Feitos:
Primeiro. O día 20 de outubro de 2026 tivo entrada nesta unidade a solicitude para a inscrición no Rexistro e depósito de convenios colectivos, acordos colectivos de traballo e plans de igualdade da acta da Comisión Paritaria do Convenio colectivo galego de centros especiais de emprego, sobre aplicación de convenios.
Consideracións legais e técnicas:
Primeiro. A Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais ten atribuídas, entre outras funcións, as competencias que como autoridade laboral lle corresponden á Consellería, de conformidade co disposto no Decreto 147/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
Segundo. De acordo co artigo 25 do citado Decreto 147/2024, a Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais é o órgano competente de coordinación dos rexistros administrativos de eleccións sindicais, de asociacións empresariais e sindicais (DEOSE), de convenios colectivos (Rexcon) e de empresas acreditadas para intervir no proceso de contratación no sector da construción (REA).
Terceiro. O artigo 8 do Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos, acordos colectivos de traballo e plans de igualdade, regula o procedemento de inscrición de solicitudes de rexistro e convenios e acordos colectivos de traballo e establece que a autoridade laboral competente ditará resolución ordenando o seu rexistro, depósito e publicación no boletín oficial correspondente.
Revisada a documentación achegada e tendo en conta a normativa aplicable, a Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais, na súa condición de autoridade laboral,
RESOLVE:
Primeiro. Ordenar o depósito e a inscrición no Rexistro e depósito de convenios colectivos, acordos colectivos de traballo e plans de igualdade da acta da Comisión Paritaria do Convenio colectivo galego de centros especiais de emprego, sobre aplicación de convenios.
Segundo. Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2026
Susana Pérez Iglesias
Secretaria xeral de Emprego e Relacións Laborais
ANEXO
Acta da Comisión Paritaria do Convenio colectivo galego
de centros especiais de emprego
En Santiago de Compostela, ás 12.35 horas do día 26 de maio de 2026, na sede do Consello Galego de Relacións Laborais, sito na rúa Algalia de Abaixo, 24, baixo, reúnense as persoas que se relacionan abaixo, membros da Comisión Paritaria do Convenio colectivo galego de centros especiais de emprego.
Parte empresarial:
– Esther Blanco Araújo (Cegasal).
– Ignacio Rodríguez Sáez (Cegasal).
– Juan Acevedo Vidal (Cegasal).
– Naiara Goigochea Montero (Cegasal).
Parte sindical:
–Tania Alonso Soto (CC.OO.).
– Armando Iglesias Rodríguez (CC.OO.).
– Juan Manuel Loureiro Taibo (UXT).
– José Antonio Míguez Vila (UXT).
O obxecto desta reunión é dar resposta á consulta formulada a esta comisión paritaria pola empresa ********.
Despois do oportuno debate e exposición de posturas por todas e cada unha das representacións presentes, acordan por unanimidade
Primeiro acordo. Emitir o seguinte ditame:
Ditame da Comisión Paritaria do Convenio colectivo galego de centros especiais de emprego.
I. Antecedentes:
Primeiro. Con data do 20 de maio de 2026, tivo entrada nesta comisión paritaria consulta formulada pola entidade ********, centro especial de emprego de iniciativa social inscrito no Rexistro de Centros Especiais de Emprego da Comunidade Autónoma de Galicia co número ****, ao abeiro do disposto no artigo 6.3.f) do Convenio colectivo galego de centros especiais de emprego.
Segundo. A consulta deriva dunha controversia interpretativa suscitada a raíz dun requirimento da Inspección de Traballo e Seguridade Social, en que se cuestiona a aplicación por parte de la citada empresa dos convenios colectivos de comercio téxtil de Ourense e comercio vario da Coruña nos seus centros de traballo, propoñendo a aplicación do Convenio colectivo galego de centros especiais de emprego e, subsidiariamente, do Convenio estatal de discapacidade.
Terceiro. A entidade consultante expón que desde o ano 2007 desenvolve de forma exclusiva unha actividade de comercio retallista téxtil, explotando directamente establecementos abertos ao público, sen prestación de servizos auxiliares, contratas nin desprazamento de persoal a centros de terceiros.
II. Fundamentos xurídicos:
Primeiro. Competencia da Comisión Paritaria.
Esta comisión paritaria é competente para coñecer e resolver esta consulta, conforme o disposto no artigo 6.3 do Convenio colectivo galego de centros especiais de emprego e, en particular, na súa letra f), que atribúe expresamente a este órgano a función de «Determinar se os centros especiais de emprego de iniciativa social e emprendemento colectivo rexistrados en Galicia están en condicións de aplicar os convenios colectivos sectoriais».
Segundo. Natureza e finalidade do Convenio colectivo galego de centros especiais de emprego.
O preámbulo do Convenio colectivo galego de centros especiais de emprego establece con claridade que este texto:
– Recoñece a heteroxeneidade funcional dos centros especiais de emprego.
– Admite a coexistencia de actividades industriais, comerciais e de servizos.
– E configúrase como un instrumento de ordenación e clarificación da concorrencia convencional, non como unha norma de absorción automática.
Así mesmo, o propio convenio autodefínese expresamente como un convenio de mínimos, establecendo un chan inderrogable de dereitos, pero permitindo a mellora e concorrencia de convenios sectoriais de actividade, conforme os artigos 3.3 e 82 do Estatuto dos traballadores.
Terceiro. Relación co Convenio estatal de discapacidade.
O XVI Convenio colectivo xeral de centros e servizos de atención a persoas con discapacidade actúa como norma marco de ámbito estatal e, no seu artigo 29.2, recoñece expresamente que, cando un centro especial de emprego desenvolve unha actividade produtiva regulada por un convenio sectorial específico do mercado en que opera, as condicións de traballo réxense polo devandito convenio sectorial.
En presenza dun convenio autonómico sectorial vixente, como é o Convenio galego de centros especiais de emprego, o convenio estatal opera con carácter supletorio, conforme a estrutura da negociación colectiva prevista nos artigos 82 a 84 do Estatuto dos traballadores.
Cuarto. Actividade produtiva real da entidade consultante.
Da documentación achegada e dos feitos expostos resulta acreditado que ********:
– É titular directa de establecementos comerciais abertos ao público.
– Desenvolve unha actividade de comercio retallista téxtil (retail) plenamente integrada no mercado ordinario.
– E atópase suxeita a las dinámicas propias do sector comercial (horarios, campañas, aperturas autorizadas, xestión de stock).
Esta actividade conta con convenios colectivos sectoriais estatutarios específicos, plenamente vixentes e axeitados para ordenar a prestación laboral no devandito ámbito.
Quinto. Coherencia coa doutrina xudicial.
A interpretación anterior resulta coherente coa doutrina da Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que sinalou reiteradamente que a condición de centro especial de emprego non comporta un monopolio convencional absoluto, cando a entidade actúa como titular directa dunha actividade mercantil regulada no mercado ordinario.
Igualmente, non resulta aplicable a doutrina do Tribunal Supremo referida a centros especiais de emprego multiservizos ou de contratas, ao tratarse de supostos fácticos distintos dos analizados aquí.
III. Conclusión e ditame:
En atención a todo o exposto, a Comisión Paritaria do Convenio colectivo galego de centros especiais de emprego, por maioría das representacións empresarial e sindical que a integran, acorda emitir o seguinte ditame interpretativo:
Primeiro. Que o Convenio colectivo galego de centros especiais de emprego ten natureza de convenio de mínimos e de instrumento de clarificación da concorrencia convencional, non de norma excluínte ou de absorción automática dos convenios sectoriais de actividade.
Segundo. Que os centros especiais de emprego de iniciativa social que desenvolvan de forma directa e exclusiva unha actividade produtiva mercantil plenamente integrada no mercado ordinario, e regulada por convenios sectoriais estatutarios específicos, están facultados para aplicar os devanditos convenios sectoriais de actividade, sempre que se respecten os mínimos garantidos polo Convenio galego de centros especiais de emprego.
Terceiro. Que, á vista da actividade produtiva real desenvolvida por ********, consistente na explotación directa de establecementos de comercio retallista téxtil abertos ao público, a aplicación dos convenios colectivos de comercio téxtil de Ourense e comercio vario da Coruña resulta conforme co Convenio colectivo galego de centros especiais de emprego, e este último opera con carácter supletorio e de garantía mínima.
Cuarto. Que, en consecuencia, non procede considerar incorrecto o encadramento convencional aplicado pola entidade consultante, nin impoñer a aplicación automática do Convenio galego de centros especiais de emprego ou do Convenio estatal de discapacidade, sen prexuízo do respecto aos dereitos mínimos e aos servizos de axuste persoal e social legalmente exixibles.
Segundo acordo. As partes acordan delegar no habilitado do Consello Galego de Relacións Laborais a realización dos trámites de rexistro, depósito e publicación deste acordo ante a autoridade laboral competente.
E, non tendo máis asuntos que tratar, levántase a reunión ás 13.30 horas do día sinalado no encabezamento e redáctase, para o efecto, esta acta, que asinan en proba en conformidade as persoas abaixo relacionadas en representación de cada unha das organizacións presentes:
Tania Alonso Soto (CC.OO.)
José Antonio Míguez Vila (UXT)
Ignacio Rodríguez Saez (Cegasal)
