DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 194 Martes, 13 de outubro de 2026 Páx. 52267

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Innovación

RESOLUCIÓN do 1 de outubro de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras do VIII Premio ao talento innovador na Administración pública galega e se convoca para o ano 2026 (código de procedemento IN822D).

A Axencia Galega de Innovación, dependente da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, ten entre os seus fins o fomento e a vertebración das políticas de I+D+i no sector público galego, e o apoio ás entidades que integran o ecosistema de I+D+i galego para incrementar a súa competitividade, a través da implementación e execución de estratexias e programas de I+D+i eficientes.

A Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia, no seu artigo 1, establece como obxectivo xeral o fomento da investigación científica e a innovación tecnolóxica para promover o desenvolvemento económico, social e produtivo de Galicia. No seu capítulo III, crea o Plan galego de investigación e innovación como unha ferramenta encamiñada ao cumprimento deste obxectivo.

A Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia 2021-2027, aprobada por Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 8 de abril de 2022, define o marco das políticas de investigación e innovación na Comunidade Autónoma para este período. Como instrumento de planificación operativa para a súa implementación entre 2025 e 2027, o Consello da Xunta aprobou o 3 de febreiro de 2025 o Plan galego de investigación e innovación 2025-2027.

Este premio enmárcase na RIS3 de Galicia 2021-2027, aliñándose cos seus retos estratéxicos: xestión de recursos naturais e culturais baseados na innovación, modelo industrial sustentando na competitividade e no coñecemento, e modelo de vida saudable e envellecemento activo. E tamén coas tres prioridades: sostibilidade, dixitalización e enfoque centrado nas persoas. Ademais, contribúe ao obxectivo estratéxico de desenvolver o talento, en coherencia co programa Persoas e Talento da RIS3 de Galicia e co programa Talento do Plan galego de investigación e innovación 2025-2027, concretamente na liña 1.4, relativa ao recoñecemento dos esforzos en investigación e innovación.

Logo do éxito das sete edicións anteriores, convocadas baixo a denominación «Premio empregados/as públicos/as innovadores/as», a Axencia Galega de Innovación impulsa unha oitava edición destes galardóns, que manteñen o propósito de sensibilizar e incentivar o uso da innovación para a mellora dos servizos públicos e a optimización na xestión dos recursos públicos. Esta edición introduce unha estrutura renovada e unha actualización da súa denominación, froito dun proceso de mellora continua e de adaptación á evolución da Administración pública.

A VIII edición do Premio ao talento innovador na Administración pública galega dá continuidade ao espírito das convocatorias anteriores e reforza o seu obxectivo de recoñecer o esforzo dos empregados e empregadas públicos na implementación de procedementos e solucións innovadoras. Así mesmo, a obtención destes premios constitúe un criterio de avaliación para os efectos previstos na normativa aplicable á carreira profesional do persoal empregado público da Xunta de Galicia.

Mediante esta resolución establécense as bases reguladoras e convócase a VIII edición do Premio ao talento innovador na Administración pública galega para o ano 2026 (código de procedemento IN822D).

Consecuentemente co exposto, a directora da Axencia Galega de Innovación, no exercicio das facultades que lle confire o artigo 17.3 do Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación,

RESOLVE:

CAPÍTULO I

Bases reguladoras do Premio ao talento innovador na Administración pública galega

Artigo 1. Finalidade

O Premio ao talento innovador na Administración pública galega ten por finalidade recoñecer o talento, o compromiso e a iniciativa innovadora das persoas ao servizo da Xunta de Galicia e do seu sector público, cuxas achegas contribúen a construír unha Administración máis eficaz, eficiente, moderna e orientada á mellora continua, capaz de satisfacer as necesidades da cidadanía e de prestar servizos públicos de calidade.

Así mesmo, os premios buscan fomentar a cultura da innovación no sector público e promover novas motivacións a través do recoñecemento do esforzo individual ou colectivo do persoal empregado público na implantación de procedementos, metodoloxías ou solucións innovadoras que impulsen a transformación e mellora da Administración autonómica, no marco estratéxico da simplificación administrativa e da modernización da xestión pública.

Artigo 2. Procedemento

1. Os premios concederanse en réxime de concorrencia competitiva, segundo o procedemento baseado no artigo 19 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e serán compatibles con calquera outro tipo de axuda que poidan percibir as persoas beneficiarias.

2. Ao tratarse dun premio que se outorga previa solicitude presentada polas persoas interesadas, non resulta aplicable a exclusión prevista no artigo 4.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que se refire exclusivamente aos premios concedidos sen previa solicitude do beneficiario.

3. O procedemento iniciarase de oficio mediante a publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia, consonte o disposto no artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

4. O órgano instrutor dos expedientes será a Área de Estratexias e Programas da Axencia Galega de Innovación, que se encargará da tramitación das solicitudes e da verificación do cumprimento dos requisitos exixidos. Se a documentación presentada fose incompleta ou presentase defectos emendables, o órgano instrutor requirirá á persoa interesada para que os corrixa no prazo establecido, con indicación de que, de non facelo, terase por desistida da súa solicitude nos termos previstos na normativa aplicable.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

1. Poderá participar nesta convocatoria todo o persoal funcionario e laboral incluído no artigo 4.a) e 4.c) da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.

2. A participación poderá ser individual ou en equipo. O número máximo de integrantes dunha candidatura é de tres persoas e, neste caso, deberá indicarse expresamente a persoa física designada como portavoz do equipo, que será a encargada das comunicacións.

3. Aínda que cumpran os requisitos da convocatoria, non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas nas que concorran algunhas das causas de exclusión recollidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; nas súas normas de desenvolvemento; ou en calquera dos apartados desta convocatoria.

4. Non poderá ser beneficiario o persoal incluído no artigo 37 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

5. O persoal que preste servizos no Sistema público de saúde de Galicia poderá presentar as súas candidaturas e participar plenamente, sempre que o proxecto presentado sexa de aplicación fóra do sistema sanitario galego, ámbito ao que se circunscribe a Resolución do 23 de marzo de 2026 pola que se aproban as bases da VI edición dos Premios de innovación en saúde 2026.

6. Non poderán presentarse a este premio os proxectos que xa resultasen gañadores nalgunha das edicións anteriores.

Artigo 4. Categorías de participación

1. Establécense tres categorías de participación. Cada persoa participante, individualmente ou en equipo só poderá optar a unha delas. O esquema de categorías responde a un itinerario de innovación no sector público estruturado en fases sucesivas: identificación e análise de oportunidades, desenvolvemento e maduración de proxectos e impacto con melloras efectivas aplicables directamente na Administración.

2. Cando o órgano instrutor considere que algunha das propostas presentadas non se corresponde coa categoría indicada no formulario de solicitude pola persoa que a presenta, notificará esta circunstancia á persoa solicitante, que disporá dun prazo para presdentar alegacións. Unha vez recibidas as alegacións, ou transcorrido o prazo sen que estas se presenten, o órgano instrutor determinará de oficio a categoría que corresponda á proposta.

3. Categorías nas que se pode participar:

a) Identificación de oportunidades.

Premiarase a identificación de oportunidades ou retos de innovación dentro da Administración. A persoa interesada deberá detallar e definir unha problemática existente que detecte no exercicio do seu labor na Administración, explicando as razóns que motivan a necesidade de intervir e o interese da súa resolución. Así mesmo, deberá recoller as posibles liñas de traballo e accións para a futura implantación dunha solución.

b) Desenvolvemento de iniciativas innovadoras.

Recoñeceranse aqueles proxectos de carácter innovador que estean listos para implementarse ou en fases iniciais de implementación. En todo caso, deberán detallarse cun grao significativo de definición e precisión o contido, as accións previstas e os elementos fundamentais do proxecto, así como xustificar as características que outorgan o seu carácter innovador e a problemática que se pretende solucionar.

c) Simplificación administrativa.

Distinguiranse os proxectos que presenten novas propostas específicas de simplificación administrativa, tanto nas relacións da cidadanía coa Administración pública da Xunta de Galicia como na prestación de servizos públicos ou na xestión administrativa interna. Inclúense iniciativas orientadas á redución de burocracia, trámites, tempos ou cargas administrativas, tanto internas como externas. As propostas deberán definir a súa incidencia nos aspectos regulatorios, organizativos ou tecnolóxicos, identificando as áreas de actuación e o seu alcance. Nesta categoría deberá destacarse a dobre perspectiva: a do traballo cotián detallado e a visión planificadora das persoas responsables de coordinación.

Artigo 5. Forma e lugar de presentación das postulacións

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Para a presentación electrónica poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que se realizase a emenda.

