A organización sindical CIG comunicou a convocatoria dunha folga os días 14, 15, 16, 17, 18, 21, 22, 23, 24 e 25 do mes de setembro para o persoal da empresa Lacera Servicios y Mantenimiento, S.A. nos seus centros de traballo das contratas de limpeza e conserxería nos centros educación infantil e primaria (CEIP) do concello de Santiago de Compostela.
A necesaria conciliación entre o exercicio do dereito constitucional de folga e o mantemento dos servizos esenciais obriga a Administración autonómica, en canto autoridade gobernativa no ámbito da educación en Galicia, a fixar uns servizos mínimos indispensables para o funcionamento dos servizos esenciais que se concretan e xustifican nesta orde respecto dos centros educativos.
O artigo 28.2 da Constitución española recoñece, como dereito fundamental da persoa, o dereito á folga. O exercicio deste dereito debe conciliarse co resto dos dereitos de carácter fundamental da cidadanía, polo que resulta imprescindible adoptar as medidas oportunas para asegurar o mantemento dos servizos esenciais da comunidade, entre os que se atopa o da educación, e esta Administración está obrigada a fixar uns servizos mínimos indispensables para o funcionamento dos servizos esenciais educativos, conforme o previsto no artigo 10.2 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo, e consonte o Decreto 155/1988, do 9 de xuño, sobre prestación de servizos esenciais en caso de folga (DOG do 20 de xuño). O artigo 3 do dito decreto faculta os conselleiros competentes, por razón dos servizos esenciais afectados, para que, mediante orde e ante cada situación de folga, determinen o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, e o persoal preciso para prestalos.
O servizo esencial da educación non pode ser reducido exclusivamente á actividade docente, xa que xunto a esta actividade se realizan outras funcións como son a vixilancia e coidado dos nenos e nenas, menores de idade, que acoden aos centros docentes públicos, así como o coidado, mantemento e vixilancia das instalacións destinadas ao servizo público educativo.
Con carácter xeral, o artigo 39 da Constitución depara unha protección especial aos menores; dun xeito máis específico, a Lei 4/2011, do 30 de xuño, de convivencia e participación da comunidade educativa, dispón no seu artigo 7 que o alumnado ten dereito a que se respecte a súa identidade, integridade e dignidade persoal, e á protección integral contra toda agresión física e moral. Polo tanto, a custodia e seguridade dos menores de idade que accedan a un centro docente, o cumprimento dos principios constitucionais mencionados e dos dereitos citados é responsabilidade ineludible da Administración educativa e parte indivisible do dereito esencial á educación. O dereito á seguridade e o correlativo deber de protección dos menores, dada a súa entidade, debe exercerse continuamente, polo que resulta preciso a presenza dun conserxe ou ordenanza durante toda a xornada lectiva, que deriva das funcións que lle competen a este tipo de persoal respecto do coidado e vixilancia das instalacións e do control de entrada e saída do centro educativo, tanto para evitar a entrada de persoas alleas ao centro como para evitar a saída dos menores de idade cando non corresponda.
O artigo 43.1 da Constitución recoñece o dereito á protección da saúde, mentres que o punto 2 dese artigo sinala que lles compete aos poderes públicos organizar e tutelar a saúde pública a través de medidas preventivas. Se isto é común para todos os cidadáns, a Convención das Nacións Unidas sobre os Dereitos dos Nenos, ratificada polo Reino de España mediante Instrumento do 30 de novembro de 1990, recolle, no seu artigo 24, o dereito de que as nenas e nenos gocen do máis alto nivel posible de saúde, para o que son elementos fundamentais a hixiene, o saneamento ambiental e as medidas preventivas de accidentes.
Garantir o dereito á saúde do alumnado e tamén dos traballadores non afectados pola folga, implica fixar uns servizos mínimos que, sen alcanzar os niveis normais de actividade, resultan necesarios nun contexto de edificios, os centros educativos, aos que acoden numerosas persoas todos os días, entre as cales se atopa alumnado menor de idade, que permanecen neses centros durante un tempo prolongado, o que xera un uso intenso das instalacións hixiénico-sanitarias como baños e aseos, tamén residuos orgánicos, cuxa retirada é ineludible para evitar pragas, focos de infección e propagación de xermes. Desde logo, non fixar servizos mínimos suporía poñer en perigo a saúde e mesmo, se acaso, a vida dos usuarios dos centros educativos.
De conformidade coa normativa citada e cos argumentos expostos, e coa conformidade do Comité de folga
DISPOÑO:
Artigo 1
Terán a consideración de servizos mínimos para o persoal de limpeza da empresa Lacera Servicios y Mantenimiento, S.A., que desenvolven o seu traballo nos centros educativos sitos no concello de Santiago de Compostela, a limpeza en días alternos dos baños e aseos, así como a retirada de residuos orgánicos, a limpeza en días alternos dos comedores (se esta actividade a realiza o persoal afectado pola folga); neses días alternos, unha vez por semana, deberá procederse ao varrido e fregado da aulas e do mobiliario (mesas e cadeiras), así como á limpeza das zonas comúns. Estas tarefas serán realizadas polo 30 % do persoal asignado a cada centro (mínimo 1 persoa), durante o tempo mínimo imprescindible para iso e sen que en ningún caso leve consigo unha xornada superior á habitual diaria.
Artigo 2
Terán a consideración de servizos mínimos para o persoal de conserxería da empresa Lacera Servicios y Mantenimiento, S.A., que desenvolven o seu traballo nos centros educativos sitos no concello de Santiago de Compostela, a presenza dun conserxe ou ordenanza durante o período de tempo que o centro docente estea aberto para as actividades lectivas.
Artigo 3
A designación nominal do persoal que deberá cubrir os distintos servizos relacionados nos artigos anteriores farase polos responsables da empresa Lacera Servicios y Mantenimiento, S.A., que llo notificarán ao persoal designado e o publicarán no taboleiro de anuncios dos centros educativos afectados pola folga.
Disposición derradeira
Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2026
Román Rodríguez González
Conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
