DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 168 Venres, 4 de setembro de 2026 Páx. 48003

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda e Administración Pública

ORDE do 1 de setembro de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca, para a anualidade 2026, unha liña de préstamos sen xuros a favor dos concellos de Galicia para financiar a achega municipal correspondente aos plans de actuación integrados financiados con cargo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no período de programación 2021-2027 (código de procedemento FA501A).

O Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no período de programación 2021-2027, constitúe un dos principais instrumentos da política de cohesión da Unión Europea, orientado a promover un desenvolvemento económico, social e territorial equilibrado mediante o apoio a investimentos con impacto estrutural no territorio.

No marco do Programa plurirrexional de España 2021-2027, o desenvolvemento urbano sustentable articúlase, entre outros instrumentos, mediante a asignación da senda financeira Feder aos plans de actuación integrados das entidades locais.

Mediante a Orde HAC/1072/2024, do 2 de outubro, aprobáronse as bases reguladoras para a asignación da senda financeira Feder aos plans de actuación integrados das entidades locais, no marco do desenvolvemento urbano sustentable. Posteriormente, mediante a Resolución do 16 de xaneiro de 2026, da Dirección Xeral de Fondos Europeos, resolveuse definitivamente a correspondente convocatoria, asignando a senda financeira Feder aos plans de actuación integrados das entidades locais seleccionadas. Esta asignación ten carácter finalista e queda vinculada á execución efectiva das operacións incluídas nos plans aprobados, constituíndo o nivel de execución un elemento determinante para garantir a absorción dos fondos dispoñibles.

A obtención do financiamento Feder para un plan de actuación integrado non esgota as exixencias financeiras a que debe facer fronte a entidade local beneficiaria. A execución do plan require unha achega municipal propia, cuxa contía e calendario poden xerar dificultades obxectivas de financiamento ou de tesouraría, especialmente nos municipios de menor dimensión demográfica e menor capacidade financeira.

Neste contexto, esta liña de préstamos ten por finalidade apoiar financeiramente os concellos na execución destes plans, facilitando o acceso a financiamento público reembolsable en condicións non onerosas para atender a achega municipal exixida e garantir a execución efectiva das actuacións financiadas con fondos europeos. Trátase, polo tanto, de remover un obstáculo financeiro que pode condicionar o despregamento efectivo de actuacións de desenvolvemento urbano sustentable xa priorizadas no marco estatal e, ao mesmo tempo, de reforzar a capacidade de execución dos municipios galegos de menor tamaño.

A xestión da liña de préstamos atribúese á Secretaría Xeral Técnica e do Tesouro da Consellería de Facenda e Administración Pública, en coherencia coas súas funcións en materia de tesouraría, xestión financeira, seguimento das operacións de activo financeiro e control do seu reintegro.

A orde establece un réxime completo de concesión, formalización, seguimento e control das operacións, incorporando mecanismos de garantía que permiten asegurar a devolución das cantidades mediante retención no Fondo de Cooperación Local, conforme a autorización expresa que deberá incluírse no acordo municipal e no correspondente convenio de colaboración.

Por todo o exposto e no uso das facultades atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar, para a anualidade 2026, unha liña de préstamos sen xuros destinada a financiar, total ou parcialmente, a achega municipal correspondente aos plans de actuación integrados financiados con cargo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no período de programación 2021-2027, así como aprobar o procedemento para a súa tramitación (código de procedemento FA501A).

2. A liña de préstamos configúrase como un instrumento de colaboración financeira interadministrativa de natureza reembolsable, dirixido a facilitar a execución efectiva dos citados plans mediante a cobertura das necesidades de financiamento asociadas ao cofinanciamento municipal exixible.

3. Esta orde determina, así mesmo, as entidades destinatarias, as actuacións financiables, os requisitos, as condicións financeiras, o procedemento de concesión, a formalización, as obrigas, o réxime de xustificación, o control, o reintegro, as garantías e as causas de vencemento anticipado das operacións.

Artigo 2. Órgano competente para a instrución do procedemento (código FA501A)

1. A xestión da liña de préstamos corresponderalle á Secretaría Xeral Técnica e do Tesouro da Consellería de Facenda e Administración Pública.

2. En particular, corresponderanlle ao devandito órgano as seguintes funcións:

a) Tramitar os expedientes de solicitude.

b) Verificar o cumprimento dos requisitos exixidos.

c) Requirir, de ser o caso, a emenda das solicitudes e da documentación.

d) Formular a proposta de resolución.

e) Xestionar o libramento dos fondos.

f) Realizar o seguimento do calendario de amortización.

g) Tramitar, de ser o caso, as incidencias da operación, as modificacións, os reintegros, as compensacións, as retencións e os procedementos de vencemento anticipado.

h) Levar un control individualizado das operacións formalizadas ao abeiro desta orde.

3. A Secretaría Xeral Técnica e do Tesouro poderá ditar as instrucións necesarias para a adecuada execución da orde e para a normalización documental do procedemento.

Artigo 3. Crédito orzamentario

1. Para o financiamento desta convocatoria destínase un crédito por importe total de 20.370.709,33 euros, que se imputará á aplicación orzamentaria 23.01.811C.82160 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, coa seguinte distribución plurianual:

Aplicación orzamentaria

2026

2027

2028

2029

2030

Total

23. 01. 811C. 82160

4.074.141,87

4.074.141,87

4.074.141,87

4.074.141,87

4.074.141,85

20.370.709,33

A modificación da distribución inicialmente aprobada requirirá, de ser o caso, a tramitación do correspondente expediente de reaxuste de anualidades.

Artigo 4. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarios da liña de préstamos regulada nesta orde os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia que cumpran simultaneamente os seguintes requisitos:

a) Ter unha poboación inferior a 20.000 habitantes, de acordo coas cifras oficiais de poboación vixentes na data de publicación da convocatoria.

Así mesmo, poderán ser beneficiarios os concellos cunha poboación comprendida entre 20.000 e 30.000 habitantes no suposto de que se abra o segundo prazo de presentación de solicitudes previsto no artigo 12 desta orde, condicionado á existencia de crédito dispoñible unha vez tramitadas as solicitudes presentadas polos concellos de poboación inferior a 20.000 habitantes e formalizadas as correspondentes operacións de préstamo.

b) Formar parte dunha área urbana funcional ou ter resultado seleccionados como cidade intermedia na resolución definitiva de asignación da senda financeira Feder para a execución de plans de actuación integrados ditada polo órgano estatal competente.

No caso das áreas urbanas funcionais, terán a condición de beneficiarios os concellos integrantes da devandita área cuxa poboación sexa inferior a 20.000 habitantes, respecto da achega municipal que lles corresponda asumir, con independencia da entidade local que actuase como solicitante ou coordinadora do plan de actuación integrado.

No caso das cidades intermedias, terá a condición de beneficiario o concello seleccionado como tal na resolución estatal de asignación da senda financeira Feder.

c) Ter que asumir unha achega municipal propia ou un cofinanciamento non cuberto polo financiamento Feder para a execución das actuacións.

d) Cumprir, na data da solicitude, os requisitos exixidos pola normativa aplicable para a concertación válida da operación de préstamo.

2. A condición de beneficiario requirirá que o concello asuma expresamente, mediante acordo do órgano competente, todas as obrigas derivadas desta orde, da resolución de concesión e do convenio.

3. Non poderán obter a condición de beneficiario os concellos nos cales concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) Que non poidan concertar validamente a operación por incumprimento da normativa aplicable sobre endebedamento, estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira.

b) Que non acepten expresamente o sistema de garantías e retencións previsto nesta orde.

c) Que incumprisen de forma grave as obrigas derivadas de anteriores instrumentos de financiamento reembolsable outorgados pola Comunidade Autónoma, sempre que o devandito incumprimento non fose regularizado antes da finalización do prazo de solicitude.

Artigo 5. Actuacións financiables

1. Serán financiables con cargo á presente liña as achegas municipais exixidas para a execución das actuacións incluídas en plans de actuación integrados financiados con cargo ao Feder no período de programación 2021-2027.

2. Para os efectos desta orde, entenderase por achega municipal financiable a parte do custo público do plan, ou das operacións integradas nel, que deba ser asumida polo concello e que resulte necesaria para a correcta execución das actuacións seleccionadas.

3. O financiamento poderá referirse:

a) Á totalidade da achega municipal correspondente ao plan.

b) A unha parte determinada da devandita achega.

Artigo 6. Requisitos da operación

1. O concello solicitante deberá acreditar:

a) Que o importe solicitado se corresponde coa achega municipal exixible.

b) Que a operación cumpre a normativa aplicable sobre endebedamento, estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira.

2. O órgano instrutor valorará a capacidade de devolución tendo en conta, entre outros aspectos, o nivel de aforro neto, o remanente de tesouraría para gastos xerais, o volume de capital vivo, o cumprimento das obrigas financeiras previas e calquera outro indicador que permita apreciar a solvencia da operación.

Artigo 7. Autorización do órgano de tutela financeira

1. Cando a normativa aplicable exixa a autorización previa en materia de tutela financeira para a concertación da operación de crédito, a concesión do préstamo quedará condicionada á obtención da devandita autorización.

2. Nestes supostos, a autorización deberá ser emitida con carácter previo á resolución de concesión.

3. A falta de autorización en materia de tutela financeira determinará a denegación da solicitude.

Artigo 8. Importe do préstamo

1. O importe do préstamo poderá alcanzar ata o cen por cento da achega municipal correspondente ao plan ou á parte deste para a que se solicite o financiamento.

2. En ningún caso o importe concedido poderá superar:

a) A achega municipal efectivamente exixible.

b) O importe solicitado pola entidade local.

c) A dispoñibilidade orzamentaria existente.

3. A resolución de concesión poderá fixar un importe inferior ao solicitado en caso de insuficiencia de crédito dispoñible.

Artigo 9. Condicións financeiras

1. Os préstamos previstos nesta orde terán, con carácter xeral, as seguintes condicións:

a) Tipo de xuro ordinario: 0 por cento.

b) A amortización do principal disposto realizarase en tres anualidades iguais, con vencemento o 30 de novembro dos exercicios 2031, 2032 e 2033.

2. As entidades beneficiarias poderán realizar a amortización anticipada total ou parcial sen penalización, logo de comunicación ao órgano xestor coa antelación mínima que estableza o convenio.

3. En caso de incumprimento dos vencementos, serán exixibles as cantidades vencidas e non satisfeitas, e poderá acudirse aos mecanismos de compensación e retención previstos nesta orde, sen prexuízo da aplicación, cando proceda, dos xuros de demora ou das recargas legalmente exixibles.

Artigo 10. Réxime de concesión

1. A concesión dos préstamos realizarase en réxime de concorrencia non competitiva.

2. As solicitudes tramitaranse por orde de entrada no rexistro electrónico unha vez completas, ata o esgotamento do crédito dispoñible, sempre que cumpran os requisitos establecidos nesta orde e na convocatoria.

3. Para estes efectos, unha solicitude entenderase completa cando se presentase o formulario normalizado e toda a documentación exixida, ou cando a entidade interesada atendese integramente o requirimento de emenda dentro do prazo concedido.

Artigo 11. Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, seralle requirida a súa emenda mediante a presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que se realizase a emenda.

3. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 12. Prazo de presentación de solicitudes

1. Establécese un primeiro prazo de presentación de solicitudes, dirixido aos concellos de poboación inferior a 20.000 habitantes previstos no artigo 4, de quince días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. No suposto de que, unha vez tramitadas as solicitudes presentadas no primeiro prazo e formalizados os correspondentes convenios, exista crédito dispoñible, poderá abrirse un segundo prazo de presentación de solicitudes dirixido aos concellos de poboación comprendida entre 20.000 e 30.000 habitantes previstos no artigo 4.

3. A apertura do segundo prazo acordarase mediante unha resolución da persoa titular da Secretaría Xeral Técnica e do Tesouro, que será publicada no Diario Oficial de Galicia, na cal se indicarán o importe do crédito dispoñible e o prazo de presentación de solicitudes.

4. En todo caso, o prazo finalizará no momento do esgotamento do crédito orzamentario que, de se producir, será publicado no DOG mediante resolución.

Artigo 13. Documentación complementaria

1. Os concellos interesados deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Certificación do acordo adoptado polo pleno da corporación ou polo órgano que resulte competente conforme a normativa local aplicable, en que deberá constar:

• A decisión de solicitar o préstamo ao abeiro desta orde.

• O importe máximo solicitado.

• A identificación do plan de actuación integrado e, de ser o caso, das actuacións concretas cuxa achega municipal se pretende financiar.

• A aceptación íntegra das bases reguladoras.

b) Memoria explicativa subscrita polo órgano competente en que se identifiquen o plan, a achega municipal que se vai financiar, o importe solicitado, a finalidade concreta do préstamo e o cronograma de execución do plan.

c) No caso de plans de actuación integrados correspondentes a áreas urbanas funcionais, copia do convenio formalizado entre os concellos integrantes e a entidade solicitante do plan.

d) Copia do proxecto presentado ante a Administración xeral do Estado para a obtención da senda financeira Feder.

e) Copia ou referencia da resolución estatal pola que o concello resultase beneficiario da senda financeira Feder para un plan de actuación integrado.

f) Compromiso subscrito polo órgano municipal competente de autorizar a compensación e a retención das cantidades vencidas e non ingresadas con cargo ao Fondo de Cooperación Local, no suposto de que non se reintegren as cantidades nos prazos previstos na resolución de concesión e no posterior convenio de financiamento.

g) Compromiso subscrito polo órgano municipal competente de incluír nos orzamentos dos exercicios seguintes, con cargo aos ingresos correntes, os importes correspondentes ás anualidades previstas na resolución de concesión e no posterior convenio de financiamento.

h) Compromiso subscrito polo órgano municipal competente de non compensar as amortizacións pendentes coas cantidades que, por calquera outro concepto, lle puidesen deber ao concello a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou as entidades públicas instrumentais integrantes do seu sector público.

i) Informe da Intervención local sobre a adecuación da operación á normativa orzamentaria, financeira e de endebedamento aplicable.

j) Certificación da Intervención local relativa á liquidación do orzamento do exercicio inmediato anterior, ao volume de capital vivo, ao aforro neto, ao remanente de tesouraría para gastos xerais e a cantos aspectos resulten necesarios para valorar a capacidade económica e financeira do concello.

2. O órgano instrutor poderá requirir canta documentación complementaria ou aclaración considere necesaria para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algún dos concellos interesados presenta a documentación complementaria presencialmente, seralle requirida a súa emenda mediante a presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que se realizase a emenda.

4. Os concellos interesados responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de forma motivada o cotexo das copias achegadas polo concello interesado, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se presenten documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que deban presentarse electronicamente supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación presencial na forma indicada no punto anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos poderá consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 14. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento (código FA501A) consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, salvo que a entidade interesada se opoña á súa consulta:

a) Número de identificación fiscal da entidade solicitante.

b) Documento nacional de identidade ou, de ser o caso, número de identidade de estranxeiro da persoa representante.

2. No caso de que as entidades interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario e achegar os documentos correspondentes.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da entidade interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 15. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que os concellos deban realizar tras a presentación da solicitude deberán efectuarse electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da entidade interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 16. Instrución

1. A instrución do procedemento (código FA501A) corresponderá á Secretaría Xeral Técnica e do Tesouro.

2. O órgano instrutor comprobará a solicitude e a documentación presentada e realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para determinar, coñecer e comprobar os datos en virtude dos cales deba formularse a proposta de resolución.

3. Cando a solicitude non reúna os requisitos exixidos ou non se lle xunte a documentación preceptiva, requirirase a entidade interesada para que emende as deficiencias observadas no prazo de dez días hábiles, con indicación de que, de non facelo, se considerará que desiste da súa solicitude, logo da resolución ditada para o efecto.

Artigo 17. Proposta de resolución

1. Unha vez instruído o expediente, o órgano instrutor formulará a proposta de resolución, na cal se fará constar:

a) A entidade solicitante.

b) O plan e, de ser o caso, as actuacións concretas a que se vincula o financiamento.

c) O importe proposto.

d) As condicións financeiras aplicables.

e) O calendario de amortización.

f) As condicións suspensivas ou os requisitos previos ao libramento, de habelos.

g) A causa de denegación ou exclusión, cando proceda.

2. A proposta de resolución non crea dereito ningún a favor da entidade solicitante mentres non se dite e notifique a resolución de concesión.

Artigo 18. Resolución

1. A resolución do procedemento (código FA501A) corresponderá á persoa titular da Consellería de Facenda e Administración Pública.

2. A resolución poderá:

a) Conceder o préstamo solicitado.

b) Conceder un préstamo por importe inferior ao solicitado.

c) Conceder o préstamo condicionado ao cumprimento de requisitos previos, incluída a obtención da autorización da tutela financeira.

d) Denegar a solicitude.

e) Declarar a desistencia.

3. A resolución de concesión determinará, cando menos:

a) O importe concedido.

b) A finalidade concreta do préstamo.

c) As condicións financeiras.

d) O calendario de amortización.

e) As condicións de libramento.

f) As obrigas de xustificación e seguimento.

g) As garantías aplicables.

h) O prazo para a formalización do convenio.

4. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será dun mes desde a data en que a solicitude tivese entrada no rexistro electrónico da Xunta de Galicia. Transcorrido o devandito prazo sen unha resolución expresa, a solicitude entenderase desestimada.

5. A eficacia das resolucións estimatorias quedará demorada ata a sinatura dos correspondentes convenios de financiamento.

Artigo 19. Recursos

1. A resolución porá fin á vía administrativa.

2. Contra ela poderá interpoñerse un recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Facenda e Administración Pública no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, ou ben un recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente no prazo de dous meses.

Artigo 20. Formalización

1. O financiamento concedido deberá formalizarse mediante a subscrición do correspondente convenio entre a Consellería de Facenda e Administración Pública e o concello beneficiario, conforme o modelo que figura como anexo II.

2. A formalización deberá realizarse no prazo máximo dun mes desde a notificación da resolución de concesión, salvo que na propia resolución se estableza un prazo distinto por razóns xustificadas.

3. A falta de formalización dentro do prazo establecido por unha causa imputable ao concello determinará a perda do dereito ao préstamo concedido, o que se declarará mediante a correspondente resolución.

4. A sinatura do convenio suporá a aceptación íntegra por parte do concello do contido da resolución de concesión do préstamo.

Artigo 21. Libramento e disposición de fondos

1. O libramento do préstamo realizarase mediante cinco desembolsos parciais, cada un deles por importe equivalente ao 20 % do préstamo concedido, que se efectuarán entre os anos 2026 e 2030, en función do grao de execución das actuacións financiadas e de acordo co establecido na resolución de concesión e no convenio.

2. O primeiro desembolso, por importe equivalente ao 20 % do préstamo concedido, efectuarase unha vez formalizado o correspondente convenio.

3. Os desembolsos segundo, terceiro, cuarto e quinto, cada un deles por importe equivalente ao 20 % do préstamo concedido, efectuaranse cando a entidade beneficiaria acredite, respectivamente, unha execución acumulada das actuacións financiadas igual ou superior ao 20 %, 40 %, 60 % e 80 % do seu custo total.

Para determinar estas porcentaxes tomarase en consideración o custo total das actuacións, con independencia da fonte de financiamento dos gastos executados e da porcentaxe financiada mediante o préstamo.

4. Para os efectos do número anterior, a entidade beneficiaria deberá presentar, xunto coa correspondente solicitude de libramento, unha certificación da Intervención local acreditativa do grao de execución acumulada das actuacións financiadas.

5. Con carácter xeral, o libramento quedará condicionado:

a) Á formalización do convenio.

b) Á acreditación, cando resulte exixible, da autorización de tutela financeira.

c) Á vixencia da resolución estatal de asignación da senda financeira.

d) Á inexistencia de circunstancias sobrevidas que comprometan a viabilidade da operación.

e) Á presentación da solicitude de libramento conforme o modelo que figura como anexo III.

Artigo 22. Obrigas da entidade beneficiaria

A entidade beneficiaria estará obrigada a:

a) Destinar os fondos recibidos exclusivamente á finalidade para a que foron concedidos e no prazo que resulte compatible co calendario de execución do plan.

A xustificación realizarase mediante a presentación, nos prazos que estableza a resolución de concesión ou o convenio, dunha memoria acreditativa da aplicación dos fondos, acompañada dunha certificación da Intervención local en que conste que as cantidades percibidas se destinaron efectivamente ao financiamento da achega municipal correspondente ao plan ou ás actuacións identificadas.

O órgano xestor poderá exixir documentación adicional cando resulte necesaria para verificar a rastrexabilidade financeira e a correspondencia entre o préstamo e a achega municipal.

b) Executar o plan de actuación integrado ou as actuacións financiadas de conformidade coa normativa Feder e coa resolución estatal de selección.

c) Facilitar ao órgano xestor toda a información e documentación que lle sexa requirida.

d) Comunicar inmediatamente calquera incidencia que poida afectar a execución do plan ou a capacidade de devolución.

e) Reintegrar as cantidades recibidas nos prazos e condicións establecidos.

Artigo 23. Notificacións

1. As notificacións das resolucións e dos actos administrativos efectuaranse exclusivamente por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás entidades interesadas avisos da posta á disposición das notificacións ao enderezo de correo electrónico e/ou ao número de teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada, e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, as entidades interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia, Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e polas entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán crear de oficio o citado enderezo, co fin de garantir que as entidades interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se accedese ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a notificación efectuarse polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 24. Transparencia e bo goberno

Na tramitación do procedemento deberanse cumprir as obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

En virtude do disposto no artigo 4.2.b) da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, os concellos beneficiarios están obrigados a subministrar á Secretaría Xeral Técnica e do Tesouro, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento das obrigas previstas no título I da citada lei.

Disposición adicional primeira. Réxime supletorio

No non previsto nesta orde será de aplicación a normativa reguladora do procedemento administrativo común, da organización e funcionamento do sector público, do réxime local, das facendas locais, da estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira e da xestión económico-financeira da Comunidade Autónoma de Galicia, así como a normativa aplicable ao financiamento Feder no que resulte pertinente.

Disposición adicional segunda. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral Técnica e do Tesouro para ditar cantas instrucións e actos de desenvolvemento sexan necesarios para a execución desta orde.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2026

Miguel Corgos López-Prado
Conselleiro de Facenda e Administración Pública

missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO II

Convenio de colaboración entre a Consellería de Facenda e Administración Pública e o concello de ... para o financiamento da achega municipal do Plan de actuación integrado ..., financiado con cargo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no período de programación 2021-2027

REUNIDOS:

Dunha parte, Miguel Corgos López-Prado, conselleiro de Facenda e Administración Pública, actuando en nome e representación da Comunidade Autónoma de Galicia, en virtude das facultades que lle atribúe a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia.

Doutra parte, ..., na súa condición de alcalde/alcaldesa do Concello de ..., no uso das facultades que lle atribúe o artigo 21 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local.

Ambas as partes recoñécense a capacidade legal suficiente para subscribir este convenio de colaboración e

EXPOÑEN:

Primeiro. Que mediante a Orde do 1 de setembro de 2026 se establecen as bases reguladoras e se convoca unha liña de préstamos sen xuros a favor dos concellos de Galicia de poboación inferior a 30.000 habitantes para financiar a achega municipal correspondente aos plans de actuación integrados financiados con cargo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no período de programación 2021-2027.

Segundo. Que o Concello de ... resultou beneficiario da senda financeira Feder para o plan de actuación integrado ..., conforme a resolución ditada polo órgano estatal competente.

Terceiro. Que a execución do citado plan exixe unha achega municipal cuxo financiamento parcial/total resulta necesario para garantir a adecuada execución das actuacións aprobadas.

Cuarto. Que pola Resolución da persoa titular da Consellería de Facenda e Administración Pública, do ..., se acordou conceder ao Concello de ... un préstamo sen xuros por importe de ... euros.

Quinto. Que o concello declara ter obtido, cando resulte exixible, a autorización do órgano de tutela financeira para concertar a operación, ou atoparse en trámite de obtención nos termos admitidos na resolución de concesión.

Sexto. A Comunidade Autónoma de Galicia actúa no exercicio das súas competencias en materia de facenda pública autonómica, xestión financeira e cooperación económica coas entidades locais, e á Secretaría Xeral Técnica e do Tesouro correspóndenlle as funcións relativas á xestión de operacións financeiras e de tesouraría.

O Concello de... actúa no exercicio das súas competencias para a execución das actuacións incluídas no plan de actuación integrado e para a concertación de operacións financeiras conforme a normativa reguladora das facendas locais.

En virtude do anterior, as partes acordan formalizar o presente convenio consonte as seguintes

CLÁUSULAS

Primeira. Obxecto

Este convenio ten por obxecto definir os termos da colaboración financeira e os compromisos mutuos entre a Comunidade Autónoma de Galicia e o Concello de ... para o financiamento da achega municipal correspondente ao plan de actuación integrado ... mediante a concesión dun préstamo sen xuros.

Segunda. Obrigas das partes

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Facenda e Administración Pública, asume os seguintes compromisos:

a) Financiar a actuación descrita na cláusula primeira mediante a concesión dun préstamo por importe de ... euros a favor do concello asinante deste convenio.

b) Aboar o devandito importe ao concello nos termos establecidos na cláusula terceira deste convenio.

Pola súa parte, o concello asinante deste convenio asume os seguintes compromisos:

a) Destinar integramente o importe do préstamo a financiar a achega municipal correspondente ao plan de actuación integrado identificado na cláusula primeira, executando as actuacións financiadas de conformidade coa normativa aplicable, coa resolución estatal de asignación da senda financeira Feder e coas condicións establecidas na resolución de concesión do préstamo, así como xustificar a correcta aplicación dos fondos na forma e nos prazos previstos na orde reguladora e neste convenio.

b) Facilitarlle á Secretaría Xeral Técnica e do Tesouro canta información e documentación resulte necesaria para o seguimento, control e comprobación da operación.

c) Comunicar de forma inmediata calquera circunstancia que poida afectar a execución do plan, o cumprimento das obrigas derivadas do préstamo ou a capacidade de devolución.

d) Reintegrar o principal recibido nos prazos e condicións establecidos na resolución de concesión e neste convenio.

e) Aceptar expresamente o réxime de garantías previsto na orde reguladora e autorizar a práctica das retencións e compensacións que procedan en caso de incumprimento.

Terceira. Disposición do importe

O préstamo aboarase na conta da titularidade do concello número ....

As disposicións do préstamo realizaranse logo da solicitude do concello, mediante a presentación do anexo III, cunha antelación mínima de ... días respecto da data prevista para o libramento, indicando o importe cuxa disposición se solicita.

Cada solicitude de disposición, salvo a primeira, deberá ir precedida da xustificación da correcta aplicación dos fondos correspondentes ás disposicións anteriores, nos termos establecidos na orde reguladora e na resolución de concesión.

A Secretaría Xeral Técnica e do Tesouro efectuará o libramento unha vez comprobado o cumprimento dos requisitos previstos na orde reguladora, na resolución de concesión e neste convenio.

Cuarta. Condicións financeiras

A operación rexerase polas seguintes condicións:

a) Tipo de xuro ordinario: 0 por cento.

b) A amortización do principal disposto realizarase en tres anualidades iguais, con vencemento o 30 de novembro dos exercicios 2031, 2032 e 2033 na conta IBAN: ES82 2080 0300 8731 1006 3172.

O concello poderá realizar amortizacións anticipadas totais ou parciais sen penalización.

As amortizacións non se poderán efectuar por un importe inferior a cincuenta mil euros (50.000 €), salvo que o concello desexe amortizar anticipadamente a totalidade do importe disposto e este sexa inferior á devandita cantidade.

No suposto de amortizacións parciais, o concello deberá comunicalo previamente á Secretaría Xeral Técnica e do Tesouro mediante a presentación do modelo do anexo IV, cunha antelación mínima de quince días naturais e máxima de sesenta días naturais respecto da data en que pretenda facerse efectiva a amortización anticipada.

O importe amortizado anticipadamente aplicarase proporcionalmente ás anualidades pendentes posteriores a aquela en que se realice a amortización.

A Secretaría Xeral Técnica e do Tesouro comunicará ao concello os importes que se deberán aboar en cada unha das anualidades como consecuencia da amortización anticipada.

Quinta. Xustificación e seguimento

O concello presentará unha certificación da Intervención local acreditativa da correcta aplicación dos fondos no prazo que estableza a resolución de concesión.

Así mesmo, facilitará toda a información que lle requira a Secretaría Xeral Técnica e do Tesouro para o seguimento da operación.

Para o seguimento, vixilancia e control da execución deste convenio constituirase unha Comisión de Seguimento integrada por dous representantes da Consellería de Facenda e Administración Pública e dous representantes do Concello de ....

Corresponderanlle á Comisión de Seguimento as seguintes funcións:

a) Realizar o seguimento da execución do convenio e do cumprimento das obrigas asumidas polas partes.

b) Analizar o grao de execución das actuacións financiadas e a correcta aplicación dos fondos dispostos.

c) Coñecer as solicitudes de disposición parcial do préstamo e a acreditación dos requisitos establecidos para novos libramentos.

d) Resolver as dúbidas que poidan xurdir na interpretación e aplicación do convenio.

e) Analizar as incidencias derivadas de modificacións do plan de actuación integrado, do financiamento Feder asignado ou do calendario de execución.

f) Propoñer, cando resulte necesario, a modificación do convenio conforme o réxime previsto nel.

A comisión reunirase cando resulte necesario para o adecuado seguimento do convenio, por solicitude de calquera das partes, e poderá celebrar as súas reunións por medios electrónicos.

Sexta. Vencemento anticipado

Serán causas de vencemento anticipado as previstas na orde reguladora e, en particular, a aplicación dos fondos a unha finalidade distinta, a falta de xustificación, o incumprimento dos vencementos, a ocultación de datos relevantes ou a perda substancial do financiamento Feder que afecte a causa da operación.

Sétima. Natureza administrativa e xurisdición

Este instrumento ten natureza administrativa. As cuestións litixiosas que xurdan sobre a súa interpretación, modificación, efectos ou extinción e non se poidan resolver de común acordo serán coñecidas pola orde xurisdicional contencioso-administrativa.

missing image file
missing image file