Expediente: IN407A 2025/101-4.
Promotora: Acuaes (Aguas de las Cuencas de España, S.A.).
Denominación: LMTS, CS EDAR Paxariñas.
Concello: Sanxenxo.
Feitos:
1. O 9.5.2025, a empresa Acuaes solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da instalación eléctrica denominada LMTS, CS EDAR Paxariñas.
A solicitude inclúe o proxecto de execución asinado polo enxeñeiro técnico industrial Luis A. Tizón Cabaleiro, colexiado 2449 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Vigo, e contén un orzamento total de 84.062,53 euros.
Logo de examinar o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade subministrar a nova estación depuradora de augas residuais (EDAR) Paxariñas no lugar de Paxariñas-Adina, 43, no concello de Sanxenxo. Para isto están previstas as seguintes actuacións:
– Centro de seccionamento prefabricado, compacto, de superficie, manobra exterior, equipado cunha cela compacta, con tres funcións de liña (unha de entrada desde o novo apoio de UFD Distribución Electricidad, S.A. e dúas de saída de liña ao CD Cativelos 36CET2 e ao CT 1.000 kVA EDAR) e unha cela de protección con fusibles de transformador para alimentación dos servizos auxiliares do propio centro de seccionamento.
– Proxéctase unha liña de media tensión subterránea de 114 metros con orixe no apoio que vai instalar UFD Distribución Electricidad, S.A. e o centro de seccionamento proxectado.
Estas instalacións eléctricas, unha vez rematadas e antes da súa posta en servizo, serán obxecto de cesión á empresa distribuidora da zona, neste caso UFD Distribución Electricidad, S.A.
2. Este departamento territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Sanxenxo e o Instituto de Estudos do Territorio. A empresa manifestou a súa conformidade co condicionado emitido polo Concello de Sanxenxo.
O Instituto de Estudos do Territorio non emitiu o condicionado técnico, polo que se entende, en consecuencia, a súa conformidade coa autorización de construción da devandita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar.
3. O 21.8.2025, os servizos técnicos deste departamento territorial emitiron un informe favorable ás autorizacións administrativas previa e de construción da instalación eléctrica LMTS, CS EDAR Paxariñas.
Consideracións legais e técnicas:
1. O Departamento Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio) e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).
2. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:
– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.
– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.
– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:
– Liña de media tensión subterránea (LMTS) a 20 kV, con condutor RHZ1 2OL 12/20 kV 3×240 Al, de 114 metros de lonxitude, con orixe no apoio proxectado C-2000/12 na LMTA VLG804, mediante un paso aéreo subterráneo, e final no centro de seccionamento proxectado.
– Centro de seccionamento con cela compacta con tres funcións de liña, dúas telecontroladas e unha de protección e cunha cuarta cela para servizos auxiliares (3L1P SSAA 2TC+TT).
A instalación está situada Paxariñas, Adina 43, no municipio de Sanxenxo (Pontevedra).
Conforme o indicado,
RESOLVO:
Outorgarlle á empresa Acuaes as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMTS, CS EDAR Paxariñas, expediente IN407A 2025/101-4.
Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada e de acordo coas seguintes condicións:
1. As características da instalación axustaranse en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e aos condicionados técnicos impostos polas administracións públicas, organismos ou empresas que presten servizos públicos ou de interese económico xeral, no relativo aos bens e dereitos da súa propiedade que se atopen afectados pola instalación, en especial os relativos ás distancias de seguridade, cruzamentos e paralelismos prescritos pola normativa vixente.
2. A empresa promotora asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.
3. En todo momento se deberán cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. En todo caso, deberanse respectar os prazos establecidos no artigo 13.9 do Regulamento (UE) 2024/573 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de febreiro, sobre os gases fluorados de efecto invernadoiro, polo que se modifica a Directiva (UE) 2019/1937 e se derroga o Regulamento (UE) 517/2014 (DOUE núm. 573, do 20 de febreiro), sobre prohibicións para a posta en funcionamento de aparellaxe eléctrica que empregue gases fluorados de efecto invernadoiro ou cuxo funcionamento dependa deles, nun medio illante ou de rotura.
5. Unha vez constituídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación perante este departamento territorial acompañada da seguinte documentación:
– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.
– Un certificado da dirección final de obra subscrito por unha técnica ou un técnico facultativo competente no que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas na autorización de construción, así como coas prescricións da regulamentación técnica de aplicación á materia, segundo a Lei 9/2021, do 25 de febreiro. Este certificado debe cumprir co establecido na Resolución do 12 de xuño de 2025 da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas, pola que se aproba o modelo oficial de certificado de instalación eléctrica en alta tensión, publicada no DOG do 24.6.2025 e na Instrución 5/2012, do 15 de novembro, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas sobre os criterios que se van aplicar para exixir visado colexial en materias de industria e enerxía.
– Contrato de cesión entre Acuaes (promotora) e UFD Distribución Electricidad, S.A. (a entidade de transporte e distribución de enerxía eléctrica).
– Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.
O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo da audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.
Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada perante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.
Pontevedra, 13 de xaneiro de 2026
Beatriz López del Olmo
Directora territorial de Pontevedra
