O artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia (LEG), dispón que os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.
O artigo 9.7 da LEG recolle que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.
Con data do 5 de setembro de 2025 a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas e o Concello de Leiro asinaron un acordo para o cambio de titularidade do elemento funcional da estrada autonómica OU-209 constituído por unha instalación semafórica nos dous estribos da ponte Esperela, unha vez executadas as obras previstas na memoria valorada Instalación de regulación semafórica na OU-209 en Leiro.
As obras foron certificadas na súa totalidade o 29 de abril de 2026.
A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polo servizo provincial formula a proposta favorable á transferencia da titularidade do elemento funcional da OU-209 que se definen no artigo 1.
De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día tres de agosto de dous mil vinte e seis,
DISPOÑO:
Artigo 1
Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello de Leiro do elemento funcional constituído por unha instalación semafórica na OU-209, situado nos estribos da ponte Esperela, do cal forma parte a seguinte relación de bens:
• 2 semáforos con sensores.
• 1 centro de mando de regulación semafórica.
• 2 cámaras de control de vehículos.
• 2 cámaras de control de peóns.
• 4 soportes de aluminio.
• 1 equipamento de control de cámaras.
• 2 switch.
• 1 rúter.
• 1 módulo de comunicacións con PC.
• Cable Ethernet Cat. 6.
Artigo 2
De acordo co establecido no artigo 9.6 da LEG, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos tres meses seguintes a esta publicación, mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.
Esa acta de entrega e os seus planos poderán consultarse na páxina web da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, https://vivendaeinfraestruturas.xunta.gal/estradas/rede-autonomica/raega
Artigo 3
Correspóndenlle ao Concello de Leiro, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da relación de bens que integran a instalación semafórica transferida como nova Administración titular.
Disposición derradeira
Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, tres de agosto de dous mil vinte e seis
Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente
María Martínez Allegue
Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas
