DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 196 Xoves, 15 de outubro de 2026 Páx. 52736

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 21 de setembro de 2026, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas, pola que se outorga a autorización administrativa previa e de construción do proxecto de almacenamento eléctrico Ebro Energy O Rosal e a súa liña de evacuación, que O Rosal Almacenamiento, S.L.U. promove no concello do Rosal, Pontevedra (expediente PB 01/2024).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Sens Ebro, S.L.U. en relación coa autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción do proxecto de almacenamento eléctrico Ebro Energy O Rosal e a súa liña de evacuación, constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 6 de maio de 2024, Sens Ebro, S.L.U. solicitou a autorización administrativa previa e de construción dun proxecto de almacenamento eléctrico denominado Ebro Energy O Rosal, de 4,5 MW de potencia máxima de funcionamento, e a súa liña de evacuación, situada no concello do Rosal (Pontevedra).

Segundo. O 29 de agosto de 2025, Sens Ebro, S.L.U. solicitou o inicio de novo da tramitación da solicitude de autorización administrativa previa e de construción do proxecto de almacenamento eléctrico e a súa liña de evacuación ao se modificar a localización prevista. Xuntouse á solicitude citada, entre outra documentación, o proxecto de execución da instalación e a documentación ambiental pertinente. A solicitude foi completada polo solicitante o 2 de outubro de 2025 e o 3 de novembro de 2025.

Terceiro. O 20 de xaneiro de 2026, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas remitiulle a documentación técnica do proxecto de almacenamento eléctrico denominado Ebro Energy O Rosal ao Departamento Territorial de Pontevedra da Consellería de Economía e Industria para a continuación da tramitación, de acordo co indicado no artigo 45.1 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

Cuarto. Mediante o Acordo do 20 de abril de 2026, o Departamento Territorial de Pontevedra da Consellería de Economía e Industria someteu a información pública as solicitudes de outorgamento das autorizacións administrativas previa e de construción do proxecto de almacenamento eléctrico Ebro Energy O Rosal e a súa liña de evacuación, no concello do Rosal, da provincia de Pontevedra (expediente PB 01/2024).

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 77, do 27 de abril de 2026. Así mesmo, foi exposto tanto nas dependencias da Consellería de Economía e Industria do Departamento Territorial de Pontevedra coma no portal web da Consellería de Economía e Industria.

Durante o período de información pública non se presentou ningunha alegación.

Quinto. O 20 de abril de 2026, o Departamento Territorial de Pontevedra da Consellería de Economía e Industria de Pontevedra remitiulle a documentación técnica do proxecto á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e a solicitude de inicio do procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada, de acordo co indicado no artigo 45 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental. O 29 de abril de 2026, o mencionado departamento territorial remitiulle á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático documentación adicional.

Sexto. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 47.2 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, o Departamento Territorial de Pontevedra da Consellería de Economía e Industria remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do proxecto aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Augas de Galicia, Axencia Galega de Infraestruturas, concello do Rosal, Deputación Provincial de Pontevedra, Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Secretaría Xeral de Vivenda e Urbanismo, Confederación Hidrográfica del Miño Sil, O.A., Telefónica de España, S.A.U. e UFD Distribución Electricidad, S.A.

A seguir relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico o 12 de maio de 2026, Telefónica de España, S.A.U. o 13 de maio de 2026, UFD Distribución Electricidad, S.A. e a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural o 15 de maio de 2026, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal o 19 de maio de 2026, Secretaría Xeral de Vivenda e Urbanismo o 21 de maio de 2026, a Confederación Hidrográfica del Miño Sil, O.A. o 8 de xullo de 2026 e a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior o 28 de xullo de 2026.

O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

Respecto do resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 47.3 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución será dun mes desde a recepción da solicitude. De non se recibiren estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento.

Sétimo. O 19 de xuño de 2026, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático resolveu formular o informe de impacto ambiental do proxecto de instalación de almacenamento de enerxía eléctrica en baterías (BESS) Ebro Energy O Rosal, de 4,5 MW, no concello do Rosal (Pontevedra), clave 2026/0079, no cal se concluíu que «de acordo cos antecedentes e como resultado da avaliación de impacto ambiental simplificada realizada, formular o informe de impacto ambiental do proxecto de instalación de almacenamento de enerxía eléctrica en baterías (BESS) Ebro Energy O Rosal, de 4,5 MW, no concello do Rosal (Pontevedra), concluíndo que, nos termos recollidos ao longo desta resolución e sempre que se cumpran, ademais do recollido no documento ambiental e na restante documentación avaliada, o condicionado e o programa de vixilancia ambiental que figuran ao longo desta resolución, non son previsibles efectos adversos significativos sobre o ambiente e, polo tanto, non se considera necesario someter o proxecto á avaliación de impacto ambiental ordinaria».

O citado informe publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 124, do 22 de xuño de 2026, mediante un anuncio da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade polo que se fai público o informe de impacto ambiental do proxecto de instalación de almacenamento de enerxía eléctrica en baterías (BESS) Ebro Energy O Rosal, de 4,5 MW, no concello do Rosal (expediente 2026/0079).

Oitavo. O 14 de xullo de 2026, o Departamento Territorial de Pontevedra da Consellería de Economía e Industria remitiu o expediente a esta dirección xeral para continuar coa tramitación do procedemento, de acordo co establecido no artigo 47.5 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, e achegou un informe técnico da mesma data citada sobre o proxecto, en que indica que «da documentación existente no expediente non se desprende a existencia de impedimentos de carácter técnico ou administrativo que imposibiliten o outorgamento das autorizacións solicitadas, sen prexuízo do cumprimento das condicións establecidas polos organismos informantes, do condicionado ambiental e das restantes autorizacións, permisos, licenzas ou concesións que correspondan no ámbito das competencias doutras administracións públicas».

Noveno. O 24 de xullo de 2026 requiríuselles a Sens Ebro, S.L.U. e ao Rosal Almacenamiento, S.L. a documentación adicional necesaria para continuar coa tramitación do procedemento. O 30 de xullo de 2026 e o 4 de agosto achegouse a documentación requirida.

Décimo. O 7 de agosto de 2026, Sens Ebro, S.L.U. solicitou o cambio da titularidade do proxecto da instalación de almacenamento de enerxía eléctrica mediante baterías denominada Ebro Energy O Rosal e a súa infraestrutura de evacuación a favor da sociedade O Rosal Almacenamiento, S.L.U.

Décimo primeiro. O 14 de agosto de 2026 requiríuselles a Sens Ebro, S.L.U. e ao Rosal Almacenamiento, S.L. a documentación adicional necesaria para continuar coa tramitación do cambio de titularidade. O 25 de agosto de 2026 foi achegada a documentación requirida.

Décimo segundo. O 27 de agosto de 2026 requiríuselle a Sens Ebro, S.L.U. a documentación adicional necesaria para continuar coa tramitación do cambio de titularidade. O 2 de setembro de 2026 presentouse a documentación solicitada.

Décimo terceiro. O 9 de setembro de 2026, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas resolveu autorizar a transmisión do proxecto da instalación de almacenamento de enerxía eléctrica mediante baterías denominada Ebro Energy O Rosal e da súa infraestrutura de evacuación, situada no concello do Rosal (Pontevedra), titularidade de Sens Ebro, S.L.U., a favor de O Rosal Almacenamiento, S.L.U.

Décimo cuarto. O 17 de setembro de 2026, O Rosal Almacenamiento, S.L.U. presentou, entre outra documentación, un acordo de subrogación na posición de Sens Ebro como arrendataria do predio afectado pola instalación.

Décimo quinto. O proxecto de almacenamento eléctrico de referencia conta cos dereitos de acceso e conexión á rede de distribución a nome de O Rosal Almacenamiento, S.L.U. para unha capacidade de acceso de 4.500 kW, de acordo coa comunicación do 11 de setembro de 2026 do xestor da rede.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas é competente para resolver este procedemento, con fundamento no Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria.

Segundo. O artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, establece que para a posta en funcionamento de novas instalacións de transporte, distribución, produción e liñas directas recollidas na mencionada lei ou modificación das existentes se requirirá a autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e autorización de explotación, que terán carácter regrado, correspondéndolle neste caso o seu outorgamento á Administración autonómica.

Terceiro. De acordo co Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, correspóndelle á dirección xeral competente en materia de enerxía a competencia para outorgar a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción desta instalación.

Cuarto. O proxecto de almacenamento eléctrico e a súa liña de evacuación está sometido ao trámite de avaliación ambiental simplificada, de acordo co recollido no título II, capítulo II, sección 2ª, da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.

Quinto. Na tramitación tivéronse en conta as normas de procedemento contidas na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, no Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión, e as súas instrucións complementarias, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

De acordo co que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar a autorización administrativa previa ás instalacións do proxecto de almacenamento eléctrico Ebro Energy O Rosal e a súa liña de evacuación, sito no concello do Rosal (Pontevedra) e promovido por O Rosal Almacenamiento, S.L.U., para unha potencia de 4,5 MW.

Segundo. Outorgar a autorización administrativa de construción para o proxecto de almacenamento eléctrico que O Rosal Almacenamiento, S.L.U. promove no concello do Rosal (Pontevedra), segundo o proxecto coa denominación Bess Energy O Rosal proxecto de execución, asinado o 16 de abril de 2026 polo enxeñeiro industrial Juan García Sopeña, colexiado núm. 4.302 do COIIAS.

As características do proxecto son as seguintes:

Solicitante: O Rosal Almacenamiento, S.L.U.

Denominación: Sistema de almacenamento Ebro Energy O Rosal e a correspondente liña subterránea de media tensión a 20 kV ata a subestación do Rosal.

Concello afectado: O Rosal.

Coordenadas UTM ETRS89-fuso 29:

Vértice

X

Y

1

512.564

4.642.018

2

512.571

4.642.013

3

512.564

4.641.989

4

512.542

4.641.999

5

512.543

4.642.011

6

512.555

4.642.014

Potencia: 4,62 MW de potencia instalada, limitada electronicamente mediante un sistema de control de planta PPC (power plant controller) a 4,5 MW de potencia evacuable, tanto en xeración como en demanda. Capacidade enerxética de 18 MWh.

Características técnicas recollidas no proxecto:

– 4 contedores destinados a albergar as baterías baseadas na tecnoloxía de fosfato de ferro-litio (LFP) en modalidade autónoma, dos cales 3 son contedores PowerTitan 2.0 ST5015UX-4H e 1 é contedor PowerTitan 2.0 ST3343UX-4H. Cada contedor de baterías PowerTitan 2.0 ST5015UX-4H está composto por 6 inversores (convertedores) 690 V de 210 kVA cada un e o contedor de baterías PowerTitan 2.0 ST3343UX-4H está composto por 4 inversores (convertedores) 690 V de 210 kVA.

– Transformador de 5.140 kVA, con relación de transformación 0,69/20 kV.

– Liña de interconexión subterránea de 20 kV, entre o transformador e o centro de protección, control e medida (CPCM) de 6 metros de lonxitude.

– Centro de protección, control e medida (CPCM) Ebro Energy O Rosal.

– A planta Ebro Energy O Rosal conectarase á rede de distribución mediante unha liña subterránea de 20 kV ata a subestación SET O Rosal 132/20 kV, punto de conexión propiedade de UFD Distribución Electricidad, S.A., mediante un cable illado R5HZ1-20L 12/20 3×1×185 mm2 Al, dunha lonxitude de 397 metros.

Orzamento execución material: 4.674.515,90 €.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

1. O proxecto de almacenamento eléctrico terá que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución referido no punto segundo da parte dispositiva desta resolución.

2. Deberá cumprirse, en todo momento, canto establece o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, o Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión, e as súas instrucións complementarias, así como a demais normativa e directrices vixentes que sexan de aplicación.

3. Para introducir modificacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa desta dirección xeral. Pola súa banda, o Departamento Territorial de Pontevedra da Consellería de Economía e Industria poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes e deberá comunicarlle a este centro directivo todas as resolucións que dite en aplicación da dita facultade.

4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar a esta dirección xeral o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 4 do informe de impacto ambiental, que deberá incorporar os correspondentes estudos de ruídos e campos electromagnéticos.

5. Con carácter previo á comunicación do inicio das obras, o promotor debera presentar ante esta dirección xeral a resolución emitida pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, de acordo co recollido no parágrafo dous do punto 4.7 do informe de impacto ambiental do 19 de xuño de 2026 recollido no antecedente de feito sétimo desta resolución.

6. A promotora deberá comunicar o inicio das obras con anterioridade ao prazo de 10 días á Dirección Xeral de Planificación Enerxéticas e Minas, achegando toda a documentación necesaria establecida nesta resolución e no informe de impacto ambiental.

7. A empresa promotora deberá cumprir todas as condicións establecidas no informe de impacto ambiental do 19 de xuño de 2026, así como as establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

8. Unha vez construídas as instalacións, o titular presentará unha solicitude de autorización administrativa de explotación para probas e un certificado de final de obra subscrito por un técnico facultativo competente, de acordo co establecido no artigo 49 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, ante o Departamento Territorial de Pontevedra da Consellería de Economía e Industria, co fin de que esta efectúe a inspección da totalidade das obras e montaxes efectuadas e verifique o cumprimento dos compromisos contraídos por O Rosal Almacenamiento, S.L.U. e dos condicionados impostos nesta resolución, para o cal deberá achegar a documentación requirida na ITC-RAT 22 do Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Así mesmo, deberá presentar ante esta dirección xeral un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do proxecto.

Asemade, por ser un proxecto incluído nas actividades incluídas no anexo I do Decreto 172/2022, do 6 de outubro, polo que se aproba o Catálogo de actividades que deben adoptar medidas de autoprotección e polo que se fixa o contido desas medidas, o titular está obrigado a implantar, manter e revisar o Plan de autoprotección, que debe elaborar persoal técnico competente, segundo o devandito decreto. O dito documento deberá ser presentado xunto coa solicitude de autorización administrativa de explotación para probas, para a súa validación polo órgano competente.

9. O prazo máximo para a posta en servizo das instalacións será dun ano contado a partir da data de notificación da obtención do último permiso necesario para executar a instalación. Se, transcorrido o dito prazo, aquela non tivo lugar, poderá producirase a caducidade destas autorizacións.

10. En canto aos bens e dereitos afectados por este proxecto de almacenamento eléctrico e a súa liña de evacuación e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

11. Deberán respectarse os prazos establecidos no artigo 13.9 do Regulamento (UE) núm. 2024/573 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de febreiro, sobre os gases fluorados de efecto invernadoiro, polo que se modifica a Directiva (UE) núm. 2019/1937, e se derroga o Regulamento (UE) núm. 517/2014 (DOUE núm. 573, do 20 de febreiro de 2024), sobre prohibicións para a posta en funcionamento de aparellaxe eléctrica que empregue gases fluorados de efecto invernadoiro, ou cuxo funcionamento dependa deles, nun medio illante ou de rotura. Unha vez construídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante o Departamento Territorial de Pontevedra, acompañada da documentación requirida na lexislación vixente de aplicación.

12. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia da interesada.

13. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou doutros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

14. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 48.2 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

Contra este acto, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer un recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2026

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Minas