Antecedentes:
O 24 de marzo de 2026 publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 55 o Anuncio do 17 de marzo de 2026 polo que se someten ao trámite de información pública o proxecto de trazado de fomento da mobilidade sustentable. Senda na PO-303, treito: Tarrío e Arén, de clave PO/24/129.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto.
En virtude do disposto no artigo 55.6 do Decreto 66/2016, do 26 de maio, polo que se aproba o Regulamento xeral de estradas de Galicia,
RESOLVO:
Publicar o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 13 de outubro de 2026, polo que se aproban o trámite de información pública e o informe das administracións afectadas e, definitivamente, o proxecto de trazado de fomento da mobilidade sustentable. Senda na PO-303. Treito: Tarrío e Arén, de clave PO/24/129.06, que se recolle como anexo a esta resolución.
Contra o dito acordo do Consello da Xunta de Galicia, que pon fin á vía administrativa, poderase formular un recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 8, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que, con carácter previo e potestativo, se poida formular un recurso de reposición no prazo dun (1) mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
No caso de ser un suxeito obrigado a relacionarse electronicamente coa Administración, para a interposición do recurso de reposición deberá empregar o modelo IF321B de recurso en materia de infraestruturas, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal/, ante a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.
Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2026
María Deza Martínez
Directora da Axencia Galega de Infraestruturas
ANEXO
Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 13 de outubro de 2026, polo que se aproban o trámite de información pública e o informe das administracións afectadas e, definitivamente, o proxecto de trazado de fomento da mobilidade sustentable. Senda na PO-303. Treito: Tarrío e Arén, de clave PO/24/129.06
1º. Aprobar o expediente correspondente aos trámites de información pública e informe das administracións afectadas do proxecto de trazado de fomento da mobilidade sustentable. Senda na PO-303. Treito: Tarrío e Arén, de clave PO/24/129.06, coas seguintes modificacións respecto do trazado sometido a información pública:
• Levarase a cabo a reposición e adaptación das entradas ás parcelas núm. 31 (referencia catastral 1066726NG2916N) e núm. 32 (referencia catastral 1066725NG2916N), adecuándoas ás rasantes e condicións de acceso existentes, así como a reposición do peche recuado da parcela núm. 32 e dos recuamentos correspondentes aos contadores.
• Axústase a ocupación prevista na parcela núm. 13 (referencia catastral 1266803NG2916N), limitando a ocupación do terreo ao comprendido entre a liña de dominio público da estrada e o peche existente da propiedade; mantense así o peche existente e descártase a súa demolición e reposición.
• Na parcela núm. 57 (referencia catastral 0766009NG2905N) mantense o portalón peonil existente e levarase a cabo a adaptación entre este acceso e a nova senda, así como a reposición do muro de peche e dos recuamentos correspondentes ao contador.
2º. Aprobar definitivamente o proxecto de trazado de fomento da mobilidade sustentable. Senda na PO-303. Treito: Tarrío e Arén, de clave PO/24/129.06, cun orzamento base de licitación, IVE incluído, dun millón douscentos sesenta e tres mil setecentos euros con cincuenta e tres céntimos (1.263.700,53 €).
Consonte establece o artigo 23.1 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Poio, onde se asentan as infraestruturas obxecto do proxecto, deberá adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido no proxecto, no cal se establecen as determinacións do planeamento urbanístico que deben ser modificadas como consecuencia da súa aprobación, no prazo dun ano e, en todo caso, na súa primeira modificación ou revisión.
A aprobación definitiva do proxecto de trazado implica a declaración de utilidade pública, a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos necesarios para a execución das obras, dos depósitos dos materiais sobrantes, dos préstamos necesarios para executalas e para a reposición de servizos afectados, previstos no proxecto, así como para a implantación do proxecto e as modificacións deste que, de ser o caso, se poidan aprobar posteriormente, e a urxencia da ocupación, todo iso para os efectos de expropiación, ocupación temporal ou imposición ou modificación de servidumes, segundo o disposto no artigo 22.5 da Lei 8/2013, do 28 de xuño.
