DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 145 Martes, 4 de agosto de 2026 Páx. 42988

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 24 de xullo de 2026 pola que se convoca un curso de piloto de UAS/drons para categorías abertas e específicas en STS01, STS02 e radiofonista para o persoal dos corpos da Policía Local en Galicia.

De acordo co Plan de formación aprobado polo Consello Reitor da Agasp do día 20 de febreiro de 2026 e da Resolución do 23 de febreiro de 2026 pola que se publicou o Plan de formación continua dos corpos da Policía Local (DOG número 36, do 24 de febreiro), convócanse as accións formativas especificadas no anexo I desta resolución.

As accións formativas convocadas nesta resolución réxense polo establecido no anexo II da Resolución do 23 de febreiro de 2026, publicada no Diario Oficial de Galicia número 36, do 24 de febreiro de 2026.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260224/AnuncioO3C2-190226-0001_es.html

A Estrada, 24 de xullo de 2026

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública

ANEXO I

Bases

Primeira. Actividades formativas

Denominación

Modalidade

Edicións

Horas lectivas

Prazas

Datas

Curso de piloto de UAS/drons para categorías abertas e específicas en STS01, STS02 e radiofonista

Semipresencial

1

80

70

Do 1 de outubro de 2026 ata o 31 de marzo de 2027

Segunda. Obxectivos

Realizar cursos de piloto de UAS/drons nas categorías abertas, nas categorías específicas STS01 e STS02, e radiofonista, que lle permitan ao alumnado superar as probas teóricas oficiais respectivas na sede electrónica da AESA e as probas prácticas realizadas por persoal examinador autorizado.

Para iso, a AGASP facilitaralle ao alumnado que o requira o acceso ás instrucións de matriculación nesa formación, asesoramento e seguimento para que no prazo improrrogable de 20 días desde o inicio desta actividade formativa dispoñan de, polo menos, a titulación oficial de piloto de UAS/drons en categoría aberta A1, A3, e tamén será recomendable a A2.

Terceira. Duración e distribución horaria da parte en liña e da parte práctica

A acción formativa terá unha duración total de 80 horas, distribuídas nunha fase de formación en liña e unha fase de formación presencial práctica, conforme ao seguinte detalle:

1. Formación teórica inicial. Categoría aberta A1/A3 (modalidade en liña)

Con carácter previo ao comezo da formación específica, o alumnado deberá realizar unha formación teórica inicial de 20 horas, correspondente ao Módulo 1 da categoría aberta A1 e A3, que permitirá adquirir os coñecementos necesarios para a obtención das competencias esixidas para operar na categoría aberta.

Esta formación desenvolverase na modalidade en liña mediante a plataforma de AESA, o alumnado terá toda a información ao respecto incluídos os contidos na páxina de teleformación da AGASP.

2. Formación específica STS01, STS02 e radiofonista

A formación específica terá unha duración de 60 horas, distribuídas do seguinte xeito:

a) Módulos STS01 e STS02 (44 horas)

• Parte teórica (en liña): 12 horas.

• Parte práctica presencial na AGASP: 32 horas, distribuídas en:

– Manobras e prácticas de voo con aeronaves non tripuladas para a superación da avaliación práctica STS01/STS02: 24 horas (3 xornadas).

– Presentación, planificación e resolución dun suposto práctico dunha operación real en escenario STS01/STS02: 8 horas.

b) Módulo de radiofonista (16 horas).

• Parte teórica (en liña): 8 horas.

• Parte práctica presencial na AGASP: 8 horas.

En consecuencia, a distribución horaria total do curso será a seguinte:

Formación

En liña

Presencial

Total

Categoría aberta A1/A3

20 h

--

20 h

STS01 e STS02

12 h

32 h

44 h

Radiofonista

8 h

8 h

16 h

Total

40 h

40 h

80 h

Nota importante: as horas que o alumnado dedique na plataforma da Axencia Estatal de Seguridade Aérea para realizar as formacións e superar os exames oficiais da categoría aberta A1/A3 non se computarán para os efectos da duración da actividade formativa. Así mesmo, o exame oficial de radiofonista será realizado en formato en liña ante persoal examinador autorizado.

Cuarta. Contido

A actividade formativa estará estruturada nunha parte teórica e unha parte práctica, co seguinte contido:

1. Formación teórica

a) Formación teórica inicial. Categorías abertas A1 e A3

A formación teórica inicial terá unha duración de 20 horas e permitirá a preparación do alumnado para a obtención da formación correspondente ás categorías abertas A1 e A3, incluídos, entre outros, os seguintes contidos:

• Concepto normativo.

• Coñecemento xeral do voo con sistemas de aeronaves non tripuladas (UAS).

• Procedementos operacionais.

b) Escenarios estándar europeos STS-01 e STS-02. A formación teórica correspondente aos escenarios estándar europeos STS-01 e STS-02 comprenderá, entre outros, os seguintes contidos:

• Marco normativo europeo.

• Zonas xeográficas de UAS.

• Meteoroloxía.

• Navegación.

Performance da aeronave.

• Coñecemento xeral da aeronave.

• Compoñentes do UAS.

• Factor humano e conciencia situacional.

• Definicións e procedementos xerais.

c) Radiofonista. A formación teórica do curso de radiofonista incluirá, entre outros, os seguintes contidos:

• Clasificación do espazo aéreo e servizos de tránsito aéreo.

• Principios de radiotelefonía e comunicacións.

• Radiotelefonía e comunicacións.

• Procedementos de radio.

• Procedementos de emerxencia.

2. Formación práctica

As actividades prácticas desenvolveranse de forma presencial nas instalacións da AGASP e nas zonas de voo autorizadas que se determinen, planificaranse as diferentes xornadas entre os meses de novembro de 2026 e marzo de 2027, en función das condicións meteorolóxicas, a dispoñibilidade dos medios materiais e as necesidades organizativas.

A formación práctica comprenderá as seguintes actividades:

2.1. Prácticas estándar de AESA (8 horas).

Realización das manobras prácticas exixidas pola Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) para a superación da avaliación práctica oficial, incluídos:

• Manobras de voo precisas e controladas a diferentes alturas e distancias.

• Voo estacionario.

• Transición de voo estacionario a voo cara adiante.

• Ascensos e descensos desde voo horizontal.

• Viraxes e control de velocidade.

• Aterraxes en proximidade e distancia tanto en modo visual como mediante pantalla da emisora de control.

Ademais, o exame avalía a capacidade do piloto para xestionar situacións anómalas e procedementos de seguridade, que comprenden:

• Accións tras fallos: xestión de falta parcial ou total de potencia do sistema de propulsión e deterioración do equipo de posicionamento.

• Evitación de colisións: execución de manobras evasivas e xestión da aproximación doutras aeronaves ao volume operacional.

• Control de terceiros: reacción ante a penetración de persoas non participantes na zona terrestre controlada.

•Procedementos de emerxencia: recuperación tras unha perda deliberada (simulada) da ligazón de mando e control, e xestión de límites de xeografía de voo.

A avaliación incluirá igualmente voos en modo manual (ATTI), sen asistencia GNSS, coa supervisión en todo momento da situación operacional do UAS e das limitacións derivadas da súa autonomía.

2.2. Formación práctica en escenario estándar STS-01 (8 horas).

Realización de operacións VLOS sobre unha zona terrestre controlada en contorna poboada mediante aeronaves non tripuladas con marcado de clase C5, incluída a preparación para a proba oficial de habilitación, que deberá realizarse obrigatoriamente cun UAS da dita clase.

2.3. Formación práctica en escenario estándar STS-02 (8 horas).

Realización de operacións BVLOS sobre unha zona terrestre controlada en contorna escasamente poboada mediante aeronaves non tripuladas con marcado de clase C6, incluída a preparación para a proba oficial de habilitación, que deberá realizarse obrigatoriamente cun UAS da devandita clase.

2.4. Presentación e resolución de operación de emerxencia con UAS/drons en escenarios STS-01 e STS-02 (8 horas).

Nesta xornada ademais realizaranse prácticas de voo simulado en escenarios de vixilancia policial, xestión de grandes eventos e busca de persoas desaparecidas.

2.5. Prácticas de radiofonista (8 horas).

Realización de exercicios prácticos de radiotelefonía aeronáutica preparatorios para o exame oficial, incluídas comunicacións aeronáuticas, fraseoloxía normalizada, procedementos operativos, procedementos de emerxencia e simulación de comunicacións aire-terra.

A formación rematará coa realización do exame práctico por persoal examinador autorizado.

Quinta. Requisitos de participación das persoas solicitantes

1. Requisitos xerais: as persoas solicitantes deben ter a condición descrita na base terceira para estes colectivos.

2. Esta oferta formativa ten como alcance os escenarios estándar europeos STS-01 e STS-02, así como a formación como radiofonistas, polo tanto, requírese que todo o alumnado dispoña na data de inicio das prácticas de voo neses escenarios a titulación teórica en polo menos os escenarios abertos A1, A3.

Para iso, a AGASP facilitaralle ao alumnado que o requira o acceso ás instrucións de matriculación nesa formación, asesoramento e seguimento para que, no prazo improrrogable de 30 días desde o inicio desta actividade formativa, dispoñan de polo menos a titulación oficial de piloto de UAS/drons en categoría aberta A1, A3, e tamén será recomendable a A2.

3. Dispor de certificado dixital ou DNI electrónico en vigor, computador persoal (necesario para realizar trámites de matriculación na Axencia Estatal de Seguridade Aérea–AESA) con capacidade para presentar documentación de xeito telemático e asinar electronicamente.

4. Os requirimentos técnicos para usar a web dos cursos da Agasp (baseada nunha ferramenta de aprendizaxe electrónica ou e-learning) son de nivel básico:

Aspectos recomendables para o PC:

– A configuración mínima dun PC doméstico (en xeral, calquera con menos de cinco anos) é suficiente.

– Preferentemente conexión a internet de banda larga e un antivirus actualizado.

– Navegador: Mozilla Firefox 2 (recomendado), Microsoft Edge ou superior ou Google Chrome.

– Ter JavaScript e cookies activadas no navegador.

– Para ver os documentos en PDF necesítase ter instalado Acrobat Reader.

– Para o desenvolvemento dos cursos na modalidade transmisión en directo (streaming) é necesario dispoñer de cámara web e micrófono.

Sexta. Desenvolvemento da actividade

A metodoloxía combinará a formación teórica en liña con sesións presenciais eminentemente prácticas, utilizaranse aeronaves non tripuladas homologadas para os escenarios estándar europeos STS-01 e STS-02, simuladores de voo e casos prácticos baseados en operacións reais dos servizos de seguridade pública.

A actividade formativa constará de tres bloques: o primeiro e o segundo de contido teórico (que se realizarán baixo a modalidade en liña) e o terceiro de contido práctico (que se realizará baixo a modalidade presencial).

Para superar cada un dos bloques teóricos o alumnado terá que aprobar dous exames: un na plataforma de formación da Agasp e posteriormente outro exame oficial telemático na plataforma da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA).

Estes bloques teóricos deberán estar rematados como máximo antes do comezo do bloque da parte práctica; polo contrario, perderase o dereito a realizar esta parte práctica.

Especificacións de desenvolvemento na modalidade en liña.

a. A través da plataforma de formación da Agasp e a plataforma da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA).

b. Datas: as edicións realizaranse segundo se especifica na base primeira desta convocatoria.

c. Horario: segundo disposición e necesidade do alumnado. Axustarase ao calendario establecido no propio curso.

d. O alumnado deberá acceder ao curso dentro dos primeiros dous días hábiles (excluídos sábados, domingos e festivos) a partir da data de inicio.

e. As persoas que non accedan ao curso no prazo indicado serán dadas de baixa nel, sen prexuízo de que poidan ser penalizadas coa non admisión en cursos da Agasp durante o prazo de seis (6) meses. No suposto de reincidencia en máis dun curso o prazo será de doce (12) meses.

f. Desenvolvemento: o alumnado participante deberá realizar a través da plataforma de formación da Agasp, e de acordo cun calendario de presentación, as actividades incluídas no curso, que son:

• Visualización dos contidos.

• Superación dos cuestionarios.

• Cumprimento das tarefas segundo as esixencias indicadas.

g. O alumnado que non realice algunha desas actividades no prazo establecido será sancionado coa baixa no curso, sen prexuízo de que poida ser penalizado coa non admisión en cursos da Agasp durante o prazo de seis (6) meses. No suposto de reincidencia en máis dun curso o prazo será de doce (12) meses.

h. No caso de que as actividades realizadas non consigan un nivel de esixencia mínimo segundo o criterio do equipo docente, farase unha primeira advertencia ao alumnado e, de non atender a indicación, poderá ser dado de baixa no curso, sen prexuízo de que poida ser penalizado coa non admisión en cursos da Agasp durante o prazo de seis (6) meses. No suposto de reincidencia en máis dun curso o prazo será de doce (12) meses.

Especificacións de desenvolvemento na modalidade presencial.

a. Lugar e datas: a formación realizarase presencialmente nas instalacións da AGASP nas datas establecidas no calendario do curso, sen prexuízo de que determinadas actividades formativas ou módulos poidan desenvolverse fóra das súas instalacións. Así mesmo, as persoas participantes deberán dispoñer de dispoñibilidade para asistir á AGASP durante cinco xornadas prácticas, distribuídas en dous bloques: un primeiro bloque de tres xornadas consecutivas, destinado á formación práctica en STS, e un segundo bloque de dúas xornadas complementarias, dedicadas ás operacións específicas en STS e ás prácticas de radiofonista.

Asumir que simultaneamente ao acceso do curso na plataforma de teleformación da AGASP se deberán inscribir co seu certificado electrónico na sede electrónica da AESA para poder cursar e aprobar os exames teóricos das titulacións e exames oficiais de:

– Escenarios abertos A1, A3 (desexable A2).

– Escenarios estándar europeos STS na súa parte teórica.

– Radiofonista na súa parte teórica

das categorías específicas STS e radiofonista, así como cumprir cos prazos legais que establece AESA para realizar os cursos e exames oficiais na sede electrónica de AESA.

Facilitarlle á Agasp copia das titulacións teóricas obtidas nas distintas formacións realizadas na sede electrónica da AESA para poder tramitar as correspondentes titulacións prácticas nos momentos requiridos.

b. Uniformidade: o alumnado vestirá o uniforme regulamentario de policía local do concello de pertenza durante a súa estadía na academia. O incumprimento desta obriga poderá dar lugar á baixa da persoa participante na actividade formativa.

Sétima. Prazo de inscrición

O prazo para a inscrición e a presentación de solicitudes de participación comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e rematará o 15 de setembro de 2026.

O persoal que desexe participar no curso convocado nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática na páxina web da Agasp http://agasp.xunta.gal

Non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano, computado desde o momento en que se detecte o feito.

É obrigatorio consignar no formulario de solicitude un número de teléfono móbil e un correo electrónico co fin de poder realizar as notificacións necesarias.

Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente os datos necesarios para realizar o proceso selectivo do alumnado, que non se axusten ao formulario de solicitude ou que sexan presentadas fóra de prazo.

As persoas que resulten seleccionadas teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comuniquen a súa imposibilidade de asistencia con, cando menos, 48 horas de antelación ao comezo desta. Esta renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formacion.agasp@xunta.gal

Oitava. Dereitos e deberes do alumnado participante

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seranlle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, os previstos no Regulamento de réxime interior da Agasp

Novena. Modificacións

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento normal do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.