DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 166 Mércores, 2 de setembro de 2026 Páx. 47738

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

ORDE do 25 de agosto de 2026 pola que se modifica a Orde do 12 de marzo de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a entidades locais de Galicia, para o equipamento e a mellora das instalacións e dos locais utilizados para a realización de actividades culturais, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento CT211B).

O día 31 de marzo de 2026 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 12 de marzo de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a entidades locais de Galicia para o equipamento e mellora das instalacións e dos locais utilizados para a realización de actividades culturais, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento CT211B).

No artigo 22.1 da dita orde establecíase que as entidades beneficiarias das axudas quedan obrigadas a acreditar a realización dos proxectos subvencionados e a achegar a documentación xustificativa, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, ata o 31 de outubro de 2026. O 12 de agosto de 2026 publicouse no DOG a Resolución do 4 de agosto de 2026, da Dirección Xeral de Cultura, pola que se ordena a publicación da Resolución do 31 de xullo de 2026 pola que se conceden subvencións a entidades locais de Galicia para o equipamento e a mellora das instalacións e locais utilizados para a realización de actividades culturais no ano 2026 (código de procedemento CT211B).

Tendo en conta as dificultades que están atopando as entidades locais para executar e xustificar os investimentos subvencionados na referida data límite debido tanto a cuestións orzamentarias como de procedemento de contratación das obras e/ou demora nas entregas de materiais por parte dos provedores, co fin permitir a correcta xustificación das axudas concedidas, e dado que non se causa prexuízo a terceiros, procede modificar o prazo establecido no artigo 22.1 das bases reguladoras para ampliar o prazo de xustificación ata unha data que permita a correcta achega da documentación xustificativa da subvención por parte das entidades locais, xa que non se causa prexuízo a terceiros.

A ampliación do dito prazo de xustificación respecta o establecido no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e non causa prexuízo a terceiros.

Visto o anterior,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 12 de marzo de 2026

Modifícase o artigo 22.1 da Orde do 12 de marzo de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a entidades locais de Galicia para o equipamento e mellora das instalacións e locais utilizados para a realización de actividades culturais, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento CT211B), que queda redactado como segue:

Artigo 22. Xustificación

1. As entidades beneficiarias das axudas quedan obrigadas a acreditar a realización dos proxectos subvencionados e a achegar a documentación xustificativa, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, ata o 15 de decembro de 2026. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen se ter presentado esta ante o órgano administrativo competente, este requirirá a entidade beneficiaria para que no prazo improrrogable de dez días a presente, para os efectos previstos da xustificación das subvencións.

A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e as demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

Malia o disposto no punto anterior, o órgano concedente da subvención poderá outorgar unha ampliación do prazo establecido para a presentación da xustificación, que non exceda a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.

As condicións e o procedemento para a concesión da ampliación de prazo son os establecidos no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

O investimento xustificado deberá coincidir coa resolución de concesión da subvención ou coas modificacións autorizadas; no caso de non xustificarse a totalidade do orzamento do proxecto, a subvención será minorada na mesma proporción. En calquera caso, a entidade beneficiaria deberá xustificar unha porcentaxe mínima do 50 % do importe total do investimento subvencionable; de non alcanzarse ese mínimo, enténdese que non se lograron os obxectivos propostos na solicitude e, polo tanto, determinarase a perda do dereito ao cobramento da subvención concedida.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de agosto de 2026

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude
P.D. (Orde do 28.6.2024)
Elvira María Casal García
Secretaria xeral técnica da Consellería de Cultura,
Lingua e Xuventude