DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 194 Martes, 13 de outubro de 2026 Páx. 52296

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Innovación

EXTRACTO da Resolución do 1 de outubro de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras do VIII Premio ao talento innovador na Administración pública galega e se convoca para o ano 2026 (código de procedemento IN822D).

BDNS (Identif.): 934079.

De conformidade co disposto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da resolución cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/934079

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderá participar todo o persoal funcionario e laboral incluído no artigo 4.a) e 4.c) da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia. Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas incursas nas causas de exclusión previstas na Lei 9/2007, na Lei 38/2003 e demais normativa aplicable.

O persoal do Sistema público de saúde de Galicia poderá participar sempre que o proxecto sexa de aplicación fóra do ámbito sanitario galego.

A forma de participación poderá realizarse a título individual ou conformando un equipo de traballo. O número máximo de persoas para conformar unha candidatura é de tres persoas e, neste caso, indicarase expresamente a persoa física designada como portavoz do equipo, que será a encargada das comunicacións.

Segundo. Obxecto

A finalidade do premio é recoñecer o talento, o compromiso e a iniciativa innovadora das persoas ao servizo da Xunta de Galicia e do seu sector público, mediante a identificación de oportunidades, o desenvolvemento de proxectos innovadores e a formulación de propostas de simplificación administrativa que contribúan á mellora da Administración autonómica.

Terceiro. Bases reguladoras

As solicitudes, a súa tramitación e concesión axustaranse a estas bases e ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Cuarto. Contía

En cada unha das categorías establécense os seguintes premios:

Para as propostas gañadoras: premio en metálico de dous mil (2.000) euros cando se trate de solicitudes individuais e tres mil (3.000) euros para as solicitudes en equipo, un diploma e un trofeo conmemorativo.

Para as dúas propostas finalistas: un trofeo conmemorativo.

As persoas gañadoras deben facilitar un certificado de conta bancaria da súa titularidade e declarar sobre a veracidade dos datos relativos á dita conta, en que se ingresará, mediante transferencia bancaria, a dotación do premio. O importe do premio estará suxeito ás retencións fiscais que legalmente correspondan.

A dotación económica total máxima ascende a nove mil (9.000) euros, con cargo á aplicación orzamentaria 07.A2.561A.480.2 dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026.

Quinto. Prazo e forma de presentación de solicitudes

O prazo será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación deste extracto no Diario Oficial de Galicia.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), mediante o formulario normalizado do procedemento IN822D.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Sexto. Información adicional

A resolución completa, coas bases reguladoras estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia e na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal).

Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2026

Carmen Cotelo Queijo
Directora da Axencia Galega de Innovación