DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 192 Xoves, 8 de outubro de 2026 Páx. 51884

IV. Oposicións e concursos

Axencia Pública Autonómica para o Control do Medio Mariño de Galicia

RESOLUCIÓN do 2 de outubro de 2026 pola que se resolve a convocatoria pública para a provisión, polo sistema de libre designación, dun posto de traballo vacante nesta axencia.

O Decreto 74/2026, do 29 de xuño, polo que se suprime o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia, se crea a Axencia Pública Autonómica para o Control do Medio Mariño de Galicia (en diante, Axencia Intecmar), e se aproban os seus estatutos (DOG núm. 130, do 14 de xullo), ten por obxecto a regulación da Axencia Intecmar e a aprobación dos seus estatutos.

A disposición adicional primeira establece que a constitución efectiva da Axencia Intecmar se produce coa celebración da sesión constitutiva do seu Consello Reitor. Celebrada esta sesión o día 1.10.2026, queda constituída a Axencia Intecmar e, nesa mesma data, queda suprimido o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia, subrogándose a Axencia en todas as súas relacións xurídicas, bens, dereitos e obrigas e asumindo as súas competencias e funcións legalmente atribuídas.

O punto primeiro da disposición adicional segunda do Decreto 74/2026, do 29 de xuño, establece que, no momento da constitución efectiva da Axencia, quedan adscritos á Axencia Intecmar os postos de traballo da relación de postos de traballo da Consellería do Mar con destino no ente público Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia, coas dotacións orzamentarias existentes na consellería no momento de creación da Axencia Intecmar, así como os postos de traballo do propio ente público Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia que figuren no seu persoal, coas dotacións existentes nese momento.

A disposición transitoria terceira do Decreto 74/2026, do 29 de xuño, establece que ata a elaboración e a aprobación da relación de postos de traballo inicial da Axencia Intecmar, logo da negociación cos representantes das organizacións sindicais do ámbito da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, manteranse como instrumento de ordenación dos seus recursos humanos a relación de postos de traballo da Consellería do Mar adscritos ao ente público Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia e o cadro de persoal do ente público Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia, coas dotacións existentes no momento da entrada en vigor do Decreto (15.7.2026).

Mediante a Resolución do 8 de xuño de 2026 anunciouse a convocatoria pública para a provisión, polo sistema de libre designación, do posto de subdirector/a vacante no ente público Intecmar (DOG núm. 109, do 12 de xuño).

O Consello Reitor da Axencia Intecmar, debidamente convocado e validamente reunido en sesión constitutiva o día 1 de outubro de 2026, acordou nomear a Susana Darriba Couñago subdirectora da Axencia Intecmar, atendendo ao disposto nos artigos 14.1.k) e 21.3 do Decreto 74/2026, do 29 de xuño.

A disposición transitoria cuarta do Decreto 74/2026, do 29 de xuño, establece que os expedientes iniciados polo ente público Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia e non resoltos antes da entrada en vigor desta norma serán resoltos polo órgano competente da Axencia Intecmar, de acordo coa atribución de competencias establecida polos estatutos.

Por todo o exposto, de acordo coas facultades conferidas polo artigo 12 do Decreto 74/2026, do 29 de xuño, e de conformidade co disposto no artigo 7.2.b) do V Convenio único do persoal laboral da Xunta de Galicia e coa autorización conxunta da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración Persoal e da Dirección Xeral de Orzamentos e Financiamento Autonómico,

DISPOÑO:

Primeiro. Resolver a convocatoria pública do Intecmar, efectuada pola Resolución do 8 de xuño de 2026, para a provisión, polo sistema de libre designación, do posto de subdirector/a vacante no ente público Intecmar e designar a persoa cuxos datos se sinalan no anexo I para ocupar o posto que tamén se especifica.

Segundo. O cesamento no actual destino efectuarase, segundo o previsto no artigo 7.3 do V Convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia, no prazo de tres días contados a partir do seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia ou segundo o establecido na normativa de aplicación na súa Administración de orixe.

O prazo para tomar posesión do novo destino é de tres días se non implica cambio de residencia ou de sete se comporta cambio de residencia.

Cando a persoa adxudicataria do posto obteña coa súa toma de posesión o reingreso ao servizo activo, o prazo será de vinte días.

O cómputo dos prazos da toma de posesión iniciarase cando rematen os permisos ou licenzas que, de ser o caso, se lle concedesen á persoa; no caso de incapacidade temporal, a partir da data de alta.

Terceiro. A xefatura de persoal do centro onde cause baixa a persoa seleccionada, así como a daquel en que obteña o destino, efectuarán, dentro dos prazos sinalados no punto anterior, as dilixencias de cesamento e toma de posesión e, a seguir, realizaranse os trámites para a súa alta na nómina.

Cuarto. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, os/as interesados/as poderán interpoñer un recurso potestativo de reposición, ante a presidenta da Axencia Intecmar, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 123 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderán impugnala directamente ante o xulgado do contencioso-administrativo competente no prazo de dous meses contados a partir da mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Vilaxoán, 2 de outubro de 2026

Marta Villaverde Acuña
Presidenta da Axencia Pública Autonómica para
o Control do Medio Mariño de Galicia

ANEXO I

Apelidos e nome: Darriba Couñago, Susana.

Número de rexistro de persoal: ****960468 A2068.

Corpo ou escala: corpo facultativo superior da Xunta de Galicia, escala de ciencias, especialidade Bioloxía.

Subgrupo: A1.

Denominación do posto de traballo: subdirectora da Axencia Intecmar.

Código do posto de traballo: 410002.

Grupo: I.

Centro directivo: Axencia Pública Autonómica para o Control do Medio Mariño de Galicia (Axencia Intecmar).

Dependencia: Dirección da Axencia Intecmar.

Localidade: Vilaxoán.