Feitos:
1. O 20.4.2026 UFD Distribución Electricidad, S.A. (en diante, UFD) presentou, perante o Departamento Territorial de Ourense da Consellería de Economía e Industria (en diante, Departamento Territorial), a solicitude de autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción para a infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica correspondente a unha nova posición de liña de 20 kV na Subestación San Cibrao 132/20 kV, no concello de San Cibrao das Viñas (Ourense), á que se lle asignou o número de expediente IN407A 2026/039-3.
Esta solicitude acompañouse (ou completouse posteriormente) da seguinte documentación técnica:
• Proxecto de execución denominado Subestación San Cibrao 132/20 kV-Ampliación liña MT pos. 828, asinado polo enxeñeiro técnico industrial David Rabuñal Martínez (colexiado núm. 3481 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais da Coruña –Coeticor–) e visado por este colexio, con número 564/26-CO e data 10.3.2026. Neste proxecto figura un orzamento total de 90.535,13 euros.
• Declaración responsable asinada polo técnico proxectista e integrada no anexo II do proxecto, exixida no artigo 53.1.b) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
• Declaración responsable, asinada polo técnico proxectista o 12.6.2026, na que fai constar que o proxecto técnico non se atopa entre os supostos sometidos á avaliación ambiental simplificada regulada no título II, capítulo II, sección 2ª da Lei 21/2013, segundo a súa redacción definitiva polo Real decreto 445/2023.
Segundo consta no proxecto de execución, na Subestación San Cibrao 132/20 kV proxéctase a ampliación dunha nova posición de liña no parque de 20 kV (pos. 828), coa integración no interior do edificio dunha cela de liña de dobre barra, blindada e illada de SF6, de características compatibles coas xa existentes.
2. O 30.6.2026, o Departamento Territorial, unha vez rematada a instrución do referido expediente, deu traslado deste á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas (en diante, DXPEM) para os efectos de ditar a oportuna resolución e incorporou ao expediente o informe e a proposta seguintes:
• Informe emitido o 26.6.2026 polos servizos técnicos do Departamento Territorial, de carácter favorable, para os efectos do disposto no artigo 47.5 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro.
• Proposta ditada o 29.6.2026 pola directora territorial, na que se informa de xeito favorable a petición formulada por UFD no relativo á tramitación das autorizacións administrativas previa e de construción do referido proxecto, para a súa resolución pola DXPEM.
Consideracións legais e técnicas:
1. No expediente instruído para o efecto, cumpríronse os trámites do procedemento establecidos na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia; na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.
2. Con respecto á tramitación do referido expediente, cómpre salientar que está exenta do trámite de información pública, de conformidade coa excepción recollida no artigo 50.b) da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, para as solicitudes de autorización administrativa de modificacións de instalacións de distribución de calquera tensión, sempre que non se solicite a declaración de utilidade pública nin sexa preceptiva a avaliación ambiental ordinaria.
3. En canto á avaliación de impacto ambiental dos proxectos, no artigo 7 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, defínense os proxectos que terán que someterse a unha avaliación de impacto ambiental, ordinaria ou simplificada. A este respecto, preséntase unha declaración responsable do técnico proxectista na que fai constar que o proxecto técnico non se atopa entre os supostos sometidos á avaliación ambiental simplificada regulada no título II, capítulo II, sección 2ª da Lei 21/2013, segundo a súa redacción definitiva polo Real decreto 445/2023.
4. A competencia para resolver este expediente correspóndelle á DXPEM ao tratarse dunha subestación cunha potencia superior aos 75 MVA, de conformidade co disposto no artigo único (punto 1.b) 2 para as autorizacións administrativas previa e de construción) do Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro), así como no Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia (DOG núm. 73, do 14 de abril); no Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellería da Xunta de Galicia (DOG núm. 81, do 24 de abril); e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio).
De acordo con todo o anterior,
RESOLVO:
1. Outorgar a autorización administrativa previa para a infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica correspondente a unha nova posición de liña de 20 kV na Subestación San Cibrao 132/20 kV, no concello de San Cibrao das Viñas (Ourense), que promove UFD Distribución Electricidad, S.A.
2. Outorgar a autorización administrativa de construción para o proxecto de execución da citada infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica denominado Subestación San Cibrao 132/20 kV-Ampliación liña MT pos. 828.
Todo isto de acordo coas condicións seguintes:
1. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución denominado Subestación San Cibrao 132/20 kV-Ampliación liña MT pos. 828, asinado polo enxeñeiro técnico industrial David Rabuñal Martínez (colexiado núm. 3481 do Coeticor) e visado por este colexio, con número 564/26-CO e data 10.3.2026. Neste proxecto figura un orzamento total de 90.535,13 euros.
2. A empresa promotora (UFD) asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manteñan as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento se deberán cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade nas instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, aprobados polo Real decreto 337/2014, do 9 de maio, e o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, aprobados polo Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro.
3. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten a datos básicos do proxecto, será necesaria a autorización previa da DXPEM; non obstante, o Departamento Territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes e deberá comunicarlle á devandita dirección xeral todas as resolucións que se diten en aplicación da citada facultade.
4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, que se contarán a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución. Unha vez que se constrúan estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación perante o Departamento Territorial, quen deberá estendela tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.
5. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución ou a variación substancial dos presupostos que determinaron a súa adopción poderán dar lugar á súa revogación, logo da audiencia ao promotor, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.
6. Estas autorizacións adóptanse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da referida infraestrutura eléctrica, en especial os relativos á ordenación do territorio e ao medio ambiente, tal e como dispón o título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.
7. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 48.2 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro.
Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer un recurso de alzada perante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia no prazo dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.
Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2026
Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Minas
