Examinado o expediente iniciado por solicitude de Tecnorenova Solar, S.L., en relación coa autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción dunha instalación solar fotovoltaica, constan os seguintes,
Antecedentes de feito:
Primeiro. Pola Resolución do 28 de xuño de 2022, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais outorgou autorización administrativa previa e de construción da instalación solar fotovoltaica que Tecnorenova Solar, S.L. promove no concello de Vilalba.
Segundo. Pola Resolución do 24 de novembro de 2022, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais outorgou autorización administrativa de construción da modificación da instalación solar fotovoltaica denominada FV Porto Barroso, pola que se diminúe a potencia pico da instalación ata os 990 kWp e se conserva a potencia nominal inicial de 750 kW mediante un Power Plant Controller. A instalación mantense confinada na parcela e poligonal inicialmente previstas.
Terceiro. Pola Resolución do 31 de marzo de 2023, a Xefatura Territorial de Lugo outorgou autorización de explotación da instalación fotovoltaica indicada no antecedente anterior.
Cuarto. O 2.9.2025, Tecnorenova Solar, S.L. solicitou a autorización administrativa previa e de construción dunha modificación da instalación fotovoltaica de referencia, que consiste na ampliación da potencia nominal de planta de 750 kW a 990 kW, aumentando o número de módulos fotovoltaicos e reconfigurando a potencia máxima de saída dos inversores xa instalados.
Quinto. O 19.12.2025, a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático remitiu ao departamento territorial, segundo o artigo 47 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, a documentación correspondente á instalación, xunto co informe de revisión previa, para os efectos de continuar coa súa tramitación.
Sexto. O 21.1.2026, o Servizo de Enerxías Renovables e Infraestruturas de Lugo requiriulle á promotora aclarar, corrixir e completar algúns aspectos da documentación presentada para continuar coa súa tramitación. O 20.2.2026, a promotora achegou a documentación requirida.
Sétimo. Mediante o Acordo do 8 de abril de 2026, do Departamento Territorial de Lugo, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción das instalacións do proxecto de ampliación da potencia da planta solar fotovoltaica PSFV Porto Barroso a 990 kW, situadas no concello de Vilalba, promovidas por Tecnorenova Solar, S.L. (expediente FV 26/2025), que se publicou o 15.4.2026, no Diario Oficial de Galicia número 69. Durante o período de información pública non consta que se presentase ningunha alegación ao proxecto.
Oitavo. O 16.4.2026, a promotora achegou un arquivo en formato shapefile coa representación gráfica das instalacións e o 7.5.2026, presentou a documentación acreditativa da viabilidade económico-financeira para a realización do proxecto de ampliación, para os efectos do disposto no artigo 121 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.
Noveno. O 10.6.2026 e o 1.7.2026, o departamento territorial, como unidade responsable da tramitación, remitiu o expediente á dirección xeral, xunto co informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas e un resumo da tramitación realizada ata ese momento, emitidos nas mesma datas, segundo o establecido no artigo 47.5 da Lei 9/2021, do 2 de febreiro.
Décimo. En cumprimento do artigo 14.2 da Lei 2/2024, do 7 de novembro, de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia, solicitáronse os informes preceptivos das consellerías competentes en materia de economía e de ambiente para avaliar os efectos sociais e económicos contidos no estudo de impacto social e económico do proxecto. A Dirección Xeral de Patrimonio Natural emitiu informe o 19.6.2026, o Instituto de Estudos do Territorio o 19.6.2026 e o Instituto Galego de Promoción Económica o 26.6.2026. A promotora prestou a súa conformidade a todos os informes emitidos.
Décimo primeiro. A instalación fotovoltaica conta cos permisos de acceso e conexión con data do 21.12.2020 e 19.2.2026 por parte do xestor da rede para unhas potencias de 750 kW e de 240 kW, respectivamente.
Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes,
Fundamentos de dereito:
Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático é competente para resolver este expediente de conformidade co disposto no artigo 11 Decreto 137/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, na súa redacción vixente tras a modificación introducida polo Decreto 106/2025, do 11 de novembro.
Segundo. O artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, establece que a posta en funcionamento de novas instalacións de transporte, distribución, produción e liñas directas recollidas na mencionada lei ou modificación das existentes, requirirá de autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e autorización de explotación, que terán carácter regrado, correspondéndolle o seu outorgamento á Administración autonómica.
Terceiro. Na tramitación tivéronse en conta as normas de procedemento contidas na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; no Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09; no Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23; no Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión, e as súas instrucións complementarias; no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia; no Real decreto 413/2014, do 6 de xuño, polo que se regula a actividade de produción de enerxía eléctrica a partir de fontes de enerxía renovables, coxeración e residuos; e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e demais normas vixentes de aplicación.
Cuarto. A ampliación da instalación solar fotovoltaica de produción non precisa someterse a trámite de avaliación ambiental ao non atoparse entre os supostos recollidos na Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.
Quinto. No expediente administrativo, e polo que respecta á tramitación realizada polo departamento territorial, o 9.6.2026, informa favorablemente sobre o cumprimento da normativa analizada co alcance establecido ao obxecto de obter as autorizacións administrativa previa e de construción.
De acordo co exposto,
RESOLVO:
Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa á sociedade Tecnorenova Solar, S.L. (B27504604) das instalacións do proxecto de ampliación da potencia da planta solar fotovoltaica PSFV Porto Barroso a 990 kW, situadas no concello de Vilalba, promovidas por Tecnorenova Solar, S.L. (expediente FV 26/2025).
Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción á sociedade Tecnorenova Solar, S.L. (B27504604), das instalacións do proxecto de ampliación da potencia da planta solar fotovoltaica PSFV Porto Barroso a 990 kW, situadas no concello de Vilalba, promovidas por Tecnorenova Solar, S.L. (expediente FV 26/2025), segundo o proxecto de execución denominado Ampliación de potencia da planta solar fotovoltaica PSFV Porto Barroso a 990 kW Rev 1, asinado o 16.2.2026 polo enxeñeiro industrial Jorge Sanz Varea, colexiado número 2803, no Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia e visado na mesma data co número 20260344 polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia.
As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:
– Solicitante/promotora: Tecnorenova Solar, S.L. (CIF B27504604).
– Domicilio social: polígono industrial Sete Pontes; rúa Cerdeira P-A2B, 27800 Vilalba (Lugo).
– Denominación do proxecto: Ampliación de potencia da planta solar fotovoltaica PSFV Porto Barroso a 990 kW Rev 1.
– Situación: Vilalba (Lugo).
– Potencia instalada autorizada (expediente LU 2021-03): 750 kW.
– Potencia instalada despois da ampliación: 990 kW.
– Orzamento de execución material da ampliación: 28.186,7 €.
Localización da planta fotovoltaica:
|
Polígono |
Parcela |
Referencia catastral |
|
1 |
867 |
27065A111008670000K |
As principais actuacións e instalacións proxectadas son as seguintes:
– Ampliación da potencia nominal da planta fotovoltaica existente, dos 750 kW actuais ata 990 kW (1.078,55 kWp):
• Reconfiguración dos inversores 1 e 9 existentes e actualmente limitados a 60 kW, para unha potencia máxima de saída de 110 kW por inversor.
• Reconfiguración dos restantes inversores 2, 3, 4, 5, 6, 7 e 8 existentes e actualmente limitados a 90 kW, para unha potencia máxima de saída de 110 kW por inversor.
• Corenta e catro (44) módulos fotovoltaicos de 650 Wp, sobre estrutura de seguimento solar a un eixe.
• Once (11) módulos fotovoltaicos de 650 Wp, sobre estrutura prefabricada fixa de formigón con inclinación 20º sur.
• Noventa e seis (96) módulos fotovoltaicos de 550 Wp, sobre estrutura fixa prefabricada de formigón con inclinación 20º sur.
Esta autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:
1. A instalación terá que realizarse de acordo coas especificacións e cos planos que figuran no proxecto de execución referido no punto segundo da parte resolutiva desta resolución.
2. Deberá cumprirse, co que establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, o Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión, e as súas instrucións complementarias, así como a demais normativa vixente que sexa de aplicación.
3. Para introducir modificacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a previa autorización desta dirección xeral. Pola súa banda, o Departamento Territorial de Lugo poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, debendo comunicarlle a este centro directivo todas as resolucións que dite en aplicación da devandita facultade.
4. Unha vez executadas as instalacións, o titular presentará unha solicitude de autorización de explotación xunto co certificado de final de obra subscrito polo técnico facultativo competente, no que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, de acordo co establecido no artigo 53.1.c) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; e no artigo 132.1 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, ante o Departamento Territorial de Lugo, co fin de que esta proceda a efectuar a inspección da totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificar o cumprimento dos compromisos contraídos por Tecnorenova Solar, S.L. e dos condicionados impostos nesta resolución para o cal deberá achegar a documentación requirida na ITC-RAT 22 do Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23; no Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 e no Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión e as súas instrucións complementarias.
Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións da instalación.
5. De conformidade co artigo 131.10 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, o prazo para solicitar a correspondente autorización de explotación será o menor dos seguintes: a) o prazo de vinte e catro meses contados a partir da data da notificación á promotora desta resolución, ou, b) o prazo que para este proxecto resulta de aplicar o período establecido para a obtención da autorización de explotación no artigo 1 do Real decreto lei 23/2020, do 23 de xullo, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.
6. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia da persoa interesada.
7. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.
8. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 48.2 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia. De transcorrer tres meses sen que a promotora abone as taxas correspondentes a esta publicación no Diario Oficial de Galicia, entenderase paralizado o procedemento por causa imputable á promotora polo que, de acordo co artigo 95 da Lei 39/2015, se acordará o arquivo das actuacións.
Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122, da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpoñer calquera outro recurso que estimen pertinente.
Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2026
Paula Mª Uría Traba
Directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático
