Expediente: IN407A 2023/424-1.
Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.
Denominación do proxecto: Substitución do apoio 9R7LJ73T//17-26 na LMT TA2-801 e instalación de RC.
Concello: Lousame.
Feitos:
1. O día 6.10.2023, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación de distribución eléctrica mencionada, co obxecto de instalar un elemento de manobra aéreo na rede de media tensión.
Ao abeiro dos artigos 123 e 143 do Real decreto 1955/2000, xunto coa relación de bens e dereitos afectados de necesaria ocupación para a construción da instalación proxectada, presentan o proxecto de execución denominado Substitución do apoio 9R7LJ73T//17-26 na LMT TA2-801 e instalación de RC, asinado o día 25.6.2023 por Herminia López Caamaño, enxeñeira técnica industrial eléctrica, núm. colexiada 4.598 de Vigo.
2. De acordo co artigo 53.1 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e apoio á reactivación económica de Galicia, deuse audiencia á Comunidade de Montes Veciñais Mancomunados de Vilacova-Comunidade de Abaixo e de Arriba (CMVMC de Vilacoba), quen prestou a súa conformidade co proxecto. Logo de trasladar este trámite ao Servizo de Montes do Departamento Territorial da Coruña da Consellería do Medio Rural, o devandito servizo informou favorablemente o día 13.12.2024.
3. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante un acordo do 23.1.2024 publicado nos seguintes medios:
• Portal de transparencia e Goberno aberto da Consellería de Economía e Industria.
• DOG: 14.2.2024.
• BOP: 29.1.2024.
• Xornal La Voz de Galicia: 8.2.2024.
• Taboleiro de anuncios do concello: segundo certificado municipal do 5.4.2024.
4. Durante o período en que o proxecto se someteu ao trámite de información pública non se presentou ningunha alegación, reclamación nin suxestión relacionada coa documentación obxecto de publicación.
5. Consonte o artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, solicitouse o informe preceptivo ás distintas entidades afectadas: Concello de Lousame e Consellería do Medio Rural. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos informes emitidos no prazo outorgado para ese efecto.
6. O día 3.3.2026 emitiuse o informe técnico.
7. O día 7.7.2026, de acordo co establecido no artigo 46.e) da referida Lei 9/2021, a empresa promotora presenta declaración responsable conforme dispón de acordos previos con todos os titulares de bens e dereitos afectados, xa que chegou a un acordo amigable coa CMVMC de Vilacoba, propietaria do predio núm. 1. Con base ao anterior, solicita a desistencia da solicitude de declaración de utilidade pública, segundo o artigo 94 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Consideracións legais e técnicas:
Primeira. O director territorial é competente para resolver este expediente, ao abeiro do disposto no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro), e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio).
Segunda. Lexislación de aplicación
• Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).
• Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (BOE núm. 236, do 2 de outubro).
• Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (BOE núm. 310, do 27 de decembro).
• Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica (BOE núm. 310, do 27 de decembro).
• Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 (BOE núm. 68, do 19 de marzo).
• Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23 (BOE núm. 139, do 9 de xuño).
• Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas (BOE núm. 246, do 14 de outubro).
• Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa (BOE núm. 351, do 17 de decembro).
• Decreto do 26 de abril de 1957, polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa (BOE núm. 160, do 20 de xuño).
Terceira. Características técnicas
As instalacións obxecto deste expediente están situadas no lugar de Vilacoba (Santa Eulalia), no concello de Lousame e as súas características técnicas son as seguintes:
• Modificacións, sen alterar a súa actual traza, do treito da liña TA2-801 autorizado no expediente 50.985, de 236 metros de lonxitude en condutor tipo LA-56, comprendido entre o apoio número 17-25 (matrícula 9R578HGL) de formigón tipo HV-250/13-Bóveda-CS e o apoio número 17-27 (matrícula 9R9K5KN3), de formigón tipo metálico de celosía, consistentes en:
• Desconexión e desmontaxe do condutor tipo LA-56 (condutor existente) no van de 105 metros de lonxitude comprendido entre o apoio número 17-25 anterior e o apoio número 17-26 (matrícula 9R7LJ73T) metálico tipo CH-630/13-CR1-CA.
• Substitución do antedito apoio número 17-26 (matrícula 9R7LJ73T) polo novo apoio metálico tipo celosía C-1000/14-H35-CA, no cal se proxecta a instalación dun reconectador telecontrolado composto por un equipo interruptor con cámara illada en SF6 e un armario de control, que pasará a ter a condición de frecuentado.
• Tendido de novo condutor tipo LA-56 no van da liña TA2-801 de 105 metros de lonxitude, que conformarán o apoio número 17-26 unha vez substituído e o apoio número 17-27 existente.
• Retensado do condutor tipo LA-56 (condutor existente) no van da liña TA2-801 de 131 metros de lonxitude comprendido entre o apoio número 17-25 existente e o novo apoio número 17-26 proxectado.
Cuarta. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos deste departamento territorial.
De acordo con todo o exposto,
RESOLVO:
A) Aceptar a solicitude de desistencia formulada pola empresa promotora e continuar coa tramitación da solicitude de autorización administrativa previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica obxecto deste expediente.
B) Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción para a devandita instalación.
C) A instalación executarase no prazo de dous anos, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
D) Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá achegar ante este departamento territorial unha solicitude á cal xuntará a seguinte documentación:
• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.
• Un certificado do/da director/a da montaxe no que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e das prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.
• Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.
E) Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial, no relativo á ordenación do territorio e ao medio ambiente.
O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á súa revogación, logo de audiencia ao interesado, segundo o establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada perante a Conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.
Mediante este documento notifícaselles aos interesados esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da devandita Lei 39/2015.
A Coruña, 8 de xullo de 2026
Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña
