Logo de examinar o expediente instruído por solicitude de UFD Distribución Electricidad, S.A. sobre as autorizacións administrativas previa e de construción e a declaración, en concreto, de utilidade pública das instalacións eléctricas que se describen a seguir:
Solicitante: UFD Distribución Electricidad, S.A.
Domicilio social: avenida San Luis, 77, 28033 Madrid.
Denominación: Regulamentación da LMTA CCH803 no tramo entre os apoios núm. 53 e núm. 53-A-8.
Situación: lugar de Baldemir, concello de Lobeira.
Orzamento: 38.791,12 €.
Características principais do proxecto, que foi asinado o 18.2.2026 polo enxeñeiro técnico industrial Antonio Javier Sabín Vázquez, colexiado núm. 2233 do Coeticor:
– Desmonte, na LMTA CCH803, de 1.127 m do condutor do tipo LA-30 existente entre os apoios núm. 53 e núm. 53-A-8. Desmonte do apoio núm. 53-A-4.
– Substitución, na mesma liña, dos apoios núm. 53-A-2, núm. 53-A-3, núm. 53-A-5, núm. 53-A-6, núm. 53-A-7 e núm. 53-A-8 por seis novos apoios de celosía metálica, do tipo C-14/2000, C-14/1000, C-14/1000, C-14/3000, C-18/1000 e C-16/7000, respectivamente. Instalación de dous novos apoios (núm. x-1 e núm. x-2) de celosía metálica, do tipo C-14/1000, intercalados entre o apoio núm. 53-A-3 e o apoio núm. 53-A-5.
– Tendido de 584 m de novo condutor do tipo LA-56 entre o apoio núm. 53 e o apoio núm. 53-A-6 e tendido de 558 m de novo condutor do tipo LA-110 entre o apoio núm. 53-A-6 e o apoio núm. 53-A-8.
A información pública do proxecto foi realizada mediante o Acordo deste departamento territorial do 30.3.2026, que foi inserido no DOG do 24.4.2026 e no xornal La Región de Ourense do 21.4.2026. O proxecto tamén estivo en exposición pública neste departamento territorial e no portal de transparencia desta consellería durante o prazo regulamentario. Dentro do prazo establecido para iso non se presentaron alegacións.
En consecuencia, logo de cumprir os trámites ordenados na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), esta dirección territorial
RESOLVE:
Conceder as autorizacións administrativas previa e de construción e declarar, en concreto, a utilidade pública das devanditas instalacións, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan no expediente.
Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.
O prazo de posta en marcha das instalacións que se autorizan será de seis meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.
A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954.
Que o representante da Administración, en cumprimento do disposto nos artigos 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e 149 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, dea comezo ao levantamento das actas previas á ocupación, nos días e horas que a cada persoa interesada se lle notifique de xeito individual, daqueles predios que figuran no anexo do acordo de información pública do proxecto arriba sinalado.
Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, cabe interpor un recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución, conforme o establecido no artigo 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.
Ourense, 29 de xuño de 2026
Alicia María López Míguez
Directora territorial de Ourense
