De conformidade co establecido no artigo 6.1 do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, poderán presentarse novas solicitudes para incorporarse ás listas cando se publique a resolución de apertura do prazo de presentación de solicitudes por parte da dirección xeral competente en materia de función pública, dentro do período que esta estableza.
Por outra banda, no Diario Oficial de Galicia do 23 de xuño de 2017 publicouse o Acordo de modificación do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, e no anexo II-A do convenio incluíronse dúas categorías de nova creación, a de xerocultor ou xerocultora (IV-43) e a de persoal de servizos xerais (IV-44), para cumprir co Acordo asinado o 21 de febreiro de 2017 e publicado no Diario Oficial de Galicia núm. 124, do 30 de xuño, entre a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais CIG, CC.OO. e UGT, de integración do persoal do consorcio no devandito convenio.
A creación destas categorías fixo necesaria a elaboración de listas para a cobertura temporal destes postos de traballo. Polo tanto, mediante a Resolución do 7 de marzo de 2019, da Dirección Xeral da Función Pública, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 54, do 18 de marzo, acordouse a apertura de novas listas para a incorporación de solicitudes para a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia do grupo IV, categorías profesionais 43 (xerocultor/a) e 44 (persoal de servizos xerais), e estableceuse o prazo de presentación de instancias desde o 19 de marzo ata o 30 de abril de 2019.
Mediante a Resolución do 28 de novembro de 2019, da Dirección Xeral da Función Pública (DOG núm. 232, do 5 de decembro), publicáronse as listas provisionais para a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia do grupo IV, categorías profesionais 43 (xerocultor/a) e 44 (persoal de servizos xerais), e concedéuselles ás persoas interesadas un prazo de dez días para formular reclamacións contra as listas provisionais.
A sentenza firme do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Santiago de Compostela, do 3 de decembro de 2019 (PA número 274/2019), confirmada pola sentenza da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza do 28 de outubro de 2020, estimou o recurso contencioso-administrativo interposto pola Central Sindical Independente e de Funcionarios (CSIF), e anulou e deixou sen efecto a citada Resolución do 7 de marzo de 2019, da Dirección Xeral da Función Pública.
Por outra banda, a Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia (DOG núm. 82, do 4 de maio), creou no corpo auxiliar de Administración xeral a escala de persoal de servizos xerais (PSX) e, no corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial de Administración xeral, a escala de xerocultor ou xerocultora.
Así mesmo, o Decreto 165/2019, do 26 de decembro, polo que se establece o procedemento para a adquisición da condición de persoal funcionario de carreira polo persoal laboral fixo do Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia (DOG núm. 2, do 3 de xaneiro), estableceu a equivalencia entre a categoría profesional 43 do grupo IV de persoal laboral e a escala de xerocultor ou xerocultora e entre a categoría profesional 44 do grupo IV e a escala de persoal de servizos xerais (PSX).
Polo anterior, en cumprimento e execución das mencionadas sentenzas, mediante a Resolución do 23 de novembro de 2021 da Dirección Xeral da Función Pública, publicada en el Diario Oficial de Galicia núm. 229, do 29 de novembro, acordouse a apertura de novas listas para a incorporación de solicitudes para o nomeamento de persoal funcionario interino do corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de persoal de servizos xerais (PSX), e do corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de xerocultor ou xerocultora (subgrupo C2).
No apartado cuarto da devandita resolución dispoñíase que o prazo para presentar as instancias comezaría o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e remataría o 20 de decembro de 2021, de acordo co establecido no artigo 6.1 do Decreto 37/2006.
Unha vez finalizado este prazo, examináronse as instancias presentadas coa finalidade de comprobar a concorrencia dos requisitos exixidos e de valorar os méritos alegados polas persoas interesadas.
Logo de concluír os anteriores traballos e despois de elaborar e aprobar as listaxes correspondentes, a Comisión Permanente, de acordo co establecido no artigo 4 do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, acordou elevar á titular da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal as listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
De conformidade co que establece o artigo 11 do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, esta dirección xeral
RESOLVE:
Primeiro. Facer públicas as listas provisionais para a cobertura con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario do corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de persoal de servizos xerais (PSX) (subgrupo C2), e do corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de xerocultor ou xerocultora (subgrupo C2).
Nestas listas provisionais tamén figuran as persoas que solicitaron a inclusión nas listas para a contratación temporal das categorías profesionais 43 (xerocultor/a) e 44 (persoal de servizos xerais) do grupo IV de persoal laboral, ao abeiro da Resolución do 7 de marzo de 2019 (DOG núm. 54, do 18 de marzo).
Segundo. As listas poderán consultarse no portal web corporativo da Xunta de Galicia, http://funcionpublica.xunta.gal, no apartado Listas de contratación, e no Servizo de Atención e Información á Cidadanía a través do teléfono 012.
Nas devanditas listas figura a seguinte información:
– Persoas solicitantes admitidas na lista, con indicación da puntuación provisional resultante da aplicación do baremo establecido no artigo 9 do Decreto 37/2006.
– Persoas solicitantes excluídas, con indicación da causa de exclusión.
Terceiro. As persoas interesadas disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para presentar reclamacións ante a Comisión Permanente (Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, Consellería de Facenda e Administración Pública, Edificio administrativo de San Caetano, s/n, Santiago de Compostela) en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
As persoas integrantes das listas que na súa solicitude de inclusión autorizasen expresamente ou non se opuxesen á consulta dalgúns datos pola Administración, e que figuren excluídas nestas listas provisionais por causas relacionadas coa imposibilidade material da obtención dos devanditos datos, deberán achegar, para acreditar que cumpren os requisitos exixidos, no indicado prazo de dez días concedido para formular reclamación contra as listas provisionais, unha copia auténtica da documentación respecto á cal non foi posible obter datos ao realizar a consulta.
Coas referidas reclamacións achegarase, de ser o caso:
– A documentación precisa para emendar a causa de exclusión.
– Unha certificación de servizos prestados na Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou en entidades públicas instrumentais do sector público autonómico incluídas no artigo 45.a) da Lei 16/2010, do 17 de decembro, no mesmo grupo, categoría, corpo ou escala, nos termos previstos nos artigos 9 do Decreto 37/2006, segundo o modelo que figura como anexo I desta resolución. A certificación será expedida polas unidades seguintes:
– Servizos centrais:
Secretario/a xeral técnico/a, subdirector/a xeral ou xefe/a de servizo que teñan atribuídas funcións en materia de xestión de persoal, dependentes da secretaría xeral técnica da consellería respectiva ou do ente público instrumental onde estea a prestar servizos ou onde os prestase por última vez.
– Servizos periféricos:
Directores/as territoriais ou funcionarios/as responsables da área de persoal dos departamentos territoriais da consellería ou do ente público instrumental onde preste servizos ou onde os prestase por última vez.
No suposto de que algunha das persoas solicitantes provisionalmente excluída non presente a documentación necesaria para emendar a causa de exclusión, confirmarase a súa exclusión definitiva.
Cuarto. A partir da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, tanto as persoas solicitantes provisionalmente admitidas como as provisionalmente excluídas poderán presentar unha solicitude de suspensión de chamamentos, de conformidade co establecido no artigo 15.2. do Decreto 37/2006.
O modelo de solicitude encóntrase á disposición das persoas interesadas no portal web corporativo da Xunta de Galicia (http://funcionpublica.xunta.gal), no apartado Listas de contratación.
Unha vez transcorrido o prazo para formular alegacións, levaranse a efecto as emendas procedentes e publicaranse as listas definitivas no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2026
Nuria Aguilar Vázquez
Directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal
