1. O 7 de abril de 2026 publicouse no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG) a Resolución do 31 de marzo de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para a adquisición de vivenda na Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento VI501A).
En virtude do ordinal primeiro da citada resolución, o dito programa comprende as seguintes modalidades de adquisición:
– Modalidade A: adquisición de vivendas situadas no ámbito dun centro histórico.
– Modalidade B: adquisición de vivendas cualificadas definitivamente como vivenda protexida de protección autonómica de réxime xeral, especial ou concertado.
A súa concesión tramítase polo procedemento de concorrencia non competitiva, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na convocatoria.
2. O punto primeiro do ordinal vixésimo noveno da dita resolución establece que as axudas previstas nesta convocatoria se farán efectivas con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma por un importe total 2.000.000,00 euros, distribuídos da seguinte forma:
a) Á modalidade A correspóndelle un importe de 500.000,00 euros, con cargo á aplicación 11.81.451B.780.2.
b) Á modalidade B correspóndelle un importe de 1.500.000,00 euros, con cargo á aplicación 11.81.451B.780.4.
3. Por outra banda, o punto segundo do mesmo ordinal prevé que a contía establecida nesta convocatoria poderá ser obxecto de ampliación por resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que terá efecto logo da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
4. Tendo en conta que o número de solicitudes presentadas e susceptibles de obter a axuda nas dúas modalidades de adquisición que recolle o programa supera o importe do crédito orzamentario previsto inicialmente na convocatoria e que o prazo de presentación de solicitudes, de conformidade co ordinal vixésimo oitavo da Resolución do 31 de marzo de 2026, remata o 15 de outubro de 2026, resulta necesario ampliar a dotación orzamentaria prevista na citada resolución para as ditas modalidades.
5. De conformidade co artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e co artigo 30.2.b) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da dita Lei 9/2007, do 13 de xuño, e co ordinal vixésimo noveno da Resolución do 31 de marzo de 2026, é competente para ditar esta resolución a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.
Polo exposto,
RESOLVO:
Único. Ampliar para a convocatoria de 2026 a dotación orzamentaria do Programa de adquisición de vivenda na Comunidade Autónoma de Galicia, por importe de 2.005.109,00 euros, distribuídos da seguinte forma:
|
Modalidade |
Aplicación orzamentaria |
Anualidade 2026 |
|
Modalidade A |
11.81.451B.780.2 |
280.000,00 euros |
|
Modalidade B |
11.81.451B.780.4 |
1.725.109,00 euros |
|
Total |
2.005.109,00 euros |
|
Esta ampliación non implica a modificación do prazo para presentar solicitudes nin o inicio dun novo cómputo do prazo máximo para resolver.
Esta resolución producirá efectos desde o día da súa publicación no DOG.
Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Presidencia do Instituto Galego da Vivenda e Solo no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da notificación desta resolución, de acordo co previsto no artigo 121 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan presentar calquera outro que consideren procedente.
Santiago de Compostela, 7 de agosto de 2026
Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo
