A Lei 2/2022, do 6 de outubro, de medidas extraordinarias dirixidas a impulsar a provisión de postos de difícil cobertura de determinado persoal estatutario con título de especialista en ciencias da saúde do Servizo Galego de Saúde, establece medidas extraordinarias e temporais en materia de emprego público dirixidas a garantir a adecuada atención sanitaria de toda a poboación galega, establecendo un réxime extraordinario e transitorio de acceso a postos de difícil cobertura de determinado persoal estatutario con título de especialista en ciencias da saúde do Servizo Galego de Saúde.
A través da Lei 4/2026, do 13 de xullo, pola que se modifica a Lei 2/2022, do 6 de outubro, de medidas extraordinarias dirixidas a impulsar a provisión de postos de difícil cobertura de determinado persoal estatutario con título de especialista en ciencias da saúde do Servizo Galego de Saúde, engadiuse unha disposición adicional co obxecto de estender a súa aplicación ao persoal da categoría de médico/a de urxencias hospitalarias do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense durante todo o seu período de vixencia.
Con base no anterior, co obxecto de dar unha resposta á dificultade existente para cubrir de forma adecuada e en número suficiente o cadro de persoal da dita categoría no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, coa finalidade de garantir a continuidade asistencial e a calidade dun servizo esencial como é a atención urxente hospitalaria da poboación de Ourense, así como para promover a estabilidade dos recursos humanos, considérase preciso aprobar esta oferta de emprego público co fin de impulsar unha tramitación áxil da futura convocatoria deste proceso selectivo, máxime nas circunstancias asistenciais expostas, que fan necesario realizar con urxencia calquera medida que permita incrementar os seus recursos de persoal.
Esta oferta pretende a cobertura de postos vacantes como consecuencia da indispoñibilidade de profesionais, da non solicitude dos postos no concurso aberto e permanente de traslados, da realización de convocatorias de selección temporal sen éxito e da persistencia da imposibilidade de cobertura das vacantes facultativas no Servizo de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense na actualidade.
Por outra parte, o carácter extraordinario desta oferta, e o seu obxectivo de incorporar 25 efectivos, maniféstase tamén no momento en que se deban producir as incorporacións aos postos elixidos e adxudicados. Así, con base no que establece o artigo 20.3 da Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde, así como no artigo 2 da Lei 2/2022, do 6 de outubro, imponse o máximo rigor na exixencia da incorporación efectiva ao servizo como requisito para adquirir a condición de persoal estatutario fixo, prevendo que o persoal seleccionado nos procesos que se executen en aplicación da dita lei se deberá incorporar de modo efectivo e permanente ao servizo activo no destino adxudicado.
Así, se as persoas inicialmente nomeadas, pero non incorporadas ao servizo activo pola súa vontade, non perfeccionan o seu nomeamento, serán chamadas no seu lugar outras que estean realmente interesadas na ocupación activa e efectiva dos postos ofertados. Unicamente desta forma poderá garantirse que esta oferta de emprego produza o resultado que a xustifica.
Para estes efectos, procede recordar que, tal e como dispoñen o artigo 70 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, e o artigo 48 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, toda oferta de emprego público é un instrumento para a provisión de necesidades de persoal e, ademais, pode conter medidas derivadas da planificación de recursos humanos.
Esta oferta ten un carácter parcial e anticipado respecto á oferta xeral para o ano 2026, que será aprobada para o persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, e ten abeiro no que establecen as leis xerais de orzamentos en relación coa taxa de reposición.
O artigo 12 da Lei 4/2025, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026, dispón que durante este ano só se poderá proceder á incorporación de novo persoal no sector público con suxeición aos límites e requisitos establecidos na normativa básica que se estableza ao respecto, e en particular no referente á taxa de reposición de efectivos, respectando en todo caso as dispoñibilidades orzamentarias do capítulo I dos correspondentes orzamentos de gastos.
De acordo co disposto no artigo 20.un da Lei 31/2022, do 23 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2023, a incorporación de persoal de novo ingreso cunha relación indefinida no sector público levarase a cabo a través da oferta de emprego público, como plasmación do exercicio da planificación nun marco plurianual.
Neste mesmo artigo 20.dous fíxanse diferentes taxas de reposición de efectivos e autorízase unha taxa do 120 por cento nos sectores prioritarios, entre os cales se inclúen as administracións públicas con competencias sanitarias respecto das prazas de persoal estatutario e equivalente dos servizos de saúde do Sistema nacional de saúde.
En aplicación da dita taxa de reposición, o número total máximo de prazas autorizadas para configurar a oferta de emprego público deste ano 2026, para o persoal estatutario do Sistema público de saúde de Galicia, sería 1.656, e nese total ten o seu encaixe a oferta anticipada de 25 prazas obxecto deste decreto.
Actualmente, no Servizo de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense existen 25 prazas vacantes, cuxa totalidade se oferta neste decreto.
Con base no que antecede, por proposta da persoa titular da Consellería de Sanidade, logo de negociación na Mesa Sectorial de Negociación do persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde do día 20 de xullo de 2026, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e sete de xullo de dous mil vinte e seis,
DISPOÑO:
Artigo 1. Aprobación dunha oferta de emprego público para a provisión de postos de difícil cobertura da categoría de médico/a de urxencias hospitalarias do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense
Apróbase unha oferta de emprego público para o ano 2026 para a incorporación estable e permanente de persoal estatutario da categoría de médico/a de urxencias hospitalarias no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense.
Artigo 2. Cuantificación da oferta de emprego público
O número de prazas que integran esta oferta de emprego público é de 25.
Artigo 3. Sistema de selección e convocatoria
1. De conformidade co que establece o artigo 1.1 da Lei 2/2022, do 6 de outubro, de medidas extraordinarias dirixidas a impulsar a provisión de postos de difícil cobertura de determinado persoal estatutario con título de especialista en ciencias da saúde do Servizo Galego de Saúde, o sistema de selección será o concurso.
2. Tras a entrada en vigor deste decreto aprobarase e publicarase a convocatoria do concurso para acceder ás 25 prazas da categoría de médico/a de urxencias hospitalarias no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense.
Con independencia do prazo que se estableza para solicitar a participación no concurso, a titulación de acceso deberá posuírse, ou estar en condicións de obterse por ter superado a formación conducente á obtención daquela, o último día do prazo de reclamación contra a lista provisional de persoas admitidas/excluídas do proceso.
3. A convocatoria que execute a oferta de emprego público recollerá o sistema de selección por concurso, consonte o baremo de méritos.
A convocatoria e o proceso selectivo realizaranse de conformidade coa Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde, e coa normativa autonómica aplicable.
4. Establécense garantías de incorporación e permanencia no desempeño efectivo dos postos adxudicados. Finalizados os procesos que se executen en aplicación deste decreto, o persoal nomeado deberá incorporarse de modo efectivo e permanente ao servizo activo, no destino adxudicado, para adquirir a condición de persoal estatutario fixo.
A non incorporación ao servizo activo no destino adxudicado e no prazo establecido, sen causa xustificada sobrevida á solicitude de participación no proceso ou de forza maior, impedirá a perfección do nomeamento e a adquisición da condición de persoal estatutario fixo do/da aspirante, e quedarán sen efecto todas as súas actuacións no proceso.
Neste suposto, o órgano convocante chamará novas persoas aspirantes que presentasen a documentación que acredite o cumprimento dos requisitos exixidos na convocatoria, no número que corresponda e pola orde de prelación da lista definitiva, para os efectos de que poidan ser seleccionadas e nomeadas persoal estatutario fixo da categoría.
Artigo 4. Órgano de selección
1. O tribunal designado para a selección será único, sen prexuízo de que poida estar asesorado, de así se precisar, por especialistas nas correspondentes categorías.
2. A composición do órgano de selección será paritaria, de acordo co disposto no artigo 152 da Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia.
3. De conformidade co establecido no artigo 60 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, a pertenza ao órgano de selección será sempre a título individual, e non se poderá ter esta en representación ou por conta de ninguén.
4. O persoal de elección ou designación política, funcionario interino ou eventual non poderá formar parte do órgano de selección.
5. O órgano de selección aplicará os principios de austeridade e axilidade na ordenación do desenvolvemento do proceso selectivo, sen prexuízo do cumprimento dos demais principios de actuación establecidos pola normativa de selección e as instrucións xerais ditadas polo órgano competente sobre funcionamento e actuación dos tribunais dos procesos de selección.
Artigo 5. Promoción interna
1. De conformidade co establecido no artigo 25.1 do Decreto 206/2005, do 22 de xullo, de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, en atención á especial circunstancia que concorre na categoría obxecto desta oferta, e logo de negociación no ámbito da Mesa Sectorial de Sanidade, establécese unha porcentaxe de prazas reservadas para o sistema de promoción interna do 25 por cento do total das prazas ofertadas.
2. Cando o resultado da aplicación da citada porcentaxe dea un resto igual ou superior a 0,5 prazas, computarase como unha praza que se incluirá nesta reserva.
3. O número de prazas reservadas á quenda de promoción interna por categoría/especialidade especificarase na resolución pola que se convoque este proceso selectivo.
4. As prazas que non se provexan por ese sistema acumularanse ás convocadas polo sistema xeral de acceso libre.
Artigo 6. Persoas con discapacidade
1. No proceso selectivo serán admitidas as persoas con discapacidade nos termos previstos neste artigo e demais normativa aplicable.
A convocatoria non establecerá exclusións por limitacións psíquicas e/ou físicas, sen prexuízo das incompatibilidades co desempeño das tarefas ou funcións correspondentes.
2. De conformidade co establecido no artigo 59 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, e no artigo 48 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, do total de prazas que se ofertan neste decreto resérvase unha porcentaxe non inferior ao sete por cento para seren cubertas entre persoas con discapacidade, considerando como tales as definidas no artigo 4 do Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, sempre que superen o proceso selectivo e acrediten a súa discapacidade e a compatibilidade co desempeño das tarefas e funcións correspondentes.
3. A reserva de prazas de discapacidade xeral efectuarase sobre o cómputo total das vacantes incluídas nesta oferta de emprego público e farase efectiva, en cumprimento do disposto no artigo 8 do Decreto 206/2005, do 22 de xullo, segundo a distribución que se recolle no anexo.
Cando da aplicación das porcentaxes resulten fraccións decimais, redondearase por exceso para o seu cómputo.
4. A opción a prazas reservadas á discapacidade terá que formularse na solicitude de participación no proceso selectivo, con declaración expresa das persoas interesadas de que reúnen a condición exixida ao respecto, a cal se acreditará mediante certificación dos órganos competentes na forma e nos prazos que se determinen na convocatoria.
5. Unha vez superado o proceso selectivo, o Servizo Galego de Saúde requirirá, respecto das persoas que acceden por esta cota de reserva, o ditame do órgano competente sobre a compatibilidade da/do candidata/o para o posto de traballo ou sobre as adaptacións deste.
6. No suposto de que algunha das persoas aspirantes con discapacidade que se presentase pola cota de reserva supere o proceso selectivo e non obteña praza na citada cota, sendo a súa puntuación superior á obtida por outras/os aspirantes do sistema de acceso xeral, esta será incluída pola súa orde de puntuación no sistema de acceso xeral.
7. As bases da convocatoria do proceso selectivo establecerán medidas destinadas á eliminación da discriminación interseccional nos casos de mulleres con discapacidade, atendendo especialmente a aquelas categorías ou clases con infrarrepresentación feminina.
Artigo 7. Coñecemento da lingua galega
Para darlle cumprimento á normalización do idioma galego e garantir o dereito das persoas usuarias dos distintos servizos sanitarios do Servizo Galego de Saúde ao seu uso, así como a promoción do uso normal do galego por parte dos poderes públicos de Galicia, no proceso selectivo valorarase o coñecemento da lingua galega, nos termos que se establezan nas bases da convocatoria.
Artigo 8. Criterios xerais de xestión e publicidade do proceso selectivo
1. A xestión das actuacións para o desenvolvemento do proceso selectivo realizarase conforme o que determinen as bases da convocatoria.
2. Encoméndaselle á Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde a xestión do proceso selectivo correspondente. A dita encomenda incluirá a convocatoria do proceso, a aprobación das súas bases reitoras, a designación do tribunal cualificador, a resolución do proceso e a adxudicación de destinos.
3. Co obxecto de axilizar a súa tramitación e reducir as cargas administrativas, a xestión do proceso efectuarase a través da Oficina Virtual do Profesional (Fides), punto de encontro telemático entre o Servizo Galego de Saúde e as/os profesionais e persoas aspirantes que participen nos procesos de selección e provisión de prazas convocados por este organismo.
De conformidade co artigo 10 da Orde do 8 de maio de 2012 pola que se regula o contido, uso e acceso ao expediente persoal electrónico dos profesionais do Sistema público de saúde de Galicia, a inscrición das persoas aspirantes efectuarase por medio do sistema informático expedient-e, a través da web corporativa do Servizo Galego de Saúde www.sergas.es
4. Co fin de facilitar e simplificar as relacións entre a Administración e as persoas aspirantes, a través da Oficina Virtual do Profesional (Fides/expedient-e) e da páxina web do organismo (www.sergas.es) facilitarase toda a información que afecte o desenvolvemento do proceso e que resulte de interese para as persoas aspirantes, sen prexuízo da preceptiva publicación no Diario Oficial de Galicia das resolucións que se determinen na convocatoria.
Artigo 9. Criterios de igualdade no acceso
A convocatoria que se realice en execución deste decreto adaptarase ás previsións da Lei 7/2023, do 30 de novembro, en relación coas condicións de acceso e promoción da igualdade no emprego público galego.
Artigo 10. Medidas de protección contra a violencia de xénero e sexual
A convocatoria do proceso selectivo que se realice en execución deste decreto incorporará medidas dirixidas a protexer as aspirantes vítimas de violencia de xénero ou violencia sexual.
As ditas medidas referiranse nomeadamente á protección da súa intimidade e, no caso das aspirantes definitivamente seleccionadas, á asignación dun destino dos ofertados que favoreza a súa protección e o dereito á asistencia social.
Disposición derradeira primeira. Habilitación
Facúltase a persoa titular da Consellería de Sanidade para ditar, dentro das súas competencias, as normas precisas para o desenvolvemento deste decreto.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, vinte e sete de xullo de dous mil vinte e seis
Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente
Antonio Gómez Caamaño
Conselleiro de Sanidade
ANEXO
|
Categoría/especialidade |
Total prazas ofertadas |
Reserva discapacidade xeral |
|
Médico/a de urxencias hospitalarias |
25 |
2 |