2. As persoas interesadas serán responsables da veracidade dos datos achegados e do contido dos documentos que presenten, de acordo coa normativa en materia de protección de datos de carácter persoal e coas disposicións relativas á propiedade intelectual e industrial. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo de documentos, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Artigo 6. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán cubrir o formulario de solicitude (anexo I).

2. Xunto coa solicitude (anexo I), deberase achegar a seguinte documentación:

– Ficha da postulación (anexo II).

– Pluralidade de persoas solicitantes (anexo III), de ser o caso.

– Adicionalmente, poderá presentarse unha memoria complementaria, en formato escrito ou audiovisual, que achegue información ampliada sobre a candidatura. Esta memoria terá carácter opcional e non substitúe nin exime da obrigatoriedade de presentar os anexos exixidos.

3. A ficha de postulación (anexo II) recolle unha síntese da proposta e presentarase como anexo á solicitude, sen necesidade de sinatura. Non se admitirán anexos adicionais nin modificacións do formato. Debe contar cos seguintes apartados:

a) Na categoría de «Identificación de oportunidades»: resumo da postulación; campo ou problemática que se pretende resolver; explicación do impacto, beneficios e efecto dinamizador sobre o escenario actual e as posibles liñas de traballo e accións para a súa implantación.

b) Na categoría «Desenvolvemento de iniciativas innovadoras»: resumo da postulación; proposta ou formulación do proxecto; liñas principais de acción; fases planificadas e estado de desenvolvemento; alcance previsto e, de ser o caso, estado de implementación e resultados obtidos ou esperables.

c) Na categoría «Simplificación administrativa»: resumo da postulación; campo ou problemática que se pretende resolver; ámbito de aplicación; incidencia en aspectos regulatorios, organizativos ou tecnolóxicos concretos; escalabilidade e posibilidades de implementación noutros sectores.

Co obxecto de garantir o anonimato, na ficha de postulación non poderá figurar ningún dato persoal da persoa ou do equipo autor das propostas. Para estes efectos, o órgano instrutor facilitaralle ao comité de avaliación unicamente o documento que conteña o texto dos traballos presentados e os datos non identificativos incluídos no anexo II, custodiando a identidade da persoa autora até a resolución do procedemento.

4. Anexo III, declaración de pluralidade de persoas solicitantes.

No caso de que se trate dunha candidatura en equipo, os membros do mesmo, exceptuando ao representante, deben cumprimentar este anexo III referente á pluralidade de persoas que presenta a solicitude. Recolle os datos dun solicitante que actúe como representante do equipo e a relación de terceiras persoas solicitantes. Unha vez cuberta debe ser asinada por todos os membros do equipo. Naqueles casos nos que o solicitante sexa una persoa individual, non será preciso achegar o anexo III.

5. Documentación complementaria adicional.

Admítese que a solicitude e o seu anexo poidan complementarse con material adicional que permita explicar mellor a proposta, presentarase sempre por medios electrónicos. Esta documentación complementaria adicional pode consistir en documentación impresa ou material audiovisual. O tamaño, a extensión e/ou a duración deberán limitarse ao mínimo que se considere imprescindible. Esta documentación complementaria deberá respectar o anonimato das persoas solicitantes e, en ningún caso, poderá exceder os límites de extensión establecidos na convocatoria.

6. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

7. No caso de que algún dos documentos a presentar de forma electrónica superase o tamaño máximo permitido ou tivera un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no punto 6. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos, que obren en poder da Administración actuante ou que fosen elaborados por outras administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña expresamente á súa consulta no formulario de solicitude (anexo I) ou no anexo III de pluralidade de persoas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante, representante e, no caso de candidaturas colectivas, de todas as persoas integrantes do equipo.

b) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social da persoa solicitante e, no caso de candidaturas colectivas, de todas as persoas integrantes do equipo.

c) Certificación de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia da persoa solicitante e, no caso de candidaturas colectivas, de todas as persoas integrantes do equipo.

d) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas da persoa solicitante e, no caso de candidaturas colectivas, de todas as persoas integrantes do equipo.

e) Certificado de estar ao día do pagamento de obrigas tributarias coa AEAT da persoa solicitante e, no caso de candidaturas colectivas, de todas as persoas integrantes do equipo.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta dos datos, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude e achegar a documentación acreditativa. Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

Excepcionalmente, se non fose posible obter os datos citados, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que deban realizar as persoas interesadas tras a presentación da solicitude efectuaranse exclusivamente por medios electrónicos, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Instrución

1. O órgano instrutor dos expedientes será a Área de Estratexias e Programas da Axencia Galega de Innovación, que se encargará de comprobar que as solicitudes e a documentación presentada reúnen os requisitos exixidos nesta resolución. No suposto de que observe algún defecto ou de que a documentación resulte incompleta, e de acordo co disposto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, requirirá a persoa interesada para que a emende no prazo máximo e improrrogable de dez (10) días. De non facelo, teráselle por desistida da súa solicitude, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 21, en relación co artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. No caso de que algunha das propostas presentadas se considere que non se corresponde coa categoría indicada no formulario de solicitude, a Área de Estratexias e Programas da Axencia Galega de Innovación, como órgano instrutor, notificará esta circunstancia á persoa solicitante, que disporá dun prazo de dez (10) días desde a notificación para presentar as explicacións que, de acordo coas bases do premio, permitan incluír a proposta na categoría que lle corresponda pola súa natureza, estado de desenvolvemento e contido. De non recibirse resposta no prazo indicado, a Axencia Galega de Innovación determinará de oficio a categoría da proposta.

3. As persoas solicitantes deberán comunicar ao órgano instrutor a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que recoñezan ou financien as propostas presentadas, así como calquera modificación das condicións, das exixencias ou das circunstancias que permitiron ou deron lugar á súa participación e recoñecemento. Esta información deberá comunicarse ao órgano instrutor no momento en que se coñeza e, en todo caso, antes da emisión da acta do comité de selección coa proposta de candidaturas premiadas.

Artigo 10. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse exclusivamente por medios electrónicos, de acordo co previsto na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo electrónico e/ou ao teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada, e a súa ausencia non impedirá que a notificación se considere plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos imputables aos sistemas da Administración, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 11. Comité de Avaliación

1. O exame das postulacións e a proposta de adxudicación dos premios corresponderalle a un comité de avaliación composto por cinco persoas de capacitación, competencia e preparación axeitadas. Procurarase que no Comité de Avaliación exista unha representación equilibrada de mulleres e homes, garantindo en todo caso a idoneidade profesional das persoas integrantes.

Este comité realizará a proposta de adxudicación de premios nun prazo non superior a dous (2) meses contados desde o último día de presentación de solicitudes. Poderá tamén propoñer que o premio nalgunha categorías quede deserto, cando ningunha das candidaturas presentadas a reúna os requisitos exixibles ou non acade un mínimo do 35 % da puntuación máxima sinalada no artigo 13.

2. Composición.

A composición nominal do Comité de Avaliación farase pública na páxina web da Axencia Galega de Innovación. O órgano instrutor nomeará ás cinco persoas que o integran:

– Unha persoa da Axencia Galega de Innovación.

– Unha persoa da Xunta de Galicia comprometida coa innovación na Administración pública.

– Unha persoa externa á Xunta de Galicia vinculada á promoción da innovación.

– Unha persoa experta en tecnoloxías da información e da comunicación, preferentemente con experiencia en sistemas, desenvolvemento e soporte de infraestruturas dixitais en contornos organizativos.

– Unha persoa da Dirección Xeral de Simplificación Administrativa da Xunta de Galicia.

3. O Comité de Avaliación estará clasificado na categoría superior para os efectos previstos no artigo 26 do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

4. O funcionamento do Comité de Avaliación regularase polas normas contidas na sección 3ª (órganos colexiados das distintas administracións públicas) do capítulo II, título preliminar da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Artigo 12. Referencia específica ao emprego de sistemas de intelixencia artificial para preparación e implementación dos proxectos das candidaturas

Lonxe de obstaculizar o seu uso, poderá empregarse a intelixencia artificial (IA) como ferramenta de apoio, e non como substituto da iniciativa, análise ou creatividade da persoa ou do equipo que presenta a proposta. Valorarase especialmente a capacidade para formular o problema, estruturar a solución e xustificar a súa viabilidade desde unha perspectiva humana, técnica e organizativa. O emprego de IA poderá considerarse un elemento innovador sempre que se integre de maneira coherente, aporte valor real, non incremente a complexidade nin introduza riscos innecesarios, e quede claramente definido o papel que desempeña dentro do binomio problema-solución.

No caso de propostas que contemplen o uso de IA, deberán superar, no momento de seren formuladas, un criterio de avaliación técnica ou «filtro de rigor» que avalíe a súa pertinencia e viabilidade. Este filtro deberá ter en conta aspectos como a necesidade de datos e a súa dispoñibilidade; o nivel de rigorosidade técnica; a minimización de fallos; a existencia de alternativas máis sinxelas ou menos custosas; o posible sobredimensionamento da solución; así como o custo, o mantemento e o adestramento necesarios. Ademais, valorarase a adecuación do uso da IA ao contexto administrativo, a súa proporcionalidade respecto do problema que se pretende resolver e a súa capacidade para mellorar procesos sen introducir riscos innecesarios nin comprometer principios éticos, de transparencia ou de equidade.

Nas propostas nas que a intelixencia artificial teña un papel relevante na toma de decisións ou na xeración de contidos críticos, poderá achegarse unha xustificación específica sobre a súa adecuación técnica, a fiabilidade dos modelos empregados e os criterios utilizados para evitar sesgos, erros ou resultados discriminatorios. Ademais, deberase explicar como o uso destes sistemas contribúe á mellora da eficiencia, da calidade, da seguridade e da trazabilidade das actuacións incluídas na proposta.

Artigo 13. Criterios de avaliación

1. Avaliación das propostas polo comité. O Comité de Avaliación formulará a proposta de candidaturas gañadoras e finalistas en base á puntuación obtida segundo criterios obxectivos, ponderados e específicos para cada categoría. Ademais destes criterios, existen uns principios orientadores que, aínda que non teñen asignación numérica, deben guiar a interpretación e aplicación dos criterios avaliables por parte das persoas integrantes do Comité de Avaliación, así como facilitar que as persoas que presenten as candidaturas comprendan o enfoque e a filosofía que rexerán o proceso de valoración.

2. Principios orientadores da valoración aplicables a todas as categorías. Sen prexuízo dos criterios de valoración específicos e avaliables establecidos para cada categoría, e con carácter xeral, os principios que deberían orientar a valoración das propostas son os seguintes:

a) Claridade na identificación do problema ou obxectivo que garanta unha definición precisa e comprensible.

b) Rigor metodolóxico e fundamentación do problema da proposta de solución.

c) Grao de novidade, innovación e creatividade, valorando os enfoques non convencionais cando resulten pertinentes.

d) Viabilidade técnica, organizativa e económica, incorporando unha avaliación realista de recursos necesarios, das dependencias e dos riscos asociados.

e) Impacto potencial sobre a cidadanía, os servizos públicos, os procedementos ou a organización, tanto a curto como a medio prazo.

f) Sustentabilidade, escalabilidade, capacidade de replicarse noutras unidades administrativas e mantemento no tempo.

g) Uso responsable da intelixencia artificial: integración coherente, xustificación técnica, transparencia e proporcionalidade. O uso de sistemas de intelixencia artificial só debería valorarse positivamente cando estea claramente xustificado e achega un beneficio que non poida acadarse mediante soluciones máis sinxelas.

h) Claridade expositiva, capacidade de síntese e estrutura lóxica da proposta.

i) Aplicación dun criterio de «mínima complexidade necesaria» e a consideración de solucións non tecnolóxicas cando sexan máis adecuadas.

j) Aliñación da proposta con prioridades estratéxicas da Xunta ou con retos públicos recoñecidos.

3. Criterios avaliables para a Categoría «Identificación de oportunidades». Máximo 100 puntos.

a) Interese xeral da oportunidade e claridade na definición do problema; xustificación da necesidade de intervención e calidade da análise de contexto: ata 30 puntos (30 % da puntuación máxima).

b) Impacto sobre a contorna e efecto dinamizador, valorando os beneficios esperables: aforro, eficiencia, alcance, satisfacción da cidadanía, redución de riscos, mellora de procesos, entre outros, ata 20 puntos (20 % da puntuación máxima).

c) Posibilidade de desenvolvemento e transferencia a iniciativas reais, considerando a súa aplicabilidade e potencial de posta en marcha: ata 25 puntos (25 % da puntuación máxima).

d) Orixinalidade na postulación e na presentación da proposta, así como a achega dunha perspectiva nova ou diferenciada: ata 25 puntos (25 % da puntuación máxima).

4. Criterios avaliables de valoración para a Categoría «Desenvolvemento de iniciativas innovadoras»: máximo 100 puntos:

a) Impacto sobre a contorna e efecto dinamizador previsto, incluíndo a identificación de métricas preliminares que permitan anticipar resultados: ata 15 puntos (15 % da puntuación).

b) Orixinalidade na formulación e presentación da proposta: ata 15 puntos (15 % da puntuación máxima).

c) Calidade, capacidade e compromiso do equipo técnico e promotor, tendo en conta a colaboración interdepartamental: ata 10 puntos (10 % da puntuación máxima).

d) Grao de innovación e diferenciación do proxecto, entendendo a innovación como avances substanciais fronte a posibles solucións existentes: ata 30 puntos (30 % da puntuación máxima).

e) Nivel de desenvolvemento, madurez e precisión da solución. Pódense facer referencia aos Niveis de Madurez Tecnolóxica (TRL) se resulta aplicable: ata 30 puntos (30 % da puntuación máxima).

5. Criterios avaliables de valoración para a Categoría «Simplificación administrativa»: máximo 100 puntos:

a) Grao de desenvolvemento da idea, valorando a súa definición, concreción e nivel de elaboración: ata 15 puntos (15 % da puntuación).

b) Impacto na cidadanía e nas persoas usuarias dos servizos públicos, en termos de mellora da experiencia, accesibilidade, redución de desigualdades, axilidade e calidade do servizo: ata 25 puntos (25 % da puntuación máxima).

c) Redución efectiva de cargas administrativas, diminución de trámites, requisitos, redundancias, documentación, prazos ou complexidade procedimental: ata 30 puntos (30 % da puntuación).

d) Viabilidade da posta en marcha en unidades administrativas da Administración autonómica, atendendo á compatibilidade normativa e á posible necesidade de cambios regulamentarios: ata 20 puntos (20 % da puntuación máxima).

e) Orixinalidade da proposta e calidade na súa formulación, presentación e coherencia: ata 10 puntos (10 % da puntuación máxima).

Artigo 14. Resolución e réxime de recursos

1. A adxudicación dos premios realizarase mediante resolución da directora da Axencia Galega de Innovación, de acordo coa proposta formulada polo Comité de Avaliación.

2. O prazo máximo para resolver e publicar a resolución da convocatoria será de tres meses, contados desde o día seguinte ao remate do prazo de presentación de solicitudes. Non obstante, a resolución deberá ditarse dentro do exercicio orzamentario 2026, de acordo co previsto na normativa de execución do gasto público. Para estes efectos, o órgano instrutor adoptará as medidas necesarias para garantir que a proposta de resolución e a resolución definitiva se emitan dentro do devandito exercicio.

3. Transcorrido o prazo máximo sen que se dite resolución expresa, as solicitudes entenderanse desestimadas por silencio administrativo, de conformidade co artigo 25 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, considerándose nese caso que o premio foi declarado deserto.

4. A resolución da directora da Axencia Galega de Innovación pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a directora da Axencia Galega de Innovación, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación nos termos dos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación ou ben de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de conformidade co establecido nos artigos 8.2.a) e 14 e 46 respectivamente da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Non poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ata que se resolva expresamente ou se produza a desestimación presunta do recurso de reposición interposto.

Artigo 15. Financiamento e normativa reguladora

1. A concesión dos premios realizarase con cargo aos recursos económicos asignados á Axencia Galega de Innovación nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega. As aplicacións orzamentarias e os importes asignados a estes premios figurarán na correspondente convocatoria.

2. As solicitudes, a súa tramitación e concesión axustaranse a estas bases así como ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

3. Os premios estarán suxeitos ás retencións vixentes na data da súa concesión, aplicándose a normativa tributaria que resulte de obrigado cumprimento.

4. De conformidade co artigo 15 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, a concesión dos premios regulados nesta convocatoria será obxecto de inscrición no Rexistro Público de Subvencións de Galicia, con publicación dos datos previstos na normativa de transparencia.

Artigo 16. Publicidade e entrega do premio

A convocatoria pública do premio, xunto coas bases serán publicadas no Diario Oficial de Galicia, na páxina web e nos perfís oficiais da Administración autonómica.

A resolución deste procedemento publicarase no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Así mesmo, a resolución será obxecto de publicidade a través da páxina web e das redes sociais da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal).

Os premios entregaranse no transcurso dun acto público que se celebrará para tal fin, ao que serán convocadas todas as persoas que participen.

