DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 140 Martes, 28 de xullo de 2026 Páx. 41724

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

EXTRACTO da Orde do 24 de xullo de 2026 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento PR804A).

BDNS (Identif.): 921527.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publicase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/921527

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán optar ás subvencións reguladas nesta orde, de xeito individual ou liderando unha agrupación de entidades cos outros axentes de cooperación definidos na lexislación vixente de cooperación para o desenvolvemento, os seguintes axentes:

a) As organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento que estean inscritas na sección A do Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento.

b) As universidades do Sistema universitario de Galicia (SUG) e as súas entidades dependentes ou centros de investigación públicos.

Non se considerará agrupación de entidades aquela que estea formada por unha asociación ou federación a que pertenza a devandita organización, ou aquelas en que os órganos de goberno sexan coincidentes, total ou parcialmente, en todas as entidades agrupadas. Así mesmo, non terá a condición de entidade agrupada aquela que non participe economicamente na xestión do proxecto, ben con cargo á subvención ou ben con achegas propias.

Segundo. Obxecto

Estas bases regulan a concesión de subvencións para proxectos desenvolvidos dentro dalgunha das catro dimensións seguintes (código de procedemento PR804A):

a) Sensibilización e concienciación da opinión pública en materia de cooperación para o desenvolvemento e causas da pobreza.

b) Formación sobre o desenvolvemento e difusión nos ámbitos educativos do coñecemento da realidade dos países empobrecidos e da cooperación para o desenvolvemento, e formación vinculada ao fortalecemento da entidade e da súa base social.

c) Investigación sobre o desenvolvemento sostible e a cidadanía global, segundo o establecido no artigo 11.3 da Lei 1/2023, do 20 de febreiro, de cooperación para o desenvolvemento sostible e a solidariedade global.

d) Incidencia, participación e mobilización social para crear redes de solidariedade na nosa sociedade que contribúan a acadar metas globais de desenvolvemento sostible e que versen sobre iniciativas a favor da solidariedade e a xustiza global, o apoio á acción humanitaria ou á cooperación para o desenvolvemento sostible global. Inclúese neste punto a elaboración de planificacións, diagnósticos, posicionamentos que fortalezan as organizacións nesta dimensión.

É necesario que os proxectos sexan relevantes para a cooperación para o desenvolvemento, e que o seu contido estea claramente relacionado con esta área, e non serán financiables nesta convocatoria os proxectos sen esta dimensión, a cal deberá estar claramente expresada na formulación do proxecto e no seu título.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 24 de xullo de 2026 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento PR804A).

Cuarto. Importe

Para a concesión destas axudas destínase, de acordo coas bases reguladoras aprobadas, un importe total de 720.000 euros (288.000 euros no ano 2026 e 432.000 euros no ano 2027) que se financiarán con cargo á aplicación orzamentaria 05.07.331A.481.0.

O importe máximo que se poderá financiar será dun 95 % do orzamento total do proxecto, e a subvención concedida non superará en ningún caso os 37.000 € para proxectos plurianuais. Para proxectos que se executen só durante o ano 2026, a subvención máxima concedida será de 26.000 €.

Nos proxectos presentados por varias entidades en agrupación, a subvención concedida non superará o límite dos 47.000 €. Para proxectos en agrupación que se executen só durante o ano 2026, a subvención máxima concedida será de 36.000 €.

A subvención concedida aos proxectos plurianuais distribuirase do seguinte xeito: o 40 % no ano 2026 e o 60 % no ano 2027.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2026

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes