DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 162 Xoves, 27 de agosto de 2026 Páx. 46821

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 28 de xullo de 2026 pola que se declaran área de rehabilitación integral os barrios da Milagrosa e Feijoo, en Lugo.

Denominación: área de rehabilitación integral Barrios da Milagrosa e Feijoo.

Ámbito: urbano de carácter continuo.

Clase: área de rehabilitación integral de ámbito urbano.

Antecedentes de feito.

1. O 30 de xuño de 2026, o Concello de Lugo presentou ao Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) unha solicitude para a declaración dunha área de rehabilitación integral (en diante, ARI) nos barrios da Milagrosa e Feijoo, no seu termo municipal. Coa solicitude xúntase o certificado do acordo adoptado pola Xunta de Goberno local na súa sesión do 25 de xuño de 2026.

2. O ámbito comprende unha superficie de 25.797,14 m², dos cales 24.000,11 m² corresponden ao barrio da Milagrosa e 1.797,03 m² ao barrio de Feijoo. Trátase de dous tecidos urbanos consolidados que constitúen unha parte significativa da expansión histórica da cidade de Lugo. A delimitación proposta está configurada por dous sectores diferenciados territorialmente pero funcionalmente relacionados, unidos pola contigüidade urbana e pola súa pertenza a un mesmo tecido residencial consolidado.

3. A declaración da ARI solicitada conta co informe favorable, tanto desde o punto de vista técnico e urbanístico como administrativo, das unidades competentes do IGVS.

Consideracións legais e técnicas.

1. A Lei 1/2019, do 22 de abril, de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia, regula as ARI nos seus artigos 49 a 51. Concretamente, o artigo 50.1.c) define as ARI de ámbitos urbanos como aquelas cuxo ámbito non pertenza a ningunha das categorías consideradas nas alíneas anteriores, é dicir, cando o seu ámbito non pertenza nin a ARI de conxunto histórico nin a ARI rural. Neste suposto, o ámbito delimitado deberá ter, como mínimo, cincuenta vivendas.

2. O Decreto 18/2014, do 13 de febreiro, polo que se determinan os aspectos básicos dos programas autonómicos de rehabilitación de vivendas e se dan directrices para o desenvolvemento do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas 2013-2016, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, regula no seu capítulo II, sección 2ª, artigo 8, o procedemento para a declaración das ARI.

No expediente para a declaración desta ARI recóllense todos os aspectos sinalados no artigo 8.2 do Decreto 18/2014, do 13 de febreiro.

3. De conformidade cos artigos 49 da Lei 1/2019, do 22 de abril, e 8.1 do Decreto 18/2014, do 13 de febreiro, as ARI serán declaradas mediante unha resolución da Presidencia do Instituto Galego da Vivenda e Solo, por solicitude dos concellos interesados.

Por todo o exposto e de conformidade coas competencias atribuídas no artigo 49 da Lei 1/2019, do 22 de abril,

RESOLVO:

Declarar a área de rehabilitación integral Barrios da Milagrosa e Feijoo de ámbito urbano de carácter continuo, no termo municipal de Lugo, segundo o ámbito recollido no antecedente segundo e delimitado no plano que se xunta como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2026

María Martínez Allegue
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo

ANEXO

missing image file