Feitos:
1. O día 15.5.2026 UFD Distribución Electricidad, S.A. (en diante, UFD) presentou, perante o Departamento Territorial da Coruña da Consellería de Economía e Industria (en diante, departamento territorial), a solicitude de autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción para a infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica correspondente á renovación do parque de 15 kV e ampliación de dúas celas de liña na subestación San Pedro de Visma 66/15 kV, no termo municipal da Coruña, á que se lle asignou o número de expediente IN407A 2026/122-1.
Esta solicitude acompañouse (ou completouse posteriormente) da seguinte documentación técnica:
• Proxecto de execución denominado Subestación San Pedro de Visma-Novo parque 15 kV e ampliación de dúas celas de liña, asinado polo enxeñeiro eléctrico Álvaro Rodríguez López (colexiado núm. 3.675 do Colexio Oficial de Graduados en Enxeñaría da Rama Industrial e Enxeñeiros Técnicos Industriais de Valladolid) e visado por este colexio, co núm. 853/26E e data 7.7.2026; e no que figura un orzamento total de 3.098.841,74 euros.
• Declaración responsable asinada polo técnico proxectista e integrada no anexo I do proxecto, exixida no artigo 53.1.b) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
Segundo consta no proxecto de execución, na subestación San Pedro de Visma proxéctase a renovación do parque de 15 kV existente e a súa ampliación con dúas novas posicións de liña. Substituirase o actual parque de 15 kV realizado mediante cabinas metálicas compactas con illamento en aire (tecnoloxía AIS), por celas blindadas libres de gases fluorados cunhas dimensións moi compactas e deseñadas para integrar sensores e monitorización remota, así como dispositivos de control e protección. Actualmente, o parque de 15 kV atópase no interior do edificio e a actuación proxectada realizarase no seu interior, sen incrementar nin modificar a edificabilidade nin a ocupación da parcela. Esta actuación contémplase en dúas fases: intermedia (instalación provisional de tres carretóns móbiles de 15 kV dentro da parcela para evitar o corte de subministración mentres se realiza a seguinte fase) e final (retirada de aparellaxe eléctrica existente e instalación dos novos equipos blindados no interior do edificio actual dentro da subestación).
2. O día 13.7.2026 o departamento territorial, unha vez rematada a instrución do referido expediente, deu traslado deste á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas (en diante, DXPEM) para os efectos de ditar a oportuna resolución, e incorpóranse ao expediente os informes seguintes:
• Informe emitido o día 9.7.2026 polos servizos técnicos do departamento territorial, no que se conclúe, que desde un punto de vista técnico non se atopa ningún impedimento para emitir a autorización administrativa previa e de construción das instalacións electromecánicas e eléctricas proxectadas, e a súa remisión á dirección xeral competente en materia de enerxía para que se prosiga coa tramitación do expediente.
• Informe emitido o día 13.7.2026 polos servizos técnicos do departamento territorial, no que se recolle un resumo da tramitación do expediente.
Consideracións legais e técnicas:
1. No expediente instruído para o efecto, cumpríronse os trámites do procedemento establecidos na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.
2. Ao respecto da tramitación do referido expediente, cómpre salientar que está exenta do trámite de información pública, de conformidade coa excepción recollida no artigo 50.b) da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, para as solicitudes de autorización administrativa de modificacións de instalacións de distribución de calquera tensión, sempre que non se solicite a declaración de utilidade pública nin sexa preceptiva a avaliación ambiental ordinaria.
3. En canto á avaliación de impacto ambiental dos proxectos, no artigo 7 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, defínense os proxectos que terán que someterse a unha avaliación de impacto ambiental, ordinaria ou simplificada. A este respecto, na epígrafe 1.20.1 (aspectos ambientais) da memoria do proxecto de execución, establécese que segundo a lexislación vixente de avaliación ambiental (incluída a última modificación dos anexos I, II e III do Real decreto 445/2023), este non se atopa sometido a ningún trámite de avaliación de impacto ambiental.
4. A competencia para resolver este expediente correspóndelle á DXPEM, ao tratarse dunha subestación cunha potencia superior aos 75 MVA, de conformidade co disposto no artigo único (punto 1.b).2º para as autorizacións administrativas previa e de construción) do Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro), así como no Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia (DOG núm. 73, do 14 de abril), no Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia (DOG núm. 81, do 24 de abril), e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio).
De acordo con todo o anterior,
RESOLVO:
1. Outorgar a autorización administrativa previa para a infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica correspondente á renovación do parque de 15 kV e ampliación de dúas celas de liña na subestación San Pedro de Visma 66/15 kV, no termo municipal da Coruña, e que promove UFD Distribución Electricidad, S.A.
2. Outorgar a autorización administrativa de construción para o proxecto de execución da citada infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica, denominado Subestación San Pedro de Visma-Novo parque 15 kV e ampliación de dúas celas de liña.
Todo isto de acordo coas condicións seguintes:
1. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución denominado Subestación San Pedro de Visma-Novo parque 15 kV e ampliación de dúas celas de liña, asinado polo enxeñeiro eléctrico Álvaro Rodríguez López (colexiado núm. 3.675 do Colexio Oficial de Graduados en Enxeñaría da Rama Industrial e Enxeñeiros Técnicos Industriais de Valladolid) e visado por este colexio, con núm. 853/26E e data 7.7.2026; e no que figura un orzamento total de 3.098.841,74 euros.
2. A empresa promotora (UFD) asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manteñan as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento se deberán cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade nas instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, aprobados polo Real decreto 337/2014, do 9 de maio, e o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, aprobados polo Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro.
3. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten a datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa da DXPEM; non obstante, o departamento territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes e deberalle comunicar á devandita dirección xeral todas as resolucións que se diten en aplicación da citada facultade.
4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución. Unha vez construídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación perante o departamento territorial, quen deberá estendela tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.
5. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución ou a variación substancial dos presupostos que determinaron a súa adopción poderán dar lugar á súa revogación, logo de audiencia ao promotor, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.
6. Estas autorizacións adóptanse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da referida infraestrutura eléctrica, en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente, tal e como dispón o título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.
7. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 48.2 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro.
Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.
Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2026
Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Minas
