DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 147 Xoves, 6 de agosto de 2026 Páx. 43385

III. Outras disposicións

Augas de Galicia

RESOLUCIÓN do 29 de xullo de 2026 pola que se delega o exercicio de competencias en materia de xestión de tributos na persoa titular da Subdirección Xeral de Réxime Económico-Financeiro.

Augas de Galicia é unha entidade pública empresarial do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia á que en materia tributaria lle corresponde actuar como suxeito activo en relación coa aplicación dos tributos regulados na normativa de augas.

O artigo 15.3.c) da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, dispón que lle corresponden á Dirección de Augas de Galicia, entre outras funcións, aplicar o réxime económico-financeiro da auga que lle corresponde a esta entidade.

O artigo 15 do Estatuto da entidade pública empresarial Augas de Galicia, aprobado polo Decreto 32/2012, do 12 de xaneiro, recolle esta mesma previsión legal.

O volume de procedementos derivados de solicitudes e incidencias relativas ao ámbito tributario amosa a necesidade de adoptar medidas dirixidas a acadar unha maior axilidade na tramitación que, pola súa natureza e entidade, debe efectuarse coa maior celeridade. Para tales efectos, cómpre acudir, baixo o principio de desconcentración, á delegación de certas competencias na persoa titular da Subdirección Xeral de Réxime Económico-Financeiro.

A delegación de competencias permite a axilización administrativa necesaria e redunda en beneficio tanto da Administración coma dos administrados, dentro do máis rigoroso respecto ás garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos exixe.

En consecuencia, de conformidade co establecido na Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia e no artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia,

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto da delegación

Deléganse na persoa titular da Subdirección Xeral de Réxime Económico-Financeiro as seguintes competencias:

a) A resolución dos procedementos que se tramiten para a xestión do canon da auga e do canon de xestión de depuradoras referidos a solicitudes de exención, de bonificación ou de modificación do número de persoas residentes na vivenda.

b) A resolución dos procedementos que se tramiten referidos a solicitudes de autorización para o baleirado de fosas sépticas.

Segundo. Criterios complementarios

Na aplicación da delegación teranse en conta os seguintes criterios:

1. As resolucións administrativas que se adopten facendo uso da delegación contida nesta resolución farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas polo órgano delegante.

2. En calquera momento, a persoa titular da Dirección de Augas de Galicia poderá avocar para si o exercicio das competencias que se delegan.

Terceiro. Eficacia da delegación

Esta resolución producirá efectos desde o día en que se dita, sen prexuízo da súa posterior publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2026

Roi Fernández Añón
Director de Augas de Galicia