DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 165 Martes, 1 de setembro de 2026 Páx. 47583

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 13 de agosto de 2026, da Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 3 de agosto de 2026, polo que se aproba definitivamente o proxecto de interese autonómico de ampliación das instalacións de Montajes Fivi, S.L., no concello de Teo (A Coruña), promovido por Montajes Fivi, S.L.

Ao abeiro do establecido no artigo 60 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, faise pública a aprobación definitiva do proxecto de interese autonómico de ampliación das instalacións de Montajes Fivi, S.L., no concello de Teo (A Coruña), promovido por Montajes Fivi, S.L., que literalmente di:

«1. Aprobar definitivamente, ao abeiro do establecido na Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, o proxecto de interese autonómico (PIA) de ampliación das instalacións de Montajes Fivi, S.L., no concello de Teo (A Coruña), promovido por Montajes Fivi, S.L.

2. Aprobar a modificación do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Teo, conforme a ordenación que establece o proxecto de interese autonómico de ampliación das instalacións de Montajes Fivi, S.L., de acordo cos artigos 20.4 e 58.2 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia».

A normativa urbanística (04.NU) incorpórase como anexo deste acordo.

O contido íntegro do proxecto de interese autonómico estará dispoñible no seguinte enderezo electrónico:

https://territorioeurbanismo.xunta.gal/es/territorio-y-urbanismo/registro-de-ordenacion-del-territorio-y-urbanismo/buscador

O informe ambiental estratéxico, xunto con outros documentos do procedemento de avaliación, pode consultarse no seguinte enderezo electrónico:

https://cmatv.xunta.gal/busca-por-palabra-clave

Contra o dito acordo do Consello da Xunta de Galicia, que pon fin á vía administrativa, poderase formular un recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 8, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que con carácter previo e potestativo se poida formular un recurso de reposición no prazo dun (1) mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 13 de agosto de 2026

Nicolás Vázquez Iglesias
Secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético

ANEXO

Normativa urbanística

Artigo 1. Determinacións do planeamento xeral

Os instrumentos de ordenación do territorio deberán redactarse de forma que quede garantida a coherencia entre todos eles, tendo en conta o alcance e grao de vinculación das súas determinacións, que poden ser as seguintes:

a) Determinacións de aplicación directa, que serán inmediatamente aplicables aos terreos sobre os cales incidan e que, como determinacións de ordenación territorial, prevalecerán sobre as previsións contrarias do planeamento municipal.

b) Determinacións vinculantes para o planeamento, que non terán aplicación directa e inmediata, pero obrigan a aterse ao seu contido ao elaborar, aprobar e modificar a planificación urbanística local, ben sexa cando se decida levala a cabo, ben no prazo previsto na propia determinación.

c) Determinacións orientativas, que constituirán criterios, directrices e guías de actuación de carácter non vinculante, informadores das pautas que a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia considera adecuadas para a actuación territorial dos poderes públicos.

No presente PIA establécese a seguinte determinación de aplicación directa.

Modificarase o PXOM de Teo, que afecta o capítulo 5, ordenación do solo urbano e urbanizable, 5.3. O solo industrial e de servizos, 5.7. O solo urbanizable, incorporando un novo ámbito denominado SUD-10, que formaría unha nova área de repartición unisectorial de uso característico industrial, incorporando ademais as determinacións necesarias para a súa ordenación pormenorizada.

As actuacións previstas no ámbito delimitado do PIA comportan a transformación urbanística do solo rústico (nova clasificación do solo), establecendo no artigo 44.1.f) da Lei de ordenación do territorio (LOT) que os PIA deberán conter as determinacións de carácter xeral e pormenorizado que, de ser o caso, sexan precisas segundo a clase e a categoría do solo.

A transformación urbanística do solo rústico comporta, conforme o establecido na lexislación de solo e urbanística, o cambio da súa clasificación, pasando de solo rústico a urbanizable.

1.1. Normas e ordenanzas reguladoras.

1.1.1. Modificación do Plan xeral de ordenación de Teo.

Ao anexo II, Desenvolvemento do solo urbanizable do Plan xeral de ordenación de Teo, conforme a presente modificación, engadiráselle o seguinte novo sector singular de actividades económicas denominado SUD-10 Montajes FIVI:

Directrices para o desenvolvemento do SUD-10 PIA Montajes FIVI na Igrexa, Reis:

• Constituirá unha área de repartición.

• Desenvolverase mediante a execución da ordenación pormenorizada incluída no PIA como un único polígono.

• Ámbito:

Comprende os terreos delimitados no plano correspondente deste instrumento de ordenación do territorio cunha superficie de 15.814,35 m2.

• Uso industrial (coeficiente de ponderación 1).

• Total edificable lucrativo: 10.800 m2.

• Aproveitamento tipo: 10.800 m2/15.814,35 m2 = 0,6829 m2/m2.

• Altura máxima da edificación: 10 m con carácter xeral, con posibilidade de ata 15 m en casos excepcionais e necesariamente xustificados en función do uso e natureza da edificación.

Neste PIA existe unha transformación urbanística do solo que conterá, ademais da documentación exixida neste artigo 45 da LOT, a que se indica no artigo 69 da Lei 2/2016, do solo de Galicia, para os plans parciais.

Artigo 2. Desenvolvemento do plan. Ordenación pormenorizada

2.1. Xeneralidades.

Esta ordenación pormenorizada terá vixencia indefinida, en canto non varíen os criterios adoptados para a súa formulación, e se proceda, en consecuencia, á súa revisión ou modificación por concorreren as circunstancias necesarias.

A modificación de calquera dos elementos axustarase ás mesmas disposicións enunciadas na súa formulación.

A ordenación pormenorizada desenvolverase mediante o correspondente proxecto de urbanización, de acordo coas especificacións establecidas nestas ordenanzas, e antes da súa redacción deberá tramitarse o correspondente proxecto de equidistribución en que se especifique a xusta repartición de cargas e beneficios.

Este será aprobado polo Concello e deberá tramitarse ante os organismos correspondentes.

Poderanse redactar estudos de detalle no desenvolvemento do PIA dentro dos límites que sinalou a Lei 2/2016, do solo de Galicia, e o Regulamento de planeamento que o desenvolve.

2.2. Proxecto de urbanización.

O proxecto de urbanización desenvolverá todas as determinacións e condicións de cálculo que a ordenación pormenorizada prevé en canto ás obras e servizos seguintes: rede viaria, abastecemento de auga, rede de saneamento e recollida de pluviais, subministración de enerxía eléctrica, iluminación pública, telefonía, xardinaría e outras análogas.

En ningún caso os proxectos de urbanización e as obras ordinarias poderán conter determinacións sobre ordenación, réxime urbanístico do solo ou da edificación.

Os proxectos de urbanización deberán detallar e programar as obras coa precisión necesaria para que poidan ser executadas por técnicos distintos do autor do proxecto.

2.3. Estudo de detalle.

Os estudos de detalle realizaranse conforme a LSG e os artigos que a desenvolven do Regulamento de planeamento.

Polo tanto, só se poderán redactar estudos de detalle para abordar as seguintes cuestións:

– Completar ou reaxustar aliñacións e rasantes.

– Ordenar os volumes de acordo coas especificacións do planeamento.

– Concretar as condicións estéticas e de composición da edificación complementarias do planeamento.

Os estudos de detalle conterán os documentos previstos na LSG e no Regulamento de planeamento.

2.4. Parcelamentos.

Enténdese por parcelamento a subdivisión simultánea ou sucesiva, e a agrupación destas prevista na ordenación pormenorizada e no correspondente proxecto de equidistribución. Non se permitirá o parcelamento.

2.5. Execución do plan.

A execución das obras de urbanización, infraestrutura e servizos xerais será por conta do ente promotor (propietarios dos terreos afectados), nos termos e condicións que establecen estas ordenanzas e a lexislación vixente.

Toda a ordenación pormenorizada se executará como un único polígono mediante o sistema de compensación ou concerto, no caso de cumpriren os requisitos establecidos, nos termos e condicións que establece a lexislación vixente.

A edificación e o uso dos terreos non se poderá acometer mentres non se aprobe e execute o correspondente proxecto de urbanización e se realicen as obras correspondentes a este último; en último caso, poderanse desenvolverse as obras de edificación e urbanización simultaneamente.

O proxecto de urbanización estará constituído polos documentos requiridos polo Regulamento de planeamento e pola Lei do solo de Galicia, así como polo que derive do cumprimento das condicións impostas na presente ordenación pormenorizada.

As condicións mínimas que deben reunir as infraestruturas de servizo con base nas cales se redactará o correspondente proxecto de urbanización serán as expostas no artigo seguinte.

As obras de urbanización acometeranse, como máximo, en 3 anos desde a aprobación definitiva do proxecto de urbanización e do proxecto de equidistribución correspondente. A súa finalización terá lugar, como máximo, en 3 anos desde o seu inicio.

Artigo 3. Condicións de urbanización

3.1. Rede viaria.

O trazado é o que aparece nos planos de definición xeométrica. Todos os encontros se realizarán coa dimensión suficiente para permitir o xiro dos vehículos longos.

As calzadas realizaranse con firmes flexibles. Os bordos serán de formigón e permitirán a máxima accesibilidade ás parcelas.

As beirarrúas serán de lousas de formigón sobre soleiras de formigón ou area, ou outros acabamentos similares, e permitirase a utilización combinada de outros materiais como lastras e lousas de pedra en zonas peonís.

As pendentes mínimas transversais serán do 2 %.

3.2. Rede de abastecemento de auga.

As condicións mínimas exixibles para o proxecto da rede de abastecemento de auga serán as seguintes:

As tubaxes cumprirán as prescricións técnicas xerais fixadas na O.M. do 28 de xullo de 1974 e pola NTE-IFA.

– Dispoñeranse puntos de toma en todas as parcelas.

– Nos puntos altos e baixos das conducións situaranse ventosas e desaugadoiros.

– As tubaxes irán enterradas por solo público, preferiblemente baixo beirarrúas ou zonas verdes.

– A profundidade mínima da rede será de 80 cm.

– A dotación de auga será como mínimo 0,5 litros/segundo/hectárea, en caudal continuo.

– A presión da rede estará comprendida entre un mínimo de 20 mca e un máximo de 50 mca.

– O diámetro mínimo das tubaxes será de 50 mm nos distribuidores e de 110 mm nas arterias principais.

– A velocidade máxima admisible será de 2 m/seg.

3.3. Rede de saneamento.

O sistema de saneamento será separativo.

As condicións exixibles mínimas para os valores da rede de sumidoiros serán as seguintes:

– A velocidade de circulación da auga será como máximo 2 ml/seg.

– Localizaranse cámaras de descarga na cabeceira dos colectores con capacidade para 600 litros.

– Dispoñeranse arquetas de acometida á rede en todas as parcelas.

– Dispoñeranse pozos de rexistro en todos os cambios de dirección, nos cambios de pendente, nos cruzamentos e nos encontros de tubaxes cunha separación máxima de 40 m.

– Dispoñeranse sumidoiros sifónicos, colocados antes dos pasos de peóns no sentido da pendente, e cunha separación máxima de 40 m en tramos rectos.

– A profundidade mínima da rede será de 1 m na xeratriz superior da tubaxe.

– Todas as conducións irán subterráneas e en solo público, preferiblemente baixo as beirarrúas.

– O dimensionado da rede efectuarase partindo do caudal medio de augas residuais, iguais ao de abastecemento e supoñéndoo repartido en 10 horas.

3.4. Rede de subministración de enerxía eléctrica.

As condicións mínimas exixibles para o proxecto da rede de enerxía eléctrica serán as seguintes:

– O consumo mínimo que se considerará para o cálculo da instalación é de 50 W por m2 de construción industrial-terciaria.

– Aplicarase un coeficiente de simultaneidade para o cálculo total de 0,6.

– As parcelas con demanda prevista de máis de 50 kW dispoñerán dunha subministración en media tensión.

– No resto das parcelas a subministración será en baixa tensión.

– As novas redes de media tensión e baixa tensión serán subterráneas.

– Os centros de transformación poderán ir en superficie ou subterráneos, ou localizados dentro das propias instalacións dispostos en locais acondicionados para o efecto.

3.5. Rede de iluminación.

Os proxectos de iluminación pública están suxeitos ás seguintes condicións:

– A instalación de iluminación pública cumprirá o Regulamento de baixa tensión.

– A instalación de iluminación pública terá liñas de subministración independentes.

– A rede irá subterránea en gabias, ou bueiros de servizos en solo público, preferiblemente baixo beirarrúas e zonas verdes.

– As luminarias serán homologadas, e as lámpadas serán de sodio de alta presión ou outros sistemas de baixo consumo.

– Os valores luminosos serán establecidos, segundo o tipo de vía, polos correspondentes proxectos técnicos, e recoméndase o cumprimento dos seguintes valores:

• Iluminación media entre 10 e 15 lux.

• Coeficiente de uniformidade maior que 0,5.

Artigo 4. Condicións de edificación

4.1. Habitabilidade.

As edificacións cumprirán toda a normativa en vigor en función do seu uso e características.

4.2. Instalacións e servizos.

As parcelas onde se pretenda instalar unha edificación autorizable cumprirán ou estarán en condicións de cumprir, durante o seu período de execución, os seguintes requisitos:

– Contarán con acceso rodado desde a vía pública.

– Terán liña e acometida para a subministración de enerxía eléctrica.

– Terán abastecemento de auga desde a rede xeral do polígono coa correspondente acometida.

– Terán enganche coa rede de evacuación de augas residuais.

– Contarán con aparcadoiro suficiente segundo as necesidades da edificación e, como mínimo, o definido na ordenanza particular correspondente.

– As instalacións de auga cumprirán as normas básicas para as instalacións interiores de subministración de auga (Orde do 9 de decembro de 1975).

– As instalacións de enerxía eléctrica cumprirán o establecido no Regulamento electrotécnico de baixa tensión e as súas instrucións complementarias.

4.3. Accesibilidade.

Cumprirán as medidas mínimas de accesibilidade nos edificios da Lei 10/2014, do 3 decembro, de accesibilidade de Galicia, e da Orde TMA/851/2021, do 23 de xullo, pola que se desenvolve o documento técnico de condicións básicas de accesibilidade e non discriminación para o acceso e a utilización dos espazos públicos urbanizados.

Artigo 5. Condicións hixiénicas

5.1. Emisións gasosas.

As emisións gasosas das industrias que se instalen xustificaranse aos valores máximos admitidos pola Lei 38/1972, do 22 de decembro (BOE do 26 de decembro), de protección do ambiente atmosférico, e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 833/1975, do 6 de febreiro (BOE do 22 de abril), para a contaminación atmosférica producida por industrias.

Cumprirán, ademais, canta normativa sobre o particular estea vixente no momento da solicitude de licenza e posta en marcha da actividade.

5.2. Augas residuais.

As augas residuais das industrias non poderán superar os seguintes parámetros.

Sólidos rapidamente sedimentables

15 mg/l

Temperatura

40º

PH

5.5 a 11

Graxas

100 mg/l

Cianuros libres

2 mg/l

Dióxido de xofre

20 mg/l

Fenois totais

5 mg/l

Formaldehído

15 mg/l

Amoníaco

1.5 mg/l

Sulfuros

10 mg/l

Sulfuros libres

0.5 mg/l

Aluminio

30 mg/l

Arsénico

2 mg/l

Bario

20 mg/l

Boro

4 mg/l

Cadmio

1 mg/l

Cobre

5 mg/l

Cromo hexavalente

1 mg/l

Cromo total

5 mg/l

Cinc

5 mg/l

Estaño

4 mg/l

Ferro

2 mg/l

Manganeso

4 mg/l

Mercurio

2 mg/l

Níquel

10 mg/l

Chumbo

2 mg/l

Selenio

2 mg/l

En todo caso, as actividades clasificadas como insalubres ou nocivas deberán someter á consideración do Concello un estudo xustificativo do grao de inocuidade das súas augas residuais, co fin de que poida ser autorizada a súa vertedura á rede xeral de evacuación; no caso de que as augas efluentes non reúnan as condicións exixidas para a súa vertedura, será obriga do usuario da industria a depuración previa do dito efluente, mediante sistemas adecuados ás características dos residuos industriais que se vaian evacuar.

5.3. Niveis sonoros e vibracións.

De acordo coa Lei 7/1997, de protección contra a contaminación acústica, e o regulamento que a desenvolve, no ambiente exterior, con excepción de ruídos procedentes do tráfico, non se poderá producir ningún ruído no exterior, ou transmitido ao exterior desde o ambiente interior dos recintos, que supere os niveis seguintes:

– Entre as 8 e as 22 horas: 65 dBA.

– Entre as 22 e as 8 horas: 55 dBA.

Os ruídos expresaranse e mediranse en dB na escala A.

A medición de ruídos realizarase no eixe das rúas contiguas á parcela industrial que se considere.

No interior dos recintos rexerán as seguintes disposicións:

– Non se permite a ancoraxe de maquinaria e dos soportes desta ou de calquera órgano móbil nas paredes medianeiras, teitos ou forxados de separación entre locais de usuarios distintos de calquera tipo de actividade.

– A ancoraxe da maquinaria en chans ou estruturas non medianeiras dispoñerase interpoñendo dispositivos antivibratorios adecuados.

Os valores máximos tolerables de vibracións serán:

– 30 pals-na zona de máxima proximidade ao elemento xerador de vibracións.

– 17 pals-no límite do recinto en que se encontre situado o xerador de vibracións.

– 5 pals-fóra daqueles locais e na vía pública.

Os ruídos de vibración mediranse en Pals (V).

– V = 10 log 3.200 A2 N3.

– A: amplitude en cm.

– N: frecuencia en hertz.

Os servizos técnicos municipais de inspección poderán realizar en todo momento cantas comprobacións consideren necesarias, para os efectos perseguidos nestes aspectos.

