Primeiro. Mediante a Orde do 8 de xullo de 2025 (DOG núm. 130, do 9 de xullo) a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración estableceu as bases reguladoras para o período 2025-2027 e realizou a primeira convocatoria de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva para o financiamento de accións formativas do Sistema de formación profesional dos graos A, B e C, para persoas traballadoras desempregadas, para os anos 2025-2026.
A través da Orde do 29 de decembro de 2025 (DOG núm. 7, do 13 de xaneiro de 2026) modificouse parcialmente a Orde do 8 de xullo de 2025 e procedeuse á segunda convocatoria de subvencións para os exercicios 2026 e 2027.
Posteriormente, mediante a Orde do 13 de marzo de 2026 (DOG núm. 53, do 20 de marzo) publicouse a ampliación de crédito da Orde do 29 de decembro de 2025.
Segundo. No artigo 4 da Orde do 29 de decembro de 2025 recóllese o financiamento das axudas previstas con cargo ás aplicacións orzamentarias 14.03.323A.460.1, 14.03.323A.471.0 e 14.03.323A.481.0, código de proxecto 2021 00149, por un total de 40.000.000 €, distribuído entre as anualidades 2026 (30.000.000 €) e 2027 (10.000.000 €).
Como consecuencia da ampliación de crédito publicada mediante a Orde do 13 de marzo de 2026, o importe da convocatoria pasou a ser de 60.000.000 €, dos cales 50.000.000 € corresponden á anualidade 2026 e 10.000.000 € á anualidade 2027.
Esta orde está financiada con fondos finalistas procedentes do Estado. No artigo 4 da Orde do 29 de decembro de 2025 establécese que os créditos poderán ser obxecto de modificacións nos supostos e nas condicións previstos nos artigos 30 e 31 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
Mediante as resolucións do 28 de xullo e do 7 de setembro de 2026 da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, publicadas no DOG núm. 146, do 5 de agosto, e núm. 173, do 11 de setembro, respectivamente, realizáronse a primeira e a segunda redistribución de crédito entre as aplicacións orzamentarias establecidas na orde de convocatoria.
Atendendo ao contido da disposición adicional primeira da Orde do 8 de xullo de 2025, que indica que se poderán ditar resolucións adicionais cando existan fondos provenientes de renuncias de subvencións inicialmente concedidas, da asignación ou redistribución de fondos ou de incrementos das cantidades asignadas á Comunidade Autónoma pola Administración do Estado, procedeuse a recuperar o crédito procedente das renuncias producidas. O importe total recuperado correspondente a esas renuncias é de 2.623.829,48 € (2.534.088,32 € da anualidade 2026 e 89.741,16 € da anualidade 2027) distribuído entre as aplicacións 14.03.323A.460.1, 14.03.323A.471.0 e 14.03.323A.481.0.
O proceso de instrución dos expedientes segundo o establecido no artigo 14 das bases reguladoras, require da realización dunha terceira redistribución do crédito da anualidade 2026 entre as distintas aplicacións orzamentarias, en función do tipo de entidade que vai ser beneficiaria da subvención (empresas, entidades locais ou entidades sen ánimo de lucro).
De acordo co disposto no artigo 31 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro) cando a contía total máxima das subvencións convocadas se distribúa entre distintos créditos orzamentarios, a alteración da devandita distribución non precisará de nova convocatoria pero si das modificacións que procedan no expediente de gasto e da publicación nos mesmos medios que a convocatoria.
Terceiro. A Orde do 8 de xullo de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras indica no artigo 14.5 que as axudas se lles concederán ás entidades solicitantes que reúnan todos os requisitos establecidos na orde, seguindo a orde de prelación temporal da presentación electrónica das solicitudes e ata o esgotamento do orzamento dispoñible en cada anualidade ou, de ser o caso, o remate do prazo límite de presentación de solicitudes.
Indica tamén que o esgotamento do crédito publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e procederá a inadmisión de todas as solicitudes presentadas que non fosen tramitadas ata ese momento sen necesidade de ningunha actuación previa.
Cuarto. A disposición derradeira primeira da Orde do 29 de decembro de 2025 establece que se autoriza a persoa titular da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e a execución desta disposición.
En virtude do anterior, a persoa titular da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego,
RESOLVE:
Primeiro. Modificar o crédito destinado ás axudas convocadas na Orde do 29 de decembro de 2025 pola que se modifica parcialmente a Orde do 8 de xullo de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para o período 2025-2027 e se procede á primeira convocatoria de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva, para o financiamento de accións formativas do Sistema de formación profesional dos graos A, B e C para persoas traballadoras desempregadas, para os anos 2025-2026, e se procede á súa segunda convocatoria para os exercicios 2026 e 2027 (código de procedemento TR301K), ampliado mediante a Orde do 13 de marzo de 2026, e ao que se suma o crédito procedente de renuncias indicado no apartado segundo, redistribuíndo o importe establecido para a anualidade 2026 da seguinte maneira, sen variar o orzamento total:
Anualidade 2026
|
Aplicación |
Código de proxecto |
Orzamento actual logo da segunda redistribución de crédito e da incorporación de crédito procedente de renuncias (€) |
Modificacións (€) |
Orzamento final (€) |
|
14.03.323A.460.1 |
2021 00149 |
2.411.898,05 |
33.696,01 |
2.445.594,06 |
|
14.03.323A.471.0 |
2021 00149 |
41.284.570,11 |
-173.376,53 |
41.111.193,58 |
|
14.03.323A.481.0 |
2021 00149 |
8.837.620,16 |
139.680,52 |
8.977.300,68 |
|
Total |
52.534.088,32 |
52.534.088,32 |
||
Segundo. Ordenar a publicación no Diario Oficial de Galicia do esgotamento do crédito da anualidade 2026 da Orde do 29 de decembro de 2025 pola que se modifica parcialmente a Orde do 8 de xullo de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para o período 2025-2027 e se procede á primeira convocatoria de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva, para o financiamento de accións formativas do Sistema de formación profesional dos graos A, B e C para persoas traballadoras desempregadas, para os anos 2025-2026, e se procede á súa segunda convocatoria para os exercicios 2026 e 2027 (código de procedemento TR301K).
A derradeira solicitude que se poderá conceder antes do esgotamento do crédito é a correspondente ao expediente TR301K-2026/000773-1, acción formativa 2026/004169, presentada na sede electrónica, nos termos recollidos no artigo 5 da orde de convocatoria, o día 18.9.2026 ás 15.47.14 horas.
Dado que o crédito da anualidade 2027 aínda non se esgotou poderían concederse aquelas solicitudes de accións formativas que puidesen impartirse integramente dentro do ano 2027, aínda que a data de presentación fose posterior á indicada no parágrafo anterior.
Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2026
Zeltia Lado Lago
Directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego
