DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 167 Xoves, 3 de setembro de 2026 Páx. 47903

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 27 de agosto de 2026 pola que se modifica a Orde do 29 de xullo de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras xerais e a convocatoria para o ano 2026 para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de axudas a proxectos que permitan paliar as perdas por mortalidade de moluscos tras a afectación polos episodios de choivas de 2026 (código de procedemento PE209Q).

A Orde do 29 de xullo de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras xerais e a convocatoria para o ano 2026 para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de axudas a proxectos que permitan paliar as perdas por mortalidade de moluscos tras a afectación polos episodios de choivas de 2026 (código de procedemento PE209Q), ten por obxecto establecer as bases reguladoras e a convocatoria das axudas destinadas ao desenvolvemento de proxectos para a adquisición de semente destinada á repoboación, recuperación e reparación dos bancos marisqueiros afectados polos episodios de choivas de 2026.

A necesidade de recuperar os bancos marisqueiros o máis axiña posible obrigou ás confrarías e asociacións de pescadores a realizar compras de semente coa présa da recuperación dos bancos marisqueiros, dado que a actividade marisqueira recomenda realizar estas antes do outono para garantir a súa viabilidade.

A demora na tramitación desta orde provocou que, en determinados casos, as entidades beneficiarias xa tivesen realizados os gastos con anterioridade á súa publicación, polo que se considera indispensable a súa modificación co obxecto de garantir a cobertura destes gastos, sempre que estean vinculados aos danos ocasionados polos episodios de choivas e estean realizados e pagados a partir do 10 de febreiro de 2026, data da declaración de emerxencia de protección civil por parte do Consello de Ministros.

A presente modificación limítase ao establecido no artigo único, de modo que o resto do contido da Orde do 29 de xullo de 2026 mantén a súa plena vixencia, incluído o réxime de concesión en réxime de concorrencia non competitiva e a atención das solicitudes por orde de presentación ata o esgotamento do crédito.

Na súa virtude, esta Consellería do Mar

DISPÓN:

A modificación da Orde do 29 de xullo de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras xerais e a convocatoria para o ano 2026 para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de axudas a proxectos que permitan paliar as perdas por mortalidade de moluscos tras a afectación polos episodios de choivas de 2026 (código de procedemento PE209Q), nos seguintes termos:

Único. Modificación do punto 3 do «Artigo 7. Gastos subvencionables», que pasa a quedar redactado do seguinte xeito:

«3. Consideraranse subvencionables os gastos realizados e pagados desde o 10 de febreiro de 2026, data da declaración de emerxencia de protección civil polo Consello de Ministros, ata o 15 de novembro de 2026, sempre que estean debidamente xustificados documentalmente e que cumpran os demais requisitos establecidos nesta orde».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de agosto de 2026

Marta Villaverde Acuña
Conselleira do Mar