A Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial (LOPX), prevé a existencia dos institutos de medicina legal e ciencias forenses. De conformidade co previsto na devandita lei orgánica, mediante o Real decreto 386/1996, do 1 de marzo, aprobouse o Regulamento dos institutos de medicina legal, que os configura como órganos técnicos que teñen por misión auxiliar os xulgados, os tribunais, as fiscalías e as oficinas do Rexistro Civil coa práctica de probas periciais médicas, tanto tanatolóxicas como clínicas e de laboratorio, e dos equipos piscosociais, así como realizando actividades de docencia e investigación relacionadas coas ciencias forenses.
A Constitución española, no número primeiro, punto 5, do artigo 149 recolle como competencia exclusiva do Estado a Administración de xustiza. O Tribunal Constitucional definiu, a través da súa xurisprudencia, o alcance desta reserva competencial en torno a dous piares esenciais: por un lado, o poder xudicial é único e a el lle corresponde a función xurisdicional de xulgar e facer executar o xulgado e, por outro, o goberno dese poder xudicial. Xunto a ese núcleo esencial do que debe entenderse por Administración de xustiza existe un conxunto de medios persoais e materiais que serven de apoio e auxilio para o exercicio da función xurisdicional, e que constitúen a administración da Administración de xustiza, respecto das que as comunidades autónomas poderán ter competencias, en canto non resultan elemento esencial da función xurisdicional e do autogoberno do poder xudicial.
De acordo co disposto no artigo 20.1 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, correspóndelle á Comunidade Autónoma exercer todas as facultades que as leis orgánicas do poder xudicial e do Consello Xeral do Poder Xudicial lle recoñecen ou lle atribúen ao Goberno do Estado en relación coa Administración de xustiza en Galicia.
A través do Real decreto 2166/1994, do 4 de novembro, foron traspasadas polo Estado as funcións de provisión dos medios materiais e económicos para o funcionamento da Administración de xustiza. Polo Decreto 394/1994, do 29 de decembro, a Comunidade Autónoma de Galicia asumiu as ditas funcións.
As funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de medios persoais ao servizo da Administración de xustiza traspasáronse a través do Real decreto 2397/1996, do 22 de novembro, e foron asumidos polo Decreto 438/1996, do 20 de decembro.
Por medio do Real decreto 233/1998, do 16 de febreiro, ampliáronse as funcións, os servizos e os medios traspasados e asumidos pola Comunidade Autónoma de Galicia. Esta ampliación comprende as funcións e os servizos sobre a provisión de medios materiais e económicos dos institutos de medicina legal.
No marco destas competencias e de conformidade co previsto no Real decreto 386/1996, do 1 de marzo, polo que se aproba o Regulamento dos institutos de medicina legal, creouse, a través do Decreto 119/2005, do 6 de maio, o Instituto de Medicina Legal de Galicia.
A Orde do 23 de marzo de 2006 fixou como data de entrada en funcionamento do Instituto de Medicina Legal de Galicia, con sede en Santiago de Compostela e centros de traballo situados nas cidades da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo, o día 31 de marzo de 2006.
O tempo transcorrido desde a súa creación, a experiencia acumulada no seu funcionamento e as modificacións normativas fan necesaria esta modificación. Entre estas reformas destaca a Lei orgánica 7/2015, do 21 de xullo, pola que se modifica a Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial, que modificou a denominación dos institutos de medicina legal, que pasaron a denominarse institutos de medicina legal e ciencias forenses, en recoñecemento do seu carácter multidisciplinar, e posibilitou a integración de unidades de valoración forense integral e de equipos técnicos especializados.
Así mesmo, a Lei 35/2015, do 22 de setembro, de reforma do sistema para a valoración dos danos e perdas causados ás persoas en accidentes de circulación, e o Real decreto 1148/2015, do 18 de decembro, polo que se regula a realización de pericias por solicitude de particulares polos institutos de medicina legal e ciencias forenses, nas reclamacións extraxudiciais por feitos relativos á circulación de vehículos de motor, ampliaron as funcións dos institutos ao permitir a emisión de informes e ditames periciais por solicitude de particulares nas reclamacións extraxudiciais derivadas de accidentes de circulación. Pola súa parte, a Lei 8/2021, do 2 de xuño, pola que se reforma a lexislación civil e procesual para o apoio ás persoas con discapacidade no exercicio da súa capacidade xurídica, introduciu un novo enfoque no apoio ás persoas con discapacidade, que require informes forenses elaborados desde unha perspectiva multidisciplinar, e a Lei orgánica 10/2022, do 6 de setembro, de garantía integral da liberdade sexual, prevé a especialización das unidades de valoración forense integral en materia de violencia sexual.
Tamén nestes vinte anos desde a entrada en funcionamento do instituto se produciu unha gran transformación dixital na sociedade, que debe ter o seu reflexo na organización do instituto.
A aprobación do Real decreto 144/2023, do 28 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento dos institutos de medicina legal e ciencias forenses, e que derroga o Real decreto 296/1996, do 23 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento orgánico do corpo de médicos forenses, e o Real decreto 386/1996, do 1 de marzo, polo que se aproba o Regulamento dos institutos de medicina legal, fai necesaria a adaptación da regulación autonómica ao novo marco estatal.
En consecuencia, este decreto modifica a denominación do Instituto, que pasa a denominarse Instituto de Medicina Legal e Ciencias Forenses de Galicia, regula as unidades de valoración forense integral como equipos interdisciplinarios integrados por persoal médico forense e profesionais da psicoloxía e do traballo social e recoñece a posibilidade de desenvolver actividades docentes, investigadoras e de colaboración no ámbito da medicina legal e forense.
Ademais, introdúcense cambios organizativos derivados da experiencia acumulada, entre os que destacan a incorporación dos partidos xudiciais de Lalín e da Estrada ao ámbito da Subdirección Territorial de Pontevedra, a nova regulación da Dirección do instituto mediante o nomeamento por libre designación e por un prazo determinado, a separación entre a Dirección e a Subdirección Territorial de Santiago de Compostela, e a modificación da composición do Consello de Dirección para adaptala ao carácter multidisciplinar do instituto.
Este decreto axústase aos principios de boa regulación previstos no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, así como aos principios recollidos na Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico.
A norma responde aos principios de necesidade e eficacia, ao resultar precisa a adaptación da regulación autonómica ao novo marco establecido polo Real decreto 144/2023, do 28 de febreiro. Esta adaptación permitirá actualizar a organización e funcionamento do instituto, reforzar o seu carácter multidisciplinar e mellorar a calidade do servizo público que se presta á cidadanía.
Polo que respecta ao principio de proporcionalidade, a iniciativa que se propón contén a regulación imprescindible para a consecución dos obxectivos mencionados, e non se trata dunha norma restritiva de dereitos ou que impoña novas obrigacións aos interesados.
No relativo ao principio de seguridade xurídica, a norma resulta coherente co resto do ordenamento xurídico e adecúa o seu contido ás previsións da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, e ao recollido no Real decreto 144/2023, do 28 de febreiro, proporcionando un marco normativo claro, estable e actualizado.
Con respecto ao principio de eficiencia, a nova regulación favorece unha xestión máis racional dos recursos públicos, mediante unha estrutura organizativa máis adecuada ás necesidades actuais do instituto e orientada á mellora da coordinación, especialización e funcionamento do servizo.
Así mesmo, tamén se garanten os principios de transparencia e accesibilidade, ao terse posibilitado durante a tramitación da norma a participación das organizacións sindicais con representación no ámbito do persoal ao servizo da Administración de xustiza, dos sectores afectados e da cidadanía, a través da publicidade no Portal de transparencia e Goberno aberto da Xunta de Galicia e dos trámites de audiencia e información pública.
Finalmente, a norma atende aos principios de simplicidade e claridade, ao establecer unha regulación sistemática, ordenada e comprensible do réxime organizativo e funcional do Instituto de Medicina Legal e Ciencias Forenses de Galicia.
Coa aprobación deste decreto queda derrogado o Regulamento do Instituto de Medicina Legal aprobado polo Decreto 119/2005, do 6 de maio, polo que se crea o Instituto de Medicina Legal de Galicia.
Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, oído o Consello Xeral do Poder Xudicial, de acordo co Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación no Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do vinte de xullo de dous mil vinte e seis,
DISPOÑO:
Artigo único. Aprobación do Regulamento do Instituto de Medicina Legal e Ciencias Forenses de Galicia
Apróbase o Regulamento do Instituto de Medicina Legal e Ciencias Forenses de Galicia, cuxo texto se inclúe a seguir.
Disposición adicional única. Ámbito de aplicación do decreto
Este decreto resultará tamén de aplicación ao persoal da escala de auxiliares de autopsias, do grupo IV, categoría 39, de persoal laboral da Xunta de Galicia, que seguirá prestando servizos no Instituto de Medicina Legal e Ciencias Forenses de Galicia ata a súa efectiva substitución polo persoal da escala de técnicos especialistas en patoloxía forense, de acordo co establecido na Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.
Disposición derrogatoria
Queda derrogado o anexo I, Regulamento do Instituto de Medicina Legal de Galicia, do Decreto 119/2005, do 6 de maio, polo que se crea o Instituto de Medicina Legal de Galicia.
Disposición derradeira. Entrada en vigor
Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, vinte de xullo de dous mil vinte e seis
Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente
Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes
ANEXO I
Regulamento do Instituto de Medicina Legal e Ciencias Forenses de Galicia
CAPÍTULO I
Disposicións xerais
Artigo 1. Natureza
O Instituto de Medicina Legal e Ciencias Forenses de Galicia é un órgano técnico ao servizo da Administración de xustiza que ten como función principal a de auxiliala no ámbito das súas disciplinas científicas e técnicas.
Artigo 2. Ámbito territorial
1. O ámbito territorial do instituto é o da Comunidade Autónoma de Galicia.
2. O instituto terá a súa sede en Santiago de Compostela e centros de traballo situados nas cidades da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo.
Artigo 3. Adscrición do instituto
O Instituto de Medicina Legal e Ciencias Forenses de Galicia está adscrito organicamente á consellería con competencia en materia de xustiza, a través da dirección xeral correspondente. No seu orzamento incluiranse recursos de todo tipo para o funcionamento do instituto.
Artigo 4. Funcións
1. No marco do disposto no artigo 1 do Real decreto 144/2023, do 28 de febreiro, correspóndelle ao Instituto de Medicina Legal e Ciencias Forenses de Galicia:
a) Practicar as probas periciais forenses, tanto tanatolóxicas coma clínicas, previstas na normativa vixente en materia de medicina forense, psicoloxía e traballo social.
b) Realizar actividades de docencia e investigación relacionadas coas ciencias forenses.
c) Calquera outra función de colaboración e investigación, derivada de convenios ou acordos con órganos ou organismos da Administración autonómica, nacional ou con outros entes públicos ou privados, por razóns de interese xeral, en virtude dos acordos ou convenios que se adopten.
d) Levar a cabo funcións de fonte de información sanitaria e social, en colaboración e coordinación coas autoridades, administracións e institucións competentes na materia de prevención, promoción da saúde e benestar social.
2. Nas súas funcións técnicas o instituto terá carácter independente e emitirá os seus informes con suxeición ás regras de investigación científica.
3. O instituto, no ámbito das súas funcións de auxilio á Administración de xustiza, velará polo impulso e recoñecemento dos valores éticos e deontolóxicos, así como pola implantación de todas aquelas actuacións conducentes á mellora da calidade do servizo público de xustiza.
4. No ámbito das súas funcións técnicas, o instituto participará e colaborará na transformación dixital da xustiza mediante o uso dos medios ou sistemas establecidos polas administracións, impulsará a mellora e a dixitalización dos procesos e fomentará a inmediación dixital mediante o uso de recursos telemáticos ou doutro tipo en beneficio do mellor servizo á cidadanía e á xustiza.
5. Non se poderán realizar nas dependencias nin cos recursos do instituto actividades tanatolóxicas nin unha actividade pericial privada, salvo nos supostos previstos no artigo 23 do Real decreto 144/2023, do 28 de febreiro.
Artigo 5. Estrutura territorial
1. O Instituto de Medicina Legal e Ciencias Forenses de Galicia desenvolve a súa actividade a través das subdireccións territoriais, centros de destino e operativos que actúan baixo a dependencia da Dirección do instituto, á cal lle corresponde garantir os criterios de uniformidade e coordinación na actuación deste.
2. O instituto estrutúrase territorialmente nas seguintes subdireccións:
a) Subdirección territorial da Coruña: o seu ámbito de actuación abrangue os partidos xudiciais da Coruña, Betanzos, Carballo e Corcubión.
b) Subdirección territorial de Ferrol: o seu ámbito de actuación abrangue os partidos xudiciais de Ferrol e Ortigueira.
c) Subdirección Territorial de Lugo: o seu ámbito territorial é o da provincia de Lugo.
d) Subdirección Territorial de Ourense: o seu ámbito territorial de actuación é o da provincia de Ourense.
e) Subdirección Territorial de Pontevedra: o seu ámbito de actuación abrangue os partidos xudiciais de Caldas de Reis, A Estrada, Cambados, Cangas, Lalín, Marín, Pontevedra e Vilagarcía de Arousa.
f) Subdirección Territorial de Santiago de Compostela: o seu ámbito de actuación abrangue os partidos xudiciais de Arzúa, Muros, Negreira, Noia, Ordes, Padrón, Ribeira e Santiago de Compostela.
g) Subdirección Territorial de Vigo: o seu ámbito de actuación abrangue os partidos xudiciais de Ponteareas, Redondela, O Porriño, Tui e Vigo.
CAPÍTULO II
Órganos directivos do instituto
Artigo 6. Órganos centrais
1. Son órganos directivos a Dirección do instituto e o Consello de Dirección.
2. Son órganos relacionados coa actividade formativa do instituto, con competencia en todo o ámbito territorial do instituto, a Comisión de Formación e Investigación e a Comisión de Docencia da unidade docente da especialidade de Medicina Legal e Forense.
Artigo 7. Dirección do Instituto de Medicina Legal e Ciencias Forenses de Galicia
1. Á fronte do Instituto de Medicina Legal e Ciencias Forenses de Galicia estará a Dirección, que será nomeada segundo o previsto na normativa vixente, polo sistema de libre designación, mediante unha convocatoria pública en que participará persoal funcionario pertencente ao corpo de médicos forenses en activo con polo menos cinco anos de experiencia.
2. O mandato do posto de Dirección estenderase a un prazo de cinco anos renovable, de ser o caso, por períodos iguais.
3. O posto de director/a implicará para o seu titular a dispensa do seu traballo como persoal do corpo de médicos forenses.
4. Nos supostos de vacante, a Dirección será substituída por quen desempeñe a subdirección, a xefatura de área ou a xefatura do servizo de maior antigüidade da sede do instituto. No caso de ausencia ou enfermidade do/da director/a, a substitución será exercida pola persoa que desempeñe a subdirección que designe o/a director/a.
Artigo 8. Funcións da Dirección
1. De conformidade co disposto no artigo 8.5 do Real decreto 144/2023, do 28 de febreiro, correspóndenlle á Dirección do Instituto de Medicina Legal e Ciencias Forenses de Galicia as seguintes funcións:
a) Exercer a representación do Instituto.
b) Manter a debida relación coa dirección xeral con competencias en materia de xustiza e elaborar e presentarlle o plan anual de actuación do Instituto, unha vez aprobado polo Consello de Dirección, e a proposta de adquisición de material e equipamento.
c) Presentar á dirección xeral con competencia en materia de xustiza a memoria anual dos servizos, traballos e actuacións do instituto.
d) Distribuír e coordinar os traballos que deban realizarse, incluíndo a modalidade do teletraballo.
e) Organizar o contido, a distribución, a repartición e as quendas das gardas, por proposta das subdireccións, de ser o caso, oído o Consello de Dirección, no marco da normativa vixente.
f) Propoñer as modificacións das relacións de postos de traballo do instituto.
g) Coidar na orde administrativa e laboral do bo funcionamento dos servizos.
h) Velar polo exacto cumprimento das funcións do persoal dependente do instituto, así como prestar a cooperación necesaria para o seu correcto exercicio.
i) Vixiar e inspeccionar as obrigas inherentes ao posto de traballo e o cumprimento da xornada de traballo.
j) Promover ante o órgano competente a exixencia das responsabilidades disciplinarias que procedan en relación co persoal destinado no instituto.
k) Implantar e promover as melloras dos procesos do instituto orientado á mellora da calidade da actividade e do servizo pericial.
l) Impulsar e velar polo cumprimento do uso dos medios ou sistemas TIC establecidos polas administracións, así como pola mellora e promoción da dixitalización dos procesos e a inmediación dixital.
m) Velar pola debida atención ás persoas interesadas e ao público en xeral no marco do cumprimento de valores éticos e deontolóxicos.
n) Constituír, por proposta do Consello de Dirección, a Comisión de Formación e Investigación do instituto, presidila ou nomear a persoa en quen delegue, e informar das súas actuacións a consellería competente en materia de xustiza.
ñ) Propoñer os proxectos de investigación e actividades docentes do instituto, oída a Comisión de Formación e Investigación, respectando os criterios técnicos dos seus membros.
o) Manter a debida relación cos órganos competentes en materia de formación da consellería con competencias en xustiza, oída a Comisión de Formación e Investigación.
p) Propoñer e remitir a solicitude de acreditación como unidade docente para a formación sanitaria especializada, de acordo coa normativa específica.
q) Manter a debida relación co Instituto Nacional de Toxicoloxía e Ciencias Forenses.
r) Participar no Pleno do Consello Médico Forense cando lle corresponda regulamentariamente e elevar ao devandito Consello e, de ser o caso, aos consellos xerais de psicoloxía, de traballo social e de educación social, aquelas cuestións en materia pericial, docente, divulgativa e de investigación e calidade que se expoñan no ámbito do Instituto por proposta do Consello de Dirección. As persoas representantes da Administración autonómica serán designadas de acordo co principio de presenza equilibrada de mulleres e homes.
s) Elaborar o plan de emerxencias de coordinación co órgano competente en materia de protección civil, así como declarar, de ser o caso, a activación do protocolo de sucesos con vítimas múltiples conxuntamente coa persoa responsable da policía científica.
t) Participar na Comisión Técnica Nacional para Sucesos con Vítimas Múltiples cando sexa convocada.
u) Promover as colaboracións institucionais e a racionalización dos recursos en virtude dos acordos e convenios que se establezan.
v) Desempeñar as demais funcións recoñecidas á Dirección do instituto na normativa vixente.
2. Salvo que a normativa vixente estableza outra cousa, os actos administrativos da Dirección do instituto non esgotan a vía administrativa e contra eles pódese recorrer ante a consellería con competencias en xustiza.
Artigo 9. Consello de Dirección
1. O Consello de Dirección estará presidido polo/a director/a e integrado, como membros natos, polas persoas subdirectoras e xefas de servizo do instituto. Como membros electos, formarán parte do Consello de Dirección dúas persoas vogais que representen de xeito equitativo e proporcional os colectivos profesionais periciais.
2. A secretaría do Consello de Dirección será elixida por maioría simple entre os seus membros. No caso de ausencia, realizará as funcións o membro de menos idade do consello constituído nese momento.
3. As dúas persoas vogais representantes dos colectivos profesionais periciais con destino no instituto serán elixidas por votación libre e secreta por parte do persoal pertencente a eses colectivos que preste servizos no instituto, por un mandato de catro anos. Cesarán no seu cargo polo transcurso deste prazo, cando deixasen de prestar servizos no ámbito do instituto e por renuncia. Cando o mandato finalice polo transcurso do prazo, estes manterán a súa condición de membros ata que sexan elixidas as novas persoas vogais.
4. O réxime xurídico e de funcionamento do Consello de Dirección axustarase ao establecido para os órganos colexiados na lexislación do réxime xurídico das administracións públicas, na lexislación de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, na normativa básica sobre os institutos de medicina legal e ciencias forenses e no previsto neste decreto.
Artigo 10. Funcionamento do Consello de Dirección
1. Serán funcións do Consello de Dirección as seguintes:
a) Asesorar a Dirección no exercicio das súas funcións.
b) Realizar propostas e colaborar coa Dirección na coordinación dos traballos desenvolvidos polo instituto.
c) Aprobar, por proposta da Dirección, o plan anual de actuación do instituto e cooperar no deseño final deste.
d) Colaborar coa Dirección nas propostas de modificación da relación de postos de traballo do instituto.
e) Coordinar coa Dirección a elaboración da proposta de solicitude de adquisición de material e equipamento anual do instituto.
f) Elaborar anualmente a memoria dos servizos, traballos e actuacións do instituto, que recollerá cantas observacións e comentarios se consideren pertinentes para a mellora dos servizos prestados á Administración de xustiza.
g) Proporlle á Dirección do instituto as quendas de gardas do persoal do corpo de médicos forenses e as normas sobre repartición de funcións e asuntos entre o colectivo pericial do instituto.
h) Propor a composición da Comisión de Formación e Investigación.
i) Elaborar e aprobar o Regulamento de funcionamento interno do consello, logo do informe da dirección xeral con competencias en materia de xustiza.
j) Emitir informe relativo aos convenios a que se refire o artigo 29.
k) Propor á Dirección para a súa elevación ao Consello Médico Forense e, de ser o caso, aos consellos xerais de psicoloxía, de traballo social e de educación social, aquelas cuestións de carácter científico-técnico dos seus respectivos ámbitos, en materia pericial, docente, divulgativa e de investigación e calidade que se suscitasen no ámbito do instituto.
l) Colaborar, a través da Dirección, co Consello Médico Forense.
2. O Consello de Dirección reunirase periodicamente, en sesións ordinarias dúas veces ao ano, convocado pola presidencia por iniciativa propia, ou en sesións extraordinarias, sempre que o decida a Dirección ou por pedimento de, polo menos, un terzo dos seus membros.
CAPÍTULO III
Estrutura funcional
Sección 1ª. Subdireccións do instituto
Artigo 11. Das subdireccións territoriais
1. O Instituto de Medicina Legal de Galicia e Ciencias Forenses contará con sete subdireccións territoriais, que terán como ámbito de actuación o establecido no artigo 5 deste regulamento, ás cales lles corresponde desenvolver as actividades médico-legais e forenses no seu respectivo ámbito de actuación.
Malia esta división territorial, o instituto actuará con criterios de unidade e uniformidade.
2. As subdireccións territoriais constitúense como os centros de destino de todo o persoal do instituto, onde desenvolven o seu traballo diario.
3. Excepcionalmente, de forma xustificada, cando o requiran necesidades de carácter extraordinario e para actuacións concretas, os/as médicos/as forenses poderán prestar servizos en subdireccións diferentes de acordo coas instrucións da Dirección do instituto, con dereito ás indemnizacións procedentes por razón de servizo.
4. As subdireccións disporán de servizos administrativos e do persoal de apoio necesario, nas condicións e cos requisitos que se establezan na relación de postos de traballo.
Artigo 12. Das subdireccións
1. Á fronte de cada Subdirección territorial estará como responsable organizativa a/o subdirector/a.
2. Os postos de subdirector/a, que dependen da Dirección do instituto, proveranse mediante o procedemento de libre designación, logo de convocatoria pública, entre persoal do corpo de médicos forenses en activo con polo menos cinco anos de experiencia.
3. O mandato do posto de Subdirección estenderase por un prazo de cinco anos renovable, de ser o caso, por períodos iguais.
4. No caso de vacante, o subdirección será substituída por quen desempeñe a xefatura de servizo ou de sección de maior antigüidade na subdirección. No caso de ausencia ou enfermidade, a Subdirección será substituída pola xefatura do servizo ou de sección que designe a Dirección.
5. Correspóndelle ao/á subdirector/a o desempeño das seguintes funcións:
a) Exercer a representación do instituto no seu respectivo ámbito territorial.
b) Manter a debida relación coas autoridades xudiciais e fiscais e coa Dirección do instituto, a quen auxiliará no exercicio das súas funcións.
c) Formularlle e presentarlle ao Consello de Dirección as propostas para desenvolver o plan anual de actuación da Subdirección, e executar o aprobado no ámbito da súa subdirección territorial.
d) Organizar o funcionamento da Subdirección, procurando obter a máxima eficiencia, e con observación dos principios de unidade, uniformidade e colaboración, conforme o establecido no plan anual de actuación.
e) Exercer a xefatura de todo o persoal da Subdirección, funcionario e laboral, velando polo exacto cumprimento das funcións e da xornada de traballo do persoal adscrito á Subdirección, e dar conta á Dirección das disfuncións detectadas, incluídas aquelas que puidesen ser motivo da apertura dun expediente disciplinario.
f) Ser oído/a, verbalmente ou por escrito, pola Dirección antes de resolver calquera cuestión en materia de persoal que afecte á subdirección territorial.
g) Elaborar e presentarlle ao Consello de Dirección as quendas de gardas que, de conformidade coa normativa legal, se deban realizar no ámbito da súa subdirección territorial.
h) De conformidade coas normas sobre repartición de funcións e asuntos aprobadas pola Dirección, coordinar e distribuír de forma equitativa e ponderada os traballos que deben realizarse, os cales serán de obrigado cumprimento para o persoal do corpo de médicos forenses e o resto do persoal.
i) Elaborar e presentar ante o Consello de Dirección a memoria anual dos servizos, traballos e actuacións da respectiva Subdirección, coa colaboración das xefaturas de servizo ou sección, segundo o caso.
j) Informar o Consello de Dirección da necesidade da adquisición de novo material, instrumentos, bibliografía ou da incorporación de novas técnicas.
k) Formular as necesidades de formación no ámbito da respectiva Subdirección dirixidas á Comisión de Formación e Investigación do instituto.
l) Difundir e colaborar no cumprimento das instrucións recibidas pola Dirección do instituto entre o persoal.
m) Informar a Dirección e o Consello de Dirección da marcha da Subdirección, dos seus traballos e das súas incidencias.
n) Desempeñar todas aquelas funcións que expresamente lle delegue a Dirección do instituto.
6. O exercicio das responsabilidades e atribucións correspondentes ao posto de subdirector/a é compatible para o seu titular co desempeño das funcións e tarefas propias do persoal do corpo de médicos forenses, sen prexuízo da liberalización parcial de actividades que a Dirección do instituto, por proposta do Consello de Dirección, poida acordar ao aprobar as normas sobre a repartición do traballo nas subdireccións.
Sección 2ª. Servizos, seccións e unidades
Artigo 13. Creación de servizos, seccións e unidades
1. No Instituto de Medicina Legal e Ciencias Forenses de Galicia, baixo a dependencia da Dirección, poderanse crear servizos, seccións e unidades en atención ás súas necesidades técnicas e organizativas.
2. A creación, variación ou supresión de seccións e unidades distintas das previstas neste decreto levarase a cabo a través das relacións de postos de traballo.
Artigo 14. Servizo de Patoloxía Forense
1. Ao Servizo de Patoloxía Forense, que se prestará a través das seccións de patoloxía forense de cada Subdirección, corresponderanlle as investigacións médico-legais nos casos de morte violenta ou sospeitosa de criminalidade que ocorresen na demarcación da Subdirección e que sexan ordenadas pola autoridade xudicial, así como a identificación de cadáveres e restos humanos.
2. Ao/á xefe/a deste servizo corresponderalle establecer as pautas de actuación deste e coordinar as actuacións dos/das xefes/as desta sección no resto das subdireccións, seguindo os criterios establecidos no Consello de Dirección.
3. A práctica das autopsias realizarase en locais propios ou concertados con outras institucións. A Dirección do instituto poderá habilitar outros locais para determinadas autopsias ou recoñecementos de cadáveres e restos humanos nos casos en que sexa necesario ou tras a información da solicitude da Subdirección correspondente informada das causas que o motivan.
4. Poderán crearse seccións especializadas de histopatoloxía para o estudo microscópico e diagnóstico das pezas obtidas nas autopsias e de antropoloxía forense para o estudo dos restos humanos.
5. Neste servizo prestará as súas funcións o persoal da escala de técnicos especialistas en patoloxía forense, seguindo as directrices da xefatura de servizo ou sección, de ser o caso.
Artigo 15. Servizo de Clínica Médico-Forense
1. Ao Servizo de Clínica Médico-Forense, que se prestará a través das seccións homónimas de cada Subdirección, correspóndenlle as peritaxes médico-legais respecto das persoas vivas e as peritaxes psicolóxicas e sociais.
2. Correspóndelle a este servizo as seguintes funcións:
a) O exame das persoas lesionadas e o seu control periódico.
b) A valoración dos danos corporais que sexan obxecto de actuacións procesuais e a realización das pericias por solicitude de particulares, segundo o establecido na lexislación vixente.
c) Os informes psiquiátricos.
d) As investigacións nos supostos de delitos contra a liberdade sexual.
e) A valoración integral da violencia de xénero.
f) A valoración das persoas detidas.
g) A valoración da praxe profesional nos procedementos en que o instituto resulte competente.
h) A resolución pericial das cuestións relacionadas coas persoas menores ou con discapacidade necesitadas de medidas de apoio, nos procedementos en que o instituto resulte competente.
i) O resto das actuacións periciais dos equipos psicosociais previstas na lexislación vixente.
Artigo 16. Seccións do Servizo de Clínica Médico-Forense
1. Poderán establecerse as seccións especializadas de valoración do dano corporal, de psiquiatría forense e de valoración psicosocial.
2. As funcións da Sección de Valoración do Dano Corporal serán relativas á emisión dos ditames sobre as persoas lesionadas e á valoración dos danos corporais que sexan obxecto de actuacións procesuais, así como as actuacións periciais por solicitude de particulares, segundo previsto na lexislación vixente.
3. As funcións da Sección de Psiquiatría Forense serán as relativas á emisión dos informes que a autoridade xudicial ou o Ministerio Fiscal requirisen sobre esta especialidade.
4. A Sección de Valoración Psicosocial encargarase da emisión das peritaxes psicosociais, psicolóxicas e sociais que lle sexan solicitadas polas autoridades xudiciais de oficio, por pedimento do Ministerio Fiscal ou dunha parte con dereito á asistencia xurídica gratuíta en procesos penais, de familia ou en que interveñan menores ou persoas co discapacidade ou necesitadas de protección. Estas funcións serán desenvolvidas polo persoal especialista en psicoloxía e traballo social integrado nos cadros de persoal do instituto que forma parte dos equipos psicosociais.
Artigo 17. Unidades de valoración forense integral
1. No Instituto de Medicina Legal e Ciencias Forenses de Galicia disporase de equipos interdisciplinarios formados por persoal médico forense, de psicoloxía e de traballo social, denominados unidades de valoración forense integral.
2. Estas unidades estarán baixo a supervisión da xefatura do Servizo de Clínica Médico-Forense. A coordinación de todas elas corresponderalle a un dos/das profesionais que as conforman, cuxa designación corresponderá á Dirección seguindo criterios de idoneidade, formación e estabilidade, que colaborará coa xefatura de servizo no desenvolvemento das actividades que lle son propias.
3. Existirá, polo menos, unha unidade de valoración forense integral en cada unha das subdireccións do instituto, que desenvolverá a súa actividade nese ámbito territorial, sen prexuízo de que a Dirección do instituto poida reordenar ese ámbito polas necesidades do servizo.
4. As unidades de valoración forense integral desempeñarán as seguintes funcións:
a) A asistencia técnica especializada en materia de violencia de xénero e violencia sexual aos órganos xudiciais no ámbito territorial que lles é propio.
b) O deseño de protocolos de actuación global e integral en casos de violencia de xénero e de violencia sexual.
c) A recollida de información que permita xerar coñecemento sobre estas formas de violencia.
d) A formación, docencia e investigación en materia de violencia de xénero e violencia sexual, en colaboración coa Comisión de Formación e Investigación.
5. O seu persoal terá formación especializada en familia, menores, persoas con discapacidade e en violencia de xénero, violencia sexual e violencia doméstica. A súa formación será orientada desde a perspectiva da igualdade entre homes e mulleres.
6. O recoñecemento forense das vítimas realizarase nun ambiente adecuado ás especiais necesidades destas promovendo, de ser o caso, a maior proximidade á vítima, e considerando as particularidades daquelas en situación de especial vulnerabilidade.
7. As unidades de valoración forense integral contarán cun código ético e de boas prácticas, que será aprobado polo Consello de Dirección, cuxos principios observará o persoal que as integra.
Artigo 18. Laboratorio forense
1. O instituto poderá instar a Comunidade Autónoma para que, nos termos do artigo 14.2 do Real decreto 144/2023, do 28 de febreiro, se formule unha proposta de creación dun laboratorio forense, dependente da Dirección, e con competencia en todo o ámbito territorial do instituto.
2. Ao servizo de laboratorio forense correspóndelle realizar as análises biolóxicas, clínicas e de toxicoloxía, sen prexuízo das competencias do Instituto Nacional de Toxicoloxía e Ciencias Forenses, que actuará como centro de referencia en materias da súa especialidade.
3. Este servizo, segundo as especialidades, poderá ser propio ou obxecto dun convenio con outra institución, segundo o establecido no artigo 29.
Artigo 19. Das xefaturas de servizo e das xefaturas de sección
1. Os postos de xefatura de servizo e de sección do instituto serán provistos mediante o procedemento de concurso específico de méritos entre o persoal funcionario pertencente ao corpo de médicos forenses, de acordo cos criterios que se establezan na correspondente relación de postos de traballo.
2. A xefatura de servizo coordinará e supervisará as actividades do servizo e as xefaturas de sección, que colaborarán con esta, no ámbito da súa subdirección, seguindo os parámetros que estableza.
3. As xefaturas de servizo e as xefaturas de sección, dentro do campo da medicina forense que respectivamente lles corresponda, seguindo as instrucións recibidas pola Dirección ou Subdirección, segundo o caso, terán as seguintes funcións:
a) Organizar o funcionamento do servizo ou sección, procurando obter o seu máximo rendemento e coidando do cumprimento das obrigas de cada un dos seus membros.
b) Elaborar e presentar á Subdirección a memoria anual dos traballos e actuacións do seu servizo, os parámetros e indicadores de calidade e a proposta das súas necesidades de tipo técnico.
c) Establecer os protocolos de actuación, normas e guías de actuación dos respectivos profesionais nas actividades específicas de cada un deles, seguindo os protocolos xerais aprobados polo Consello de Dirección, e velar pola súa aplicación.
d) No seu ámbito de actuación impartirán ao persoal do corpo de médicos forenses e ao resto de persoal técnico do servizo ou sección da respectiva subdirección os criterios científicos necesarios para garantir a calidade das pericias, a través da normalización dos procedementos, da adhesión aos principios metodolóxicos recoñecidos e do valor pericial da evidencia e da excelencia científica.
e) Exercer calquera outra función que lles encomende a Dirección ou a Subdirección segundo corresponda, no exercicio do seu cargo.
4. Os postos de xefatura de servizo ou sección non implicarán para o seu persoal titular a dispensa do traballo habitual que lle corresponda realizar como persoal do corpo de médicos forenses.
5. A designación das persoas que deban substituír as titulares das xefaturas de servizo e de sección correspóndelle á Dirección do instituto.
Sección 3ª. Órganos de formación
Artigo 20. Comisión de Formación e Investigación
1. Existirá no Instituto de Medicina Legal e Ciencias Forenses de Galicia unha comisión de formación e investigación, como órgano superior de asesoramento en materia de formación, docencia e investigación, que terá a súa sede en Santiago de Compostela.
2. A Comisión constituirase como órgano colexiado e a súa constitución corresponde á Dirección do instituto, por proposta do Consello de Dirección. A presidencia da Comisión corresponderalle á persoa que exerza a Dirección do instituto ou á persoa en quen delegue a función.
3. Os membros da Comisión de Formación e Investigación son nomeados/as polo/a director/a, por proposta do Consello de Dirección por un prazo de catro anos e cesarán unha vez transcorrido o dito prazo, por renuncia ou cando cesen nas súas funcións no instituto.
Na composición da Comisión, sempre que sexa posible en atención á dispoñibilidade das e dos profesionais que a poden conformar, procurarase acadar unha presenza equilibrada de homes e mulleres.
4. Por proposta da Comisión poderán participar nela outras persoas expertas cando a especificidade da materia o aconselle.
5. Correspóndelle á Comisión de Formación e Investigación impulsar a formación, a docencia e a investigación. Emitirá informes, se é o caso, sobre os programas das probas selectivas. Proporalle á Dirección os proxectos de investigación do instituto, emitirá informe preceptivo e non vinculante sobre os plans formativos do instituto e desempeñará aquelas outras funcións que lle poidan ser encomendadas no momento da súa constitución.
6. A Comisión establecerá as súas normas de funcionamento interno.
Artigo 21. Comisión de Docencia
1. No caso de acreditarse como unidade docente para a formación sanitaria especializada en ciencias da saúde, constituirase unha comisión de docencia, como órgano colexiado ao que lle corresponde organizar a formación, supervisar a súa aplicación práctica e controlar o cumprimento dos obxectivos previstos no programa formativo da especialidade de Medicina Legal e Forense.
Así mesmo, corresponde á Comisión de Docencia facilitar a integración das actividades formativas dos/das residentes coa actividade asistencial e ordinaria do instituto, planificando a súa actividade profesional conxuntamente cos órganos de dirección deste.
2. A Dirección do instituto, as persoas responsables dos dispositivos docentes en que se imparte a formación e as respectivas comisións de docencia teñen a obriga de informarse mutuamente sobre as actividades laborais e formativas dos/das residentes, co fin de decidir conxuntamente a súa adecuada integración na actividade do instituto e nos dispositivos docentes correspondentes.
3. A Comisión de Docencia estará presidida pola persoa que exerza a xefatura de estudos de formación especializada, á que corresponderá a dirección das actividades de planificación, organización, xestión e supervisión da docencia especializada. Na súa composición existirá, en todo caso, representación dos/das titores/as da formación e dos/das residentes.
Na composición da Comisión, sempre que sexa posible en atención á dispoñibilidade de profesionais que a poidan conformar, procurarase acadar unha presenza equilibrada de homes e mulleres.
4. Á Comisión de Docencia seranlle de aplicación os criterios xerais que fixe a lexislación sanitaria para a formación especializada, sen prexuízo da normativa específica da Administración de xustiza.
CAPÍTULO IV
Persoal do instituto e servizos administrativos
Artigo 22. Locais nos edificios xudiciais
Nos partidos xudiciais en que non radiquen a sede do instituto ou dunha subdirección existirán instalacións axeitadas para realizar as actividades necesariamente presenciais e, para estes efectos, reservaranse locais adecuados nos edificios xudiciais.
Artigo 23. Servizos administrativos
1. Cada subdirección territorial, baixo a dependencia directa da persoa responsable da Subdirección, contará coa infraestrutura persoal e material adecuada para realizar as tarefas administrativas.
2. Ao servizo administrativo das subdireccións, atendido polo persoal funcionario dos corpos xerais da Administración de xustiza, correspóndenlle as funcións recollidas na normativa vixente, entre as que se encontran:
a) Atención ao público.
b) Establecemento e control dos servizos de cita previa para o recoñecemento e demais actuacións coas persoas interesadas e os órganos xudiciais.
c) Actos de comunicación interna e externa, entre os que se encontran as citacións de comparecencias en xuízo.
d) Recepción, rexistro, distribución e control de escritos, documentos, asuntos e expedientes.
e) Comprobación de que os medios técnicos necesarios se encontran en condicións de utilización: de ser o caso, requirirá a presenza dos servicios técnicos para o adecuado funcionamento e informará a persoa responsable da subdirección.
f) Arquivamento de documentación.
g) Todas aquelas funcións legalmente establecidas e calquera outra de natureza análoga inherentes ao posto de traballo que se desempeñe, que lle sexan encomendadas polo persoal superior xerárquico, orgánico ou funcional, no exercicio das súas competencias.
Artigo 24. Persoal do Instituto de Medicina Legal e Ciencias Forenses de Galicia
1. Teñen a consideración de persoal do Instituto de Medicina Legal e Ciencias Forenses de Galicia:
a) O persoal do corpo de médicos forenses dependente da Comunidade Autónoma de Galicia.
b) O persoal funcionario dos corpos xerais ao servizo da Administración de xustiza.
c) O persoal funcionario ou, de ser o caso, persoal laboral, que exixan as necesidades do servizo no desenvolvemento de actividades concretas, como profesionais de psicoloxía, traballo social, educación social e persoal técnico especialista en patoloxía forense, entre outros.
2. Tamén poderá estar destinado no instituto o persoal funcionario dos corpos de facultativos, técnicos especialistas e axudantes de laboratorio do Instituto Nacional de Toxicoloxía e Ciencias Forenses.
3. O persoal do corpo de médicos forenses exercerá as funcións asignadas aos servizos de clínica e de patoloxía do instituto, segundo establezan as normas de distribución do traballo na subdirección, agás as xefaturas de servizo, xefaturas de sección e persoal do corpo de médicos forenses especialista, que exercerán as funcións relacionadas coa súa área específica.
4. O persoal da escala de técnicos especialistas en patoloxía forense exercerá as funcións que lle son propias adscrito ao Servizo de Patoloxía Forense.
5. O persoal especialista en psicoloxía e traballo social exercerá as funcións que lle son propias adscrito ao Servizo de Clínica Forense.
6. Mediante a modificación das relacións de postos de traballo poderán incorporarse profesionais con outras titulacións, que exercerán as súas funcións nos servizos, seccións ou unidades que correspondan.
Artigo 25. Funcións
1. O persoal destinado no instituto realizará as funcións que lles atribúe a Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial, o presente regulamento e a normativa que lles sexa de aplicación tanto pola súa capacitación coma polo tipo de relación laboral coa Administración competente.
2. As normas de distribución do traballo terán en especial consideración o criterio de formación, permanencia e estabilidade no desempeño de funcións, sen prexuízo da debida atención das necesidades do servizo de carácter conxuntural, de carácter urxente ou de carácter extraordinario e da redistribución de funcións e substitucións en casos de enfermidade, permiso, licenza ou ausencia do persoal do corpo de médicos forenses.
3. A distribución das quendas de garda realizarase de conformidade coa normativa vixente na materia e garantirá a intervención de polo menos dúas persoas do corpo de médicos forenses en cada quenda. En todo caso, esta distribución debe garantir o cumprimento dos prazos establecidos na Lei de axuizamento criminal e demais leis procesuais para a realización de recoñecementos e emisión de ditames, especialmente no caso de xuízos rápidos e dilixencias urxentes.
Artigo 26. Dependencia orgánica e funcional
1. Nas súas funcións de auxilio á Administración de xustiza no curso das actuacións procesuais que lles sexan encomendadas ou de investigación de calquera natureza incoadas polo Ministerio Fiscal, o persoal destinado no instituto dependerá funcionalmente de xuíces/zas, maxistrados/as, fiscais e fiscais europeos delegados, sen prexuízo da súa dependencia orgánica da Dirección do instituto.
2. No resto das súas funcións, o persoal destinado no instituto dependerá funcionalmente da Dirección e, de ser o caso, da xefatura correspondente.
3. Nas súas funcións técnicas, tanto de auxilio á Administración de xustiza coma extraxudiciais, teñen carácter independente e emiten os seus informes baixo criterios estritamente científicos de acordo coas normas de procedemento que se determinen nos seus protocolos, guías ou recomendacións de actuación, evitando, en todo caso, posibles conflitos de intereses que poidan xurdir.
Artigo 27. Condición de autoridade e identificación
1. O persoal do corpo de médicos forenses terá a consideración de autoridade cando actúe no exercicio do seu cargo.
2. Ao persoal do instituto que realice actividades periciais seralle expedido pola Xunta de Galicia o documento de identificación correspondente, que será devolto cando se produza o seu cesamento.
Artigo 28. Relación de postos de traballo
1. Nas relacións de postos de traballo do instituto comprenderanse todos os postos adscritos ás diferentes subdireccións territoriais do instituto.
2. As relacións de postos de traballo e as súas modificacións aprobaranse de conformidade co previsto no artigo 18.6 do Real decreto 144/2023, do 28 de febreiro, así como coa normativa aplicable ao diverso persoal funcionario e laboral que nelas se integran.
CAPÍTULO V
Convenios con entes públicos ou entidades privadas
Artigo 29. Convenios con entes públicos ou entidades privadas
1. A consellería competente poderá establecer convenios de colaboración co Servizo Galego de Saúde dirixidos á utilización polo Instituto de Medicina Legal e Ciencias Forenses de Galicia de locais, servizos e medios tecnolóxicos para o seu funcionamento e a realización de análises histopatolóxicas, radiolóxicas e outras probas especializadas, así como para a emisión de informes médicos especializados cando lle sexan requiridos no ámbito da lexislación vixente.
2. O instituto colaborará coas universidades e con outras institucións, no ámbito da actividade docente, para a formación e investigación mediante instrumentos de cooperación asinados pola consellería competente por razón da materia.
3. A través de convenios asinados pola consellería competente, poderán establecerse as condicións da cooperación do servizo de laboratorio sen prexuízo das competencias que lle corresponden ao Instituto Nacional de Toxicoloxía e Ciencias Forenses como centro de referencia na materia.
