulos poderá realizar a FCT e, de ser o caso, o módulo de Proxecto, exclusivamente e por derradeira ocasión, no período de setembro a decembro de 2027.

b) Incorporarse á nova ordenación académica derivada da Lei 3/2022, cursando e superando os novos módulos incorporados por esta lei.

3. De ter pendente de superar o módulo de Formación e orientación laboral ou o módulo de Empresa e iniciativa emprendedora, poderá cursar os novos módulos profesionais de Itinerario persoal para a empregabilidade I (IPE I) e de Itinerario persoal para a empregabilidade II (IPE II). A cualificación obtida consignarase no expediente académico do alumnado e nos documentos oficiais de avaliación coa denominación e a codificación dos módulos correspondentes do plan de estudos para extinguir: Formación e orientación laboral (FOL) e Empresa e iniciativa emprendedora (EIE).

Disposición transitoria segunda. Réxime aplicable ao alumnado de plans de estudos en extinción derivados da LOE matriculado na oferta modular por módulos individuais

1. Excepcionalmente durante o curso académico 2026/27, o alumnado que estivese matriculado durante o curso académico 2025/26 nun ciclo formativo nun centro educativo da Comunidade Autónoma de Galicia e que superase, con anterioridade ao devandito curso, un ou varios módulos profesionais dese mesmo ciclo formativo na oferta modular por módulos individuais poderá optar por:

a) Seguir na ordenación académica previa á Lei 3/2022, sen ter que cursar e superar os novos módulos incorporados por esta lei. De superar estes módulos poderá realizar a FCT e, de ser o caso, o módulo de Proxecto, exclusivamente e por derradeira ocasión, no período de setembro a decembro de 2027.

b) Incorporarse á nova ordenación académica derivada da Lei 3/2022, cursando e superando os novos módulos incorporados por esta lei.

2. De ter pendente de superar o módulo de Formación e orientación laboral ou o módulo de Empresa e iniciativa emprendedora, poderá cursar os novos módulos profesionais de Itinerario persoal para a empregabilidade I (IPE I) e de Itinerario persoal para a empregabilidade II (IPE II). A cualificación obtida consignarase no expediente académico do alumnado e nos documentos oficiais de avaliación coa denominación e a codificación dos módulos correspondentes do plan de estudos para extinguir: Formación e orientación laboral (FOL) e Empresa e iniciativa emprendedora (EIE).

Disposición transitoria terceira. Módulos profesionais de Proxecto e de Formación en centros de traballo (FCT)

1. Durante o curso académico 2026/27 continuará a ser aplicable o establecido para os módulos profesionais de Proxecto e de Formación en centros de traballo (FCT) ao alumnado que estea a realizar plans de estudos en extinción derivados da LOE.

2. O alumnado a que se refire esta disposición continuará rexéndose, para os efectos de organización, avaliación, exención, renuncia, convocatoria extraordinaria e realización do módulo profesional de Formación en centros de traballo, polo disposto na normativa aplicable ás ensinanzas derivadas da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, e, en particular, na Orde do 28 de febreiro de 2007 pola que se regula o módulo profesional de Formación en centros de traballo da formación profesional inicial para o alumnado matriculado en centros educativos da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. O módulo profesional de Proxecto desenvolverase coincidindo coa realización do módulo de Formación en centros de traballo, e será de aplicación o establecido na disposición décimo quinta desta resolución.

4. O alumnado que, logo da resolución das validacións, exencións e recoñecementos, ou do traslado de cualificacións, quede en condicións de realizar o módulo profesional de Formación en centros de traballo poderase incorporar a este nos períodos establecidos regulamentariamente para estas ensinanzas para extinguir.

Disposición derradeira primeira. Difusión

1. A dirección dos centros educativos que impartan estas ensinanzas arbitrará as medidas necesarias para que esta resolución sexa coñecida por todos os membros da comunidade educativa.

2. Os departamentos territoriais, a través dos servizos territoriais de inspección educativa e dos directores e as directoras dos centros educativos, garantirán o cumprimento do disposto nesta resolución e asesorarán sobre o seu contido.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2026

María Eugenia Pérez Fernández
Directora xeral de Formación Profesional