DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 158 Venres, 21 de agosto de 2026 Páx. 46199

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Nigrán

ANUNCIO de licenza municipal para campamento de turismo nunha parcela, con referencia catastral 54035A05201120, situada nos camiños Camiño da Reitoral e Volta do Médico, As Telleiras, Nigrán.

En sesión da Xunta de Goberno Local do día 7.7.2026 adoptouse o seguinte acordo:

«Primeiro. Outorgar a Jaime Quirós García licenza municipal de obras para o acondicionamento de parcela para campamento de turismo e construción de edificio para aseos, edificio de recepción, edificio de servizos e almacenaxe e 4 cabanas estables na parcela con referencia catastral 54035A05201120, situada nos camiños Camiño da Reitoral e Volta do Médico, As Telleiras, Nigrán, de acordo coas determinacións contidas no proxecto técnico presentado e nas súas posteriores modificacións informadas favorablemente polos técnicos municipais, debéndose respectar os seguintes condicionamentos:

1. En ningún caso se deberán exceder os seguintes límites na edificación proxectada:

Altura da edificación:

2,90 m

Superficie ocupada:

440 m2

Superficie construída total:

440 m2

Número de vivendas autorizadas:

Ningunha

Uso:

Campamento de turismo (artigo 35.1.d) da Lei do solo de Galicia)

2. Antes do inicio das obras deberá presentarse ante o Concello a seguinte documentación:

a) Oficio da dirección da execución material das obras e da coordinación de seguridade e saúde.

b) De conformidade co establecido no artigo 59.c) do Regulamento da Lei do solo de Galicia, farase constar no Rexistro da Propiedade a vinculación da superficie exixible á construción e uso autorizados, expresando a indivisibilidade e as concretas limitacións ao uso e á edificabilidade impostas polo título habilitante de natureza urbanística ou a autorización autonómica.

Para estes efectos, declárase a vinculación urbanística da parcela á construción e uso autorizados, así como a súa indivisibilidade.

Xa que logo, con carácter previo ao inicio das obras o interesado achegará certificación do Rexistro da Propiedade na que se acredite a constancia expresa destas previsións.

Para os efectos do previsto no precepto citado e no artigo 27 do Real decreto lexislativo 7/2015, do 30 de outubro, do texto refundido da Lei do solo e rehabilitación urbana, deberá facerse constar no Rexistro da Propiedade a seguinte inscrición:

«O titular ou titulares da parcela e os promotores da actividade quedan obrigados ante o Concello de Nigrán a dar cumprimento a todos os condicionantes contidos na licenza de obras outorgada no seo do expediente 2024/3882, entre os cales se encontran, sen carácter exhaustivo, os seguintes:

1. A parte da parcela clasificada como solo rústico deberase dedicar integramente ao uso de campamento de turismo (artigo 35.1.d) da Lei do solo de Galicia).

2. As condicións construtivas serán as sinaladas no proxecto autorizado mediante a licenza de obras.

3. Deberá conectarse aos servizos urbanísticos existentes.

4. A conexión provisional aos servizos de abastecemento e saneamento municipal manterase unicamente durante a execución da obra e polo prazo máximo dun ano desde a notificación da licenza. A autorización poderase prorrogar tras a oportuna solicitude mentres as obras non estean finalizadas, supeditada á vixencia da licenza de obras. Non poderá comezar o uso da obra para a finalidade autorizada mentres os servizos teñan carácter provisional. Para proceder á conexión definitiva aos servizos, o interesado deberá dispoñer da correspondente licenza de primeira ocupación.

5. A transmisión da parcela non modificará a situación do titular ou titulares respecto dos deberes do propietario de acordo co establecido na lexislación estatal do solo e na legislación da ordenación territorial e urbanística aplicable, ou exixibles por actos de execución da mesma. O novo titular quedará subrogado nos dereitos e deberes do anterior propietario, así como nas obrigas por este asumidas ante a Administración competente».

A falta de inscrición no Rexistro da Propiedade das condicións anteriores pode constituír unha infracción administrativa.

Igualmente, con carácter previo á solicitude da licenza de primeira ocupación deberanse realizar as actualizacións correspondentes no Catastro inmobiliario.

3. De conformidade co previsto no apartado 1.4.12 das Normas subsidiarias de planeamento municipal do Concello de Nigrán:

a) Gardaranse as precaucións e medidas de seguridade no traballo exixidas pola normativa vixente.

b) O promotor será responsable fronte ao Concello dos danos que se poidan ocasionar nas vías públicas ou nos servizos municipais.

c) Se as obras que se executen afectan servizos de carácter xeral ou público, os propietarios comunicaránllelo por escrito ás empresas correspondentes ou entidades administrativas con oito (8) días de antelación ao inicio das mesmas. No dito prazo as empresas ou entidades deberán tomar as medidas oportunas en evitación de danos propios ou a terceiros, dos que serán responsables dende a finalización do prazo mencionado.

d) Os entullos e provisións de materiais non se poderán amorear na vía pública nin apoiar nas cercas ou muros de peche.

e) As estadas auxiliares da construción deberanse executar baixo dirección facultativa competente e dotaranse das precaucións necesarias para evitar que os materiais e ferramentas de traballo poidan caer á rúa, na que se colocarán os sinais de precaución que en cada caso sexan convenientes.

f) Colocarase un valo provisional de protección dun mínimo de dous metros de altura, executado en materiais que ofrezan seguridade e conservación decorosa e que se situará na aliñación oficial permitindo o uso da beirarrúa en condicións de seguridade.

4. O informe de impacto ambiental emitido mediante resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade do 27.11.2025 conclúe que non son previsibles efectos significativos sobre o ambiente, e polo tanto non se considera necesario someter o proxecto a avaliación de impacto ambiental ordinaria.

Este informe establece que no desenvolvemento do proxecto se aplicarán as medidas protectoras, correctoras e de vixilancia ambiental propostas na documentación presentada polo promotor na tramitación ambiental, tendo en conta así mesmo unha serie de condicións que complementan, matizan ou subliñan as anteriores e que se recollen no punto 4º (Condicións ambientais) da aludida resolución.

5. Con carácter previo á utilización do inmoble para o uso pretendido formularase a preceptiva comunicación previa de primeira ocupación, entregando para o efecto a documentación exixida legal e regulamentariamente.

6. Igualmente con carácter previo ao inicio da actividade, unha vez teña efectos a comunicación previa de primeira ocupación, formularase comunicación previa que incorporará a declaración expresa de que se cumpren todos os requisitos para o exercicio da actividade e de que o local e as instalacións reúnen as condicións de seguridade e salubridade e as demais previstas no planeamento urbanístico. Para tal efecto facilitaranse os datos de identificación da persoa titular e a referencia da licenza urbanística que ampara a obra realizada, así como tamén o certificado final da obra asinado por técnico competente e mais o certificado acústico.

Todo isto sen prexuízo da necesidade de obter os restantes títulos habilitantes que poida exixir a normativa sectorial para o inicio da actividade en cuestión, nomeadamente a lexislación en materia de turismo.

7. A actividade desenvolverase de conformidade coa lexislación vixente, co contido da comunicación previa e co proxecto e restante documentación técnica achegados, e coas seguintes condicións:

a) Cumpriranse os requisitos exixidos pola normativa de aplicación e manteranse as medidas correctoras precisas para o correcto desenvolvemento da actividade durante o tempo do seu exercicio.

b) Con carácter previo ao inicio da actividade obteranse as autorizacións ou licenzas exixibles, formularanse as comunicacións previas ou declaracións responsables e practicaranse as inscricións nos rexistros administrativos que procedan, cando as mesmas se deban obter ou realizar en administracións públicas ou organismos distintos do Concello.

c) Ao se tratar dunha actividade continuada axustarase ás exixencias derivadas da nova normativa que vaia entrando en vigor, con obtención previa das autorizacións que, se for o caso, resulten necesarias para tal finalidade.

d) Comunicaranse ao Concello os cesamentos no exercicio da actividade e os cambios na titularidade da mesma.

8. Segundo o artigo 357.6 do Regulamento da Lei do solo de Galicia, deberase dispoñer a pé de obra dunha copia autorizada da licenza municipal. Igualmente, colocarase na dita obra un cartel indicador no que se fará constar o nome e apelidos dos técnicos directores e do contratista, a ordenanza de aplicación, os usos a que se vai destinar a construción, a data de expedición da licenza, o prazo de execución das obras, o número de andares autorizados e o número do expediente municipal.

9. A licenza enténdese concedida deixando a salvo o dereito de propiedade e sen prexuízo de terceiros.

10. Deberase dar cumprimento ás condicións impostas na normativa sectorial que resulte aplicable, obtendo, se foren preceptivas, as correspondentes autorizacións que deban conceder organismos distintos do Concello por razón da materia ou formulando ante eles as comunicacións previas ou declaracións responsables que resulten exixibles.

11. Declararase a caducidade da licenza, tras procedemento instruído con audiencia do interesado, nos seguintes supostos polo transcurso dos prazos que se indican (artigo 145 da Lei do solo de Galicia):

a) Se non comezan as obras no prazo de seis meses contados dende o día seguinte ao de notificación do outorgamento da licenza municipal.

b) Se estando iniciadas, estiveren interrompidas polo mesmo período.

c) Se aos tres anos as obras non estiveren rematadas. Neste suposto deberá solicitar nova licenza para as obras que falten por executar».

Nigrán, 17 de xullo de 2026

Juan Antonio González Pérez
Alcalde presidente