A Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro, sinala nos seus artigos 1 e 2 que esta lei ten por obxecto regular, no ámbito das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, entre outras materias, a adopción de medidas de conservación, protección e rexeneración dos recursos mariños vivos, e que a política pesqueira galega ten por finalidade a viabilidade duradeira do sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola galego, garantindo a mellora das condicións de vida e traballo das persoas que se dedican a estas actividades mediante a explotación sustentable, equilibrada e responsable dos recursos.
A xestión sustentable dos recursos marisqueiros enmárcase en plans de explotación e xestión nos cales se desenvolven diversas medidas que melloran a protección, conservación e sustentabilidade dos recursos. Estas actuacións tamén contribúen a acadar os obxectivos da Directiva marco sobre estratexia mariña (DMEM), trasposta ao ordenamento xurídico español pola Lei 41/2010, do 29 de decembro, de protección do medio mariño.
Os continuos episodios de choivas producidos ao inicio do ano 2026 provocaron un descenso da salinidade nas augas das rías galegas que tiveron como consecuencia a afectación xeneralizada das poboacións de moluscos; nalgúns bancos chegaron ao 100 % de mortalidade e noutros tiveron afectacións severas ou moderadas que superan o 30 % da produción. A redución de descargas total deste ano con respecto aos tres anteriores supera o 40 %, o que afecta a viabilidade dos recursos pesqueiros e, por tanto, a biodiversidade destes espazos sensibles.
O Regulamento (UE) núm. 2022/2473 da Comisión, do 14 de decembro de 2022, polo que se declaran determinadas categorías de axuda ás empresas dedicadas á produción, transformación e comercialización de produtos da pesca e da acuicultura compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea, establece no seu artigo 51 axudas destinadas a reparar os danos causados por fenómenos adversos que poden asimilarse a un desastre natural, que cumpran as condicións previstas no capítulo I deste regulamento, sexan compatibles co mercado interior para os efectos do artigo 107, número 3, na alínea c) do TFUE e estean exentas da obrigación de notificación establecida no artigo 108, número 3, coa condición de que cumpran as seguintes condicións:
a) Que a autoridade competente do Estado membro recoñecese oficialmente que o suceso constitúe un fenómeno climático adverso que se poida asimilar a un desastre natural.
b) Que exista unha relación causal directa entre o fenómeno climático adverso que poida asimilarse a un desastre natural e o dano sufrido pola empresa.
Este regulamento define na alínea 2 do seu artigo 2 o fenómeno climático adverso que pode asimilarse a un desastre natural: as condicións meteorolóxicas desfavorables como xeadas, tormentas e pedrazo, xeo, choivas torrenciais ou persistentes que reduzan en máis dun 30 % a produción media.
O día 10 de febreiro de 2026, o Consello de Ministros acordou declarar a Galicia, entre outras comunidades autónomas, zona afectada por unha emerxencia de protección civil por choivas.
Os danos ocasionados como consecuencia directa deste fenómeno climático adverso foron avaliados no Informe do 16.2.2026: Parada, J.M. 2026. Estimación de posibles perdas derivadas das mortalidades de bivalvos nos bancos marisqueiros en catro escenarios de descenso da salinidade no outono inverno de 2025-2026, e complementado cos informes técnicos de afectación de cada confraría de pescadores.
O obxecto desta orde é, polo tanto, o desenvolvemento de proxectos para a adquisición de semente destinada á repoboación, recuperación e reparación dos bancos marisqueiros danados, co fin último de recuperar o potencial produtivo e paliar as perdas por mortalidade de moluscos ocasionadas polos episodios de choivas de 2026.
Os posibles beneficiarios das subvencións serán as confrarías de pescadores, as organizacións de produtores, as cooperativas do mar, as asociacións de profesionais do sector e as demais entidades asociativas xuridicamente recoñecidas e constituídas por profesionais do sector, sempre que sexan entidades titulares de plans marisqueiros en réxime de coxestión e teñan a sede social na Comunidade Autónoma de Galicia.
Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,
DISPOÑO:
Artigo 1. Obxecto
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras xerais e a convocatoria para o ano 2026 para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de axudas a proxectos que permitan paliar as perdas por mortalidade de moluscos tras a afectación polos episodios de choivas de 2026 (código de procedemento PE209Q).
Artigo 2. Marco normativo
Para o outorgamento e a execución destas subvencións atenderase ao disposto nas bases reguladoras establecidas nesta orde, así como nas normas seguintes:
a) Preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.
b) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
c) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
d) Texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, coas súas posteriores modificacións.
e) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
f) Decreto 132/2006, do 27 de xullo, en materia de rexistros de axudas, subvencións, convenios e sancións.
g) Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno.
h) Lei 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.
i) Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.
j) Regulamento (UE) núm. 2022/2473 da Comisión, do 14 de decembro de 2022, polo que se declaran determinadas categorías de axuda ás empresas dedicadas á produción, transformación e comercialización de produtos da pesca e da acuicultura compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea.
Artigo 3. Crédito orzamentario e contía das axudas
1. As axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 16.03.723A.770.0, código de proxecto 2026 00107, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026.
As axudas reguladas na presente convocatoria fináncianse con fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia.
2. O importe máximo das subvencións que se concederán en 2026 será de oitocentos mil euros (800.000 €) nunha única anualidade, a de 2026.
3. Os importes consignados, así como as aplicacións a que se imputan, poderán ser ampliados en función das dispoñibilidades orzamentarias sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, salvo indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto. En todo caso, a concesión das axudas estará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias.
Artigo 4. Entidades beneficiarias
1. Poderán ser entidades beneficiarias das subvencións as confrarías de pescadores, as organizacións de produtores, as cooperativas do mar, as asociacións de profesionais do sector e as demais entidades asociativas xuridicamente recoñecidas e constituídas por profesionais do sector, sempre que sexan entidades titulares de plans marisqueiros en réxime de coxestión e teñan a sede social na Comunidade Autónoma de Galicia.
2. Non poderán ser beneficiarias aquelas entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. As entidades sinaladas no parágrafo primeiro deste artigo poderán concorrer de xeito individual ou conxuntamente como unha agrupación de entidades. Neste último caso, deberán facer constar expresamente na solicitude que compromisos corresponderán a cada unha delas na execución das accións, así como o importe da subvención solicitada que corresponderá a cada unha delas. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, que será unha das entidades solicitantes, con poderes bastantes para cumprir as obrigas que como beneficiaria corresponden á agrupación. Os compromisos de participación conxunta, así como o nomeamento do apoderado, deberán ratificarse mediante un documento outorgado ante o órgano de xestión, unha vez notificada a concesión da axuda.
4. No caso de incumprimento por parte dunha agrupación de entidades, consideraranse responsables todos os beneficiarios integrados nela en relación coas actividades subvencionadas que se comprometesen a realizar, ou solidariamente cando non for posible determinar o alcance das obrigas correspondentes a cada un deles.
5. A agrupación non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo establece o artigo 8 desta lei.
6. Cada unha das entidades sinaladas no parágrafo primeiro deste artigo só poderá formular unha solicitude de axuda de proxectos como máximo, sexa individual ou conxunta. No caso de presentar máis, só será considerada para entrar no procedemento a primeira solicitude segundo a orde de rexistro de entrada na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 5. Obrigas das entidades beneficiarias
1. As entidades beneficiarias, ao formalizaren a solicitude, sométense voluntariamente ao cumprimento das condicións que se establecen nesta orde para a concesión e pagamento das subvencións, así como ao cumprimento dos requisitos estipulados na normativa de aplicación a estas.
2. As entidades beneficiarias deberán:
a) Realizar e xustificar as actividades para as cales se conceda a subvención nos termos e prazos indicados na resolución de concesión e no proxecto que lles sirva de base. A falta execución de, polo menos, o 50 % do gasto total subvencionado, poderá implicar a perda do dereito á totalidade da axuda concedida.
b) Acreditar, mediante unha declaración responsable, que non teñen pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións.
c) Acreditar, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, que se encontran ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.
d) No caso de proxectos conxuntos, ratificar ante o órgano de xestión o acordo de colaboración para a execución do proxecto, unha vez notificada a concesión da axuda.
e) Comunicar ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución ou a consecución dos fins para os cales foi concedida a axuda de que se trate.
f) Facilitar toda a información que lles sexa requirida en relación coas subvencións e someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar a entidade concedente, así como os órganos de fiscalización e control da Comunidade Autónoma de Galicia, da Administración xeral do Estado e da Unión Europea.
g) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos durante un período mínimo de cinco (5) anos desde a percepción do último pagamento, para os efectos de comprobación e control.
h) Manter un sistema de contabilidade separado ou ben asignar un código contable axeitado que permita coñecer todas as transaccións relacionadas coa operación que se subvenciona, así como proporcionar toda a información e datos necesarios para poder proceder ao seguimento e avaliación do proxecto aprobado.
i) As beneficiarias deberán dar axeitada publicidade do carácter publico do financiamento. Para tal obxecto, deberá ter exposto nun lugar público un cartel de tamaño mínimo A-3 onde se especifique o nome do beneficiario ou dos beneficiarios, de ser un proxecto conxunto, o nome do proxecto, o importe concedido e a modalidade de financiamento a cargo dos fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia, así como facer figurar a imaxe institucional da Consellería do Mar como concedente da axuda. Así mesmo, farase unha descrición do proxecto subvencionado no sitio da internet, no caso de que dispoña dun.
3. De acordo co establecido no artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión de subvención comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia, co fin de acreditar que o solicitante está ao día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e non ten pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.
Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, caso en que deberá presentar a certificación nos termos previstos regulamentariamente. Se, por razóns técnicas ou doutra índole, o órgano xestor non pode obter estes certificados, poderán serlle requiridos ao interesado.
Artigo 6. Proxectos obxecto de subvención
1. Poderán ser obxecto de subvención, de conformidade con esta orde, proxectos que se desenvolvan na Comunidade Autónoma de Galicia, que teñan por obxecto a adquisición de semente destinada á repoboación, recuperación e reparación dos bancos marisqueiros danados, co fin último de recuperar o potencial produtivo e paliar as perdas por mortalidade de moluscos ocasionadas polos episodios de choivas de 2026, coas seguintes condicións:
a) Por cada unidade de semente será subvencionable, como máximo, un importe de 0,025 € (sen IVE).
b) O importe máximo subvencionable por proxecto será de 20.000 € (sen IVE).
2. En ningún caso se subvencionarán sementes de especies alóctonas en proxectos para desenvolver en zonas que estean dentro dun parque natural ou nacional.
3. O acondicionamento do substrato deberá ser previo á realización das accións subvencionables. A entidade beneficiaria deberá xustificar que o substrato está debidamente acondicionado antes de proceder á sementeira.
4. Os proxectos serán de carácter anual e coas limitacións recollidas no artigo 7 desta orde.
Artigo 7. Gastos subvencionables
1. Poderán concederse subvencións para a adquisición de semente de especies marisqueiras, sempre que este gasto sexa necesario para a execución dos proxectos referidos no artigo anterior, coas seguintes condicións:
a) A semente deberá proceder exclusivamente dun criadeiro.
b) En calquera caso, requirirase o permiso de inmersión, segundo o establecido no Decreto 423/1993, do 17 de decembro, polo que se refunde a normativa vixente en materia de marisqueo, extracción de algas e cultivos mariños.
c) Que a especie obxecto do proxecto figure no catálogo de especies comerciais, segundo a Resolución do 27 de maio de 2026, da Secretaría Xeral de Pesca, pola que se publica a lista de denominacións comerciais de especies pesqueiras e de acuicultura admitidas en España ou normativa que a substitúa.
2. Os gastos subvencionables son os custos efectivamente asumidos polo/a perceptor/a da subvención e que se axusten aos seguintes requisitos xerais:
a) Que se efectúen ao longo da duración da acción.
b) Que se consignen no orzamento estimado total do proxecto e respondan de maneira indubidable á natureza da operación subvencionada.
c) Que sexan necesarios para a execución da acción obxecto da subvención.
d) Que fosen pagados pola persoa beneficiaria con anterioridade á finalización do prazo de xustificación. Considérase efectivamente pagado o gasto cando se xustifique o pagamento mediante un extracto ou certificacións bancarias debidamente identificadas.
e) Que sexan identificables e verificables, en particular, que consten na contabilidade do beneficiario e se inscribisen de acordo coas normas contables e de conformidade coas prácticas contables habituais do beneficiario en materia de gastos.
f) Que cumpran co disposto na lexislación fiscal e social aplicable.
g) Que sexan razoables e xustificados e cumpran co principio de boa xestión financeira, en especial no referente á economía e relación custo/eficacia.
3. Consideraranse subvencionables os gastos realizados e pagados ata o 15 de novembro de 2026.
4. O cálculo dos danos materiais basearase no custo de reparación dos bancos marisqueiros afectados ou o valor económico dos activos afectados antes do fenómeno climático adverso que pode asimilarse a un desastre natural. Para estes efectos, o importe do proxecto de adquisición de semente subvencionado non poderá exceder o custo de reparación nin a diminución do valor de mercado dos bancos marisqueiros causados polo fenómeno climático adverso, é dicir, a diferenza entre o valor do activo inmediatamente antes e inmediatamente despois do fenómeno climático adverso.
5. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas para os contratos menores, segundo o establecido no artigo 118 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23 UE e 2014/24 UE, do 26 de febreiro de 2014, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, tal e como establece o artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse coa xustificación ou, de ser o caso, coa solicitude de subvención, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.
6. A beneficiaria poderá subcontratar a actividade subvencionada ata o 100 %, sempre tendo en conta as limitacións establecidas no artigo 27 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento.
Artigo 8. Gastos non subvencionables
Non serán subvencionables os gastos relativos a:
a) Alugamentos.
b) Adquisición de vestiario e equipamento persoal.
c) Aparellos e materiais de pesca e marisqueo.
d) Funcionamento, mantemento e conservación dos bens e equipamentos.
e) Manutención e desprazamento de persoas e os de representación.
f) O imposto sobre o valor engadido (IVE), salvo cando non sexa recuperable pola persoa beneficiaria de conformidade coa normativa nacional aplicable en materia de IVE.
g) Custos indirectos.
h) Calquera gasto que, de acordo coa normativa aplicable, resulte ser non subvencionable.
Artigo 9. Intensidade da axuda
1. A axuda poderá financiar ata o 100 % dos gastos subvencionables establecidos nesta orde, de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias da correspondente convocatoria.
O órgano instrutor poderá limitar os gastos elixibles que non estean debidamente xustificados, tanto en canto á súa necesidade como á súa valoración económica.
2. Manterase a axuda concedida, pero minorarase o importe que se aboe na fase de pagamento se o gasto finalmente xustificado resulta inferior ao considerado subvencionable, na mesma proporción.
3. As axudas concedidas e calquera outro pagamento recibido para reparar os danos, en especial os pagamentos en virtude de pólizas de seguro, non deberán superar o 100 % dos custos subvencionables.
Artigo 10. Compatibilidade da axuda
1. As axudas recollidas nesta orde serán compatibles con calquera outra axuda, subvención ou recurso público ou privado, sempre que o importe acumulado das axudas non exceda o custo da actividade subvencionada.
2. No suposto de que a suma de todas as axudas supere os devanditos límites, procederase, por resolución do órgano concedente, á minoración da axuda concedida.
Artigo 11. Prazos de presentación de solicitudes e de resolución
1. O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes e comezará o quinto día hábil contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
2. A resolución de concesión emitirase e notificarase aos interesados no prazo máximo de tres (3) meses desde a publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. O vencemento do prazo máximo indicado sen que se notifique a resolución posibilitará que os interesados poidan entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.
3. De non esgotarse o crédito dispoñible ou de resultar incrementado este posteriormente en virtude de renuncias, modificacións das resolucións de outorgamento ou dotacións orzamentarias adicionais, poderase emitir unha nova proposta de resolución na cal se incluirán aquelas solicitudes que, cumprindo os requisitos establecidos nesta orde, non puidesen obter inicialmente a condición de beneficiarias por insuficiencia de crédito, atendendo á orde de presentación das solicitudes.
Artigo 12. Forma de presentación de solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I-Solicitude) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Forma parte de cada solicitude a declaración responsable que contén esta e na cal se fan constar os seguintes aspectos:
a) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.
b) Que non está incursa en ningún dos supostos de incompatibilidade da Lei 3/2015, do 30 de marzo, reguladora do exercicio do alto cargo da Administración xeral do Estado, da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, da Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas, nin desempeñou ningún dos cargos electivos regulados na Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do réxime electoral xeral.
c) Non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
d) Non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
e) Que a entidade que representa cumpre os requisitos para obter a condición de entidade beneficiaria, segundo o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
f) Que non foi sancionada coa imposibilidade de obter préstamos, subvencións ou axudas públicas, de acordo co previsto no título V da Lei 3/2001, do 26 de marzo, de pesca marítima do Estado, e do título XIV da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia.
g) Que cumpre coas obrigas establecidas nos artigos 55 e 58 ou as obrigas de constitución dos órganos reitores recollidas nas seccións 3ª e 4ª do capítulo IX do Decreto 8/2014, do 16 de xaneiro, que regula as confrarías de pescadores de Galicia e as súas federacións, tal e como sinala a disposición adicional segunda do mesmo decreto.
h) Está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
A presentación da solicitude de subvención comportará a autorización ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade das declaracións anteriores por calquera medio ou rexistro dispoñible.
2. As solicitudes virán asinadas polo representante legal da entidade solicitante; se son formuladas por varias entidades conxuntamente, deberán vir asinadas polo representante legal da entidade que exerza a representación de todas elas.
Artigo 13. Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Documentación acreditativa da personalidade:
a.1) Certificación do órgano competente en que se acredite o desempeño actual do cargo por parte do asinante e se especifique o acordo polo que se lle concede a este a autorización para formalizar a solicitude. Se actúa en virtude de atribucións fixadas nos estatutos, indicarase así na solicitude, citando a disposición que recolle a competencia.
a.2) Se a entidade solicitante non é unha confraría de pescadores ou federación de confrarías, copia dos seus estatutos. Non será necesario achegar este documento cando xa conste nos arquivos da Consellería do Mar por telo presentado nun procedemento administrativo nos últimos cinco (5) anos. Neste caso, deberán indicarse o procedemento, a data de presentación e o órgano ante o cal se presentou.
b) Orzamento detallado da acción, en que o IVE deberá vir separado, segundo o anexo I, e acompañado da documentación xustificativa dos custos incluídos (orzamentos, facturas pro forma, etc.).
Se é o caso, tamén se deberá acreditar a solicitude de 3 ofertas e a xustificación da seleccionada, de acordo co indicado no artigo 7.5 desta orde.
c) Copia de permiso de inmersión, segundo o establecido no Decreto 423/1993, do 17 de decembro, polo que se refunde a normativa vixente en materia de marisqueo, extracción de algas e cultivos mariños, ou da xustificación de telo solicitado aos organismos correspondentes.
d) No caso das solicitudes en que se proxecte a execución de accións en zonas incluídas nun plan de explotación e xestión conxunto con outras entidades, escrito de conformidade co proxecto dos demais cotitulares do plan.
2. No caso de solicitudes formuladas conxuntamente, as persoas interesadas deberán achegar coa solicitude o anexo II de declaración de financiamento do proxecto e a declaración responsable de non estaren incursas na prohibición para obter a condición de beneficiarias de subvencións e a documentación adicional que nel se especifica:
a) Acordo de nomeamento do representante ou apoderado único para os efectos da subvención, asinado polos representantes de todas as entidades solicitantes.
b) Distribución dos compromisos que corresponda executar a cada un dos solicitantes, así como o importe da subvención solicitada para cada un deles.
c) Documentación sinalada nas alíneas a.1), a.2) do punto 1 deste artigo por cada un dos solicitantes.
3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.
4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 14. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI/NIE da persoa representante.
b) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
c) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas á Administración pública da Comunidade Autónoma.
d) Comprobación das subvencións e axudas públicas concedidas.
e) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
f) NIF da entidade solicitante (anexo I).
g) NIF da entidade declarante (anexo II).
h) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.
Para solicitudes conxuntas esta consulta se realizará para cada una das entidades, se é o caso.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado do anexo I ou anexo II, segundo o caso, e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos acreditativos correspondentes.
Artigo 15. Órganos competentes
O órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención será o Servizo de Xestión de Proxectos da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería do Mar.
A competencia para ditar a resolución que poña fin ao procedemento na vía administrativa correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, por delegación da persoa titular da Consellería do Mar.
Artigo 16. Instrución dos procedementos
1. As solicitudes tramitaranse e resolveranse por orde de entrada das solicitudes completas no rexistro correspondente, ata o esgotamento do crédito dispoñible da convocatoria, en réxime de concorrencia non competitiva. Unha vez esgotado o crédito dispoñible, as solicitudes que queden pendentes de resolución serán denegadas por falta de dispoñibilidade orzamentaria, sen prexuízo da ampliación prevista no artigo 3.3 desta orde.
2. O órgano instrutor comprobará o cumprimento dos requisitos establecidos nestas bases reguladoras e na correspondente convocatoria, tendo en conta a información achegada pola persoa solicitante na solicitude da axuda, nos formularios e na documentación presentada.
O órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións resulten necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales debe formularse a proposta de resolución e poderá solicitar os informes técnicos ou documentos complementarios que resulten necesarios para a tramitación do procedemento.
3. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude ou a documentación presentada non reúne algún dos requisitos ou non achega algunha da documentación exixida nestas bases reguladoras ou na convocatoria, requirirase a persoa interesada para que, no prazo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos.
Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se considerará que desiste da súa petición, logo da correspondente resolución, nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
4. Sen prexuízo do disposto no número anterior, o órgano instrutor poderá requirir de forma motivada á persoa solicitante cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e a resolución do procedemento.
5. Unha vez comprobado o cumprimento dos requisitos establecidos nestas bases reguladoras, e instruído o procedemento, o órgano instrutor formulará a correspondente proposta de resolución ao órgano competente para resolver.
As propostas de resolución de concesión conterán, como mínimo, a identificación da persoa solicitante, o obxecto da axuda, a actuación subvencionable e o importe da subvención proposta.
6. Os expedientes que non cumpran as condicións establecidas nestas bases reguladoras ou na normativa aplicable darán lugar á correspondente proposta de resolución de denegación, na cal se indicarán as causas que a motivan.
7. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de formular a proposta de resolución, poderase prescindir do trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin se teñan en conta na resolución outros feitos, alegacións ou probas que as achegadas pola persoa interesada, de conformidade co establecido no artigo 82 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
Cando proceda a realización do trámite de audiencia, este concederase por un prazo de dez (10) días, durante o cal as persoas interesadas poderán formular alegacións e presentar os documentos e as xustificacións que consideren pertinentes.
Artigo 17. Resolución
1. Á vista da proposta de resolución, e logo da preceptiva fiscalización do gasto, a persoa titular da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro ditará a resolución motivada pola que se outorguen ou deneguen as subvencións solicitadas, por delegación da persoa titular da Consellería do Mar. Esta resolución deberá ditarse dentro do exercicio orzamentario correspondente.
2. A resolución de concesión deberá conter, como mínimo, a identificación da persoa beneficiaria, o importe da subvención concedida, a actuación subvencionada, as obrigas que corresponden á persoa beneficiaria e, de ser o caso, os requisitos específicos relativos ás actuacións ou investimentos obxecto da axuda, así como calquera outra condición que resulte necesaria de conformidade coa normativa aplicable.
3. A resolución de denegación indicará o motivo da denegación da solicitude.
4. Transcorrido o prazo máximo de resolución sen que se notificase resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo, de conformidade co establecido na normativa aplicable.
5. Unha vez esgotado o crédito destinado ás subvencións, publicarase no Diario Oficial de Galicia a dita circunstancia.
Artigo 18. Aceptación
No prazo de dez (10) días desde a notificación da resolución, os interesados deberán comunicar a aceptación ou o rexeitamento da subvención nas condicións expresadas nela, conforme o anexo III. De non o faceren, entenderase tacitamente aceptada.
Artigo 19. Recursos
As resolucións, expresas ou presuntas, que se diten ao abeiro desta orde poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderase interpoñer, con carácter potestativo, recurso de reposición ante a persoa titular da Consellería do Mar, no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo sexa o caso, ou recurso contencioso-administrativo, perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación ou de seis (6) meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo o caso.
Artigo 20. Modificacións
1. Calquera modificación que se pretenda realizar nos investimentos inicialmente previstos, tanto no referente ao orzamento como ás distintas partidas que o compoñen, requirirá a aceptación expresa do órgano concedente e deberá ser posta en coñecemento deste, sempre con anterioridade á súa realización e antes de rematar o prazo de xustificación correspondente.
Non se aprobarán modificacións que impliquen unha minoración do importe subvencionable superior ao 50 % do importe aprobado inicialmente.
2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais e internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.
Artigo 21. Xustificación e pagamento
1. Os gastos correspondentes poderán xustificarse ata o 30 de novembro de 2026, salvo que nas resolucións de concesión se estableza unha data distinta.
2. Para o cobramento da subvención concedida, as entidades beneficiarias deberán presentar a documentación que se sinala a continuación, indicando o número de expediente da resolución de concesión da subvención, no prazo establecido no parágrafo anterior:
a) Xustificación de ter realizado a acción para a cal se concedeu a subvención, mediante os seguintes documentos:
a.1) Facturas correspondentes ao gasto subvencionable detalladas ao máximo posible e, polo menos, co mesmo nivel de desagregación dos investimentos que figuren na resolución de outorgamento da axuda.
a.2) Comprobantes bancarios correspondentes aos pagamentos efectuados que xustifiquen a efectiva realización dos gastos.
b) No caso de opoñerse expresamente á súa obtención polo órgano xestor: certificación de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias á AEAT, no pagamento á Seguridade Social e no pagamento das débedas á Administración pública da Comunidade Autónoma.
c) No caso de proxectos solicitados conxuntamente por varias entidades, documento formalizado ante o órgano de xestión en que se recollan os compromisos que correspondan a cada un deles, así como o nomeamento do apoderado único.
d) Os tres orzamentos que, de acordo co artigo 7.5 desta orde, e en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, debe ter solicitado o beneficiario.
e) Permiso de inmersión, segundo o establecido no Decreto 423/1993, do 17 de decembro, polo que se refunde a normativa vixente en materia de marisqueo, extracción de algas e cultivos mariños.
3. No momento da xustificación e, en calquera caso, antes do último pagamento, o beneficiario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para o mesmo proxecto, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, así como unha declaración responsable de que se manteñen os requisitos para ser beneficiario, conforme o anexo IV.
Artigo 22. Pagamento anticipado
Mediante resolución motivada do órgano concedente, e logo de solicitude dos interesados, poderá autorizarse un anticipo de ata un 50 % da subvención prevista para a anualidade naqueles casos en que o investimento exixa pagamentos inmediatos.
O pagamento do anticipo terá carácter de ingreso á conta e a súa consolidación estará condicionada á finalización das actividades obxecto da axuda. No caso de que o solicitante non cumpra cos requisitos exixidos, estará obrigado a reintegrar a axuda nos termos previstos nos artigos 37 a 40 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 23. Garantías
Segundo o establecido no artigo 65.4.i) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os beneficiarios destas axudas quedan exonerados da constitución de garantías, dado que os pagamentos anticipados previstos non superarán o importe establecido no citado artigo.
Artigo 24. Reintegro
1. Procederá o reintegro, total ou parcial, da subvención concedida e dos xuros de mora producidos dende o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos supostos sinalados no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
No caso de cumprimento parcial relativo á actividade subvencionada, procederase á redución proporcional da subvención concedida ou aboada.
De conformidade co artigo 14.1.n) da citada Lei 9/2007, o importe por reintegrar determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación de posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións:
a) O incumprimento da obriga establecida no artigo 5.2.e) de comunicar a obtención doutras axudas, no caso de que sexan incompatibles, dará lugar ao reintegro total da axuda concedida e dos xuros de demora que se teña dereito a percibir desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro.
b) O incumprimento da obriga establecida no artigo 5.2.e) de comunicar a obtención doutras axudas, no caso de que estas sexan compatibles, dará lugar ao reintegro parcial polo exceso de financiamento xunto cos xuros de demora, conforme o establecido no artigo 23 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
c) O incumprimento das obrigas en materia de publicidade establecidas no artigo 5.2.i) dará lugar a un reintegro parcial do 2 % da axuda concedida.
d) O incumprimento do mantemento dun sistema de contabilidade separado ou unha codificación contable axeitada, segundo o establecido no artigo 5.2.h), dará lugar ao reintegro parcial do 2 % da axuda concedida.
2. Para o devandito procedemento de reintegro terase en conta o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título V do seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
Artigo 25. Infraccións e sancións
As actuacións dos beneficiarios en relación coas axudas obxecto desta orde están sometidas ao réxime de infraccións e sancións do título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 26. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 27. Publicidade
1. Publicaranse no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as subvencións concedidas con suxeición a esta orde, indicando o programa e o crédito orzamentario a que se imputan, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención.
2. Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Consellería do Mar (http://mar.xunta.gal) a relación de entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas.
3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.
Artigo 28. Trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 29. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, todas as persoas físicas e ou xurídicas distintas das indicadas no artigo 3.1 da lei que presten servizos públicos ou exerzan potestades administrativas estarán obrigadas a subministrarlle á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da devandita lei á que a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.
Disposición adicional primeira
En todo o non previsto nesta orde observarase o disposto na normativa mencionada no artigo 2 (marco normativo).
Disposición adicional segunda
Facúltase a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento e a aplicación desta orde.
Disposición derradeira
Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2026
Marta Villaverde Acuña
Conselleira do Mar
