DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 149 Luns, 10 de agosto de 2026 Páx. 43947

III. Outras disposicións

Universidade da Coruña

RESOLUCIÓN do 27 de xullo de 2026 pola que se establece a composición da Mesa de Contratación Permanente.

O artigo 326.1 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público (LCSP/2017), establece que nos procedementos abertos, abertos simplificados, restrinxidos, de diálogo competitivo, de licitación con negociación e de asociación para a innovación, os órganos de contratación das administracións públicas estarán asistidos por unha mesa de contratación. Nos procedementos negociados en que non sexa necesario publicar anuncios de licitación e nos procedementos a que se refire o artigo 159.6, a constitución da Mesa será potestativa para o órgano de contratación.

A renovación do equipo de goberno fai necesario adaptar a composición da Mesa de Contratación Permanente establecida na Resolución do 29 de abril de 2026, co fin de adecuar a designación das persoas integrantes á actual estrutura do goberno da institución.

De conformidade co previsto no artigo 326 da LCSP/2017 e no artigo 21 e seguintes do Real decreto 817/2009, do 8 de maio, polo que se desenvolve parcialmente a Lei de contratos do sector público, e no exercicio das facultades que lle confire o artigo 126 dos estatutos da Universidade da Coruña, este reitorado

RESOLVE:

Primeiro. Composición da Mesa de Contratación Permanente

Desígnanse as persoas integrantes da Mesa, así como as suplentes, que se citan a seguir:

1. Presidencia: a persoa titular da Secretaría Xeral.

Suplente: a persoa titular da Xefatura de Sección da Secretaría Xeral.

2. Vogais permanentes:

a) A persoa titular do Vicerreitorado con competencias en materia de economía.

Suplente: a persoa titular da Vicexerencia con competencias en materia de economía.

b) A persoa titular da Xefatura do Servizo de Control Interno.

Suplente: Xefatura de sección ou, na súa ausencia, dun negociado do Servizo de Control Interno.

c) Xefatura do Servizo de Asesoría Xurídica.

Suplente: Xefatura dun negociado da Asesoría Xurídica.

d) Xefatura do Servizo de Contratación Administrativa.

Suplente: Xefatura dun negociado do Servizo de Contratación Administrativa.

3. Secretaría: Xefatura da Sección de Contratación.

Suplente: Xefatura dun negociado do Servizo de Contratación Administrativa.

Segundo. Normas de funcionamento da Mesa

1. Para a válida constitución da Mesa, deberá estar presente a maioría absoluta das persoas integrantes e, en todo caso, o/a presidente/a, o/a secretario/a e os dous vogais que teñan atribuídas as funcións correspondentes ao asesoramento xurídico e ao control económico orzamentario do órgano de contratación.

2. Todas as persoas integrantes da Mesa terán voz e voto, agás a persoa que desempeñe a Secretaría, que asistirá ás reunións con voz pero sen voto.

3. A Mesa poderá requirir a asistencia de persoal técnico especializado ou de persoas expertas independentes con cualificación adecuada en relación co obxecto do contrato, que actuarán con voz e sen voto. A súa asistencia será autorizada polo órgano de contratación e deberá ser reflectida expresamente no expediente, con referencia ás identidades deste persoal técnico ou experto, e á súa formación e á súa experiencia profesional (artigo 326.5 da LCSP/2017).

4. A Mesa de Contratación poderá solicitar cantos informes técnicos considere pertinentes (artigo 150.1 da LCSP/2017).

5. Nos casos en que a valoración dos criterios mediante un xuízo de valor corresponda a un comité formado por expertos ou a un organismo técnico especializado (artigo 146.2.a) da LCSP/2017), a designación realizarase e publicarase no perfil de contratante (artigo 63.5 da LCSP/2017).

6. De maneira supletoria, o funcionamento da Mesa rexerase polo establecido no título preliminar, capítulo II, sección 3ª, subsección 1ª, da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Terceiro. Publicación e efectos

Queda derrogada a Resolución de 29 de abril de 2026 pola que se establece a composición da Mesa de Contratación Permanente da Universidade da Coruña, así como cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido nesta resolución.

Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia e no perfil do contratante da Universidade da Coruña, e terá efectos sete días naturais desde a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 27 de xullo de 2026

Ricardo José Cao Abad
Reitor da Universidade da Coruña