Asunto: Plan estruturante de ordenación do solo empresarial da ampliación do parque empresarial da Sionlla, nova delimitación PS5.SUND29.
Promotor: Xestión do Solo de Galicia, S.A. (Xestur).
Concello: Santiago de Compostela (A Coruña).
En cumprimento do establecido no artigo 38 da Lei 3/2022, do 18 de outubro, de áreas empresariais de Galicia, sométese o Plan estruturante de ordenación do solo empresarial (en diante, PEOSE) da ampliación do parque empresarial da Sionlla, nova delimitación PS5.SUND29, a información pública durante o prazo de vinte días hábiles.
1. Antecedentes.
Primeiro. O 30 de abril de 2014 o Consello da Xunta aprobou o Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia (PSOAEG).
O PSOAEG inclúe a ampliación do parque empresarial da Sionlla como nova delimitación PS5-SUND 29 (código 15078091), cuxo ámbito coincide co solo urbanizable non delimitado SUND-29 Monte Medorra Norte, previsto no Plan xeral de ordenación municipal vixente no concello de Santiago de Compostela.
Segundo. En desenvolvemento das previsións do PSOAEG, a sociedade pública Xestión do Solo de Galicia, S.A. (Xestur), promove esta área empresarial. En consecuencia, o 22 de xullo de 2024 Xestur presenta no rexistro electrónico da Xunta de Galicia o primeiro borrador do Plan estruturante de ordenación do solo empresarial (PEOSE) xunto co Documento ambiental estratéxico para comezar a tramitación, o documento é redactado por Antea Iberolatam, S.L.U.
Terceiro. O 19 de novembro de 2024 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade emitiu o informe ambiental estratéxico do PEOSE da ampliación do parque empresarial da Sionlla, nova delimitación PS5.SUND29, en Santiago de Compostela. O informe ambiental estratéxico fíxose público mediante o Anuncio do 20 de decembro de 2024, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade (DOG núm. 236, do 9 de decembro).
Cuarto. Mediante a Resolución do 6 de novembro de 2026, da Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, acórdase aprobar inicialmente o Plan estruturante de ordenación do solo empresarial da ampliación do parque empresarial da Sionlla, no concello de Santiago de Compostela, para os efectos establecidos na Lei 3/2022, do 18 de outubro, de áreas empresariais de Galicia.
2. Consideracións técnicas.
Trátase dunha área de 382.951,24 m2 delimitada ao norte pola autoestrada AP-9, ao sur e ao oeste pola autovía A-54 e ao leste pola nova vía do Orbital, a ampliación conecta co parque empresarial da Sionlla existente mediante un paso elevado sobre a AP-9.
O PEOSE establece unha superficie lucrativa prevista total de 204.071,66 m2 distribuídos en 4 quinteiros. Prevense 30.160,27 m2 de espazos libres e zonas verdes e 2.071 prazas de aparcadoiro, das cales 517 serán públicas.
O que se fai público, de conformidade co artigo 38 da Lei 3/2022, do 18 de outubro, de áreas empresariais de Galicia.
A documentación pode consultarse na páxina web da Consellería de Economía e Industria: https://economia.xunta.gal/transparencia/informacion-publica/en-tramitacion/solo-empresarial
Durante o prazo de información pública as distintas administracións e entidades públicas e privadas, e calquera persoa interesada, poderán achegar cantas observacións e suxestións consideren convenientes ante a Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial por calquera dos medios que recolle o artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2026
Bruno Fernández González
Director xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial
