DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Mércores, 14 de outubro de 2026 Páx. 52471

III. Outras disposicións

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 6 de outubro de 2026 pola que se ordena publicar a modificación do Regulamento de xestión orzamentaria.

Exposición de motivos

O Consello de Goberno da USC na súa sesión do 24 de setembro de 2026 aprobou a modificación do Regulamento de xestión orzamentaria da Universidade de Santiago de Compostela, ratificada polo Consello Social na súa sesión do 2 de outubro de 2026.

Por isto, este reitorado

RESOLVE:

Ordenar a publicación no Diario Oficial de Galicia da modificación do Regulamento de xestión orzamentaria da Universidade de Santiago de Compostela, aprobada polo Consello de Goberno da USC na súa sesión do 24 de setembro de 2026 e ratificada polo Consello Social na súa sesión do 2 de outubro de 2026.

Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2026

Rosa M. Crujeiras Casais
Reitora da Universidade de Santiago de Compostela

Modificación do Regulamento de xestión orzamentaria
da Universidade de Santiago de Compostela
(Aprobada polo Consello de Goberno o 24 de setembro de 2026)
(Ratificada polo Consello Social o 2 de outubro de 2026)

Artigo único. Modificación do Regulamento de xestión orzamentaria da Universidade de Santiago de Compostela

O Regulamento de xestión orzamentaria da USC queda modificado como segue:

Un. Modifícanse os dous primeiros parágrafos da exposición de motivos deste regulamento, que quedan redactados como segue:

«A garantía institucional da autonomía universitaria prevista no artigo 27.10 da Constitución comezou a configurarse como tal na Lei orgánica 11/1983, do 25 de agosto, de reforma universitaria, na cal xa se recoñecía como unha manifestación desa autonomía a elaboración, aprobación e xestión dos seus orzamentos xunto coa administración dos seus bens. Con idéntico alcance recóllese na vixente Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario (LOSU), que expresamente cualifica no seu artigo 54 a autonomía económica e financeira das universidades como un dos elementos esenciais da citada autonomía universitaria, sen prexuízo da necesidade de render contas sobre o cumprimento das súas funcións e someterse á lexislación económico-financeira do sector público. De acordo co establecido no título IX da LOSU e ao abeiro da autonomía económica e financeira recoñecida no seu artigo 54, as universidades públicas rexeranse, en canto ao exercicio da súa actividade económico-financeira, polo disposto nesa lei e na lexislación orzamentaria e do sector público que resulte aplicable. Ademais, increméntase o control financeiro das universidades levado a cabo por parte das comunidades autónomas. Idéntica previsión sobre a lexislación aplicable ao sector público contense no artigo 114 da Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, que engade o especial sometemento aos principios de eficiencia e transparencia neste ámbito».

Dous. Modifícase a letra a) do punto 1 do artigo 2, que queda redactada como segue:

«a) Pola regulación contida na Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario (en diante, LOSU) e demais normativa orgánica estatal ou de carácter básico aplicable neste ámbito».

Tres. Incorpórase unha nova letra g) ao artigo 7 e pasa o actual g) a ser o h), coa seguinte redacción:

«g) Autorizar a superación das porcentaxes nos compromisos de gasto de carácter plurianual, por proposta do Consello de Goberno, nos termos previstos neste regulamento».

Catro. Incorpórase unha nova letra d) ao artigo 8 e pasa o actual d) a ser o e), coa seguinte redacción:

«d) Propoñer ao Consello Social para a súa autorización a superación das porcentaxes nos compromisos de gasto de carácter plurianual».

Cinco. Incorpórase unha nova letra e) ao artigo 9, coa seguinte redacción:

«e) Autorizar o incremento das porcentaxes nos compromisos de gasto de carácter plurianual nos supostos e cos límites expresamente previstos neste regulamento».

Seis. Modifícanse as letras b) e c) do artigo 10, que pasan a ter a seguinte redacción:

«b) A elaboración das liñas xerais do orzamento da USC para cada exercicio económico, en coordinación co Vicerreitorado con competencias en materia de planificación económica.

c) A proposta e elaboración do proxecto de orzamento da Universidade, en coordinación co Vicerreitorado con competencias en materia de planificación económica, así como a liquidación deste ao final do exercicio e a preparación da memoria relativa ás contas anuais».

Sete. Incorpórase un novo artigo 10.bis, coa seguinte redacción:

«Artigo 10.bis. Vicerreitorado con competencias en materia de planificación económica

Correspóndelle ao Vicerreitorado que teña atribuídas as competencias en materia de planificación económica, en coordinación coa Xerencia:

a) A elaboración das liñas xerais do orzamento da USC para cada exercicio económico en coordinación coa Xerencia.

b) A proposta e elaboración conxunta do proxecto de orzamento da Universidade en coordinación coa Xerencia.

c) O deseño, impulso e coordinación da planificación económica e orzamentaria plurianual da institución, sen prexuízo das competencias atribuídas a outros órganos.

d) Calquera outra función en materia de planificación económica que lle sexa encomendada polo reitor ou reitora ou prevista na normativa vixente».

Oito. Modifícase o punto 1 do artigo 44, que queda redactado como segue:

«1. As retribucións do persoal en activo ao servizo da USC estarán suxeitas ao disposto na LOSU e disposicións que a desenvolvan, na normativa estatal vixente e na normativa da Comunidade Autónoma de Galicia, coas particularidades previstas para cada exercicio económico».

Nove. Engádeselle un novo punto 5 ao artigo 45, coa seguinte redacción:

«5. Para a superación dos límites porcentuais e de anualidades previstos na lexislación aplicable, observarase o seguinte procedemento:

a) Para o crédito non afectado dos capítulos II e VI: o Reitorado será competente para autorizar un incremento das porcentaxes ata un límite do 5 %, así como o incremento do número de anualidades, e debe darlle conta ao Consello de Goberno e ao Consello Social.

b) Unha vez superado o límite do 5 % establecido na letra a) ou para o resto de capítulos: a autorización recaerá no Consello Social, por proposta do Consello de Goberno».

Dez. Modifícase a letra c) do punto 2 do artigo 51, actualizando a referencia legal:

«c) As retribucións adicionais que deriven dos traballos, ensinanzas de especialización e actividades recollidas no artigo 60 da LOSU, ou ben aqueloutras que se regulen, mediante o procedemento establecido pola USC».

Once. Modifícase o punto 3 do artigo 52, que queda redactado como segue:

«3. Con carácter xeral, o procedemento de anticipos de caixa non se poderá aplicar naqueles pagamentos que comporten implicacións fiscais, agás naqueles supostos autorizados mediante unha resolución ou instrución da Xerencia cando razóns de operatividade ou as características do pagamento así o xustifiquen».

Doce. Modifícase o punto 2 do artigo 58, que queda redactado como segue:

«2. A USC deberá confeccionar a liquidación do orzamento antes do 1 de marzo do exercicio seguinte, en cumprimento do artigo 57 da LOSU e de acordo coas previsións establecidas na normativa estatal e autonómica».

Trece. Modifícase o punto 2 do artigo 59, que queda redactado como segue:

«2. No suposto de liquidación do exercicio con remanente de tesouraría negativo, procederase de acordo co sinalado no artigo 57 da LOSU en canto á redución do gasto que acordará o Consello Social».

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta modificación do Regulamento entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.