DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 160 Martes, 25 de agosto de 2026 Páx. 46625

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 4 de agosto de 2026, do Departamento Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa previa, declaración, en concreto, de utilidade pública e necesidade da urxente ocupación que leva implícita, e de autorización administrativa de construción dunha instalación eléctrica no concello de Vilagarcía de Arousa (expediente IN407A 2023/121-4).

Expediente: IN407A 2023/121-4.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: LMTS VAR803B e substitución CTI Laxe 36A240 por CTC.

Concello: Vilagarcía de Arousa.

Feitos:

1. O 23 de febreiro de 2023, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración, en concreto, de utilidade pública da instalación eléctrica denominada LMTS VAR803B e substitución CTI Laxe 36A240 por CTC.

2. O 23 de maio de 2023, tras requirimento, UFD Distribución Electricidad, S.A. presentou un novo proxecto de execución asinado pola enxeñeira técnica industrial Herminia López Caamaño, colexiada 4598 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Vigo, e no que figura un orzamento total de 142.124,88 euros.

Logo de examinar o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade substituír o centro de transformación A Laxe (36A240) por ter sobrepasada a súa carga nominal. Para isto están previstas as seguintes actuacións nas rúas Moreira e A Canteira, na parroquia de Arealonga, no municipio de Vilagarcía de Arousa (Pontevedra):

– Retirar o centro de transformación intemperie A Laxe (36A240) de 250 kVA, o cal proxecta substituírse coa instalación dun novo centro de transformación de 400 kVA, compacto de manobra exterior 2L1P telecontrolado con GPRS/FO en envolvente prefabricada de formigón con telexestión BT, conectado ao tramo da liña de media tensión aérea (LMTA) VAR803B1098.

– Instalar unha liña de media tensión subterránea de 338 metros para alimentar o centro de transformación proxectado.

2. Este departamento territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Vilagarcía de Arousa, que informou da viabilidade das obras desde o punto de vista do cumprimento da normativa municipal.

3. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante a Resolución do 2 de xuño de 2023 publicada nos seguintes medios:

Diario Oficial de Galicia: 26 de xuño de 2023.

– Xornal Faro de Vigo: 19 de xuño de 2023.

– Taboleiro de anuncios do Concello de Vilagarcía de Arousa desde o 27 de xuño de 2023 ata o 8 de agosto de 2023, segundo o certificado emitido polo propio concello.

– Portal de transparencia e goberno aberto da Consellería de Economía e Industria.

4. Mediante escritos do 2 de xuño de 2023, este departamento territorial púxolles de manifesto este procedemento ás persoas afectadas pola declaración de utilidade pública que figuran na relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora.

Como non foi posible notificar a todas as persoas afectadas, este departamento publicou os correspondentes anuncios no Diario Oficial de Galicia do 7 de setembro de 2023 e no taboleiro de edictos único do Boletín Oficial del Estado do 14 de setembro de 2023 co fin de realizar a notificación por comparecencia.

5. O 31 de xullo de 2023, Natalia Folgar Miranda presentou unha serie de alegacións; porén, o 6 de setembro de 2023, comunicou que se decatara de que non é titular da parcela con referencia catastral 9753916NH1195S0001FM. As súas alegacións céntranse na falta de motivación da localización do centro de transformación e na proposta de valorar outras alternativas de trazado.

6. As alegacións presentadas trasladáronse á empresa promotora, que presentou unha nova relación de bens e dereitos actualizada e identificou a José Campos García como titular da parcela afectada. Tamén achegou a resposta ás súas alegacións, que se recollen no punto 9 dos feitos desta resolución.

7. Mediante un escrito do 27 de decembro de 2023, este departamento territorial púxolle de manifesto este procedemento a José Campos García.

8. José Campos García presentou alegacións. A continuación resúmese o seu contido:

– Falta de motivación na elección da localización do novo centro de transformación.

– Prexuízo económico da parcela afectada.

– Propóñense localizacións alternativas para o centro de transformación.

9. As alegacións presentadas trasladáronse á empresa promotora. A continuación resúmese a contestación de UFD Distribución Electricidad, S.A.:

– O proxecto de execución non contravén o disposto na lexislación vixente.

– Os prexuízos económicos serán recollidos na correspondente fase de valoración no expediente expropiatorio. De todos os modos, destaca que a expropiación que afecta a parcela non a fai antieconómica nin impide o uso do mesmo xeito que se estaba realizando.

– A razón da substitución do centro de transformación intemperie por un centro de transformación compacto está determinada pola imposibilidade de incrementar a potencia do centro de transformación existente, que xa está á súa potencia máxima. Non é posible instalar un centro de transformación de máis capacidade en intemperie.

– Con respecto ás alternativas propostas, destaca que na parcela 0051505NH2105S0001HX, segundo o Concello, só se poderán admitir obras de carácter provisional; a parcela 0053212NH2105S0001RX está catalogada no PXOM como pendente de plan especial de mellora de núcleo; na parcela 0053221NH2105S0001SX non se cumprirían os recuamentos aos lindeiros; na parcela 9753917NH1195S0001MM a afección sería maior. Ademais, non se pode situar o centro de transformación na mesma parcela na que se atopa porque a caseta non cumpriría cos recuamentos exixidos pola normativa nin coa liña límite de edificación. Por iso se buscou unha nova localización próxima ao centro de transformación existente para que as caídas de tensión nos clientes que reciben alimentación del sexan admisibles.

10. O 22 de abril de 2025, os servizos técnicos deste departamento territorial emitiron un informe favorable para a instalación eléctrica proxectada e o 2 de xullo de 2026 un informe sobre as alegacións presentadas.

Consideracións legais e técnicas:

1. O Departamento Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

2. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

– Lei do 16 de decembro de 1954 sobre expropiación forzosa.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o regulamento da Lei de expropiación forzosa.

3. As características técnicas da instalación son as que se describen a seguir:

– Liña de media tensión subterránea (LMTS) a 20 kV, con condutor RHZ1, de 338 metros de lonxitude, con orixe e final no apoio de celosía existente 9UIO959//D8, mediante pasos aéreos subterráneos, facendo entrada e saída no centro de transformación proxectado.

– Centro de transformación a 400 kVA, con relación de transformación 20 kV/400 V, situado na parcela con referencia catastral 9753916N1195S0001FM, na rúa Moreira, 46.

– Desmontaxe do centro de transformación intemperie Laxe 36A240.

– A instalación está situada na rúa Moreira e na rúa A Canteira, en Arealonga, Vilagarcía de Arousa (Pontevedra).

4. Con respecto ás alegacións presentadas, tras examinar o seu contido, as respostas do promotor e o informe dos servizos técnicos deste departamento territorial, exponse:

Con relación ao prexuízo que causa a instalación do centro de transformación na parcela, cabe sinalar que, unha vez que se inicie o procedemento expropiatorio, as persoas afectadas serán informadas do trámite de redacción da acta previa á ocupación. Nese momento, de forma concreta, débese describir e delimitar o obxecto de expropiación e, así mesmo, débense describir as afeccións concretas que comporta a expropiación.

De todas as maneiras, poderase poñer de manifesto a perda de valor da parcela na presentación da folla de valoración, momento no cal o titular concretará o valor que estime, como se indica no artigo 29 e seguintes da Lei do 16 de decembro de 1954 sobre a expropiación forzosa.

Ademais, o artigo 23 de Lei de expropiación forzosa permite ao propietario solicitar da Administración, nos casos de expropiación parcial dunha parcela e cando, como consecuencia diso, resulte antieconómica a conservación do resto da parcela non expropiada, que a expropiación comprenda a súa totalidade.

Respecto dos trazados propostos, así como da xustificación da situación do centro de transformación proxectado, destacamos a imposibilidade da localización do centro nas parcelas propostas debido ao cumprimento da normativa urbanística. As propostas do afectado, aínda que trata lexitimamente de minimizar os efectos da servidume derivada da instalación do centro de transformación na súa parcela, non cumpren cos requisitos urbanísticos do Concello de Vilagarcía de Arousa exixidos para este tipo de infraestrutura eléctrica.

Por último, cabe destacar que o Concello de Vilagarcía de Arousa emitiu un informe que conclúe indicando que, logo de estudar o proxecto, o considera viable desde o punto de vista do cumprimento da normativa municipal.

Conforme o indicado,

RESOLVO:

1. Outorgarlle á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMTS VAR803B e substitución CTI Laxe 36A240 por CTC (expediente IN407A 2023/121-4).

2. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícito a necesidade de ocupar os bens ou de adquirir os dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para realizar as obras da instalación autorizada e de acordo coas seguintes condicións:

1. As características da instalación axustaranse en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e aos condicionados técnicos impostos polas administracións públicas, organismos ou empresas que presten servizos públicos ou de interese económico xeral, no relativo aos bens e dereitos da súa propiedade que se atopen afectados pola instalación, en especial os relativos ás distancias de seguridade, cruzamentos e paralelismos prescritos pola normativa vixente.

2. A empresa promotora asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

3. Deberanse cumprir en todo momento as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

4. O prazo para poñer en marcha as instalacións que se autorizan será de doce meses, que se contarán a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. En todo caso, deberán respectarse os prazos establecidos no artigo 13.9 do Regulamento (UE) 2024/573 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de febreiro, sobre os gases fluorados de efecto invernadoiro, polo que se modifica a Directiva (UE) 2019/1937 e se derroga o Regulamento (UE) 517/2014 (DOUE núm. 573, do 20 de febreiro) sobre prohibicións para poñer en funcionamento aparellaxe eléctrica que empregue gases fluorados de efecto invernadoiro ou cuxo funcionamento dependa deles nun medio illante ou de rotura.

5. Unha vez que se constitúan estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante este departamento territorial acompañada da seguinte documentación:

– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.

– Un certificado de dirección final de obra no que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.

– De ser o caso, a acreditación ou declaración de que a instalación non se atopa incursa nas prohibicións establecidas no artigo 13 do Regulamento (UE) 2024/573 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de febreiro.

– A planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo da audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer un recurso de alzada perante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia no prazo dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 4 de agosto de 2026

Beatriz López del Olmo
Directora territorial de Pontevedra

ANEXO

Relación de bens e dereitos afectados

Concello de Vilagarcía de Arousa.

Lugar

Terreo

Referencia catastral

Titular

Afeccións pleno dominio

CT (m²)

Afeccións

servidume de paso

ml sub.

m² sub.

1

Rúa Moreira, Arealonga, 46

Urbano

9753916NH1195S0001FM

José Campos García

16,81

9,21

37,71