Á vista da solicitude formulada polo Concello de Bueu relativa á modificación da clasificación do posto de traballo reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional (en diante, PFHN) de adxunto/a á Tesouraría, de clase terceira do Concello de Bueu, emítese resolución con base nos seguintes.
Antecedentes de feito:
Primeiro. Mediante a Resolución do 14 de xaneiro de 1997, da Dirección Xeral da Función Pública do entón denominado Ministerio de Administracións Públicas, publicada no Boletín Oficial del Estado núm. 32, do 6 de febreiro de 1997, procedeuse á publicación conxunta da clasificacións de postos de traballo reservados a PFHN, entre os que figuraba o posto de adxunto/a á Tesouraría do Concello de Bueu, reservado á subescala de secretaría-intervención, que fora creado e clasificado pola Orde do 24 de setembro de 1996, da entón denominada Consellería da Presidencia e Administración Pública da Xunta de Galicia.
Segundo. Na actualidade, o citado posto atópase provisto con carácter definitivo polo seu titular, a quen lle foi adxudicado mediante concurso en virtude da Resolución do 13 de febreiro de 2026, da Dirección Xeral da Función Pública do Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública, pola que se resolve o concurso unitario de provisión de postos de traballo reservados a PFHN, publicada no Boletín Oficial del Estado núm. 42, do 17 de febreiro de 2026.
Terceiro. Con data do 12 de xuño de 2026, o Concello de Bueu presenta no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia solicitude relativa á modificación da clasificación do referido posto de traballo reservado a PFHN, achegando a seguinte documentación:
– Memoria xurídica e económica xustificativa da modificación das características esenciais do posto de traballo reservado, que pasa a quedar adscrito ao Departamento de Administración Xeral-Secretaría, e muda a súa denominación pola de vicesecretario/a.
– Certificación relativa aos recursos do último orzamento aprobado pola entidade local, correspondente ao exercicio 2025 e prorrogado ao 2026, polo importe de 11.667.438,10 euros.
– Certificación relativa á cifra do último padrón municipal do Concello de Bueu segundo os datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística, que ascende a un total de 11.836 habitantes.
– Certificación da secretaría municipal relativa ao Acordo plenario do 10 de xuño de 2026, polo que se aproba definitivamente a segunda modificación puntual da relación de postos de traballo do Concello de Bueu en que figura o posto de traballo reservado de vicesecretario/a como reservado a PFHN.
Na citada certificación faise constar que a referida modificación puntual da relación de postos de traballo do Concello de Bueu aprobouse inicialmente polo Pleno da Corporación na sesión do 13 de abril de 2026 e posteriormente expúxose ao público durante o período de 20 días hábiles mediante a súa publicación no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra núm. 72, do 17 de abril de 2026. Durante o citado prazo presentáronse alegacións, que se resolven e apróbase definitivamente a segunda modificación puntual da relación de postos de traballo do Concello de Bueu na sesión plenaria do 10 de xuño de 2026, que publicou no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra núm. 112, do 15 de xuño de 2026.
Polo que pode considerarse completo o expediente para os efectos de continuar coa súa tramitación.
Fundamentos de dereito:
Primeiro. O artigo 92.bis, número 4, da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local (en diante, LRBRL), dispón que o Goberno, mediante real decreto, regulará as especialidades da creación, clasificación e supresión de postos reservados a PFHN, así como as que poidan corresponder ao seu réxime disciplinario e de situacións administrativas.
As previsións contidas no citado precepto foron obxecto de desenvolvemento en virtude do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional (en diante, Real decreto 128/2018).
Segundo. O artigo 6 do Real decreto 128/2018 dispón que son postos de traballo reservados a PFHN os que teñan expresamente atribuída, segundo corresponda, a responsabilidade administrativa das funcións reservadas de fe pública e asesoramento legal preceptivo, control e fiscalización interna da xestión económico financeira e orzamentaria e a contabilidade, tesouraría e recadación.
Así mesmo, establece que na relación de postos de traballo ou instrumento organizativo similar de cada entidade local deberán quedar reflectidas a denominación e as características esenciais dos citados postos de traballo reservados.
Terceiro. O artigo 15 do Real decreto 128/2018 regula a posibilidade das entidades locais de crear discrecionalmente outros postos de traballo que teñan atribuídas funcións de colaboración inmediata e auxilio ás propias de secretaría, intervención e tesouraría. Estes postos de traballo estarán reservados a PFHN e exercerán as súas funcións baixo a dependencia funcional e xerárquica dos titulares dos citados postos de traballo.
A estes postos de colaboración corresponderanlles as funcións reservadas que, logo da autorización do alcalde ou presidente da corporación, lles sexan encomendadas polos titulares dos postos reservados de secretaría, intervención e tesouraría, así como a súa substitución nos casos de vacante, ausencia, enfermidade ou concorrencia de causa de abstención ou recusación legal ou regulamentaria deles.
Cuarto. A clasificación destes postos de colaboración correspóndelle á Comunidade Autónoma de acordo cos criterios sinalados no artigo 15.3 do Real decreto 128/2018, que na súa letra c) indica que nas entidades locais con postos de secretaría e intervención clasificados en clase 2ª os postos de colaboración ás funcións de secretaría poderán ser clasificados en 2ª e 3ª clase, e ser adscritos, respectivamente, ás subescalas de secretaría, categoría de entrada, e á subescala de secretaría-intervención.
No ámbito autonómico galego, o artigo 10 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre exercicio de competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, regula as normas xerais para clasificación de postos de traballo reservados a PFHN, correspondendo igualmente ás comunidades autónomas a competencia para modificar a súa clasificación.
Quinto. O expediente tramitado polo Concello de Bueu axústase ao previsto no artigo 10 do Decreto 49/2009, ao xustificarse a necesidade de reclasificación do posto de traballo reservado á vista dunha análise da estrutura administrativa municipal.
Nesta análise ponse de manifesto que no departamento de secretaría xeral existen necesidades estruturais e permanentes que fai necesaria a existencia dun posto de colaboración inmediata e de auxilio á persoa titular da secretaría, especialmente no relativo á preparación, coordinación e tramitación dos asuntos sometidos aos órganos colexiados da corporación, ao apoio técnico e xurídico aos distintos servizos municipais, así como o asesoramento interno (preceptivos e reservados para a secretaría xeral e non preceptivos nin reservados para esta, pero necesarios pola falta doutros técnicos/as xurídicos/as que poidan emitir os informes) e a garantía de continuidade no exercicio das funcións reservadas.
Sexto. De conformidade co disposto na disposición adicional primeira do Real decreto 128/2018, as modificacións na clasificación ou na forma de provisión dos postos de traballo reservados non afectarán o destino do PFHN que os estivese desempeñando con carácter definitivo.
A Dirección Xeral de Administración Local é competente para a adopción do presente acordo, segundo o establecido no artigo 29.3.g) do Decreto 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, e no artigo 1.5 da Orde do 12 de xuño de 2024 sobre delegación de competencias na Secretaría Xeral Técnica e noutros órganos da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.
En virtude do anteriormente exposto, e tendo en conta o informe emitido pola subdirectora xeral de Réxime Xurídico Local,
RESOLVO:
Primeiro. Modificar a clasificación do posto de traballo reservado a PFHN de adxunto/a á Tesouraría, de clase terceira do Concello de Bueu, que pasa a quedar configurado conforme as seguintes características:
Entidade local: Concello de Bueu.
Posto: vicesecretario/a.
Subescala: secretaría-intervención.
Forma de provisión: concurso de méritos.
Nivel de complemento de destino: 26.
Segundo. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia e anotar no Rexistro integrado de PFHN as modificacións operadas no citado posto de traballo reservado.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante a Dirección Xeral de Administración Local no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderán impugnala directamente perante a sección do contencioso-administrativo do tribunal de instancia competente, no prazo de dous meses contados a partir da mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Así mesmo, as entidades locais poderán presentar previamente requirimento no prazo de dous meses conforme o disposto no artigo 44 da dita Lei 29/1998.
Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2026
Natalia Prieto Viso
Directora xeral de Administración Local
