A Lei 6/2023, do 2 de novembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, atribúelle á Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia os valores, diñeiro e demais bens mobles depositados na Caixa Xeral de Depósitos e en entidades de crédito, sociedades ou axencias de valores ou calquera outra entidade financeira establecida en Galicia, así como os saldos de contas correntes, libretas de aforro ou outros instrumentos similares abertos nestes establecementos, con respecto aos cales as persoas interesadas non realizaron ningunha xestión que implique o exercicio do seu dereito de propiedade no prazo de vinte anos.
No artigo 89.4 da mencionada lei establécese que as entidades depositarias estarán obrigadas a comunicarlle á consellería competente en materia de tesouraría a existencia de tales depósitos e saldos na forma que se determine mediante orde da persoa titular da dita consellería.
O obxecto desta norma é aprobar o modelo da comunicación, así como a forma, prazos, as condicións e o procedemento de comunicación por parte das entidades de crédito, sociedades ou axencias de valores, ou calquera outra entidade financeira ou depositante establecida en Galicia, dos saldos, depósitos e bens mobles abandonados que lle corresponden á Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.
O Decreto 141/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda e Administración Pública, sinala que esta é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal lle corresponden as competencias e funcións que en materia de facenda e de función pública se establecen no Estatuto de autonomía, e que as competencias en materia de tesouraría as exerce a Secretaría Xeral Técnica e do Tesouro, e as de patrimonio, a Dirección Xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio.
Esta orde está composta de nove artigos, divididos en tres capítulos, dúas disposicións adicionais, unha disposición transitoria e tres disposicións derradeiras. O primeiro capítulo regula as disposicións xerais e establece o obxecto, ámbito de aplicación e a obriga de comunicación dos saldos e depósitos abandonados. O capítulo II, relativo ao procedemento de presentación, desenvolve tamén a forma, o prazo e o lugar de presentación da comunicación, e o capítulo III, sobre as actuacións no procedemento, refírese tanto ás actuacións das entidades financeiras como da Administración.
Mención especial debe facerse da disposición adicional segunda que, seguindo a interpretación realizada polo Estado –particularmente no seu Real decreto 467/2006, do 21 de abril, polo que se regulan os depósitos e consignacións xudiciais en metálico, de efectos ou valores–, baixo a lexitimación da normativa relativa aos fondos e depósitos abandonados, que no caso de Galicia se concreta no sinalado artigo 89 da Lei 6/2023, prevé a atribución á Comunidade Autónoma tamén dos saldos renunciados e dos fondos abandonados na tramitación de procedementos xudiciais nos xulgados e tribunais localizados en Galicia.
Esta norma responde aos principios de boa regulación previstos na normativa vixente. Así, a orde atende aos principios de eficacia, xerarquía, descentralización, desconcentración e coordinación que, de conformidade co disposto no artigo 103.1 da Constitución española, deben presidir a actuación administrativa, e adecúase aos principios de necesidade, eficacia, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia e eficiencia que establece o artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e aos principios de simplicidade e accesibilidade recollidos tamén no artigo 37 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico.
Deste xeito, en aplicación dos principios de necesidade e eficacia, a norma persegue un interese xeral por canto desenvolve o mandato legal contido no artigo 89.4 da Lei 6/2023, do 2 de novembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, establecendo o procedemento para que as entidades de crédito, sociedades ou axencias de valores ou calquera outra entidade financeira establecida en Galicia lle comunique á Administración autonómica a existencia dos saldos e depósitos abandonados. En cumprimento, ademais, dos principios de accesibilidade, de transparencia e de proporcionalidade, identifícanse claramente os obxectivos perseguidos coa norma e esta é o instrumento máis adecuado para conseguilos ao conter a regulación imprescindible para atender a necesidade referida. En aplicación do principio de eficiencia, a norma racionaliza a xestión dos recursos públicos e, en virtude dos principios de simplicidade e de seguridade xurídica, a norma garda coherencia co resto do ordenamento xurídico ao recoller as modificacións necesarias, ser a canle adecuada para facelo e xerar un marco normativo estable, predicible, integrado, claro e certo, co obxectivo de que sexan fáciles o seu coñecemento e a súa comprensión.
O texto da orde foi sometido ao trámite de audiencia pública coas entidades financeiras regulado no artigo 42.3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. Así mesmo, conta con todos os informes preceptivos, incluídos o informe tecnolóxico-funcional da Dirección Xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, o informe da Dirección Xeral de Orzamentos e Financiamento Autonómico e o informe da Asesoría Xurídica.
Como consecuencia, por proposta dos centros directivos competentes en materia de tesouraría e de patrimonio, no exercicio das facultades outorgadas polo artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, cos informes preceptivos e de acordo co Consello Consultivo de Galicia,
ACORDO:
CAPÍTULO I
Disposicións xerais
Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación
1. De acordo co artigo 89.4 da Lei 6/2023, do 2 de novembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, esta orde ten por obxecto regular a forma, os prazos, as condicións e o procedemento de comunicación por parte das entidades de crédito, sociedades ou axencias de valores, ou calquera outra entidade financeira establecida en Galicia, dos saldos, depósitos e bens mobles abandonados que lle corresponden á Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, entendendo por tales os depósitos e contas correntes en efectivo, os valores e os bens mobles abandonados que poidan estar depositados con base nun contrato de servizo de caixa de seguridade.
2. Así mesmo, habilítase o citado procedemento de comunicación na Guía de procedementos e servizos, co código de procedemento FA700B, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, e apróbase o modelo de comunicación única por entidade en formato electrónico que aparece como anexo I nesta orde.
Artigo 2. Obriga de comunicación
1. As entidades financeiras cumprirán coa obriga de presentar a comunicación á cal se refire o artigo 89.4 da Lei 6/2023, do 2 de novembro, mediante a presentación dunha comunicación única por entidade (anexo I), cuxo modelo se aproba como anexo I nesta orde, que comprenderá os saldos, depósitos e bens mobles abandonados en calquera das súas oficinas ou sucursais que operen no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e con respecto aos cales se cumprisen o prazo e as circunstancias establecidos no artigo 89.1 da Lei 6/2023, do 2 de novembro, dentro do exercicio do ano anterior. No caso dos bens mobles, a comunicación comprenderá os contratos de depósito de valores, de depósito de bens mobles, de servizo de caixa de seguridade ou similares aos anteriores.
2. A comunicación recollerá unha mención expresa de que, sobre os saldos, depósitos ou os bens mobles existentes en caixas de seguridade incursos en presunción de abandono, as persoas interesadas non realizaron ningunha xestión que implique o exercicio do seu dereito de propiedade no prazo de vinte anos, así como a indicación de que se realizou a notificación previa á que refire o artigo 7 ou, de ser o caso, os motivos polos cales esta non se realizou.
3. No caso de non existiren saldos, depósitos ou bens mobles abandonados, indicarase esta circunstancia no modelo de comunicación.
4. O centro directivo competente en materia de tesouraría remitiralle unha copia das comunicacións presentadas ao competente en materia de patrimonio para os efectos do previsto no artigo 89.3 da Lei 6/2023, do 2 de novembro.
CAPÍTULO II
Procedemento de comunicación
Artigo 3. Forma, lugar e prazo de presentación da comunicación
1. A comunicación presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades financeiras interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Esta comunicación realizarase indicando no modelo o tipo de ben incurso en presunción de abandono. Xunto coa comunicación achegarase o ficheiro externo no formato que se determine no modelo de comunicación publicado na sede electrónica da Xunta de Galicia e co contido sinalado no artigo seguinte. Unha vez incorporados os datos tras a transmisión do arquivo, mostrarase a comunicación cos datos transmitidos en pantalla.
2. A presentación da comunicación deberá realizarse dentro do primeiro trimestre natural de cada ano e irá dirixida ao centro directivo competente en materia de tesouraría.
3. Non obstante, na sede electrónica da Xunta de Galicia permanecerá aberta a posibilidade de presentar a comunicación desde a entrada en vigor desta orde. Sen prexuízo do anterior, a presentación fóra do prazo establecido no número dous deste artigo poderá dar lugar á responsabilidade da entidade comunicante, nos termos do previsto no artigo 232.2.m) da Lei 6/2023, do 2 de novembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.
Artigo 4. Documentación complementaria
1. Coa comunicación a que se refire esta orde, as entidades financeiras achegarán un ficheiro co formato que se determine no modelo de comunicación publicado na sede electrónica da Xunta de Galicia e nel deben incluírse, segundo o tipo de saldo ou ben moble abandonado, os datos que se indican nos seguintes puntos.
2. No caso de depósitos e contas correntes en efectivo, o ficheiro recollerá os seguintes datos:
a) Código conta corrente ou depósito en efectivo.
b) Identificación da persoa depositante ou titular da conta: nome, apelidos ou razón social e NIF.
c) Data da última operación en conta ou data de constitución do depósito, que será anterior ao primeiro de xaneiro do ano actual menos vinte anos, e saldo nesta data.
d) Importe do depósito ou saldo da conta, en euros.
e) Indicación da realización e da data da notificación previa prevista no artigo 7 desta orde ou, no seu caso, os motivos polos cales esta non se realizou.
3. No caso de valores negociables, valores negociables de débeda pública e resto de instrumentos financeiros regulados no artigo 2 da Lei 6/2023, do 17 de marzo, dos mercados de valores e dos servizos de investimento ou norma que a substitúa, o ficheiro recollerá os seguintes datos:
a) Tipo de instrumento financeiro.
b) Código conta valores.
c) Identificación da persoa depositante: nome e apelidos ou razón social e NIF.
d) Data da última operación, que será anterior ao primeiro de xaneiro do ano actual menos vinte anos.
e) Entidade emisora.
f) Número de identificación fiscal da entidade emisora (campo obrigatorio salvo na sección III, Resto de valores e títulos valores).
g) Número de títulos depositados.
h) Valor nominal unitario.
i) Cotización media.
4. No caso de depósitos en bens mobles ou caixas de seguridade abandonados, o ficheiro recollerá os seguintes datos:
a) Código de identificación do contrato de depósito.
b) Identificación da persoa depositante: nome e apelidos ou razón social e NIF.
c) Oficina ou sucursal en que se encontra o depósito.
d) Data do último acceso.
5. Esta documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das entidades financeiras interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
Artigo 5. Trámites administrativos posteriores
Todos os trámites administrativos que as entidades financeiras interesadas deban realizar tras a presentación da comunicación deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da entidade interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 6. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás entidades financeiras interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na comunicación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as entidades financeiras interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das entidades interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
CAPÍTULO III
Actuacións no procedemento
Artigo 7. Actuacións das entidades financeiras
1. As entidades financeiras, para os efectos de formularen a comunicación a que se refire o artigo 2, realizarán todas as actuacións que sexan necesarias coa finalidade de comprobar e garantir que non se realizou ningunha xestión que implique o exercicio do dereito de propiedade sobre os saldos, depósitos e bens mobles baixo a súa custodia.
2. Coa finalidade de que a persoa titular dos saldos, depósitos e bens mobles poida reivindicar o seu dereito a dispor deles, a entidade financeira comunicante deberá efectuarlle, polo menos tres meses antes do transcurso do prazo que se indica no artigo 89 da Lei 6/2023, do 2 de novembro, unha notificación, a cargo daquel, mediante burofax ou medio análogo de custo non superior e equivalente eficacia, que acredite a realización da comunicación e o seu contido. Non procederá efectuala cando o seu custo supere o importe dos saldos, depósitos e bens mobles incursos en presunción de abandono.
A mencionada notificación dirixirase ao enderezo da persoa titular que conste na entidade financeira comunicante, coa advertencia de que non efectuou ningunha xestión sobre tal saldo, depósito e ben moble, así como o prazo que resta para que acade a condición de abandonado.
3. As entidades que presentasen a comunicación quedarán obrigadas a facilitarlles ás persoas titulares dos saldos, depósitos e bens mobles, ou aos seus ou súas habentes causa, se así o solicitasen, certificación de que aqueles se lle entregaron á Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, con indicación expresa da data da súa comunicación.
Artigo 8. Resolución respecto ao saldo en depósitos e contas correntes en efectivo
1. Á vista da comunicación recibida e dos demais antecedentes que se considere necesario requirirlle á entidade financeira que presentou a comunicación, a persoa titular do centro directivo competente en materia de tesouraría adoptará a resolución que declare, se procede, abandonados e incorporados ao patrimonio da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia o saldo en depósitos e contas correntes en efectivo.
2. Esta resolución notificaráselle á entidade financeira que presentou a comunicación. Na dita notificación cursaranse as oportunas instrucións para o ingreso no Tesouro da Comunidade Autónoma de Galicia dos saldos en depósitos e contas correntes en efectivo, e deberáselle remitir o xustificante correspondente ao centro directivo competente en materia de tesouraría.
Artigo 9. Resolución respecto ao resto dos bens e depósitos
1. Á vista da comunicación recibida e dos demais antecedentes que se considere necesario requirirlle á entidade financeira comunicante, a persoa titular do centro directivo competente en materia de patrimonio adoptará a resolución que declare, se procede, abandonados e incorporados ao patrimonio da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia os bens mobles en depósito ou en custodia en caixas de seguridade ou noutros contratos semellantes, así como, en todo caso, os saldos restantes aos previstos no número 1 do artigo 8.
2. Esta resolución notificaráselle á entidade financeira que presentou a comunicación, indicando as oportunas instrucións sobre as actuacións que deba realizar respecto dos correspondentes saldos, depósitos ou bens mobles, entre as cales se poderán incluír as seguintes:
a) A transferencia dos valores e demais instrumentos financeiros á conta de valores da Xunta de Galicia que se lle designe.
b) No caso doutros bens mobles, a designación de dous representantes do órgano directivo competente en materia de patrimonio que concertarán o acto de entrega dos bens ou de apertura das caixas de seguridade en que se custodien, que se realizará nun prazo non superior a un mes, e levantarase a acta dos bens depositados ou custodiados que se recepcionen.
Disposición adicional primeira. Caixa Xeral de Depósitos
Os depósitos en presunción de abandono na Caixa Xeral de Depósitos rexeranse polo réxime previsto na súa normativa específica.
Disposición adicional segunda. Conta de saldos renunciados e fondos provisionalmente abandonados en xulgados e tribunais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia
1. O órgano directivo competente en materia de tesouraría habilitará unha conta específica para saldos renunciados e fondos provisionalmente abandonados en xulgados e tribunais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do disposto no artigo 89 da Lei 6/2023, do 2 de novembro, sen prexuízo das competencias estatais en materia de Administración de Xustiza.
2. En canto ás cantidades que se van ingresar na citada conta, prazos e procedemento seguirase o establecido no artigo 14 do Real decreto 467/2006, do 21 de abril, polo que se regulan os depósitos e consignacións xudiciais en metálico, de efectos ou valores, ou normativa que a substitúa, no que resulte aplicable.
3. Transcorrido o prazo para que os fondos desta conta se consideren abandonados polas persoas titulares, o órgano directivo competente en materia de tesouraría ordenará o seu ingreso no Tesouro da Comunidade Autónoma, logo do seu anuncio de prescrición de depósitos a favor da Comunidade Autónoma, que se publicará no taboleiro de edictos único do Boletín Oficial del Estado, no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da consellería competente en materia de facenda.
4. O órgano directivo competente en materia de patrimonio solicitará ao órgano competente da Administración xeral do Estado a identificación daqueles fondos provisionalmente abandonados que, estando no seu poder, vaian acadando o prazo de prescrición do citado artigo 89 da Lei 6/2023, do 2 de novembro, que pertenzan á Comunidade Autónoma de Galicia, para o seu ingreso no Tesouro.
Disposición transitoria única. Réxime transitorio
As comunicacións pendentes de realizar desde o 3 de decembro de 2023, data de entrada en vigor da Lei 6/2023, do 2 de novembro, que foi o 12 de decembro de 2023, efectuaranse con suxeición a esta norma e deberán presentarse no prazo tres meses, que se contarán a partir do día seguinte ao da entrada en vigor desta orde. Deberá facerse unha comunicación por cada ano.
Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento
Autorízanse as persoas titulares dos centros directivos competentes en materia de tesouraría e do patrimonio para aprobaren, no marco das súas respectivas competencias, as instrucións necesarias para a aplicación desta orde.
Disposición derradeira segunda. Actualización dos modelos normalizados
De conformidade coa disposición adicional sexta da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, o modelo normalizado aplicable na tramitación do procedemento regulado nesta disposición poderá ser actualizado co fin de mantelo adaptado á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación do modelo actualizado na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estará permanentemente accesible para todas as entidades financeiras interesadas, sen que sexa necesaria unha nova publicación no Diario Oficial de Galicia.
Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2026
Miguel Corgos López-Prado
Conselleiro de Facenda e Administración Pública
