Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Rodosa Collection, aprécianse os seguintes feitos e fundamentos de dereito:
Feitos:
1. O 13 de xullo de 2026, a Fundación Rodosa Collection presentou unha solicitude de clasificación, declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.
2. Esta fundación constituíuna Talleres Rodosa, S.L.U., mediante unha escritura pública outorgada o 9 de xullo de 2026 perante o notario de Vigo, Javier Fernández Rodríguez, co número de protocolo 2140.
3. A Fundación, consonte o artigo 6 dos seus estatutos, ten por obxecto: «A conservación, investigación, documentación, restauración e difusión histórica de vehículos, arquivos, patrimonio industrial e legado cultural das marcas Renault e Alpine, en todas as súas manifestacións».
4. Na escritura de constitución da fundación constan os aspectos relativos á identidade da fundadora, a súa capacidade para constituíla, a súa vontade de facelo como de interese galego conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, a dotación, os estatutos e a composición do padroado inicial.
5. Nos estatutos da fundación constan a súa denominación, o seu enderezo, o seu obxecto e finalidade, as regras para a aplicación das rendas aos fins fundacionais e para a determinación dos/das beneficiarios/as, a composición e as normas de funcionamento do padroado, e as causas de disolución e o destino dos bens e dereitos resultantes da súa liquidación.
6. O padroado inicial da fundación está formado por Talleres Rodosa, S.L.U. (representada por Prudencio Romero Revuelta) como presidente, e David Antonio Romero Pereira e Pablo Romero Pérez, como vogais.
Este padroado estará asistido por Ana Belén Álvarez Almeida, en calidade de secretaria non patroa, con dereito a voz pero non a voto.
7. A Comisión integrada polos/as secretarios/as xerais técnicos/as de todas as consellerías elevou ao conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes a proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Rodosa Collection, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e segundo establecen os artigos 47.2 da citada lei, 51 do Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, e 7 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, o protectorado será exercido polo departamento da Xunta de Galicia que teña atribuídas as competencias correspondentes aos fins fundacionais.
8. De conformidade coa citada proposta, pola Orde da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes do 18 de setembro de 2026 (Diario Oficial de Galicia núm. 184, do 28 de setembro) clasificouse de interese cultural a Fundación Rodosa Collection, e adscribiuse á Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.
Fundamentos de dereito:
1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.
2. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 146/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude (DOG núm. 101, do 27 de maio), corresponde a esta consellería a declaración de interese galego mediante unha resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Rodosa Collection, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.
Á vista do que antecede e tendo en consideración o establecido na normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, e nas demais normas de xeral e pertinente aplicación, en uso das competencias atribuídas polo Decreto 146/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude,
RESOLVO:
Primeiro. Declarar de interese galego a Fundación Rodosa Collection.
Segundo. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, Sección da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
Terceiro. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, no Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, e na demais normativa de aplicación e, especialmente, ás obrigas de dar publicidade suficiente dos seus obxectivos e actividades, da ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como á de presentación anual da documentación contable e do plan de actuación ante o protectorado.
Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse un recurso de alzada ante o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, de acordo co sinalado nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2026
Elvira María Casal García
Secretaria xeral técnica da Consellería de Cultura,
Lingua e Xuventude
