No punto 6 do artigo 126 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (LOE), establécese que lles corresponde ás administracións educativas determinar o número total de membros do consello escolar e regular o proceso de elección. Ao abeiro do establecido na disposición transitoria décimo primeira da LOE, dado que este artigo remite a ulteriores disposicións regulamentarias que aínda non foron ditadas, son de aplicación as normas dese rango que o viñan sendo na data de entrada en vigor da LOE, sempre que non se opoñan ao disposto nela.
Pola súa banda, o Decreto 92/1988, do 28 de abril, polo que se regulan os órganos de goberno dos centros públicos de ensino non universitario, modificado polo Decreto 279/1990, do 27 de abril, e os decretos 324/1996, do 26 de xullo; 374/1996, do 17 de outubro; e 7/1999, do 7 de xaneiro, establecen as condicións de realización das eleccións dos membros dos consellos escolares nos centros docentes.
A Orde do 21 de outubro de 1996 pola que se determinan aspectos para elixir os membros do consello escolar nos centros docentes non universitarios sostidos con fondos públicos establece o procedemento de integración no consello escolar do profesorado, do alumnado e das nais e dos pais do alumnado do primeiro ciclo da educación secundaria obrigatoria que curse estudos nun centro de primaria, e determina a composición dos consellos escolares dos institutos de educación secundaria con menos de oito unidades.
A Orde do 28 de agosto de 1996 pola que se regula o procedemento para elixir os órganos de goberno dos centros privados concertados establece que este procedemento se realizará de acordo co regulado nesa orde e que nos aspectos non previstos nela haberá que aterse ao establecido para os centros públicos no Decreto 92/1988, do 28 de abril, modificado polo Decreto 324/1996, do 26 de xullo.
Por outra banda, no marco das medidas impulsadas desde a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional para a dixitalización e a simplificación de procesos educativos, co obxecto de fomentar a participación das familias na elección das súas persoas representantes no consello escolar, habilítase, nesta convocatoria, unha nova modalidade de votación telemática non presencial a través do espazo Abalar.
Tendo en conta todo o anterior, por corresponder no curso 2026/27 a renovación dos consellos escolares dos centros docentes sostidos con fondos públicos, como directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa
RESOLVO:
Primeiro. Obxecto e ámbito de aplicación
1. O obxecto desta disposición é fixar as datas para a elección da representación dos distintos sectores da comunidade educativa no consello escolar dos centros docentes sostidos con fondos públicos, así como ditar instrucións para o seu desenvolvemento.
Ademais, é obxecto desta resolución establecer as datas das eleccións para a primeira constitución do consello escolar dos centros educativos que comezan o seu funcionamento no curso 2026/27.
2. Esta resolución é de aplicación nos centros educativos sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia.
Segundo. Calendario de eleccións para a renovación parcial dos consellos escolares
1. A xunta electoral constituirase entre os días 20 e 26 de outubro de 2026, ambos os dous incluídos.
2. De conformidade coa normativa vixente, é competencia da xunta electoral concretar o calendario electoral, que terá en conta estes prazos:
a) A admisión de candidaturas non deberá ser inferior a sete días naturais.
b) As eleccións das persoas representantes dos distintos sectores da comunidade educativa no consello escolar, así como as votacións directas ante as mesas electorais, realizaranse entre os días 23 e 27 de novembro de 2026, ambos os dous incluídos.
c) A emisión do voto para a elección da representación das familias empregando a modalidade non presencial no espazo Abalar comezará ás 00.00 horas do 11 de novembro e finalizará ás 23.59 horas do 17 de novembro de 2026.
3. Os centros que comezaron o seu funcionamento no curso 2024/25 ou no curso 2025/26 levarán a cabo a primeira renovación do consello escolar prevista na lexislación vixente, de acordo co calendario xeral previsto nesta mesma epígrafe.
Terceiro. Determinación dos membros que se van renovar e períodos de nomeamento
Para determinar os membros do consello escolar que deben ser renovados, terase en conta o establecido nos correspondentes decretos polos que se establecen os regulamentos orgánicos.
Cuarto. Modificación do número de membros do consello escolar
Os centros modificarán en cada renovación parcial o número de membros do consello escolar en función do número de unidades que teñan nese momento.
Quinto. Calendario de eleccións para centros que inician o seu funcionamento no curso 2026/27
1. A xunta electoral das eleccións para a primeira constitución do consello escolar nos centros que inician o seu funcionamento no curso 2026/27 constituirase entre os días 28 de setembro e 2 de outubro de 2026, ambos os dous incluídos.
2. De conformidade coa normativa vixente, é competencia da xunta electoral concretar o calendario electoral, que terá en conta estes prazos:
a) A admisión de candidaturas non deberá ser inferior a sete días naturais.
b) As eleccións das persoas representantes dos distintos sectores da comunidade educativa no consello escolar, así como as votacións directas ante as mesas electorais, realizaranse entre os días 19 e 23 de outubro de 2026, ambos os dous incluídos.
c) A emisión do voto para a elección da representación das familias empregando a modalidade non presencial no espazo Abalar comezará ás 00.00 horas do 7 de outubro e finalizará ás 23.59 horas do 13 de outubro de 2026.
3. A primeira renovación do consello escolar dos centros aos que se refire esta epígrafe producirase no ano 2028, coincidindo coa renovación do resto dos consellos escolares no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co establecido na normativa vixente.
Sexto. Permisos
Aos membros integrantes da xunta electoral, das mesas electorais e aos electores que necesiten permiso laboral para o desempeño das súas obrigas seralles de aplicación o artigo 117 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia. Non obstante, o día ou os días en que teñan lugar as eleccións de representantes dos distintos sectores da comunidade educativa non poderán ser declarados non lectivos.
Sétimo. Actas
1. A acta do escrutinio da votación de cada mesa electoral, á cal se refire o artigo 50 do Decreto 92/1988, do 28 de abril, na súa redacción dada polo Decreto 324/1996, do 26 de xullo, farase segundo o modelo que se publica como anexo I a esta resolución.
2. De conformidade co establecido no artigo 51 do Decreto 92/1988, do 28 de abril, a dirección do centro, como presidencia da xunta electoral, unha vez proclamados os candidatos e candidatas elixidos, dará traslado das copias das actas de cada mesa electoral ao Departamento Territorial da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
3. Logo da constitución do consello escolar, á que se refire o artigo 52 do Decreto 92/1988, do 28 de abril, a dirección do centro remitiralle ao Departamento Territorial, antes do 16 de decembro de 2026, o informe de seguimento que se publica como anexo II a esta resolución.
Disposición adicional única. Participación das familias a través da modalidade telemática
As persoas electoras do censo das familias que exerzan o seu dereito de votación a través da modalidade telemática, empregando o espazo Abalar, non poderán participar na modalidade presencial para emitir unha nova votación nin rectificar a xa emitida.
Disposición derradeira. Entrada en vigor
Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 27 de agosto de 2026
Judith Fernández Novoa
Directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa
