Eu, María Concepción Vázquez Rodríguez, letrada da Administración de xustiza da Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, fago saber que no procedemento de impugnación de convenios 28/2024 deste tribunal, seguido a instancia da asociación empresarial Asempleo sobre impugnación de convenio, foi ditada Sentenza con data do 18.3.2025, a cal é firme, e cuxa dispositiva di literalmente:
«Que desacollendo a excepción de falta de lexitimación activa formulada polo letrado Manoel Anxo García Torres, na representación que ten acreditada do sindicato Confederación Intersindical Galega (CIG), á que se adheriu a letrada Verónica González Borrajeros, na representación que ten acreditada do sindicato Central Sindical Independiente y de Funcionarios (CSIF), e acollendo a demanda formulada polo letrado Alfredo Briales Porcioles, na representación que ten acreditada de Asempleo, Asociación de Agencias de Empleo y Empresas de Trabajo Temporal, fronte á Xunta de Galicia, ao sindicato Confederación Intersindical Galega (CIG), ao sindicato Unión General de Trabajadores (UGT), que non compareceu, e ao sindicato Central Sindical Independiente y de Funcionarios (CSIF), en procedemento en materia de impugnación de convenio colectivo, con intervención do Ministerio Fiscal, debemos declarar e declaramos a nulidade do artigo 7.5.b.b).1, parágrafo segundo, do V Convenio colectivo para o persoal laboral da Xunta de Galicia, publicado no DOG número 213 do 3 de novembro de 2008, co seguinte texto: «Para a contratación deste persoal laboral non poderá acudirse ás empresas de traballo temporal».
Comuníquese a sentenza á autoridade laboral e publíquese no Diario Oficial de Galicia (DOG).
Esta sentenza será executiva desde o momento en que se dita, non obstante o recurso que contra a mesma se puidese interpoñer.
Así, por esta nosa sentenza, o pronunciamos, mandamos e asinamos».
A Coruña, 7 de setembro de 2026
A letrada da Administración de xustiza
