O artigo 1 do Decreto 48/2024, do 22 de abril, establece os órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, así como como a adscrición da Axencia de Turismo de Galicia e do organismo autónomo Instituto Galego de Estatística.
A incorporación deste organismo autónomo á estrutura da Presidencia da Xunta de Galicia fai necesario actualizar a delegación de competencias que ordena a actuación administrativa dos distintos órganos, a fin de acadar o máximo nivel de calidade na prestación dos servizos públicos e unha maior axilidade e eficacia na xestión, sen esquecer o debido respecto aos principios recollidos no artigo 103.1 da nosa Constitución.
A delegación de competencias permite a axilización administrativa necesaria e redunda en beneficio tanto da Administración como dos administrados, dentro do máis rigoroso respecto ás garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos exixe.
Na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, no ámbito da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e tomando como punto de partida a lexislación básica estatal contida na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, detállanse as regras que disciplinan as competencias dos órganos administrativos e os mecanismos que introducen excepcións ou matizan tales regras, entre eles, a delegación de competencias, que atopa a súa regulación no artigo 6 da referida lei.
Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 38 e 44 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, o artigo 9 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, e o artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, e as demais disposicións de xeral aplicación,
DISPOÑO:
Artigo 1. Administración de persoal
1. Deléganse na persoa titular da Secretaría Xeral da Presidencia as facultades que lle corresponden á persoa titular da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes en materia de persoal, en relación co persoal dos distintos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 17 da Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia, e demais disposicións en vigor.
2. Delégase nas persoas titulares das delegacións territoriais a designación das comisións de servizo con dereito a indemnización das persoas titulares das secretarías territoriais.
Artigo 2. Recursos e reclamacións
Delégase na persoa titular da Secretaría Xeral da Presidencia o exercicio das competencias seguintes:
a) No caso de que as resolucións non poñan fin á vía administrativa, resolver os recursos administrativos de alzada relativos aos actos dos órganos superiores e de dirección establecidos no Decreto 48/2024, do 22 de abril, polo que se establecen os órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia e, de ser o caso, suspender a execución dos actos impugnados.
b) Resolver os recursos administrativos de revisión relativos aos actos dos órganos superiores e de dirección establecidos no Decreto 48/2024, do 22 de abril, polo que se establecen os órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia e, de ser o caso, suspender a execución dos actos impugnados.
c) Resolver e formular os requirimentos previos á vía xudicial contencioso-administrativa en materias competencia da Presidencia da Xunta de Galicia, nos termos previstos no artigo 44 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Artigo 3. Criterios complementarios na aplicación das delegacións
Na aplicación das delegacións de competencias contidas nesta orde teranse en conta os seguintes criterios:
a) O exercicio das competencias que se delegan nesta orde axustarase ao disposto no artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia.
b) Enténdese comprendida na delegación na persoa titular da Secretaría Xeral da Presidencia o exercicio da competencia para resolver os recursos de reposición que se interpoñan contra as resolucións que dite en virtude das facultades que se lle delegan nesta orde.
c) En caso de vacante, ausencia ou enfermidade da persoa titular da Secretaría Xeral da Presidencia, as competencias que se delegan pola presente orde serán exercidas, mentres persistan aquelas circunstancias, pola persoa titular da Vicesecretaría Xeral.
d) As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións contidas nesta orde farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas polo órgano delegante.
Disposición adicional primeira. Delegación de competencias na persoa titular da dirección do Instituto Galego de Estatística
Deléganse na persoa titular da dirección do Instituto Galego de Estatística as seguintes competencias:
a) As facultades que lles correspondan ás persoas titulares das consellerías en materia de persoal, segundo o establecido no artigo 17 da Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia, e demais disposicións en vigor.
b) A competencia para resolver os procedementos de revisión de oficio dos actos administrativos nulos, declarar a lesividade dos actos anulables e revogar os actos de gravame ou desfavorables, cando se trate de actos ditados polos órganos superiores de goberno do Instituto Galego de Estatística.
c) A competencia para resolver as reclamacións de responsabilidade patrimonial.
Disposición derrogatoria
Queda derrogada a Orde do 12 de novembro de 2013 sobre delegación de competencias na Secretaría Xeral da Presidencia, e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto nesta orde.
Disposición derradeira
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2026
Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes
