En virtude das facultades conferidas nos estatutos, e en cumprimento da política de persoal aprobada polo Padroado da Fundación Pública Galega de Talento Investigador de Alto Nivel Galtia,
RESOLVO:
Primeiro. Anunciar a convocatoria para a cobertura do posto que se indica no anexo I desta resolución, cuxas funcións se encontran recollidas no artigo 28 dos estatutos da Fundación Pública Galega de Talento Investigador de Alto Nivel Galtia.
Segundo. Aprobar as bases polas cales se rexerá o proceso de selección, que se inclúen no anexo II. Para participar nesta convocatoria, os/as candidatos/as utilizarán o modelo de solicitude que se inclúe no anexo III.
Terceiro. Esta convocatoria e as distintas resolucións que se diten ao longo do proceso de selección publicaranse na páxina web www.edu.xunta.gal. A resolución que poña fin ao proceso de selección publicarase no Diario Oficial de Galicia.
Cuarto. Esta convocatoria, as súas bases e cantos actos deriven dela ou da actuación do tribunal de selección poderán ser impugnados polos/as interesados/as no prazo e na forma establecidos pola Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2026
Román Rodríguez González
Conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación
Profesional e presidente da Fundación Pública Galega
de Talento Investigador de Alto Nivel Galtia
ANEXO I
• Denominación do posto: director/a Científico/a da Fundación Pública Galega de Talento Investigador de Alto Nivel Galtia.
• Dependencia: Presidencia da Fundación Pública Galega de Talento Investigador de Alto Nivel Galtia.
• Localidade: Santiago de Compostela.
• Forma de provisión: persoal directivo
• Directivo do grupo III, nivel 1. Ao persoal que teña a condición de empregado público seralle de aplicación o disposto no artigo 12 do Decreto 119/2012, do 3 de maio, polo que se regulan as retribucións e percepcións económicas aplicables aos órganos de goberno ou dirección e ao persoal directivo das entidades do sector público autonómico.
• Tipo de persoal: alta dirección.
ANEXO II
Bases reguladoras da convocatoria da selección para o posto de director/a científico/a da Fundación Pública Galega de Talento Investigador de Alto Nivel Galtia
Artigo 1. Obxecto da convocatoria
Esta convocatoria ten por obxecto a cobertura do posto de director/a científico/a da Fundación Pública Galega de Talento Investigador de Alto Nivel Galtia.
Artigo 2. Vínculo
O vínculo coa persoa seleccionada formalizarase mediante un contrato laboral de alta dirección, ao abeiro do previsto no Real decreto 1382/1985, do 1 de agosto, polo que se regula a relación laboral de carácter especial do persoal de alta dirección; nos artigos 12 e 17 do Decreto 119/2012, do 3 de maio, polo que se regulan as retribucións e percepcións económicas aplicables aos órganos de goberno ou dirección e ao persoal directivo das entidades do sector público autonómico, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e do disposto nos estatutos da Fundación Pública Galega de Talento Investigador de Alto Nivel Galtia.
O/a director/a científico/a estará suxeito/a ao réxime de incompatibilidades recollido na Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas.
Artigo 3. Requisitos dos/das aspirantes
As persoas aspirantes deben reunir, na data de peche da presentación das candidaturas, os requisitos seguintes:
1. Requisitos xerais:
a) Ter nacionalidade española, nacionalidade dun Estado membro da Unión Europea ou de calquera outro ao cal as normas do Estado lle atribúan iguais dereitos para os efectos laborais na Administración pública. Poderán concorrer igualmente persoas estranxeiras non comunitarias vinculando a formalización do contrato á obtención do permiso de traballo, consonte o disposto na Lei orgánica 4/2000, do 11 de xaneiro, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e a súa integración social, e en disposicións regulamentarias de aplicación.
b) Tamén poderán participar, independentemente da súa nacionalidade, cónxuxes de persoas españolas e de nacionalidades doutros Estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito. Nas mesmas condicións poderán participar os seus descendentes e os do seu cónxuxe, sempre que non estean separados de dereito e que sexan menores de vinte e un anos ou maiores da dita idade dependentes.
c) Quen, sen estar incluído/a nos parágrafos anteriores, se encontre residindo en España en situación de legalidade e sexa titular dun documento que o/a habilite a residir e a poder acceder sen limitacións ao mercado laboral.
d) Non ter sido separado/a nin despedido/a, mediante expediente disciplinario, do servizo de ningunha Administración pública nin dos órganos constitucionais ou estatuarios das comunidades autónomas, nin encontrarse inhabilitado/a para desempeñar funcións públicas. No caso de ser nacional doutro Estado, non estar inhabilitado/a nin estar en situación equivalente, nin ter sido sometido/a a sanción disciplinaria que impida o acceso ao emprego público no seu Estado.
e) Ter dezaseis anos e non exceder, de ser o caso, a idade máxima de xubilación forzosa.
f) Non padecer enfermidade nin estar afectado/a por limitación física ou psíquica incompatible co desempeño das correspondentes funcións.
2. Requisitos específicos:
Ser catedrático/a dunha universidade pública.
O obxecto de Galtia céntrase no fomento da investigación e na captación e vinculación de persoal investigador de alta cualificación, para o cal actuará con criterios de excelencia, mérito e imparcialidade e en coordinación con universidades e institucións científicas, tamén no ámbito internacional. Por iso, a Dirección Científica debe acreditar unha base formativa avanzada que permita actuar con solvencia nun contorno técnico e competitivo.
A exixencia de catedrático/a de universidade configúrase como un requisito mínimo e proporcional, posto que é a máxima categoría académica existente en España que garante altas capacidades de análise, planificación e resolución de cuestións complexas, e a imposibilidade de que un/unha candidato/a de calquera dos programas que coordine posúa unha categoría académica superior, sen restrinxir indebidamente a concorrencia, ao tratarse dun limiar xeral de cualificación acorde coa misión e responsabilidades da Fundación.
Calidade investigadora recoñecida.
Actuacións realizadas na súa carreira investigadora en publicacións científicas, indicadores bibliométricos, actividades e recoñecementos.
Para valorar a calidade e o prestixio dun/dunha investigador/a universitario/a, empréganse habitualmente indicadores bibliométricos e méritos cualitativos que reflicten o impacto das súas publicacións e o seu recoñecemento na comunidade científica. Os indicadores cuantitativos son o índice h, o número total de citas, o factor de impacto ou o índice i10.
Dentro dos aspectos de méritos cualitativos, atoparemos a capacidade de captación de fondos como investigador principal, os premios e distincións, os roles editoriais ou a capacidade de formación de novos investigadores.
Experiencia en xestión pública universitaria:
Experiencia demostrable na xestión executiva, financeira e de persoal dentro de axencias vinculadas á xestión da calidade, en centros CIGUS ou centros equivalentes.
Transferencia de coñecemento.
Creación de produtos, rexistros de propiedade industrial, contratos con empresas, impacto de difusión a colectivos e sociedade en xeral.
Prestixio institucional.
Capacidade inmediata de interlocución fluída coas direccións dos centros de investigación da rede CIGUS, reitores de universidades públicas galegas, axencias estatais e europeas.
Estas condicións proxéctanse directamente sobre os eixes competenciais do artigo 28: establecer as liñas estratéxicas de investigación da Fundación; coordinar e xestionar o persoal investigador; coordinar o persoal investigador promovendo a súa formación continua; impulsar o avance do coñecemento e a innovación tecnolóxica; colaborar na planificación estratéxica da Fundación; establecer e manter relacións con outras institucións da investigación; propoñer membros do comité científico e facilitar a transferencia de resultados ao mercado.
En consecuencia, a referencia a universidades e entidades/estruturas de investigación non opera como preferencia sectorial, senón como criterio de equivalencia material: garante que a experiencia directiva recente se adquiriu en organizacións nas cales –sexan públicas ou privadas– a dirección implica xestionar persoas, recursos e financiamento no marco específico da investigación, con exixencias de seguimento, control e rendición de contas que son determinantes para a aptitude inmediata no posto de Xerencia de Galtia.
Artigo 4. Solicitudes e prazo de presentación
1. As solicitudes para participar nesta convocatoria poderán presentarse por medios electrónicos a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (código de procedemento xenérico PR004A), https://sede.xunta.gal, no Rexistro da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional (Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela), ou nas oficinas previstas no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Neste caso, deberá remitirse unha copia escaneada ao seguinte enderezo de correo electrónico: galtia.educacion@xunta.gal e, antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes, a solicitude inscrita e a relación individualizada dos méritos que se aleguen (anexo V).
2. As persoas solicitantes deberán enviar obrigatoriamente o modelo de solicitude debidamente asinado, incluído no anexo III destas bases. Este modelo incorpora os datos persoais necesarios para dar cumprimento ao Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016 (GDPR), e á Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais (LOPDGDD). Así mesmo, inclúe a declaración responsable de cumprir os requisitos exixidos para participar na convocatoria.
3. Xunto co anexo III deberán xuntarse os seguintes documentos:
a) Declaración responsable coa relación dos requisitos e de cada un dos méritos que alegue a persoa candidata utilizando os modelos que figuran nos anexos IV e V desta convocatoria.
b) A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras e, ao abeiro do establecido nos artigos 2 e 3 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, implicará a autorización á Fundación Pública Galega de Talento Investigador de Alto Nivel Galtia para comprobar os datos de carácter persoal que figuren no documento DNI/NIE da persoa que teña a condición de interesada, por medio do acceso telemático ao servizo horizontal de acceso ao Sistema de verificación de datos de identidade e de residencia do Ministerio de Administracións Públicas. Con todo, o/a solicitante poderá denegar expresamente o consentimento; nese caso, deberá presentar, xunto coa solicitude, unha copia cotexada do documento de identidade en vigor.
O tribunal de selección poderá requirir a exhibición da documentación acreditativa acerca dos requisitos e dos méritos declarados polas persoas solicitantes, de existiren dúbidas sobre a veracidade da información declarada.
En todos estes casos, o enderezo que figure nas solicitudes considerarase como o único válido para efectos de notificacións, e será responsabilidade exclusiva da persoa aspirante que se produza un erro tanto na súa consignación como na comunicación coa Fundación de calquera cambio nela.
4. O prazo de presentación de solicitudes será de dez (10) días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
5. Para calquera aclaración ou información adicional, os/as interesados/as poderán dirixirse ao seguinte enderezo de correo electrónico: galtia.educacion@xunta.gal
Artigo 5. Admisión de aspirantes
Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, publicarase na web www.edu.xunta.gal a lista provisional de admitidos/as e excluídos/as ao proceso de selección, con indicación da causa de exclusión, que terán un prazo de tres (3) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación, para poderen emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión.
Neste período de corrección soamente se pode rectificar a documentación achegada coa solicitude inicial e nunca achegar nova documentación. Transcorrido o prazo de alegacións á lista provisional, e despois da súa valoración, publicarase a lista definitiva de admitidos/as e excluídos/as ao proceso de selección. O acollemento ou desacollemento entenderase implícito na resolución de aprobación da lista definitiva de admitidos/as e excluídos/as.
Artigo 6. Tribunal de selección
O tribunal de selección será nomeado mediante resolución da persoa titular da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional como presidenta da Fundación Pública Galega de Talento Investigador de Alto Nivel Galtia, e constituirase unha vez publicada a relación definitiva de persoas aspirantes admitidas ao proceso selectivo.
O tribunal constituirase con respecto ao principio de paridade entre mulleres e homes, nos termos establecidos no artigo 152 da Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia. Estará integrado polos seguintes membros:
• Un/unha presidente/a.
• Tres vogais.
• Un/unha secretario/a, que poderá ser un dos tres vogais.
Todos os membros do tribunal deberán estar en posesión dunha titulación de grao universitario ou licenciatura universitaria ou equivalente. Os membros do tribunal estarán suxeitos ás causas de abstención e recusación previstas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
Para a válida constitución do tribunal, para os efectos da realización de sesións, deliberacións e adopción de acordos, será necesaria a presenza de, polo menos, a metade dos seus membros, e en todo caso será imprescindible a asistencia do/da presidente/a e do/da secretario/a.
Para a toma de decisións e demais cuestións relativas ao funcionamento do tribunal observarase ao disposto nas instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos órganos de selección, do 11 de abril de 2007, modificadas polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 8 de abril de 2010.
Artigo 7. Forma de acreditación e valoración dos méritos
A persoa que resulte proposta para a contratación deberá presentar a documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos e dos méritos baremables na fase de concurso.
A formación acreditarase mediante a presentación de copia cotexada ou electrónica auténtica dos títulos ou certificados correspondentes aos cursos, licenciatura, grao, máster ou posgrao nos ámbitos establecidos, así como das actividades formativas.
A experiencia profesional acreditarase mediante a presentación dos seguintes documentos:
1. Servizos prestados por conta allea: deberá achegarse certificación de vida laboral.
a) No caso de empresas privadas, a persoa candidata deberá achegar un informe da entidade no cal consten as actividades ou tarefas desenvolvidas mentres dure o contrato. Na súa falta, poderá presentar una declaración responsable na cal se detallen as actividades ou tarefas realizadas e o período correspondente.
b) No caso de entidades públicas, deberá presentarse unha certificación de servizos prestados. Na súa falta, poderá achegarse unha declaración responsable na cal consten as actividades ou tarefas desenvolvidas e o período de prestación de servizos.
2. Servizos profesionais desenvolvidos por conta propia: deberá achegarse algún dos seguintes documentos: copia do contrato de prestación de servizos ou carta acreditativa/informe da entidade pública ou privada para a cal se realizaron os traballos.
En todos os demais casos, os documentos achegados deberán conter información suficiente para permitir a comprobación da experiencia ou do resto de méritos investigadores e doutro tipo alegados.
O tribunal de selección realizará cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución, incluíndo a acreditación documental de calquera dos méritos achegados na solicitude. Se do exame das solicitudes e a documentación presentada se desprende que estas omiten información esencial para o proceso de avaliación ou conteñen información ou datos inexactos, contraditorios, incongruentes ou falsos, o tribunal de selección poderá excluír a dita solicitude do procedemento, mediante escrito en que se fará constar tal circunstancia.
Artigo 8. Desenvolvemento do proceso de selección
Unha vez comprobado o cumprimento dos requisitos exixidos, a selección efectuarase polo procedemento de concurso. A puntuación máxima do proceso de selección é de 100 puntos.
O proceso de selección consta dunha fase, cunha puntuación máxima total de 100 puntos: valoraranse as distintas epígrafes de acordo coa seguinte especificación. Para que unha candidatura poida ser elixida, debe obter unha puntuación mínima de 70 puntos.
8.1. Valoración da calidade investigadora recoñecida.
Valoraranse os méritos ata un máximo de sesenta puntos. Os méritos inclúen:
– Índice h (máximo 30 puntos). Valorarase tanto a cantidade máxima como o seu valor ao longo da carreira académica do solicitante.
– Número total de citas (máximo 10 puntos).
– Publicacións en revistas do primeiro cuartil (Q1) (máximo 5 puntos).
– Financiamento obtido en convocatorias competitivas como investigador principal (máximo 3 puntos).
– Premios e distincións outorgados por academias científicas e sociedades profesionais (máximo 3 puntos).
– Participación como editor/a ou revisor/a en revistas científicas de alto nivel (máximo 3 puntos).
– Número de teses de doutoramento dirixidas (máximo 3 puntos).
– Invitacións como relator/a plenario/a ou maxistral en congresos internacionais de referencia da súa área de coñecemento (máximo 3 puntos).
Constitúe a epígrafe cun maior peso dentro da selección. A xustificación é inmediata e evidente. Tendo en conta as finalidades básicas de captación e desenvolvemento de talento científico de alto nivel, semella imprescindible que a persoa que opte a este cargo debe ser tamén un/unha investigador/a destas características: contar cun historial investigador indiscutible, ter experiencias en xestión da calidade universitaria e/ou en centros de investigación, ter prestixio no seu ámbito recoñecido a través de premios e distincións e ser un/unha bo/boa formador/a de investigadores.
Todas elas son características que debe posuír a persoa candidata e que garanten a adaptación inmediata ao posto e o feito de poder establecer unha planificación estratéxica do centro para que este acade con solvencia as finalidades establecidas nos estatutos da Fundación Galtia.
8.2. Experiencia en xestión pública universitaria.
Experiencia demostrable na xestión executiva, financeira e de persoal dentro de axencias vinculadas á xestión da calidade, en centros CIGUS ou centros equivalentes (máximo 30 puntos).
A experiencia directiva/de xestión en estruturas de investigación das universidades do SUG é a que ofrece maior capacidade de transferencia inmediata para executar con eficacia políticas de captación e inserción de persoal investigador no ecosistema galego, o que xustifica a importancia da puntuación máxima posible nesta epígrafe, máxime no momento de botar a andar a institución.
8.3. Transferencia de coñecemento.
Creación de produtos, rexistros de propiedade industrial, contratos con empresas, impacto de difusión a colectivos e sociedade en xeral (máximo 5 puntos).
8.4. Prestixio institucional.
Capacidade inmediata de interlocución fluída coas direccións dos centros de investigación da rede CIGUS, reitores de universidades públicas galegas, axencias estatais e europeas (máximo 5 puntos).
O coñecemento previo do ecosistema investigador e industrial galego debe recoñecerse no baremo coas debidas limitacións. Unha candidatura que leve anos desenvolvendo a súa actividade en Galicia garante unha actuación máis rápida e solvente, aspectos que se deben considerar nunha primeira fase de actuación dunha institución que ten que organizarse desde a base e que, ao mesmo tempo, ten que conseguir acadar resultados e melloras científicas o antes posible.
Artigo 9. Selección de candidatos/as
En caso de empate na puntuación total, este dirimirase a favor da persoa que obteña maior puntuación na epígrafe da experiencia en xestión pública universitaria. De persistir o empate (tendo en conta que non existe a infrarrepresentación da muller respecto do home a que fai referencia o artigo 153 da Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia), resultará seleccionada a persoa que corresponda pola orde alfabética do primeiro apelido e, de ser igual, pola do segundo, a partir da letra establecida na Resolución do 22 de xaneiro de 2026 pola que se fai público o resultado do sorteo a que se refire o Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 16, do 26 de xaneiro). En último lugar, o empate dirimirase por sorteo entre as persoas implicadas.
Unha vez finalizado o proceso de selección, o tribunal publicará na web www.edu.xunta.gal as puntuacións obtidas polos aspirantes, con indicación do/da candidato/a seleccionado/a.
Establécese un prazo de tres (3) días hábiles, contados desde o seguinte ao da publicación na web www.edu.xunta.gal, para presentar alegacións. O acollemento ou desacollemento entenderase implícito na resolución definitiva.
Artigo 10. Resolución da convocatoria
O tribunal elevará á Presidencia da Fundación Pública Galega de Talento Investigador de Alto Nivel Galtia a proposta a favor do/da aspirante que obtivese a maior puntuación. O nomeamento correspóndelle ao Padroado, por proposta da Presidencia, segundo recolle o artigo 27 dos estatutos da Fundación Pública Galega de Talento Investigador de Alto Nivel Galtia.
O/a candidato/a seleccionado/a deberá aceptar o posto no prazo de tres (3) días hábiles, contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución da Presidencia da Fundación Pública Galega de Talento Investigador de Alto Nivel Galtia no Diario Oficial de Galicia.
De non presentarse solicitudes, de non cumprir ningunha das rexistradas os requisitos exixidos ou de se considerar que ningún dos/das candidatos/as resulta idóneo para o posto, a convocatoria será declarada deserta mediante resolución da Presidencia da Fundación Pública Galega de Talento Investigador de Alto Nivel Galtia.
A resolución que poña fin ao proceso de selección publicarase no Diario Oficial de Galicia.
Artigo 11. Datos de carácter persoal
Os datos de carácter persoal serán tratados segundo o disposto na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.
Os/as candidatos/as que participen neste proceso selectivo consenten expresamente a incorporación dos seus datos de carácter persoal nos ficheiros existentes na Fundación Pública Galega de Talento Investigador de Alto Nivel Galtia.
O/a titular dos datos de carácter persoal poderá exercer os seus dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición ao tratamento nos termos da dita lei orgánica.