A participación na convocatoria e a aceptación do premio implican o consentimento expreso para que a Axencia Galega de Innovación difunda, a través dos seus diferentes medios e canles de comunicación, a identidade das persoas gañadoras e a información esencial das iniciativas e proxectos presentados.

Artigo 17. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, á que se atopen vinculadas, previo requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 18. Información e control

As persoas beneficiarias do premio quedan sometidas ás actuacións de comprobación e control efectuadas polo órgano competente para resolver, así como ás actuacións de control financeiro desenvolvidas pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, de acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ás realizadas polo Consello de Contas ou polo Tribunal de Contas, segundo a súa normativa propia.

Así mesmo, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de Datos Nacional de Subvencións a información requirida por esta, incluíndo o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 19. Aceptación dos termos da convocatoria e normativa reguladora

A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

CAPÍTULO II

Convocatoria do VIII Premio ao talento innovador na Administración pública galega para o ano 2026

Artigo 20. Convocatoria

Convócase o VIII Premio ao talento innovador na Administración pública galega para o ano 2026.

Artigo 21. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes desde o día seguinte da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 22. Premios

1. En cada unha das categoría de participación establécense os seguintes premios:

a) Para as propostas gañadoras (unha por categoría):

• Dotación económica de dous mil (2.000) euros no caso de solicitudes individuais e de tres mil (3.000) euros no caso de equipos.

• Diploma acreditativo.

• Trofeo conmemorativo.

b) Para as propostas finalistas (dúas por categoría):

• Trofeo conmemorativo.

2. A dotación económica dos premios establecidos neste artigo conta con crédito adecuado e suficiente no exercicio orzamentario 2026, conforme á aplicación orzamentaria recollido no artigo 25 da convocatoria. A previsión de gasto abrangue a totalidade dos premios consistentes en dotación económica previstos para cada categoría, garantindo a súa financiación íntegra.

3. Todas as persoas premiadas das diferentes categorías do premio gozarán de recoñecemento público a través do acto de entrega, o que se lles ofrecerá a posibilidade de expoñer brevemente a temática e as principais características dos proxectos premiados, así como participar en entrevistas e actos de difusión e publicación.

Artigo 23. Criterio de avaliación da carreira administrativa

Ao abeiro da Orde do 25 de novembro de 2022 pola que se publica o Acordo entre a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais CSIF, CC.OO. e UGT polo que se convoca o procedemento de acceso aos graos I e II do sistema transitorio extraordinario de recoñecemento da progresión na carreira administrativa prevista na disposición transitoria oitava da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, para o persoal funcionario, ser beneficiario/a do Premio de empregados/as públicos/as innovadores/as, do cal é continuador este Premio ao talento innovador na Administración pública galega, convocado pola Axencia Galega de Innovación constituirá un criterio de avaliación dos graos I e II da carreira administrativa da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 24. Compatibilidade, modificación e reintegro dos Premios

1. O Premio ao talento innovador na Administración pública galega será compatible con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público, privado, nacional ou da Unión Europea ou de organismos internacionais.

2. O incumprimento total ou parcial por parte da persoa beneficiaria de calquera das condicións e obrigas establecidas nesta orden e demais normas aplicables poderá constituír causa determinante de revogación do premio e do seu reintegro, total ou parcial, das cantidades percibidas, xunto cos intereses de demora que lle poidan corresponder en cada caso, en aplicación do disposto nos artigos 33 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Procederá a devolución íntegra das cantidades percibidas cando se obteña o premio sen reunir os requisitos exixidos para a sua concesión ou se falseen ou oculten feitos ou datos que motiven a súa concesión.

4. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión do premio porá dar lugar á modificación da resolución de concesión, nos términos establecidos na normativa reguladora da subvención, tal e como se establece na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 25. Financiamento

A concesión dos premios en metálico previstos nesta convocatoria realizaranse con cargo á aplicación orzamentaria 07.A2.561A.480.2 dos orzamentos da Comunidade Autónoma galega para o ano 2026, ata un importe máximo de nove mil (9.000) euros.

Disposición adicional. Réxime sancionador

As persoas beneficiarias destes premios quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no título IV na Lei 9/2007, do 13 de xuño de subvencións de Galicia

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a directora da Axencia Galega de Innovación para que leve a cabo as actuacións que sexan precisas para o desenvolvemento e a aplicación desta resolución.

Disposición derradeira segunda. Efectos

Esta resolución producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2026

Carmen Cotelo Queijo
Directora da Axencia Galega de Innovación

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file