DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 151 Mércores, 12 de agosto de 2026 Páx. 44223

I. Disposicións xerais

Consellería de Facenda e Administración Pública

DECRETO 89/2026, do 3 de agosto, polo que se regula o Rexistro do Persoal Funcionario Público Habilitado e a asistencia para a identificación e a sinatura electrónicas no ámbito da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico.

I

O artigo 27.Cinco do Estatuto de autonomía de Galicia establece, como competencia exclusiva da comunidade autónoma, a materia das normas procesuais e procedementos administrativos que se deriven da organización propia dos poderes públicos galegos.

Pola súa banda, o artigo 28.Un da devandita norma atribúelle á comunidade autónoma o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación do Estado nos termos que esta estableza en materia do réxime xurídico da Administración pública de Galicia e do réxime estatutario do seu persoal funcionario.

A Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, establece no seu artigo 13.b) como un dos dereitos das persoas o de seren asistidas no uso de medios electrónicos nas súas relacións coas administracións públicas.

O artigo 12 do devandito texto legal describe a forma de desenvolvemento deste dereito. Así, no seu número 1, sinala que as administracións públicas deberán garantir que as persoas interesadas poidan relacionarse coa Administración a través de medios electrónicos, para o que se poñen á súa disposición as canles de acceso necesarias, así como os sistemas e aplicacións que en cada caso se determinen.

Por outra banda, esta evolución da actuación administrativa non debe supoñer discriminación para aquelas persoas que polo seu nivel formativo, capacidade económica ou habilidades no uso das novas tecnoloxías, non estean en disposición de poder relacionarse desta forma coas administracións públicas. Para paliar esta circunstancia, o apartado 2 do mesmo artigo establece que estas asistirán no uso de medios electrónicos as persoas interesadas non incluídas nos números 2 e 3 do artigo 14 (precepto que regula as persoas obrigadas a relacionarse de forma obrigatoria a través destes medios) que así o soliciten, especialmente no referente á identificación e sinatura electrónicas, presentación de solicitudes a través do rexistro electrónico xeral e obtención de copias auténticas. Continúa sinalando o precepto que se algunha destas persoas interesadas non dispón dos medios electrónicos necesarios, a súa identificación ou sinatura electrónica no procedemento administrativo poderá ser validamente realizada por unha persoa funcionaria pública mediante o uso do sistema de sinatura electrónica de que estea dotada para ete fin. Neste caso, será preciso que a persoa interesada que careza dos medios electrónicos necesarios se identifique ante a persoa funcionaria e preste o seu consentimento expreso para esta actuación, do cal deberá quedar constancia no suposto de que se produza algunha discrepancia ou litixio.

O número 3 do artigo 12 da referida Lei 39/2015, do 1 de outubro, establece que a Administración do Estado, as comunidades autónomas e as entidades locais manterán actualizado un rexistro, ou outro sistema equivalente, onde constará o persoal funcionario habilitado para a identificación ou a sinatura regulada no artigo 12.2, e que estes rexistros ou sistemas serán plenamente interoperables e estarán interconectados para os efectos de comprobar a validez das habilitacións. Finalmente, dispón que no rexistro ou sistema equivalente constará, polo menos, o persoal funcionario que preste servizos nas oficinas de asistencia en materia de rexistros.

O artigo 30.1 do Regulamento de actuación e funcionamento do sector público por medios electrónicos, aprobado polo Real decreto 203/2021, do 30 de marzo, completa a regulación estatal en materia de identificación ou sinatura electrónicas das persoas interesadas mediante persoal funcionario público habilitado.

O artigo 27 da devandita Lei 39/2015, do 1 de outubro, regula a validez e a eficacia das copias realizadas polas administracións públicas, e establece que estas poderán realizar copias auténticas mediante persoal funcionario habilitado ou mediante actuación administrativa automatizada e que se deberá manter actualizado un rexistro, ou outro sistema equivalente, onde constará o persoal funcionario habilitado para a expedición de copias auténticas. O precepto impón, así mesmo, que estes rexistros ou sistemas deben ser plenamente interoperables e estar interconectados cos das restantes administracións públicas, para os efectos de comprobar a validez da citada habilitación, e que neles constarán, polo menos, as funcionarias e funcionarios que presten servizos nas oficinas de asistencia en materia de rexistros.

De acordo co establecido anteriormente, a Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, no seu artigo 77, crea, no eido do sector público autonómico, o Rexistro do Persoal Funcionario Público Habilitado, onde constará o persoal funcionario habilitado para a expedición de copias auténticas e a realización da identificación e sinatura electrónicas das persoas interesadas que non dispoñan dos medios electrónicos necesarios.

A mesma lei faise eco desta asistencia á cidadanía na utilización dos medios electrónicos. Así, no seu artigo 36 establece que, de acordo co artigo 12.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, para que a identificación ou sinatura electrónicas das persoas interesadas que non dispoñan de medios electrónicos necesarios poida ser validamente realizada por persoal funcionario público habilitado, será necesario que elas se identifiquen perante a persoa funcionaria e que presten o seu consentimento expreso para a devandita actuación, do que deberá quedar constancia para os casos de discrepancia ou litixio.

Pola súa banda, a disposición derradeira quinta da Lei 4/2019, do 17 de xullo, habilita o Consello da Xunta de Galicia para que dite as disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento do establecido nesta lei.

II

Este decreto consta de tres capítulos, once artigos, unha disposición adicional e dúas disposicións derradeiras.

O capítulo I contén as disposicións xerais do decreto. Nos artigos 1 e 2, determínanse o seu obxecto e ámbito de aplicación, respectivamente, mentres que o artigo 3 se refire á protección dos datos de carácter persoal.

O capítulo II recolle a regulación do Rexistro do Persoal Funcionario Público Habilitado. O artigo 4 establece o órgano competente para a xestión do rexistro e o artigo 5 quen será o persoal funcionario que poderá inscribirse neste rexistro.

O artigo 6 regula os órganos competentes para a solicitude e a inscrición da habilitación do persoal funcionario, o artigo 7 o procedemento de inscrición, modificación e baixa no rexistro e o artigo 8 regula a vixencia das habilitacións.

O artigo 9 determina o contido do rexistro e o artigo 10 a interoperabilidade e interconexión do rexistro.

O capítulo III regula a asistencia para a identificación e a sinatura electrónicas e, no artigo 11, establece as persoas ás que se lles proporcionará esta asistencia, os trámites e as actuacións que poderán realizarse e as condicións para o outorgamento do consentimento por parte das cidadás e cidadáns que lle soliciten esa asistencia ao persoal funcionario habilitado.

Ademais, a disposición adicional determina o órgano competente para a actualización dos modelos normalizados recollidos nos anexos.

A disposición derradeira primeira recolle a habilitación normativa e a disposición derradeira segunda a entrada en vigor da norma.

Finalmente, inclúense os anexos que recollen os modelos de Solicitude de alta, modificación ou baixa no Rexistro do Persoal de Funcionario Público Habilitado e de Consentimento expreso para a súa identificación e/ou sinatura electrónicas por medio dunha funcionaria ou funcionario público habilitado.

III

O decreto axústase aos principios de boa regulación contidos no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, e no artigo 37.a) da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico de Galicia.

O decreto preséntase como unha norma necesaria e eficaz, ao atoparse xustificada por unha razón de interese xeral, basearse nunha identificación clara dos fins perseguidos, ser o instrumento máis axeitado para garantir a seguridade xurídica e evitar cargas administrativas innecesarias á cidadanía. Ademais, é eficiente ao non supoñer un custo significativo, xa que actúa de xeito proactivo e racionaliza, na súa aplicación, a xestión dos recursos públicos.

Do mesmo xeito, este decreto contén a regulación imprescindible para atender a necesidade que se pretende cubrir, de xeito que cumpre co principio de proporcionalidade. Así mesmo, garántese a seguridade xurídica, posto que contribúe a xerar un marco normativo estable, predicible, integrado, claro e de certeza que facilita o seu coñecemento e comprensión e, en consecuencia, a actuación e a toma de decisións da cidadanía, empresas e institucións, en coherencia co resto do ordenamento xurídico nacional e da Unión Europea.

Ademais, na tramitación desta norma respectouse o principio de transparencia, o que posibilita que as potenciais persoas destinatarias teñan unha participación activa na súa elaboración.

Finalmente, na elaboración desta disposición observáronse os trámites previstos na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, entre os que cómpre destacar a realización dunha consulta pública previa, o sometemento do proxecto ao trámite de información pública para garantir a participación cidadá, así como a emisión dos informes preceptivos.

De conformidade co exposto, por proposta do conselleiro de Facenda e Administración Pública, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día tres de agosto de dous mil vinte e seis,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

1. Este decreto ten por obxecto a regulación do Rexistro do Persoal Funcionario Público Habilitado e da asistencia para a identificación e a sinatura electrónicas das persoas interesadas por parte deste persoal, en desenvolvemento dos artigos 77 e 36 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

2. En particular, regúlase o funcionamento e a organización do Rexistro do Persoal Funcionario Público Habilitado, o persoal funcionario habilitado que será obxecto de inscrición nel, o alcance e a vixencia da habilitación e os requisitos e as condicións para a identificación e a sinatura electrónicas das persoas interesadas mediante persoal funcionario público habilitado.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

1. Este decreto será de aplicación á Administración xeral da Comunidade Autónoma, así como ás entidades públicas instrumentais recollidas no artigo 45.a) da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

2. Segundo o sinalado no artigo 77.4 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, as restantes administracións públicas galegas poderanse adherir voluntariamente a este rexistro mediante os correspondentes convenios de colaboración.

3. De acordo co previsto no artigo 13.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a Administración autonómica e as entidades públicas instrumentais do sector público autonómico asistirán as persoas no uso de medios electrónicos nas súas relacións coas administracións públicas.

De xeito específico, a Administración autonómica e as entidades públicas instrumentais do sector público autonómico asistirán as persoas que non están non obrigadas a relacionarse a través de medios electrónicos coa Administración que así o soliciten para a identificación e/ou a sinatura electrónicas mediante persoal funcionario público habilitado.

Artigo 3. Protección de datos de carácter persoal

Os tratamentos de datos de carácter persoal someteranse ás exixencias da normativa en materia de protección de datos persoais, en especial o Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos, e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE e a Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

CAPÍTULO II

Rexistro do Persoal Funcionario Público Habilitado

Artigo 4. Xestión do rexistro

O órgano de dirección da Administración xeral da Comunidade Autónoma competente en materia de emprego público será o encargado da xestión do Rexistro do Persoal Funcionario Público Habilitado.

Artigo 5. Persoal inscrito no rexistro

Inscribirase no Rexistro do Persoal Funcionario Público Habilitado o seguinte persoal en situación de servizo activo:

a) O persoal funcionario habilitado que realice funcións de atención ás cidadás e cidadáns nas oficinas da Rede de oficinas de atención á cidadanía e de rexistro. Este persoal estará habilitado para a identificación e a sinatura electrónicas das persoas interesadas naqueles procedementos e servizos que se determinen e para a expedición de copias auténticas de calquera documento que estas presenten.

b) O persoal funcionario habilitado para a expedición de copias auténticas dos documentos públicos administrativos ou privados, xa sexa en formato papel ou electrónico, conforme ao disposto no artigo 27 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

c) O persoal funcionario habilitado para a identificación e a sinatura electrónicas das persoas interesadas naqueles procedementos e servizos que determinen a consellería ou entidade competente para a súa tramitación.

d) O persoal funcionario habilitado das restantes administracións públicas galegas no caso da prestación de servizos á cidadanía que impliquen a actuación coordinada e complementaria de diversas administracións no territorio.

Artigo 6. Órganos competentes para solicitar a inscrición no rexistro

1. No caso do apartado a) do artigo 5, o órgano competente para solicitar a inscrición será aquel ao que lle corresponda a dirección, coordinación e control das oficinas de asistencia en materia de rexistro e atención á cidadanía.

2. No caso do apartado b) do artigo 5, o órgano competente para solicitar a inscrición para a expedición de copias auténticas será aquel ao que lle corresponda a emisión, custodia ou arquivo dos documentos orixinais, así como aqueles órganos que teñan atribuída a función de expedición de copias auténticas.

3. No caso do apartado c) do artigo 5, o órgano de dirección ao que lle corresponda a xestión do persoal de cada consellería ou entidade será o competente para solicitar a inscrición do persoal funcionario que preste servizos nos órganos e unidades dependentes deles para a identificación e a sinatura electrónicas das persoas interesadas.

4. Para a incorporación ao rexistro do persoal funcionario das restantes administracións públicas galegas no caso da prestación de servizos á cidadanía que impliquen a actuación coordinada e complementaria de diversas administracións no territorio, será precisa a presentación do anexo I asinado polo titular do órgano competente da correspondente Administración pública.

Artigo 7. Inscrición, modificación e baixa no rexistro

1. As anotacións de inscrición, modificación e baixa no Rexistro do Persoal Funcionario Público Habilitado realizaraas o órgano encargado da xestión do rexistro.

2. Unha vez realizada a inscrición do persoal funcionario, o rexistro xerará unha credencial na que se fará constar a súa identificación persoal e administrativa, o tipo de habilitación, os procedementos e servizos aos que alcanza esta e a súa data de inicio. Tamén deberá xerarse a correspondente credencial no caso de modificarse os termos da habilitación.

Artigo 8. Vixencia da habilitación

1. A habilitación producirá efectos no momento da súa inscrición ou na data posterior que se indique para tal efecto.

2. A habilitación estará vixente mentres non se produza un cambio de posto de traballo ou non se supriman os procedementos ou servizos para os que alcanza a habilitación.

3. Así mesmo, a habilitación poderá ser revogada en calquera momento a solicitude do órgano competente para a solicitude da súa inscrición.

Artigo 9. Contido do rexistro

O Rexistro do Persoal Funcionario Público Habilitado deberá proporcionarlle a cada persoa inscrita a seguinte información:

a) Documento nacional de identidade ou documento equivalente de acreditación da identidade.

b) Nome e apelidos da funcionaria ou funcionario.

c) Órgano ou entidade no que presta servizos e centro de destino identificado mediante o seu código de unidade no Directorio común de unidades orgánicas e oficinas, e indicarase o código de oficina no caso de persoal que presta servizos nas oficinas da Rede de oficinas de atención á cidadanía e de rexistro.

d) Posto de traballo que desempeña, coa indicación da denominación e do código da relación de postos de traballo, de existir esta.

e) Data de alta no rexistro.

f) Data de baixa no rexistro, se é o caso.

g) Tipo de habilitación: para a expedición de copias auténticas e/ou para a identificación e a sinatura electrónicas das persoas interesadas.

h) No caso de que a habilitación sexa para a identificación e a sinatura electrónicas das persoas interesadas, procedementos e servizos para os que está habilitada, identificados mediante o código recollido no Inventario de información administrativa.

Artigo 10. Interoperabilidade e interconexión

1. Para facilitar a xestión administrativa das unidades, o Rexistro do Persoal Funcionario Público Habilitado integrarase ou estará interconectado con outras aplicacións operativas da Administración autonómica. Por esa razón, as persoas responsables dos órganos ou das unidades administrativas tramitadoras dos procedementos e servizos en cuxa xestión interveña un funcionario ou funcionaria habilitada poderán solicitar o acceso á información contida no rexistro, co obxecto de comprobar a vixencia e o alcance da habilitación.

2. De igual forma, o rexistro, será interoperable e garantirase a interconexión con outros rexistros da mesma natureza dependentes de calquera Administración pública, conforme aos artigos 12.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, e 77.5 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, para os efectos de comprobar a validez das habilitacións.

CAPÍTULO III

Asistencia para a identificación e a sinatura electrónicas

Artigo 11. Identificación e sinatura electrónicas das persoas interesadas por persoal funcionario habilitado

1. Para os efectos do previsto no artigo 77.7 da Lei 4/ 2019, do 17 de xullo, na Guía de procedementos e servizos constará a indicación dos procedementos e servizos nos que poderá realizarse a identificación e/ou a sinatura electrónicas das persoas interesadas mediante persoal funcionario público habilitado.

2. As persoas interesadas non obrigadas a relacionarse electronicamente coa Administración e que non dispoñan dos medios electrónicos necesarios para a súa identificación e/ou sinatura electrónicas poderán solicitar a súa realización por persoal funcionario público habilitado, e para tal fin deben comparecer ante calquera oficina da Rede de oficinas de atención á cidadanía e de rexistro ou, cando así se estableza, ante o órgano ou a unidade administrativa encargada da tramitación do correspondente procedemento.

Para que a identificación e/ou a sinatura electrónicas poida realizarse validamente por persoal funcionario público habilitado será necesario que a persoa interesada se identifique mediante a presentación do documento nacional de identidade ou, cando sexa estranxeira, do número de identificación de estranxeiro, documento de identificación de identidade no país de orixe ou pasaporte en vigor.

Igualmente, deberá consentir expresamente a súa identificación e/ou sinatura electrónica por persoal funcionario habilitado para cada actuación administrativa que requira medios electrónicos. Para iso, deberá cubrir e asinar o formulario que figura como anexo II nas oficinas da Rede de oficinas de atención á cidadanía e de rexistro e na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Esta asistencia será prestada polo persoal funcionario público habilitado mediante o uso do sistema de sinatura electrónica de que estea dotado.

3. Logo de finalizada a actividade realizada, o persoal funcionario habilitado entregaralle á persoa interesada toda a documentación acreditativa do trámite ou xestión realizado e unha copia do documento de consentimento expreso cuberto e asinado. Esta documentación estará dispoñible na carpeta cidadá.

4. Estes documentos conservaranse na oficina da Rede de oficinas de atención á cidadanía e de rexistro ou na que se prestase a asistencia solicitada pola persoa interesada, como proba da actuación realizada e do consentimento para facela efectiva.

5. O alcance da intervención do persoal funcionario limitarase a lles proporcionar ás persoas interesadas os medios electrónicos necesarios para a identificación e/ou a sinatura electrónicas, sen que tal intervención se estenda á comprobación do contido da documentación achegada por aquelas, á veracidade do que declaren ou ao cumprimento dos requisitos esixidos nas solicitudes, trámites ou procedementos.

Disposición adicional única. Actualización de modelos normalizados

A consellería competente en materia de emprego público será o órgano competente para a actualización dos modelos normalizados recollidos nos anexos I e II.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de emprego público para que aprobe as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto no relativo á organización e materias propias do seu departamento.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

O presente decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

O Rexistro do Persoal Funcionario Público Habilitado entrará en funcionamento aos tres meses da entrada en vigor deste decreto.

Santiago de Compostela, tres de agosto de dous mil vinte e seis

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Miguel Corgos López-Prado
Conselleiro de Facenda e Administración Pública

missing image file
missing image file
missing image file