5.4. Aplicación de normas hixiénicas.

Ademais das preceptuadas nas presentes ordenanzas reguladoras, os usuarios das industrias deberán aterse ás restantes normas e prescricións establecidas na lexislación sectorial vixente, como o Regulamento de actividades molestas, insalubres, nocivas e perigosas, os regulamentos de policía de augas e leitos e disposicións complementarias, e calquera outra que se relacione coas actividades obxecto de autorización.

Artigo 6. Condicións de seguridade

6.1. Instalacións de protección contra incendios.

Serán de obrigado uso, como mínimo, e sen prexuízo de que a lexislación sectorial en función das actividades que se vaian realizar obrigue a maiores instalacións, os seguintes equipamentos:

– Extintores manuais, entendéndose como tal aqueles aparellos de manexo manual que conteñan no seu interior unha carga de escuma, po seco, halón ou anhídrido carbónico, que, impulsada por presión, permita sufocar fogos incipientes.

Estes levarán incorporado un soporte para a súa fixación a paramentos verticais, ou o correspondente carriño de transporte.

Colocaranse na seguinte cantidade, con independencia da que indiquen os regulamentos que corresponda aplicar polas súas normativas técnicas específicas:

• Oficinas: dous extintores 13A por cada planta na caixa de escaleira e, como mínimo, dous por cada 500 m2 construídos ou fracción.

• Naves de fabricación ou de almacenaxe: dous extintores 130 por cada 500 m2 construídos ou fracción.

• Colocaranse tamén extintores nos que alberguen: contadores de electricidade, depósitos de combustible, centros de transformación.

– Equipamentos de mangueira instalada, que tomarán a agua dunha condución independente do resto da fontanería con chave de paso e válvula de retención, de 70 mm de diámetro, capaz de soportar unha presión de 15 atm, montados en armarios de aloxamento instalados en paramentos verticais a 12 cm do pavimento, con mangueiras de 45 mm de diámetro e 30 m de lonxitude.

Colocaranse na seguinte cantidade:

• Oficinas: un equipamento en cada planta con un mínimo de 1 por cada 40 m de fachada ou fracción.

• Naves de fabricación ou almacenaxe: 1 equipamento por cada 500 m2 de nave, cun mínimo de dous equipamentos por planta e unha distancia máxima de 40 m dun a outro. Un dos equipamentos instalarase xunto á porta de entrada da nave, e o resto no interior.

Artigo 7. Condicións estéticas

7.1. Xeneralidades.

Queda prohibido o uso de materiais que imiten outros materiais, debendo empregarse estes co seu verdadeiro valor.

Queda prohibido utilizar como vistos materiais non acondicionados tecnicamente para seren vistos; nestes casos, deberán revestirse estes coas proteccións adecuadas a cada caso.

Considéranse fachadas todos os paramentos que dean peche ás construcións.

As empresas propietarias quedan obrigadas a manter as fachadas en bo estado de conservación e deberán realizar o mantemento necesario tanto nos paramentos verticais exteriores coma nas cubertas.

En caso de non realizarse o adecuado mantemento destas, o Concello poderá instar os propietarios das edificacións a realizalo, poñendo como condición para poder seguir realizando as actividades o seu mantemento.

7.2. Peches de parcelas.

Os peches de parcelas que dean ás vías terán unha altura máxima de 1 m desde a rasante da beirarrúa en cada punto; esta deberase ampliar con peches vexetais, mallas metálicas ou celosías ata unha altura máxima de 2 m, salvo condicións máis xenerosas explicitadas nas ordenanzas particulares ou casos debidamente xustificados.

Os materiais do peche estarán acabados ou revestidos convenientemente.

Os peches das parcelas colocaranse na aliñación fixada no presente plan, e contra outras parcelas colocaranse no linde; poderán ser opacos ata unha altura de 2 m medidos desde a rasante interior da parcela salvo condicións máis xenerosas explicitadas nas ordenanzas particulares.

Na parte interior do peche, nos lindeiros con parcelas e vías exteriores ao sector será obrigatorio plantar sebes vexetais que formen unha pantalla verde de separación e protección visual, con especies autóctonas como o carballo.

Nos peches estarán incorporados os armarios de acometidas de servizos.

7.3. Tratamento de fachadas.

As fachadas (todas as da edificación) acabaranse con materiais adecuados ao seu uso e á súa situación de protección á intemperie; non se poderán utilizar aqueles que teñan un carácter de provisionalidade.

As carpintarías preferentemente serán de madeira ou metálicas.

7.4. Cubertas.

Utilizaranse materiais adecuados á súa función de protección contra as inclemencias e poderanse utilizar cubertas cerámicas, pétreas ou metálicas, coas pendentes adecuadas ao material elixido.

7.5. Paneis publicitarios.

Permitiranse os rótulos publicitarios indicando a empresa, e a empresa beneficiaria será a responsable en todo momento do mantemento para o seu bo estado de conservación.

Os rótulos poderán colocarse arrimados aos cerramentos exteriores da edificación, colocados sobre o propio edificio ou no peche frontal da parcela.

7.6. Urbanización da fronte da parcela.

O proxecto de edificación deberá definir perfectamente a urbanización completa dos espazos non ocupados pola edificación.

O espazo frontal da parcela entre a liña de peche e a de edificación deberá quedar perfectamente solucionado. Este espazo poderase dedicar ao aparcadoiro e á manobra, tratándose o chan na súa totalidade, ou ben con pavimentos ou axardinada.

Artigo 8. Ordenanzas particulares

8.1. Ordenanza 1.

Denominación: industria tipo 1.

8.1.1. Definición.

Solo dedicado a instalacións empresariais de gran tamaño, con uso principal industrial, desenvolvido por un ou varios titulares dentro do mesmo grupo empresarial, etc.... con posibilidade de edificar unha ou varias edificacións dentro da parcela.

8.1.2. Ámbito de aplicación.

Inclúense nesta ordenanza os solos que aparecen grafados nos planos correspondentes dentro deste tipo de solo e que se corresponden coa denominada «parcela 1».

8.1.3. Usos.

1. O uso exclusivo é o industrial en todas as súas categorías:

Enténdese como tal uso industrial o que ten como finalidade levar a cabo as operacións de deseño, elaboración, transformación, reparación, almacenaxe, comercialización e distribución de produtos.

2. Usos permitidos-compatibles:

Uso garaxe-aparcadoiro e usos complementarios ligados ao uso principal industrial, administrativo e loxístico-almacén.

3. Usos prohibidos:

Residencial e resto de usos non permitidos.

8.1.4. Tipoloxía.

As edificacións que se constrúan poderán ser naves de almacenamento ou de produción, edificios representativos e de oficinas.

Estas edificacións dentro da parcela poderán estar illadas ou acaroadas entre si segundo se describe nesta ordenanza.

8.1.5. Condiciones xerais.

As edificacións que se autoricen cumprirán as condicións xerais sinaladas neste plan, ademais das condicións que sexan de aplicación segundo a lexislación sectorial vixente en cada caso.

Autorizase expresamente a realización de distintas actividades segundo os usos previstos polos distintos titulares dentro da mesma parcela.

8.1.6. Parámetros urbanísticos e condicións da edificación.

Parcela mínima edificable: a definida no plan.

Ocupación máxima de parcela: 10.800 m2 (71,66 %).

Edificabilidade máxima: 10.800 m2 (0,7166 m2/construído por cada m2 de superficie de parcela).

Dotación aparcamento:

Requírese a existencia no interior da parcela de polo menos 1 praza de aparcamento por cada 135 m2 de edificación.

Retranqueos mínimos:

• Da edificación á liña exterior da beirarrúa: 5 m mínimo.

• Da edificación ao lindeiro lateral: 5 m.

• Da edificación ao lindeiro traseiro: 5 m.

• Entre edificacións dentro da mesma parcela, en caso de non estaren acaroadas: mínimo 5 m.

• En calquera caso, o recuamento mínimo será o sinalado no plano de aliñacións, que, no caso de diferenza, prevalecerá sobre as dimensións establecidas anteriormente.

Altura máxima:

Baixo + 1 planta (10 m) desde a rasante de referencia establecida para a planta baixa da edificación (+/– 1,00 m da rasante da vía de acceso da parcela) ata a liña de beirado, que se poderá elevar ata 15 m na cumieira ou elementos puntuais illados. En casos excepcionais poderanse superar estas alturas para a colocación das instalacións necesarias para o proceso industrial.

Voos:

Non se permitirán voos por encima das liñas de recuamentos sinaladas anteriormente, agás o estritamente necesario para solucionar a evacuación de augas pluviais.

Sotos:

Permítese a construción de sotos e semisotos. Poderán dedicarse a aparcadoiro, almacén, cuartos de instalacións e outros usos similares. Permítense usos compatibles ata o 20 % da edificabilidade da parcela, cumprindo a normativa específica de cada actividade.

Computaranse todas as superficies edificables de carácter lucrativo, calquera que sea o uso a que se destinen, incluídas as construtivas no subsolo e aproveitamentos baixo cuberta, coa única excepción das superficies construídas no subsolo con destino a rochos de superficie inferior a 10 metros cadrados, a aparcadoiros ou a instalacións de servizo como as de calefacción, electricidade, gas ou análogas.

8.2. Norma zonal 2.

Denominación: rede viaria.

8.2.1. Definición.

Solo dedicado a rede viaria necesaria para o funcionamento do sector.

8.2.2. Ámbito de aplicación.

Inclúense nesta ordenanza os solos que aparecen grafados nos planos correspondentes dentro deste tipo de solo.

8.2.3. Usos.

O seu uso característico é o de rede viaria e os propios de circulación e estacionamento de vehículos ou peóns.

Inclúe os usos relacionados coas instalacións de infraestruturas de servizos urbanísticos como o abastecemento de auga, a subministración de enerxía eléctrica, a subministración de gas natural, a evacuación de augas residuais, xeradores de enerxía solar, de vento e calquera outro servizo que se implante no territorio.

8.2.4. Condicións xerais.

O criterio de dimensionado poderá modificarse (sen variar a sección da vía) no futuro proxecto de urbanización. En canto ás prazas de aparcadoiro adaptadas, tamén se poderá variar o criterio de dimensionado, sempre que cumpra o número de aparcamentos dispostos por lei.

O pavimento das zonas de aparcadoiro será preferentemente tipo «drenante» (lastra verde ou outros similares).

Permítese a construción de todo tipo de instalacións non cubertas necesarias para as infraestruturas de servizo.

Artigo 9. Medidas ambientais e paisaxísticas

A continuación, recóllense as medidas do documento ambiental estratéxico e do estudo de paisaxe, que son de obrigado cumprimento. O proxecto de urbanización terá en conta as medidas do DAE na fase de obra.

9.1. Paisaxe.

• Recoméndase conservar na medida do posible as especies vexetais autóctonas maduras. No caso de que sexa necesario eliminar un exemplar, plantarase outro da mesma especie que teña, como mínimo, 1,5 metros de altura.

• Deberanse enmascarar na medida do posible as edificacións visibles desde o AEIP Baixo Ulla-O Xirimbao, desde a igrexa parroquial de San Cristovo dos Reis e desde os itinerarios analizados, a través de vexetación de porte arbustivo ou arbóreo, segundo sexa conveniente (creación dunha barreira vexetal perimetral).

• Para as edificacións e peches regularanse as condicións estéticas tomando como referencia a Guía de cor e materiais de Galicia da Xunta de Galicia, referente á grande área paisaxística Galicia central. Debido ao carácter do proxecto, seguiranse as pautas establecidas na Guía de boas prácticas para a integración paisaxística das áreas empresariais, ademais da Guía de boas prácticas en intervencións en espazos públicos ou outra guía oficial. Ademais, seguirase a Guía de caracterización e integración paisaxística de peches.

• O mobiliario urbano, en caso de que se proxecte, deberá gardar a homoxeneidade do conxunto e integrarase na súa contorna.

• Todas as edificacións e instalacións presentarán un deseño coherente entre elas e coas xa existentes, dando unha imaxe de conxunto.

• Débense seguir uns criterios coherentes en relación cos elementos e rótulos publicitarios, paneis e sinaléctica en canto á súa localización, tamaño e forma, para asegurar unha certa homoxeneidade e calidade do conxunto compatible co emprego das imaxes corporativas dos titulares das actividades. Seguirase a Guía de Boas prácticas nos carteis publicitarios do IET.

• Regularanse unhas adecuadas condicións de tratamento das partes traseiras das parcelas edificables para favorecer a súa integración co solo rústico limítrofe e coas vivendas existentes.

• Controlar os elementos publicitarios, non só a súa localización senón tamén o seu tamaño, a súa forma e o seu deseño en prol dunha certa homoxeneidade nestes elementos, o que redundará na calidade do conxunto.

• Estableceranse medidas de integración paisaxística que garantan a transición harmónica cara aos núcleos de poboación e o solo rústico estremeiro mediante as seguintes estratexias:

a) Barreira vexetal con arboredo e matogueira autóctona como o carballo.

b) Preservar o arboredo autóctono nas zonas perimetrais dos ámbitos.

9.2. Patrimonio natural.

• Nos espazos libres de edificación conservaranse exemplares maduros de especies autóctonas sempre que sexa posible, especialmente aqueles exemplares singulares de arboredo que pola súa localización poidan ser compatibles co uso produtivo da parcela.

• A nova vexetación será diversa tanto en especies (autóctona) como en porte, para dar unha imaxe complexa dos espazos revexetados.

• Revexetaranse con especies autóctonas as novas áreas urbanizadas. Sempre que sexa posible, as especies plantadas serán de diverso porte. Os espazos sobrantes do sistema viario tamén serán axardinados na medida do posible.

• No caso de que se localicen especies exóticas invasoras durante a fase de execución, eliminaranse seguindo as medidas de control referidas no manual publicado pola Xunta de Galicia Plantas invasoras de Galicia-Bioloxía, distribución e métodos de control ou outros manuais máis recentes.

• Prohíbese a plantación de especies vexetais que formen parte dos catálogos oficiais de especies invasoras. No caso de prosperar algún exemplar arraigado de maneira incontrolada ou espontánea, procederase á súa eliminación.

• Prohibirase o uso de herbicidas dentro do ámbito de estudo.

• Retiraranse todas as verteduras de residuos do sector e serán xestionados debidamente.

9.3. Patrimonio cultural.

• Garantirase a non afectación dos elementos patrimoniais catalogados da contorna do ámbito.

9.4. Ocupación do solo.

• O proxecto de urbanización de aparcadoiros será con solos permeables, na medida do posible, reducindo a impermeabilización do ámbito de estudo.

9.5. Sociedade.

• Procurarase empregar materiais locais tradicionais na construción, materiais renovables ou que presenten un baixo consumo enerxético.

• Os espazos públicos, especialmente as beirarrúas e carreiros, deseñaranse tendo en conta a perspectiva de xénero, establecendo zonas con iluminación adecuada e evitando zonas en que se poidan dar situacións de perigo.

• Atenderanse as recomendacións do novo Código técnico de edificación e da Directiva europea Euratom BSS 59/2013.

• Nas obras priorizarase a contratación de persoal da zona.

9.6. Mobilidade.

• O espazo público contará con beirarrúas que outorguen seguridade aos peóns fronte ao tráfico rodado.

9.7. Enerxía.

• Exixirase nos edificios unha certificación enerxética C ou superior.

• Todas as edificacións fomentarán a iluminación natural e o uso de sistemas enerxéticos de baixo consumo. As luminarias públicas serán de baixo consumo.

• Fomentarase o uso de enerxías renovables, así como o seu uso responsable e razoable.

9.8. Atmosfera e cambio climático.

• A iluminación pública presentará un deseño que evite a contaminación luminosa e regule a súa intensidade en relación coas necesidades e a contorna, buscando a máxima eficacia. Con este fin, estableceranse os seguintes criterios establecidos polo Comité Español de Iluminación:

– Proponse dirixir a luz en sentido descendente, mantendo a dirección dos raios luminosos por debaio de 70º. Se non é posible cambiar o sentido da iluminación cara a abaixo, empregaranse paralúmenes ou outro tipo de dispositivo anticegante para evitar a dispersión do resplandor.

– Exponse a instalación de equipamentos de iluminación que reduzan a dispersión de luz sobre o plano horizontal do aparello de iluminación con valores mínimos e mesmo nulos, por riba dese plano.

– Coidaranse a posición e o apuntamento ou orientación dos aparellos de iluminación.

– Recoméndase, cando sexa posible, implantar aparellos con reflector asimétrico que permitan manter o seu peche frontal paralelo ou case paralelo á superficie horizontal que se quere iluminar.

A iluminación da vía de tráfico rodado deberá reducirse ao fluxo emitido por encima do plano horizontal e restrinxir a luz próxima.

• Procederase á limpeza das vías de acceso á zona de obra, especialmente nas proximidades das vivendas existentes.

• Programaranse os traballos nos horarios permitidos evitando as horas nocturnas.

• Prohibirase o uso de sirenas, claxons ou outros medios sonoros de sinalización, agás naqueles labores en que sexa necesario para evitar riscos ou accidentes.

• O transporte de material que pode desprender po farase mediante camións atoldados.

9.9. Ciclo hídrico.

• Sempre que sexa posible, implementaranse técnicas de drenaxe urbana sustentable que favorezan a filtración da auga de choiva, para as vías e aparcadoiros, permitindo a permeabilidade do solo.

• No deseño das edificacións teranse en conta as medidas de aforro hídrico, como por exemplo aireadores nas billas ou sistemas de descarga dos inodoros con detección da descarga.

9.10. Ciclo de materiais.

• Evitaranse materiais que procedan de procesos produtivos con graves impactos ambientais ou que poidan ocasionar danos á saúde dos usuarios das futuras edificacións, como poden ser xesos a base de escouras industriais.

• Fomentaranse técnicas e materiais construtivos que posibiliten a reciclaxe/desmontaxe, así como a coordinación coa regulamentación da produción e xestión de residuos de construción e demolición.

Santiago de Compostela, 13 de agosto de 2026. Nicolás Vázquez Iglesias, secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético.