DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 196 Xoves, 15 de outubro de 2026 Páx. 52746

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 22 de setembro de 2026, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción para a infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica correspondente ao recuamento e soterramento das LMT aéreas afectadas pola ampliación e mellora da avenida Alcalde Alfonso Molina (AC-11, entre os puntos quilométricos 1+050 e 3+550), no concello da Coruña, e que promove UFD Distribución Electricidad, S.A. (expediente IN407A 2025/154-1).

Feitos:

1. O 6.8.2025, UFD Distribución Electricidad, S.A. (en diante, UFD) presentou, ante o Departamento Territorial da Coruña da Consellería de Economía e Industria (en diante, departamento territorial), a solicitude de autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción para a infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica correspondente ao recuamento e soterramento das LMT aéreas afectadas pola ampliación e mellora da avenida Alcalde Alfonso Molina (AC-11, entre os p.q. 1+050 e 3+550), no termo municipal da Coruña, á que se lle asignou o número de expediente IN407A 2025/154-1.

Esta solicitude acompañouse, ou completouse posteriormente, coa seguinte documentación técnica:

– Proxecto de execución denominado Recuamento LMT, RBT ampliación de avenida Alcalde Alfonso Molina AC-11, entre o p.q. 1+050 e o p.q. 3+550, asinado o 1.8.2025 pola graduada en enxeñaría eléctrica Carlota Martínez Rúa (colexiada núm. 4.776 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Vigo –COITIVigo–), no que figura un orzamento total de 131.121,29 € euros e un prazo de execución de 38 días.

– Declaración responsable asinada o 1.8.2025 polo técnico proxectista, en cumprimento do exixido no artigo 53.1.b) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no artigo 19 do Decreto 51/2011, do 17 de marzo, polo que se actualiza a normativa en materia de seguridade industrial da Comunidade Autónoma de Galicia para a súa adaptación á Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro, relativa aos servizos no mercado interior.

– Separatas do proxecto de execución para as entidades afectadas: Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, Concello da Coruña e Exolum Corporation, S.A. (Exolum).

– Declaración responsable asinada o 22.7.2026 por UFD, en cumprimento do exixido no artigo 46.e) da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia para as instalacións eléctricas incluídas neste proxecto, na que fai constar que para o referido proxecto se acadaron os acordos previos cos titulares de bens e inmobles afectados.

Segundo a solicitude de UFD, as súas instalacións eléctricas denominadas LMT EIR733 e EIR721, de 15 kV, vense afectadas polas obras de ampliación e mellora da avenida Alcalde Alfonso Molina, AC-11 entre os p.q. 1+050 e 3+550, promovidas polo Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible (MITMS), o que obriga ao recuamento e soterramento da instalación eléctrica preexistente. Segundo consta no proxecto de execución, o tramo afectado da liña EIR733 se atopa entre a derivada ao CT Elviña (15CBA9) e a derivada ao CT Maristas (15PBA7), mentres que o tramo da liña EIR721 se atopa entre a derivada ao CT Escorial (15CDVH) e a derivada ao CT Fábrica de Armas (15PBJ2). As actuacións proxectadas sobre estas liñas eléctricas son as seguintes:

– Relocalización do apoio existente AF3AE908//D8 (celosía-2000-18) para realizar o soterramento da liña. Proxéctase a súa desmontaxe e relocalización cun novo apoio (C-9000-18), que se intercalará baixo o dobre circuíto existente (coordenadas X:548568 e Y:4797994).

– Relocalización do apoio existente AF1T11I6//D7 (C-4500-18) para realizar o soterramento da liña. Proxéctase a súa desmontaxe e relocalización cun novo apoio (C-9000-18), que se intercalará baixo o dobre circuíto existente (coordenadas X:548586 e Y:4797933).

– Retirada dos vans comprendidos entre os ditos apoios existentes que se relocalizan, 103 m de condutor LA-110 (cun total de 206 m).

– Retensado dos vans anteriores aos apoios proxectados: un de 119 m, con orixe no apoio existente AEX5P172//D6 (C-3000-16) e final no apoio proxectado AF1T11I6//D7 (C-9000-18), e outro de 267 m, con orixe no apoio proxectado AF3AE908//D8 (C-9000-18) e final no apoio existente AF821UDO//D11 (C-1000-16).

– Soterramento das liñas existentes, con condutor tipo RHZ1-240, realizando dobre paso aero-subterráneo desde o apoio proxectado en substitución de AF3AE908//D8 (C-9000-18) ata o dobre paso aero-subterráneo no apoio proxectado AF1T11I6//D7 (C-9000-18), con 165 m cada circuíto (cun total de 330 m). A obra civil realizarase con canalización de 4 tubaxes en gabia de 0,4×1,2 m e mediante unha perforación dirixida con 6 tubaxes, 4 de 160 mm e 2 de 200 mm de diámetro.

2. O 6.8.2025, o departamento territorial, para os efectos da obtención dos correspondentes condicionados técnicos, remitiulles as separatas do proxecto de execución da referida infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica ás entidades afectadas: Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, Concello da Coruña e Exolum.

Ningunha destas entidades contestou a petición de informe, polo que, sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar, se entende a súa conformidade co proxecto, de acordo co disposto no artigo 47.3 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

Non obstante, Exolum si contestou a unha petición realizada directamente por UFD a respecto da afectación que as instalacións eléctricas proxectadas producirán na zona de seguridade do seu oleoduto (A Coruña-Vigo; en diante Covigo), quen con data do 25.8.2025 mostrou a súa conformidade aos traballos proxectados, sempre que se acepte o condicionado fixado para o efecto.

3. O 14.5.2026, UFD presentou ante o departamento territorial a solicitude de pronunciamento sobre a compatibilidade das instalacións e a redución da distancia de seguridade respecto do oleoduto Covigo, titularidade de Exolum, na cal se fai constar o seguinte:

«[...] no ámbito da actuación proxectada por UFD existe un oleoduto, titularidade de Exolum, que se tivo en conta no proxecto. Incorporáronse a el as medidas técnicas, construtivas e de seguridade necesarias para garantir a integridade, tanto do oleoduto como da instalación eléctrica, incluíndo, de ser o caso, estudos específicos de proteccións adicionais e procedementos de execución e coordinación.

A este respecto, o artigo 107.4.b)..ii da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, establece expresamente que a prohibición de realizar obras a unha distancia inferior a dez (10) m respecto do eixe dun oleoduto pode ser obxecto de redución, sempre que a dita redución se solicite expresamente e se cumpran as condicións que en cada caso fixe o órgano competente da Administración.

Atendida a configuración do dominio público viario e a inexistencia de alternativas técnicas razoables que permitan relocalizar a instalación eléctrica mantendo integramente a distancia de 10 m, o novo trazado proxectado non permite cumprir a dita separación en todo o seu percorrido, sen prexuízo de que se respecten o resto das distancias mínimas, medidas de protección e criterios de seguridade tecnicamente esixibles.

[...] esta sociedade solicita que, logo da admisión do presente escrito, se acorde:

*1. Declarar expresamente a compatibilidade técnica e de seguridade entre o recuamento das instalacións eléctricas existentes, titularidade de UFD, e o oleoduto, titularidade de Exolum, e, ao abeiro do disposto no referido artigo 107.4.b).1º.ii da Lei 34/1998, a autorización da redución da distancia mínima de dez (10) m respecto do eixe do oleoduto naqueles tramos en que, como consecuencia directa da actuación viaria promovida polo MITMS, non resulte tecnicamente viable o seu mantemento.

2. Emitir o dito pronunciamento tendo en conta o carácter sobrevido, obrigatorio e directamente derivado dunha actuación pública viaria de interese xeral do recuamento proxectado, a inexistencia de alternativas técnicas razoables que permitan manter integramente a distancia inicialmente prevista, e a necesidade de coordinar infraestruturas enerxéticas preexistentes, sen incorporar ao expediente condicionantes alleos ao procedemento administrativo nin atribucións preventivas, xenéricas ou ilimitadas de responsabilidade non previstas na normativa aplicable. Calquera referencia a tales aspectos deberá quedar fóra do ámbito do presente procedemento de autorización».

O departamento territorial deulle traslado a Exolum desta solicitude de UFD, con data 21.5.2026, requiríndolle a comunicación da súa conformidade ou oposición a ela e, de ser o caso, o condicionado técnico correspondente, especialmente en canto á autorización de redución da distancia de 10 m respecto do eixe do oleoduto naqueles tramos en que, como consecuencia directa da actuación viaria promovida polo MITMS, non resulte tecnicamente viable o seu mantemento.

4. O 4.6.2026, Exolum presentou a súa contestación á referida solicitude de UFD, en que recolle as seguintes alegacións:

«Primeira. Identificación da infraestrutura afectada e marco xurídico do oleoduto Covigo

O oleoduto Covigo foi declarado de utilidade pública mediante o Decreto 276/1990, do 27 de abril, da Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, publicado no Diario Oficial de Galicia do 15 de maio de 1990. Posteriormente, declarouse a urxente ocupación para os efectos de expropiación forzosa dos bens e dereitos afectados no tramo da provincia da Coruña mediante o Decreto 131/1992, do 14 de maio, e no tramo da provincia de Pontevedra mediante o Decreto 283/1992, do 24 de setembro.

En virtude dos ditos títulos, as instalacións aprobadas do oleoduto orixinan, entre outras, as seguintes servidumes e limitacións de dominio:

i. Prohibición de efectuar traballos de arada, cava ou similares a unha profundidade superior a setenta centímetros, así como de plantar árbores ou arbustos a unha distancia inferior a dous metros contados desde o eixe da tubaxe.

ii. Prohibición de realizar obras ou efectuar ningún acto que poida danar o bo funcionamento das instalacións a unha distancia inferior a dez metros da tubaxe. Esta distancia poderá reducirse sempre que se solicite expresamente e se cumpran as condicións que en cada caso fixe o órgano competente.

iii. Libre acceso do persoal e equipos necesarios para poder manter, reparar ou renovar as instalacións, con pagamento, se é o caso, dos danos que se ocasionen.

As ditas servidumes están igualmente recollidas no artigo 107.4.b).ii da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos (modificada pola Lei 8/2015, do 21 de maio), no Real decreto 2085/1994, do 20 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de instalacións petrolíferas, e na Instrución técnica complementaria MI-IP 03.

Segunda. Posición de Exolum respecto da solicitude de autorización administrativa

Exolum non se opón á concesión da autorización administrativa previa nin á autorización de construción solicitada por UFD para o recuamento das liñas de media tensión LMT EIR733 e EIR721, motivado polas obras de ampliación e mellora da avenida Alcalde Alfonso Molina, AC-11 entre os p.q. 1+050 e 3+550, promovidas polo Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible.

Non obstante, a dita conformidade queda condicionada ao cumprimento íntegro dos condicionantes técnicos que se expoñen na alegación cuarta do presente escrito e que, no substancial, reproducen os xa emitidos por esta compañía con data do 25 de agosto de 2025 (referencia 2025-0301) en relación con este mesmo proxecto.

Terceira. Sobre a solicitude de redución da distancia de seguridade e o escrito de UFD do 14 de maio de 2026

Exolum tomou coñecemento do escrito presentado por UFD o 14 de maio de 2026, no cal a dita sociedade solicita, ao abeiro do artigo 107.4.ii da Lei 34/1998, que ese departamento territorial declare a compatibilidade técnica e de seguridade entre o recuamento das instalacións eléctricas e o oleoduto Covigo, e autorice a redución da distancia mínima de dez metros respecto do eixe do oleoduto naqueles tramos en que, como consecuencia directa da actuación viaria, non resulte tecnicamente viable o seu mantemento.

Así mesmo, UFD solicita que o dito pronunciamento se emita «…sen incorporar ao expediente condicionantes alleos ao procedemento administrativo nin atribucións preventivas, xenéricas ou ilimitadas de responsabilidade non previstas na normativa aplicable».

A este respecto, Exolum considera necesario formular as seguintes precisións:

1. O artigo 107.4.b).ii da Lei 34/1998 permite a redución da distancia de dez metros «...sempre que se solicite expresamente e se cumpran as condicións que, en cada caso fixe o órgano competente da Administración pública». O órgano competente a que se refire a norma debe entenderse referido ao órgano administrativo competente en materia de hidrocarburos/industria-enerxía que exerce a autorización, inspección e control dos oleodutos e das súas zonas de seguridade no ámbito territorial correspondente, e non ao órgano expropiante nin ao órgano promotor das obras.

2. A norma non limita nin restrinxe a natureza das condicións que o dito órgano pode fixar; antes pola contra, confire unha habilitación ampla para establecer as condicións que en cada caso resulten pertinentes. En consecuencia, as condicións relativas á preferencia do oleoduto, á exoneración de responsabilidade do seu titular por traballos de mantemento e á supervisión das obras non son «condicionantes alleos ao procedemento administrativo» senón condicións materiais directamente vinculadas á seguridade e integridade da infraestrutura protexida, que é precisamente o ben xurídico que a norma pretende salvagardar.

3. Exolum, como titular do oleoduto, ten a obrigación legal de garantir a integridade, seguridade e mantemento da infraestrutura. Calquera actuación que deba realizarse na zona de seguridade, incluso se afecta instalacións alleas, responde a un deber legal e non a unha actuación neglixente ou arbitraria. O mantemento do oleoduto é unha cuestión de seguridade industrial e de interese público, dada a natureza perigosa dos produtos que se transportan (gasolinas, gasóleos e querosenos), e a normativa prioriza a seguridade do oleoduto sobre calquera outra instalación situada na súa zona de seguridade.

4. As instalacións de terceiros na zona de seguridade do oleoduto teñen carácter accesorio, e a súa autorización está condicionada a que non interfiran co oleoduto nin limiten o exercicio dos dereitos e obrigacións do seu titular. A xurisprudencia e a doutrina administrativa recoñecen que a autorización para instalar infraestruturas en zonas de servidume ou seguridade dun oleoduto non outorga dereitos plenos, senón condicionados á prioridade da infraestrutura principal.

5. É práctica habitual e consolidada no sector establecer este tipo de condicións en autorizacións de paso ou instalación en zonas de seguridade de infraestruturas críticas, precisamente para evitar conflitos e garantir a súa operatividade e seguridade. De feito, a propia UFD (baixo a súa anterior denominación Unión Fenosa Distribución, S.A.) aceptou e asinou condicionantes técnicos de contido idéntico ou análogo aos emitidos por Exolum (anteriormente denominada Compañía Loxística de Hidrocarburos CLH, S.A.) en numerosas ocasións anteriores no ámbito do oleoduto Covigo, tanto na zona da Coruña como na de Santiago de Compostela.

6. A supresión destas condicións esenciais do condicionado técnico xeraría inseguridade xurídica e comprometería a capacidade de Exolum para cumprir coas súas obrigas legais e de seguridade, ao permitir que terceiros poidan reclamar danos por actuacións necesarias para o mantemento do oleoduto, poñendo en risco a seguridade e a continuidade do servizo, que é precisamente o que a normativa pretende evitar.

Cuarta. Condicionado técnico

Exolum, na súa condición de titular do oleoduto Covigo, e ao abeiro do disposto no artigo 107.4.b).ii da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, emite o seguinte condicionado técnico, cuxo cumprimento íntegro condiciona a súa conformidade á autorización administrativa solicitada:

4.1. Condicións técnicas específicas das interferencias.

En relación coas interferencias entre as instalacións eléctricas proxectadas e o oleoduto Covigo:

a) A distancia entre os apoios da liña e o eixe do trazado do oleoduto deberá ser superior a 6 metros. O ángulo de cruzamento deberá ser o máis próximo a 90º (ángulo mínimo de 35º). Para ángulos inferiores a 35º, a altura dos cables da liña ao terreo no dito cruzamento deberá ser superior a 10 metros.

b) Nos tramos de soterramento da liña de media tensión, o cruzamento co oleoduto realizarase mediante unha perforación horizontal dirixida por debaixo do oleoduto e deberá garantirse unha distancia mínima de 1 metro entre a xeratriz inferior da canalización de Exolum e a xeratriz superior da camisa da traxectoria de perforación. A perforación horizontal dirixida deberá permitir un control absoluto da traxectoria, de maneira que se garanta en todo momento a integridade das canalizacións de Exolum.

c) Como medida de seguridade adicional, realizarase unha cata temporal (gabia testemuña) xusto na zona de cruzamento da perforación coa canalización de Exolum, de maneira que se garanta en todo momento a integridade das canalizacións.

d) Como medida de protección para evitar posibles interaccións co oleoduto que poidan xerar corrosión, as picas de posta á terra dos apoios deberán localizarse o máis afastadas posible do oleoduto, garantindo a integridade do oleoduto ante posibles afeccións da liña eléctrica.

e) Durante a realización dos traballos dentro da zona de seguridade do oleoduto deberá estar presente persoal de Exolum, e só se permitirá o paso de maquinaria por riba das lousas de protección. Como medida de protección do oleoduto, deberán colocar malla para sinalización rectangular (HDPE) para balizamento que impida o acceso á zona de seguridade que non dispoña de lousa de protección.

f) Deberanse respectar en todo momento os fitos de sinalización de referencia do oleoduto.

4.2. Condicións xerais.

a) Todas as obras serán realizadas por conta e baixo a dirección do promotor. Antes de comezar os traballos, o promotor deberá comunicar por escrito a Exolum o nome do responsable da obra, quen deberá estar presente en todo momento durante a realización de traballos na zona de seguridade. Tamén deberá estar presente persoal de Exolum, para os únicos efectos de vixiar que non se produzan danos no oleoduto, e deberá contactar co xefe de explotación da zona cunha semana de antelación.

b) Exolum non permitirá o inicio dos traballos ata que non reciba un exemplar do correspondente condicionado técnico asinado polo promotor, en que asuma os condicionantes indicados e comunique o nome do responsable da obra.

c) O promotor asegurarase de que o tempo que o oleoduto permaneza ao descuberto sexa o mínimo imprescindible, así como de que ningunha persoa allea ás obras teña acceso ao oleoduto.

d) Calquera dano que con motivo das obras se poida producir no oleoduto será reparado por persoal de Exolum, quen pasará o cargo ao promotor.

e) Unha vez finalizadas as obras, presentarase un esbozo da actuación finalmente executada.

f) O prazo de validez da autorización será dun (1) ano, sempre e cando non se producisen modificacións nas condicións que deron lugar á súa emisión.

g) Calquera taxa, gasto, imposto ou gravame derivado desta solicitude será por conta do promotor.

4.3. Condicións esenciais relativas á zona de seguridade e responsabilidade.

Exolum manifesta a súa conformidade coa execución das instalacións descritas, parte das cales se localizan na zona de seguridade do oleoduto. Sen prexuízo da colaboración e coordinación entre as partes para calquera traballo na súa zona de influencia, Exolum poderá actuar de forma inmediata e unilateral no oleoduto cando sexa necesario por razóns de seguridade ou operatividade, sen necesidade de autorización ou colaboración de terceiros. O oleoduto terá, en todo caso, carácter preferente respecto de calquera outra infraestrutura existente na zona. En consecuencia, Exolum non asumirá responsabilidade polos danos que se poidan producir en instalacións de terceiros como consecuencia de traballos de mantemento, reparación ou actuacións urxentes ou coordinadas no oleoduto, presentes ou futuras. A zona de seguridade deberá permanecer libre de calquera instalación non expresamente autorizada e nela non se poderá empregar maquinaria pesada nin explosivos.

Exolum terá libre acceso de persoal, elementos e medios necesarios para a renovación, vixilancia e mantemento das súas instalacións na zona de servidume do oleoduto. Naqueles casos en que Exolum considere que existen razóns de urxencia, procurará na medida do posible comunicar aos propietarios das instalacións, cunha antelación mínima de 48 horas, calquera tipo de traballo de renovación, vixilancia e mantemento das súas instalacións na zona de servidume do oleoduto.

Esta compañía non renuncia aos dereitos regulados pola lexislación enriba especificada pola que foi declarado de utilidade pública este oleoduto.

Quinta. Petición

En virtude de todo o exposto, esta compañía solicita a ese departamento territorial que:

1. Teña por presentado este escrito e por formuladas as alegacións que nel se conteñen, dentro do prazo de trinta días concedido para o efecto.

2. Incorpore integramente ao expediente IN407A/2025/000154-1 o condicionado técnico contido na alegación cuarta do presente escrito como parte das condicións que, de ser o caso, deban rexer a autorización administrativa da instalación proxectada, ao abeiro do artigo 107.4.b).ii da Lei 34/1998, do sector de hidrocarburos.

3. Desestime a pretensión formulada por UFD Distribución Electricidad, S.A. no punto 2 do seu escrito do 14 de maio de 2026, en canto solicita que a autorización se emita sen incorporar os condicionantes que Exolum, como titular do oleoduto, considera esenciais para preservar a seguridade e integridade da instalación, por canto os ditos condicionantes constitúen precisamente as “condicións que en cada caso fixe o órgano competente” a que se refire a norma citada, e resultan plenamente conformes coa normativa sectorial aplicable».

O departamento territorial deulle traslado a UFD desta contestación de Exolum, o 5.6.2026, requiríndolle a comunicación da súa conformidade ou dos reparos que considere.

5. O 3.7.2026, UFD presentou a súa contestación ao condicionado de Exolum, na que se recollen as seguintes alegacións:

«Primeira. Sobre a plena aceptación por UFD da necesidade de preservar a seguridade e integridade do oleoduto

UFD desexa deixar constancia, con carácter expreso, de que non cuestiona a necesidade de garantir a seguridade, integridade, operatividade e adecuado mantemento do oleoduto, nin a existencia dun réxime sectorial de protección derivado da normativa de hidrocarburos e das servidumes e limitacións legalmente establecidas.

Do mesmo modo, UFD non se opón a que, de ser o caso, a redución da distancia xeral de seguridade quede condicionada á fixación, polo órgano competente, daquelas medidas técnicas concretas que resulten necesarias, proporcionadas e xustificadas para compatibilizar ambas as infraestruturas, compatibilidade solicitada por esta distribuidora por medio do escrito do 14 de maio de 2026.

A controversia, por tanto, non radica na finalidade de protección do oleoduto, que esta parte comparte, senón no alcance material e xurídico do condicionado que Exolum pretende incorporar ao expediente.

Segunda. Sobre a competencia do órgano administrativo para fixar as condicións aplicables e a improcedencia da incorporación automática e íntegra do condicionado unilateral de Exolum

Exolum, no seu propio escrito, recoñece que o artigo 107.4.b).ii da Lei 34/1998 prevé que a redución da distancia xeral de seguridade se supedite ao cumprimento das condicións que en cada caso fixe o órgano competente da Administración pública.

Da literalidade do precepto despréndese con claridade que a potestade da determinación das condicións aplicables corresponde á Administración; que as ditas condicións deben fixarse caso por caso e que non procede trasladar de forma automática ao expediente administrativo, e menos aínda integramente, o condicionado redactado unilateralmente por unha das partes interesadas.

Por iso, a eventual resolución administrativa que se dite neste procedemento deberá conter unicamente aquelas condicións que o órgano competente considere estritamente necesarias, proporcionadas e directamente conectadas coa seguridade e coa compatibilidade solicitada, logo de valoración propia e motivada.

Terceira. Sobre a necesidade de diferenciar entre condicionantes técnicos de seguridade e cláusulas alleas ao obxecto propio do expediente

O escrito de Exolum incorpora, xunto a determinadas exixencias de carácter estritamente técnico relativas ao cruzamento ou proximidade co oleoduto, outras previsións que non participan desa mesma natureza técnica, senón que pretenden establecer un réxime amplo de facultades, responsabilidades e cargas económicas alleo ao obxecto inmediato o expediente administrativo.

Esta parte non discute que o órgano competente poida valorar e impoñer, de ser o caso, condicións técnicas específicas cuxo obxecto sexa evitar danos ao oleoduto e asegurar a correcta execución dos traballos na súa zona de influencia.

Agora ben, non poden incorporarse ao expediente, ao abeiro desa finalidade lexítima, previsións que non respondan a un risco técnico concreto e directamente identificado, non estean suficientemente individualizadas para a actuación proxectada, ou persigan efectos xurídicos xerais alleos ao contido propio dunha autorización administrativa de compatibilidade técnica.

En consecuencia, procede distinguir con claridade entre aquelas medidas que teñan unha finalidade estritamente preventiva e técnica, e aquelas outras que pretendan introducir un marco xeral de relacións xurídicas, responsabilidades ou cargas económicas que exceda o ámbito propio da resolución administrativa.

Cuarta. Sobre a improcedencia de incorporar cláusulas de exoneración xeral de responsabilidade, preferencia absoluta e actuación unilateral de carácter aberto

Especial obxección merece o punto do condicionado proposto por Exolum en que se establece, en esencia, que:

a) Exolum poderá actuar de forma inmediata e unilateral sobre o oleoduto cando o considere necesario por razóns de seguridade ou operatividade;

b) O oleoduto terá, en todo caso, carácter preferente respecto de calquera outra infraestrutura existente na zona; e

c) Exolum non asumirá responsabilidade polos danos que se poidan producir en instalacións de terceiros como consecuencia de traballos de mantemento, reparación ou actuacións urxentes ou coordinadas no oleoduto.

Tales previsións non constitúen propiamente medidas técnicas de compatibilidade, senón que pretenden introducir no expediente administrativo unha regulación xeral e preventiva sobre facultades, prioridades abstractas e exoneracións de responsabilidade que excede claramente o obxecto da autorización solicitada.

A resolución administrativa que se dite neste procedemento debe cinguirse a determinar se a actuación proxectada resulta compatible coa infraestrutura existente e, de ser o caso, en que condicións técnicas concretas pode desenvolverse a dita compatibilidade. Non é a canle adecuada para recoñecer, con formulación aberta e alcance xeral, unha exoneración anticipada de responsabilidade ou unha prevalencia abstracta fronte a calquera outra instalación presente ou futura.

Por iso, interesa a esta parte que non se incorporen á resolución pola que se estime a compatibilidade de ambas as instalacións tales previsións, por exceder o contido propio dun condicionado técnico e por carecer do grao de concreción, proporcionalidade e vinculación ao risco específico que exixe un expediente desta natureza.

Quinta. Sobre a improcedencia de exixir a sinatura previa do condicionado de Exolum como requisito autónomo para o inicio das obras

O condicionado proposto por Exolum establece igualmente que non permitirá o inicio dos traballos ata recibir un exemplar do correspondente condicionado asinado polo promotor.

Fronte a iso, debe sinalarse que as obrigas exixibles a UFD derivarán, de ser o caso, da resolución administrativa que se dite no expediente e das condicións que validamente incorpore o órgano competente, non da aceptación previa dun documento unilateral redactado por outra entidade interesada.

Se a Administración considera procedente impoñer determinadas condicións técnicas, tales condicións serán de obrigado cumprimento pola súa incorporación ao acto administrativo, sen que resulte xuridicamente necesario nin procedente converter en presuposto adicional a subscrición dun condicionado privado alleo ao contido propio da resolución.

En consecuencia, desde esta distribuidora consideramos que tampouco procede incorporar esta exixencia ao expediente nos termos pretendidos por Exolum.

Sexta. Sobre a improcedencia da imputación xenérica e automática de danos, gastos, taxas e gravames

O condicionado presentado por Exolum inclúe igualmente previsións relativas á repercusión ao promotor de calquera dano que se poida producir no oleoduto con motivo das obras, así como de calquera taxa, gasto, imposto ou gravame derivado da solicitude.

A xuízo desta parte, tales previsións non poden incorporarse en termos xenéricos, automáticos ou desvinculados da efectiva acreditación do dano, da concreta relación de causalidade e da correspondente imputación xurídica.

A determinación de danos, custos ou responsabilidades económicas, de ser o caso, deberá rexerse pola normativa aplicable e pola acreditación dos presupostos fácticos e xurídicos que procedan, sen que sexa admisible utilizar o condicionado técnico do presente expediente para establecer, con carácter previo e omnicomprensivo, un réxime automático de repercusión económica en favor dunha das partes.

Por iso, tamén estas previsións deben quedar excluídas da resolución administrativa.

Sétima. Sobre a ausencia de valor vinculante dos antecedentes invocados por Exolum

Exolum alude no seu escrito á existencia de antecedentes en que UFD, ou entidades do seu mesmo ámbito baixo unha anterior denominación, terían aceptado condicionados de contido análogo. Sen necesidade de entrar a valorar o alcance exacto dos ditos antecedentes, esta parte debe sinalar que non teñen eficacia vinculante no presente expediente, que deberá resolverse conforme as súas propias circunstancias técnicas e xurídicas.

A existencia de precedentes non exime da obriga de motivar, individualizar e ponderar as condicicóns que se consideren procedentes no caso concreto.

Por tanto, a referencia a actuacións anteriores non xustifica por si soa a incorporación íntegra do condicionado proposto por Exolum.

Oitava. Sobre a procedencia, de ser o caso, dunha incorporación unicamente parcial e motivada das condicións estritamente técnicas

De conformidade con todo o exposto, esta parte considera que, se o órgano competente xulga procedente establecer condicións para garantir a compatibilidade entre a instalación proxectada e o oleoduto, as ditas condicións deberán limitarse ás que reúnan cumulativamente as seguintes características:

a) Que teñan carácter estritamente técnico.

b) Que respondan a un risco real, concreto e identificado

c) Que resulten necesarias e proporcionadas.

d) Que estean directamente vinculadas á interferencia obxecto do presente expediente.

Pola contra, deberán quedar excluídas aquelas cláusulas que introduzan exoneracións xerais de responsabilidade, declaracións abstractas de preferencia, imposicións automáticas de custos ou exixencias de subscrición de documentos unilaterais alleas ao contido propio do acto administrativo.

Por todo o exposto, esta sociedade solicita que, logo da admisión do presente escrito e o nel manifestado, se teñan por formuladas en tempo e forma as presentes alegacións no expediente IN407A/2025/000154-1, e se dite a resolución en que se declare a compatibilidade de ambas as instalacións fixando as condicións técnicas concretas, necesarias, proporcionadas e debidamente motivadas, nos termos que determine esa Administración, e rexeitando aquelas cláusulas que exceden o contido propio dun condicionado técnico de compatibilidade e seguridade».

6. O 24.8.2026, o departamento territorial, logo de rematada a instrución do referido expediente, deu traslado del á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas (en diante, DXPEM) para os efectos de ditar a oportuna resolución, incorporando ao expediente os seguintes informes:

– Informe emitido o 12.8.2026 polos seus servizos técnicos sobre a documentación técnica, no que se conclúe o seguinte: «Desde o punto de vista técnico non se atopa ningún impedimento para emitir a autorización administrativa previa e de construción das instalacións electromecánicas e eléctricas proxectadas».

– Informe emitido o 24.8.2026 polo seu Servizo de Enerxía e Minas sobre a tramitación administrativa, polo que se remite o expediente á DXPEM para os efectos da correspondente autorización, segundo o previsto no artigo 107.4.b).1º.ii da Lei 34/1998, do 7 de outubro, e, de ser o caso, a autorización administrativa previa e de construción, de conformidade co artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Consideracións legais e técnicas:

Con base nos antecedentes mencionados, considérase que, no marco das autorizacións administrativas previa e de construción da referida infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica, se seguiron os trámites do procedemento establecidos na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

A respecto da tramitación do referido expediente, cómpre salientar que está exenta do trámite de información pública, de conformidade coa excepción recollida no artigo 50.b) da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, para as solicitudes de autorización administrativa de modificacións de instalacións de distribución de calquera tensión, sempre que non se solicite a declaración de utilidade pública nin sexa preceptiva a avaliación ambiental ordinaria.

En canto á avaliación de impacto ambiental dos proxectos, no artigo 7 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, defínense os proxectos que terán que someterse a unha avaliación de impacto ambiental, ordinaria ou simplificada. A este respecto, na epígrafe 10 (ambiente) da memoria do proxecto de execución, establécese que, segundo a lexislación vixente de avaliación ambiental (incluída a última modificación dos anexos I, II e II do Real decreto 445/2023), as actuacións proxectadas non se atopan sometidas a ningún trámite de avaliación de impacto ambiental.

A competencia para resolver este expediente correspóndelle á DXPEM, en aplicación do artigo 107.4.b).1º.ii da Lei 34/1998, do 7 de outubro, e de conformidade co seguinte:

– A Dirección Xeral de Industria (actualmente, DXPEM) ditou a resolución o 30.3.1992 pola que se aprobou o proxecto de execución e se autorizou á Compañía Arrendataria do Monopolio de Petróleos, S.A. (actualmente, Exolum) a instalación do tramo correspondente á provincia da Coruña do oleoduto Covigo, publicada no DOG núm. 76, do 22.4.1992.

– A construción deste oleoduto e instalacións complementarias de Campsa (actualmente, Exolum), foi declarada de utilidade pública mediante o Decreto 276/1990, do 27 de abril, da Consellería de Industria e Comercio (actualmente, Consellería de Economía e Industria), publicado no DOG núm. 93, do 15.5.1990.

– O artigo 107.4.b).1º.ii da Lei 34/1998, do 7 de outubro, en relación coa servidume permanente de paso para canalizacións e cable de comunicacións das conducións, establece como limitación de dominio desta servidume a «Prohibición de realizar calquera tipo de obras, construción, edificación, ou de efectuar ningún acto que puidese danar ou perturbar o bo funcionamento das instalacións, a unha distancia inferior a dez metros (10 m) do eixe do trazado, a ambos os dous lados deste. Esta distancia poderá reducirse sempre que se solicite expresamente e se cumpran as condicións que en cada caso fixe o órgano competente da Administración pública».

En canto á autorización das instalacións eléctricas proxectadas por UFD dentro da zona de seguridade do oleoduto Covigo, titularidade de Exolum, cabe salientar o seguinte:

– Segundo o disposto no artigo 107.4.b).1º.ii da Lei 34/1998, do 7 de outubro, a prohibición de realizar calquera tipo de obras, construción, edificación, ou de efectuar acto algún que puidese danar ou perturbar o bo funcionamento das instalacións, a unha distancia inferior a dez metros (10 m) do eixe do trazado (instalacións gasistas e oleodutos), a ambos os dous lados deste, poderá reducirse sempre que se solicite expresamente e se cumpran as condicións que en cada caso fixe o órgano competente da Administración pública, que neste caso é a DXPEM.

– Como consecuencia da ampliación e mellora da avenida Alcalde Alfonso Molina (AC-11, entre os p.q. 1+050 e 3+550), UFD vese na obriga de proxectar o recuamento e soterramento de dúas LMT (EIR733 e EIR721) por debaixo do oleoduto Covigo, razón pola cal, e para os efectos de solucionar a referida prohibición dentro da franxa fixada pola distancia de 10 m a ambos os lados do eixe do oleoduto, solicitou expresamente ante a DXPEM a redución da dita distancia.

– Exolum, a respecto das instalacións eléctricas proxectadas por UFD, presentou un escrito de alegacións en que mostra a súa conformidade coa súa autorización administrativa supeditada ao cumprimento integro do condicionado técnico incorporado na alegación cuarta, e que está conformado por tres epígrafes: 4.1. Condicións técnicas específicas das interferencias; 4.2. Condicións xerais; e 4.3. Condicións esenciais relativas á zona de seguridade e responsabilidade.

– UFD, en resposta ao condicionado fixado por Exolum, solicitou á DXPEM a declaración de compatibilidade de ambas as instalacións fixando as condicións técnicas concretas, necesarias, proporcionadas e debidamente motivadas, rexeitando aquelas cláusulas que excedan o contido propio dun condicionado técnico de compatibilidade e seguridade. Segundo fai constar na súa contestación, Exolum incorpora, xunto a determinadas exixencias de carácter estritamente técnico relativas ao cruzamento ou proximidade co oleoduto, outras previsións que non participan desa mesma natureza técnica, senón que pretenden establecer un réxime amplo de facultades, responsabilidades e cargas económicas alleo ao obxecto inmediato do expediente administrativo, e que figuran incorporadas nas epígrafes 4.2 e 4.3 do condicionado.

– Con base no exposto por Exolum e UFD, pódese considerar axeitado o condicionado que Exolum propón para poder autorizar a compatibilidade de ambas as infraestruturas enerxéticas dentro da zona de seguridade asociada ao seu oleoduto, e que vén conformado por condicións técnicas, fixadas para garantir a seguridade da execución das obras proxectadas e da coexistencia de ambas infraestruturas, complementadas con outras condicións, fixadas para garantir a operatividade do oleoduto.

De acordo con todo o anterior,

RESOLVO:

1. Outorgar a autorización administrativa previa para a infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica correspondente ao recuamento e soterramento das LMT aéreas afectadas pola ampliación e mellora da avenida Alcalde Alfonso Molina (AC-11, entre os p.q. 1+050 e 3+550), no termo municipal da Coruña, e que promove UFD Distribución Electricidad, S.A.

2. Outorgar a autorización administrativa de construción para o proxecto de execución da citada infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica.

3. Autorizar a redución da distancia de seguridade de 10 m a ambos os lados do oleoduto Covigo, fixada como limitación de dominio da súa servidume permanente de paso no artigo 107.4.b).1º.ii da Lei 34/1998, do 7 de outubro, de conformidade co condicionado establecido por Exolum como titular do dito oleoduto.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. As instalacións eléctricas que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución denominado Recuamento LMT, RBT ampliación de avenida Alcalde Alfonso Molina AC-11, entre o p.q. 1+050 e o p.q. 3+550, asinado o 1.8.2025 pola graduada en enxeñaría eléctrica Carlota Martínez Rúa (colexiada núm. 4.776 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Vigo –COITIVigo–).

2. O promotor (UFD) asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manteñan as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento se deberán cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establecen o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, aprobados polo Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, e o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade nas instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, aprobados polo Real decreto 337/2014, do 9 de maio.

3. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa da DXPEM; non obstante, o departamento territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, e deberá comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que se diten en aplicación da citada facultade.

4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de seis meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución. Unha vez construídas estas instalacións, o promotor deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante o departamento territorial, quen deberá estendela tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

5. En canto aos bens e dereitos afectados pola referida infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes.

A este respecto, e polo que se refire á ocupación da zona de seguridade do oleoduto Covigo pola infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica que se autoriza a UFD, esta deberá cumprir integramente o condicionado establecido por Exolum, que figura na alegación cuarta da súa contestación do 4.6.2026 (reproducida nos antecedentes de feito).

6. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución ou a variación substancial dos presupostos que determinaron a súa adopción poderán dar lugar á súa revogación, logo de audiencia ao promotor, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

7. Estas autorizacións adóptanse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da referida infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica, en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente, tal e como dispón o título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

8. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 48.2 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, poderase interpoñer un recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2026

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Minas